Neira de Xusá. In memoriam

In principio erat verbum

Con palabras creamos os astros, os ceos e os deuses que os habitan, creamos a terra e as augas que a circundan, e tamén os vexetais e os animais que serven de alimento… Somos humanos desde que gozamos da facultade da linguaxe. Da palabra xérase todo porque con ela ordenamos o mundo, conformamos o noso pensamento e adscribímonos á nosa colectividade nacional. A través da lingua perduran en nós a memoria e os valores esenciais da nosa personalidade. Cada ser humano adquire identidade co antropónimo que o designa e cada comunidade configúrase con trazos de seu nun territorio delimitado con topónimos que nomean a realidade natural, cultural, xeográfica, económica e histórica que habita. A toponimia expresa, xa que logo, a percepción que cada grupo posúe do seu espazo ao longo da historia reforzando a súa identidade. Cos topónimos distinguimos as correntes de auga, as terras, os poboamentos, os montes, as rochas… e con eles elevamos culturalmente e socializamos esas realidades facéndoas saír do anonimato e introducíndoas na memoria e na historia. Os nomes, claro está, cambian no decurso do tempo e algúns mesmo desaparecen por causas naturais. Mais, o topónimo Neira de Xusá, que designaba o concello de Baralla até 1975, desapareceu por morte violenta nun acto executado por ignorancia contumaz.

Fecundidade do río Neira

Polas terras que regan as súas augas de norte a sur para fundirse coas do Miño na confluencia dos concellos de O Páramo e O Corgo, o río Neira lingüisticamente resultou moi produtivo na formación de topónimos: Fontaneira, lugar do seu nacemento; Neira de Rei, as terras de arriba; Neira de Xusá, as terras de abaixo; Ponte de Neira, cada un dos tres asentamentos nos que existía unha ponte que permitía o paso sobre as augas: o primeiro, na parroquia de San Miguel de Neira de Rei; o segundo, augas abaixo, na parroquia de Cela, no concello do Corgo; e o terceiro, na parroquia de Vilarmosteiro, xa no concello do Páramo. Neste concello tamén existe a freguesía de Santa María Madanela de Neira e no de Láncara, a de Santa María Madanela de Neira de Cabaleiros. No de Baralla, as parroquias de Santalla de Riba de Neira, a de San Pedro de San Martiño de Neira de Rei, a de San Miguel de Neira de Rei e a de San Estevo de Neira. Esta última, que constataba o Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Madoz, de 1846-1870, non existe como tal na actualidade.

Topónimo Neira

“Neira” é un hidrónimo de orixe prerromana como acontece, segundo o profesor Juan J. Moralejo, coa maioría dos macrohidrónimos galegos (Limia, Miño, Lérez, Ulla, Tambre, Mandeo, Mero, Avia, Arnoia, Deva, Pambre, Sil, Tea…). Nos documentos do concilio de Lugo, celebrado baixo o reinado suevo de Teodomiro arredor do ano 569, figura o hidrónimo Neira como un dos límites do condado do Páramo, o quinto dos once que integraban a diocese lucense: Quintus Comitatus Paramensis nuncupatur. Incipitur ubi intrat Sarria in Neira et uenit ad Aquilare Pennam… Posteriormente, no concilio de Braga, en 572, volve ser citado verbo dos lindes do condado de Chamoso …oritur ubi intrat flumen Neira in Mineo… O Tombo Vello da catedral de Lugo recolle documentos referidos a privilexios e testamentos que outorgan diferentes reis e os papas Urbano II, Calixto II, Inocencio II, Adriano IV, Alexandre III e Lucio III en relación coa disputa dun extenso territorio, no que se inclúen as terras do río Neira, entre as dioceses de Lugo e Oviedo. Así, no ano 832 cando Afonso II incorpora terras da diocese de Lugo á de Oviedo refírese ás terras do Neira sen distinguir aínda as de arriba e as de abaixo «…id est Valbonica, Neria, Flammoso, Sarria, Paramo, Frolani, Sauinianos et Sardinaria, Auiancos, Asma, Camba et ecclesias de Dezon».

Neira de Rei e Neira de Xusá

As terras situadas na parte alta do decurso do río designáronse co topónimo Neira de Rei e as situadas na parte baixa como Neira de Xusá (abaixo). Os límites entre ambas terras está marcado pola estreita foz que o río xerou entre as estribacións da serra de Rañadoiro, polo oeste, e os montes de Reboredo e Souto da Serra do Neira, polo leste. Desde Baralla até a súa desembocadura, dependendo das épocas históricas, este territorio foi denominado Neira de Xusá. Así, cando en 1154 o rei de Galiza Afonso VII concede á diocese de Lugo os límites que pretendía, compensando a de Oviedo con bens da Corona, xa distingue Superiorem et Inferiorem Neiram cum Uallonga, framosum, Sarria, froilanos, lemos, Verosmi, Sauinianos, Paramos, Asma, Camba, Dezon et Auiancos. E o mesmo sucede posteriormente nos anos 1157, 1161 e 1185 en documentos dos papas Adriano IV, Alexandre III e Lucio III …Neiram Superiorem et Inferiorem… No mesmo Tombo Vello da catedral de Lugo figura un documento datado posibelmente entre os anos 1127 e 1133 que constata o topónimo …In Neira de rege… para referirse ás terras altas do río. Isto é, as terras de arriba do Neira desígnanse nestes documentos latinos como Neiram Superiorem e Neira de Rege e as terras de abaixo, como Neiram Inferiorem. Convén saber que, malia conservárense algúns documentos notariais redactados en galego con anterioridade ao ano 1250, a lingua que se utilizaba nestes textos era o latín. Trátase dun latín distinto do empregado polos clásicos. Así, en Neira de Rege constatamos o uso da preposición “de” en lugar da forma regis en xenitivo como faría o escritor Cicerón.

Neira de Xusá. Etimoloxía

Trátase dun topónimo composto do substantivo hidronímico Neira, xa comentado, e do adverbio de lugar xusá (“abaixo”) precedido da preposición de. Da forma “deōrsum” + o derivativo “-anu(m)” xorde “iusano” en masculino e “iusana” en feminino, escrito nos documentos coas grafías tanto con “I” como “J” inicial.

Como indica o profesor Manuel Ferreiro na Gramática histórica galega, o paso de deōrsum/deōrsaa > Xusá prodúcese desde a consoante dentoalveolar [d] + iode [dj] á fricativa prepalatal sonora [ʒ] modernamente enxordecida [ʃ]. Dĕōrsu > med. juso > xusa. Do mesmo xeito que dĭārĭa > jeira > xeira ou *dĭŭrnāle > jornal > xornal; adiūtāre > ajudar > axudar…

Na stanza XV da Cantiga 69 de Santa María encontramos esta forma medieval do adverbio:

E depús esto, vérnes madurgada
levava vinn’ e pan aa pousada
Pedro do monge, u fez sa pasada
perant’a porta que é mais jusãa.

Nun documento notarial datado en Pontedeume no ano 1271 (publicado por Martínez Salazar, Andrés (ed.) (1911): Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI. A Coruña: Casa de la Misericordia): quanta erdade eu aio et a auer deuo por uoz de meu padre Ouequo Perez en todo Brianca de Jusáá que est en fi´jgrisia de sam Gião de Carantona et de sancta Maria de Doronna. Noutro documento notarial de 1289: Primeyramente pelo forcado de Teyra et pela furtigada de su esse monte de Teyra et por esse rio de Villa de Jusaa et pela fonte da Caal et por esse marcho que se ena enfesta de contra a ygregia [recollido en Pérez Rodríguez, Francisco Javier (ed.) (2004): Os documentos do tombo de Toxos Outos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega]. Tamén, noutro documento notarial de 1473 (recollido en Romaní Martínez, Miguel / Rodríguez Suárez, Mª del Pilar (2003): Libro tumbo de pergamino. Un códice medieval del monasterio de Oseira. Santiago de Compostela: Tórculo) San Giao de Jusaa et outra herdade en Abacan en Santa Maria de Giam et a herdade de Vilar Basym, et a renda que avemos sub sygno de Santa Maria de Villamene

Por tanto, as formas empregadas habitualmente polos falantes para referirse a estas dúas zonas do Neira eran Neira de Rei (Neira de Rege) e Neira de Iusãa (Neira de Abaixo). Así o constatamos neste documento de 1369: …o qual couto he en Neyra de Iusao, sacado ende a iglesia do dito couto con suas herdades, rendas et dereyturas et pertenenças, que fican a o dito mosteyro… [1369. Madrid, AHN, Cód. 417 B, fols. 99v-100r, copia deste incluída en: 1375-VIII-2, (CD n.º 743). Ed., Trapero Pardo: BCML, VI, 1956-1957, n.º 45-48, pp. 196-198]. No Censo de pecheros realizado en 1527 no reinado de Carlos I dise que no Partido de Puebla de Neyra e Jusaos existen 264 veciños contribuíntes (Censo de Pecheros. Carlos I. 1528. Tomo I, páx. 169. INE. Madrid. 2008). Cen anos despois, baixo o reinado de Felipe IV realízase o Censo do Sal de 1631, no que figura con esta mesma forma toponímica Neira de Jusao (Censo de la Sal. 1631. Tomo I. Vecindario. Páx. 272. INE. Madrid sen data).

Outras linguas romances ofrecen solucións semellantes: jus (francés antigo); jussà, jus (catalán); ayuso, yuso (español); (friulano); giù, giuso (italiano); giòsso, giòssu (logudorés); jos (occitano); ajuso (portugués); jos (romanés); giòssu (sardo); djus (valón). En portugués existen os substantivos femininos jusante e montante para indicar as direccións opostas ao decurso das augas dunha corrente fluvial. As augas jusantes van en dirección á foz, ou sexa, o fluxo normal da auga. Pola contra, a montante faino en dirección á nacente, ou sexa, contracorrente. No concello de Trabada, parroquia de Vilaformán, existe un lugar chamado Vilaxusá que presenta o mesmo adverbio na súa composición. No concello do Páramo, freguesía de Cedrón, encon­tramos Cedrón Xusaos. E na parroquia de Orbazai, concello de Lugo, Xuxaos ten a mesma orixe.

Xurisdición de Neira de Xusá

Os reinos medievais estaban organizados en conglomerados de diversas entidades territoriais con diferentes funcións. Na Idade Moderna, desde o século XVI, creáronse os Partidos con cometido fiscal. Así, no Censo de Pecheros de Carlos I, encontramos a demarcación de Puebla de Neyra e Jusaos, que nós entendemos que comprendía as xurisdicións de Neira de Rei e de Neira de Xusá. No Censo do Sal dise que o “Partido de la Puebla de Neira de Jusao”, con capitalidade Pobra de San Xiao, conta con vinte freguesías e cun total de 405 veciños.

Mais, o ente territorial por excelencia durante o Antigo Réxime era a Xurisdición. O poder executivo e a administración da xustiza eran potestades do rei, a quen correspondía o seu monopolio. O monarca podía ceder este poder como privilexio e mesmo vendelo a outros señores que actuaban formalmente por delegación, mais na práctica con pleno exercicio. Os alcaldes ou xuíces ordinarios en cada territorio exercían o poder político e resolvían en primeira instancia asuntos xudiciais e, ás veces, os señoríos reservábanse unha segunda instancia antes de que a apelación chegase á Real Audiencia.

O territorio no que cada señor exercía estas competencias denominábase Xurisdición. Habitualmente, as xurisdicións non comprendían territorios compactos senón que nelas adoitaban existir encraves nos que outros señores —leigos, eclesiásticos ou ordes militares— exercían potestade. A xurisdición de Neira de Xusá, administrada polo condado de Lemos, comprendía un territorio de 72,68 km2 do que hai que excluír o encrave do Couto de Piñeira[1], de 3,4 Km2. Polo norte e polo leste estaba delimitada polas estribacións do monte de Rañadoiro e a Serra de Liñares, que marcaban as lindes coas xurisdicións de Neira de Rei e de Penamaior respectivamente. Polo sur limitaba co Couto de Vale e coas xurisdicións de Cedrón e do mosteiro de Samos e polo oeste coas xurisdicións de Láncara, O Picato, Pacios de Neira de Xusá e Castroverde. A súa capitalidade estaba na freguesía de Santiago de Aranza.

Parte do territorio da xurisdición de Neira de Xusá co encrave do Couto redondo de Piñeira

[1] O couto de Piñeira dependía do señorío do bispo de Lugo, quen en 1753, cando se realiza o Catastro de Ensenada nestas terras, ostentaba o dominio directo mentres que o dominio útil correspondía a don Bernardino Boado y Balboa a quien le pertenece en virtud de foro que dize tiene del Reberendo Obispo de la ciudad de Lugo...

A nova organización territorial

Constitución de Cádiz e Trienio liberal

Coa Constitución de Cádiz séntanse as bases para a supresión das xurisdicións e a devolución aos concellos do carácter representativo da vontade popular. O seu artigo 312 proclama que os alcaldes, rexedores e procuradores síndicos serán nomeados por elección popular, cesando os rexedores e demais que sirvan oficios perpetuos nos concellos calquera que sexa o seu título e denominación.

Partidos xudiciais

Inspirándose na demarcación do Partido do Antigo Réxime, antes de carácter fiscal, créanse agora os novos partidos xudiciais proporcionalmente iguais, e en cada cabeza de partido haberá un xuíz de letras cun Xulgado correspondente (art. 273). Isto é, séntanse as bases para a separación de poderes: os alcaldes ostentarán o político e os “xuíces de letras” será os encargados de administrar a xustiza. Á creación da demarcación xudicial superpóñense as figuras do distrito electoral e as hipotecarias notariais rexistrais.

Portada do Decreto de 21 de abril de 1834 polo que se crean os partidos xudiciais

Os concellos constitucionais

O Decreto 163 das Cortes de Cádiz, sobre Formación de Ayuntamientos constitucionales, converte os antigos señoríos en concellos constitucionais. Mais, o fin da Guerra da Independencia e o regreso de Fernando VII ao poder en 1814 supuxeron a supresión da actividade constitucional e a restauración do absolutismo. No Trienio liberal recupérase a organización territorial de 1812. Co Decreto 59, de  27 de xaneiro de 1822, organízase a división do Estado en 52 provincias cunha deputación en cada unha delas. Todo isto ficou nun proxecto debido á imposición do absolutismo polas tropas dos Cen mil Fillos de San Luís en 1823. Mais, certas reformas realizadas polo constitucionalismo seguiron vixentes, así o decreto das cortes constituíntes que abolía as xurisdicións foi ratificado polo poder absolutista.

Reforma de 1833

Trala morte de Fernando VII, é cando se executa a organización territorial do Estado que aínda permanece en gran medida na actualidade. Sendo ministro de Fomento Francisco Javier de Burgos y del Olmo, promúlgase o Decreto[1] da división da Península e Illas adxacentes en corenta e nove provincias segundo xa fora planificado con anterioridade en distintos momentos e, especialmente, no Trienio liberal. Todas as provincias ficaban baixo o mesmo réxime común agás o País Vasco e Navarra, que seguiron mantendo as competencias económicas e fiscais.

Polo Real Decreto de 21 de abril de 1834 créanse os partidos xudiciais e cesan nas súas funcións os alcaldes ordinarios, funcións que se traspasan aos novos xuíces como únicos encargados da administración de xustiza.

Desta maneira, as doce antigas freguesías pertencentes á xurisdición de Neira de Rei quedan adscritas ás novas demarcacións xudiciais de As Nogais. Desde outubro de 1840, coa publicación no BOP do día 18 da Circular que reforma a división xudicial e municipal, a capital desta demarcación xudicial pasa a ser a vila de Becerreá:

Freguesías de Neira de ReiConcelloPartido xudicial
San Cosme de BarreirosCastroverdeLugo
San Miguel da BrañaBaleiraFonsagrada
Santiago da FontaneiraBaleiraFonsagrada
Santa María da FrairíaCastroverdeLugo
Santo Estevo de FurísCastroverdeLugo
San Xoán de LastraBaleiraFonsagrada
Santiago de MasoucosCastroverdeLugo
Santiago de Nantín.BecerreáAs Nogais
San Miguel de Neira de ReiNeira de XusáAs Nogais
San Pedro de Neira de Rei[2]Neira de XusáAs Nogais
San Pedro de  Martiño de Neira de ReiNeira de XusáAs Nogais
Santa María de PenarrubiaNeira de XusáAs Nogais

Coa supresión dos señoríos polas Cortes de Cádiz, os concellos existentes no Antigo Réxime deixan de estar controlados pola nobreza e o clero e o novo poder político tanto dos progresistas como dos moderados impón normas que inciden na centralización. O Xefe Político será o encargado  de fixar as competencias do goberno de cada un dos concellos.


[1] Este decreto, malia a súa provisionalidade mantívose inalterado até 1926 en que, na ditadura de Primo de Rivera, se incrementou nunha o seu número ao desdobrar a de Canarias en dúas. Posteriormente, na ditadura de Franco, tamén foron considerados provincias os territorios do Sáhara e Ifni e as colonias españolas do Golfo de Guinea.

[2] Na actualidade non existe a freguesía de San Pedro de Neira de Rei, que se integrou na de San Xoán de Furco. Tiña moi pouca extensión. No Catastro de Ensenada dise dela que de Leste a Oeste mide un cuarto de legua, de norte a sur, un octavo de legua y para caminarla a un paso regular se ocupara una ora. Xeograficamente, estaba situada entre a freguesía de Sancti Spiritus de Fontarón polo leste, Santiago de Nantín polo oeste, Santa María de Cascallá polo norte e San Xoán de Furco polo Sur. No dicionario de Madoz, 1849, aínda segue figurando esta freguesía. 

Concellos de Neira de Rei e de Neira de Xusá. 1835-1840

Na Constitución de Cádiz (art. 335), ás deputacións provinciais, entre outras competencias, conferíaselles a de instalar concellos constitucionais nos lugares en que procedese ou fosen necesarios. Nese momento, a maioría das poboacións inferiores aos mil habitantes eran territorios de señorío e, nesta situación, radicaba a necesidade de creación dos numerosos concellos coincidentes en moitos casos coas xurisdicións existentes. Isto foi o que sucedeu formalmente no caso de Neira de Rei. Así, proxectouse que se transformase en concello e que como tal comprendese as parroquias da Frairía, Furís e Masoucos (no actual concello de Castroverde), Penarrubia e Pedrafita de Camporredondo[1], San Martín de Neira de Rei, San Miguel de Neira de Rei (hoxe no concello de Baralla) e tamén a de Santiago de Martín[2] (no concello de Baleira). Mais, durante a década ominosa volveuse á situación do Antigo Réxime e das máis das 600 xurisdicións existentes na Galiza, só 57 se constituíron en concello, continuando o resto con xuíces con atribucións en materia política, gobernativa, contenciosa, civil e criminal, nomeados polos señores xurisdicionais.

O Real Decreto de 23 de xullo de 1835 dispón a creación daqueles concellos que non existían con anterioridade, mesmo no caso de que a súa poboación non acadase os mil habitantes. Con data de 22 de novembro dese ano publícase a listaxe alfabética dos 86 concellos da provincia de Lugo (BOP de Lugo 22/11/1835).

Concellos de Neira de Rei e de Neira de Xusá. 1835

Nesta relación figuran como tales concellos o de Neira de Rei e o de Neira de Xusá. Parte do territorio que ocupaba a xurisdición de Neira de Rei conforma o novo concello e nela inclúese tamén a freguesía de Pedrafita de Camporredondo, que antes non pertencía a esta xurisdición. Está integrado polas seguintes freguesías: 

  1. Santa María da Frairía. Actual concello de Castroverde.
  2. Santo Estevo de Furís. Actual concello de Castroverde.
  3. Santiago de Masoucos. Actual concello de Castroverde.
  4. Santiago de Nantín. Actual concello de Becerreá.
  5. San Miguel de Neira de Rei. Actual concello de Baralla.
  6. San Pedro de Neira de Rei. Actual concello de Becerreá.
  7. San Martiño de Neira de Rei. Actual concello de Baralla.
  8. Santa María de Penarrubia. Actual concello de Baralla.
  9. Pedrafita de Camporredondo. Actual concello de Baralla.

O novo concello de Neira de Xusá componse das seguintes 27 freguesías existentes naquel momento:

  1. Santiago de Aranza
  2. San Xoán de Arroxo
  3. Santa María Madanela de Baralla
  4. San Martiño de Berselos
  5. Santa María de Constantín
  6. Santiago de Covas
  7. San Pedro de Ferreiros
  8. San Salvador de Francos
  9. Santo Tomé de Guimarei
  10. San Pedro de Laxes
  11. Santo Tomé de Lebruxo
  12. San Xoán de Lexo
  13. Santalla de Riba de Neira
  14. Santa María de Pacios
  15. San Salvador de Piñeira
  16. Santa Cruz de Sobrado do Picato
  17. Santa María de Pol
  18. Santiago de Pousada
  19. San Cirilo de Recesende
  20. San Pedro de Sixirei
  21. San Mamede de Traspena. Anexa noutrora á freguesía de Santiago de Covas.
  22. San Pedro de Teixeira. Pertencente hoxe á freguesía de San Xoán de Arroxo.
  23. San Xurxo de Vale
  24. Santa Mariña de Vilachambre
  25. Santa Eufemia de Vilartelín
  26. Santa Marta de Vilarpunteiro
  27. Santa Eufemia de Vilartelín

O 18 de outubro de 1840, a Xunta de Goberno provisional da provincia de Lugo publica no BOP a Circular que reforma a división xudicial e municipal na que se que suprime o concello de Neira de Rei, que se integra no de Neira de Xusá. Nesta mesma Circular tamén se suprimen os concellos de As Nogais, Noceda, Penamaior, Cancelada de Arriba e Cancelada de Abaixo.

Supresión do concello de Neira de Rei. BOP de 18 de outubro de1840

[1] A freguesía de Pedrafita pertencía a Xurisdición da Encomenda de Portomarín da Orde de San Xoán de Xerusalén, tamén coñecida como Orde de Malta e Orde dos Hospitalarios.

[2]  Segundo datos do Catastro de Ensenada, a freguesía de Santiago de Martín non se integraba na xurisdición de Neira de Rei senón que constituía un couto propio que pertencía ao Conde de Maceda, veciño de Madrid, agás o lugar de Salgueiras, que pertencía a Joseph Manuel Pardo Pimentel, veciño de Santa Eulalia de Piquín, e os de Loureiro e Paradela, que pertencían a Gabriel Antonio Montenegro Ron, señor de Caldaloba e veciño de San Martin de Caraño.

Concello de Neira de Xusá. 1840-1975

Durante 135 anos, o concello de Neira de Xusá, agora xa incluíndo parte do territorio da antiga xurisdición de Neira de Rei e toda a xurisdición de Neira de Xusá, conservou este topónimo para designar a totalidade do novo concello. Esta foi a súa denominación até 1975 en que, por iniciativa de persoas ignorantes e desprezadoras das palabras que designan a nosa identidade, foi eliminado despois de séculos de uso na historia. Foi varrido oficialmente do noso nomen­clátor como se se tratase dun refugallo que nos anoxase a vida, como se for un codelo de pan balorento que só atrae a atención dos furtivos leiróns cobizosos do mofo que obstaculiza o progreso. E isto sucedeu a petición das autoridades municipais do momento, auxiliadas por informes emitidos por persoas incultas, e resolveuse por acordo do Consello de ministros celebrado o venres 7 de febreiro de 1975, segundo o cal el nombre de Municipio de Neira de Jusá, de la provincia de Lugo, ha pasado a denominarse Baralla.

Páxina 306 da Geografía General del Reino de Galicia de M. Amor Meilán. Tomo VI. 1928

De Neira de Xusá a Baralla

Primeiro intento de supresión do topónimo

En 1935, a Corporación municipal acordou realizar a substitución do topónimo de Neira de Xusá polo de Baralla. O 11 de xullo dese ano publicouse no BOP de Lugo un edito polo que se expoñía ese acordo do Pleno municipal. Emiten informes favorábeis a esta proposta o Xuíz municipal, o Xefe do Posto da Garda civil, o Inspector Municipal de Sanidade e o mestre da Escola Nacional de Nenos. Todos estes informes coinciden nos seguintes argumentos: El nombre de Neira de Jusá se confunde con los de Navia de Suarna, Negueira de Muñiz y Meira y en el municipio no hay ningún pueblo ni aldea con igual nombre que el ostentado por el término municipal. A estes argumentos cargados de tan “notorio rigor” hai que unir o que engade a Corporación afirmando que en Galicia la denominación de un Ayuntamiento coincide, casi siempre, con el nombre de uno cualquiera de los pueblos que forman parte de su término… y cuando se nos pregunta por nuestra oriundez respondemos siempre que somos de Baralla sin acordarnos para nada del nombre actual de nuestro Ayuntamiento. Non menos sólido resulta o argumento que engade o Xefe do posto da Garda civil: la correspondencia puede ir, equivocadamente, a Navia de Suarna, Negueira de Muñiz y Meira.. y es más conocido por el elemento popular el nombre de Baralla que el de Neira de Jusá. Isto sucedía en 1935, en plena etapa republicana e, pensamos nós, non se incluíu o informe do párroco pola vixencia do Estado laico nese momento. Estamos seguros, en cambio, que na proposta que se realizou no ano 1974 si se incluirían os argumentos tamén coincidentes dos pastores parroquiais do franquismo para perpetrar este toponimicidio.

Informe da Sociedad Geográfica Nacional

A proposta da Corporación municipal, acompañada dos citados argumentos, elevouse á Sociedade Geográfica Nacional para que emitise o preceptivo informe, que foi datado no mes de novembro dese mesmo 1935 e asinado por Abelardo Merino Álvarez e Juan López Soler, historiadores militares e académicos da Real Academia de la Historia (Boletín de la Sociedad Geográfica Nacional: Tomo LXXV Número 12 – 1935 Decembro. Páxs. 755-764). O seu ditame desmonta con contundencia os grotescos argumentos que contiña a proposta de cambio toponímico: no se ve la necesidad sentada de variar el nombre para evitar molestias, confusiones y perjuicios, toda vez que en Galicia no es corriente que la capitalidad del Municipio lleve su nombre; de seguir ese criterio tendrían que cambiar de nombre 136, más de la tercera parte de los 319 municipios gallegos… Delos 136 Ayuntamientos, hay 104 que en su territorio no existe ningún núcleo de población que ostente el mismo nombre que el término municipal, y los 32 restantes, aun teniendo poblados con el mismo nombre, las oficinas, dependencias municipales y archivos, o sea, a lo que se le suele asignar el título de capitalidad, están instaladas en entidades de población que tienen nombre distinto del del Ayuntamiento… Nun momento do ditame, cualifícase o argumento do Xuíz municipal de “algo tendencioso” por afirmar que na Galiza a denominación dun concello coincide case sempre co do nome dunha calquera das poboacións que forman parte do seu territorio, a no ser que le parezcan pocos 104 ayuntamientos de los 319 en que se dividen las cuatro provincias gallegas, de las cuales sólo 183 tienen sus oficinas municipales en entidades de población de igual nombre que el ayuntamiento y que no se haya fijado que su limítrofe de Baleira se encuentra en este caso; que el de Láncara, situado al S.O, tiene su cabecera municipal en la aldea de Carracedo, siendo Vilaesteva la entidad de población con mayor número de vecinos, y que en el Corgo la mayor entidad de población es la aldea de Adan [sic]. Os académicos continúan desmontando os argumentos da proposta: o feito de que en Baralla exista cuartel da Guarda civil non serve de fundamento, pois en moitos outros concellos galegos sucede o mesmo e como exemplo cítase o caso de Guísamo, onde radica o cuartel, mentres Bergondo mantén o seu topónimo para designar este termo municipal. Verbo das confusións que se prestan co nome de Neira de Xusá con outros topónimos, responden que maiores se producirían con Baralla dada a existencia de varias coincidencias deste mesmo topónimo con outros dos concellos de Viveiro e Carballo e tamén con Baladas, en Melide, Baraio en Cesures ou A Barcala de Cambre e mesmo coas Barayas de Madrid e de Biscaia.

Un dos asinantes deste ditame, Juan López Soler, era ferrolán e bo coñecedor tanto da xeografía galega como da súa historia. Por isto, de seguido, rebátese con contundencia o argumento de que o topónimo Neira de Xusá non existe en ningunha entidade de poboación do concello: existe o arciprestado de Neira de Xusá, existe o val de Neira de Xusá, existiu a antiga xurisdición de Neira de Xusá na que exercía o señorío o conde de Lemos…

Finalmente, pregúntanse os académicos que evacúan o ditame: ¿Qué les parecerá a los vecinos de las alejadas parroquias de Camporredondo o de Penarrubia, situadas a muchos kilómetros de distancia de la villa de Baralla sustituir el nombre del valle que ostenta el Ayuntamiento por ese que, con carácter despectivo, intercalan maliciosos labriegos en las canciones cuando dicen:

Con xente que non coñezas
Non gastes moita baralla,
Porque se a gastas dirán
Que algún xuízo che falta.

Conclúe este informe co acordo desfavorábel ao cambio do topónimo tradicional de Neira de Xusá, mais, antes, os académicos critican o escurantismo pola falta de información e de consulta neste proceder municipal aos veciños do Val de Neira de Rei e de toda Neira de Xusá nesta proposta apoiada polos informes do Xefe de posto da Garda Civil, do Mestre e mais do Inspector de Sanidade consultados.¿Estos trabajadores de la tierra, cuando en el verano estaban preocupados con la recolección de las cosechas, o con la cría del ganado, se habrán dado cuenta que allá abajo, en la carretera, colgado en el interior del portal de la Casa Consistorial, había un edicto que les anunciaba lo que en este expediente se propone, y se encontrarán mortificados cuando los labriegos de los territorios circundantes les llamen baralleiros, que en el leguaje vernáculo se aplica al hablador insustancial o a la persona de poco juicio en el hablar?

Eliminación do topónimo

No ano 1974, coincidindo cos estertores da ditadura franquista, sendo alcalde de Neira de Xusá Eduardo Fernández Gómez, a corporación municipal inicia o expediente para cambiar o nome deste concello polo de Baralla, o topónimo da súa capital. Descoñecemos as razóns que se alegaron para tomar esta iniciativa malia quen isto escribe ter solicitado o expediente en dúas ocasións. A primeira, por correo electrónico, con data de 30 de xaneiro de 2019, da que non se obtivo resposta. O segundo intento de consulta do expediente realizouse presentando solicitude por rexistro o día 10 de marzo de 2022. A este procedemento foille asignado o código 805161 polo Sistema de Información Administrativa (SIA). Non temos esperanzas de recibir a resposta coa autorización para poder acceder a este expediente. Supoñemos que as razóns alegadas polo concello, cos consabidos informes favorábeis do capitán da Garda civil, dalgún párroco e dalgún mestre, serían tan “consistentes e rigorosas” como as alegadas no ano 1935. Mais, neste segundo intento de cambio do topónimo, os solicitantes non bateron coa solidez do ditame emitido pola Sociedad Geográfica Nacional[1]como acontecera en 1935. Desde o día 7 de febreiro de 1975 en que se publicou no BOE, desapareceu oficialmente o topónimo Neira de Xusá e o concello denomínase Baralla. No BOP de Lugo de 14 de marzo dese mesmo ano, o Gobernador civil publica a Circular pola que, para xeral coñecemento, se elimina o topónimo Neira de Xusá.

BOP de 14 de marzo de 1975

[1] Entre os anos 1931 e 1939, época da Segunda República, o seu nome foi Sociedade Xeográfica Nacional, baixo o cal se seguiron publicando os seus boletíns e desenvolvendo as actividades habituais. Retomou o nome de Real Sociedade Xeográfica unha vez finalizada a guerra civil, no ano 1939.

Relacionados...

Ouro en Penarrubia

Xρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴνὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγονQuen busca ouro cava moito e saca pouco.Heráclito Xacementos mineiros en Penarrubia Coñecemos as

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Que podes atopar aquí

2 comentarios en “Neira de Xusá. In memoriam”

    • Mil grazas, Xosé, pola túa amábel opinión. Eu tamén gusto moito das túas magníficas fotografías que nos dás a coñecer.

      Responder

Deixa un comentario