17 de abril 2025
No DOG do pasado venres 11 de abril, publícase o acordo do Departamento Territorial da Xunta de Lugo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública coa necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto da liña eléctrica de Media Tensión (MT) desde o Centro de Seccionamento (CS) do Parque Eólico (PE) Serra do Puñago até a Subestación Eléctrica Transformadora (SET) Navallos.

Neste acordo da Xunta sométense a información pública os seguintes datos do proxecto que presenta ACCIONA:
- Solicitude de autorización administrativa previa do proxecto.
- Declaración de utilidade pública por urxente ocupación.
- A autorización de construción.
- O estudo de impacto ambiental.
Prazo de alegacións
Durante o prazo de 30 días, contados desde o 14 de abril, todas as persoas con intereses lexítimos poden presentar as alegacións ou as observacións que coiden oportunas. Como os días teñen a consideración de hábiles, para o cómputo dos 30, non contan nin sábados nin domingos nin festivos. O prazo comprende, pois, desde o 14/04/2025 até o 28/05/2025.
Obras
As obras consisten nas necesarias para a evacuación da enerxía eléctrica xerada no parque eólico Serra do Puñago no tramo que vai desde o seu Centro de Seccionamento (CS) até a Subestación Eléctrica Navallos 132/30 kV de ACCIONA. A partir deste punto, a infraestrutura compártese con outras empresas promotoras até á Subestación de 400 kV de Ludrio, en Castro de Rei. Nas SET de Navallos conflúe tamén a enerxía producida polo PE Puñago – Vacariza, xa en funcionamento, e mais a do PE Navallos en proxecto. Desde aquí, a enerxía transportarase conxuntamente a través dunha liña de 132 kV até a SET de Ludrio.
Percorrido das liñas
O Centro de Seccionamento, que recollerá a enerxía que produza o PE Puñago, situarase no Barreirón, concretamente na parcela 47 do polígono 17, propiedade de José González Sandamil, segundo se publica no DOG.
A liña, de media tensión, irá soterrada desde o Centro de Seccionamento do Parque Eólico Serra do Puñago até a parte da Subestación de Navallos propiedade de ACCIONA Energía. Dicimos a parte de ACCIONA porque a carón desta existirá outra Subestación que recolle a enerxía que xa produce o PE Vacariza-Puñago, de Fenosa Wind, e a que produza no futuro o PE de Navallos, promovido por ENEL Green Power España. As canalizacións discorrerán paralelas aos camiños. As gabias serán tipo 2, con dous circuítos. A lonxitude total prevista é de 2.982 metros.
Camiños
O proxecto contempla a adecuación e ampliación dos camiños de acceso existente á zona da Subestación de Navallos mediante a ampliación dunha subbase granular de 25 cm de espesor e unha capa de rodadura de grava artificial de 15 cm de espesor, ampliada e compactada en dúas capas (25 + 15 cm), até acadar unha anchura de 4,5 metros. A drenaxe realízase mediante pequenas cunetas no terreo, de 1,50 m de ancho e 0,5 m de profundidade. Nos puntos relativamente baixos da plataforma, os pasadizos están deseñados con tubos prefabricados de formigón de diámetros variábeis.
Propiedades afectadas
Segundo se publica no DOG, en total existen 53 afeccións. En 14 ocasións vense afectadas vías de comunicación de dominio público; 2 parcelas son de monte baixo; 25, de matogueira; 7 prados e 5 piñeirais.
A maior parte das afeccións corresponden ao M.V.M.C. de Furís. Tamén existen parcelas do M.V.M.C. de Guimarei afectadas. Dous son os propietarios particulares afectados que figuran no DOG: José González Sandamil (Cortiña de Arriba, Rabaliña e Barreirón) e Luís Emilio Fernández Díaz (Salgueiros e Xuvento).