Jacobo Ulloa, senador da parroquia

Salón de sesións do Senado. A. Mañanós Martínez. 1906

Nacemento, familia e ideoloxía

Jacobo Ulloa de las Riberas naceu na Casa Principal de A Pena o 3 de febreiro de 1800. Foi bautizado o 7 do mesmo mes na igrexa parroquial de Penarrubia polo cura Felipe Rodríguez, que actuou baixo licencia do párroco Jacobo Ulloa por ser este o padriño sacramental.

Fragmento da partida de bautismo de Jacobo Ulloa, celebrado o 7 de febreiro de 1800 na igrexa de Penarrubia

Impuxéronselle os nomes de Jacobo Blas Ramón. Era fillo de Ramón Ulloa Santiso Valcarce e de María Carmen de las Riberas Novoa Lema, que vivían no lugar de A Pena. Seus irmáns foron Antonio Joaquín[1], Josefa, Joaquina e Vicenta.

Xenealoxía de Jacobo Ulloa

Os seus avós paternos eran Luis Ulloa Santiso e María Teresa Valcarce Ponce de León, veciños tamén de A Pena. Os avós maternos, Juan Bautista de las Riberas Lema[2] e María Magdalena Novoa Canel[3], veciños da vila de Cee. Actuaron como padriños de bautizo o párroco Jacobo e Teresa Ulloa Valcarce, tíos do bautizado. Casou con Castora Castañón. En 1822 naceu o seu fillo Augusto[4].

Cremos que Jacobo Ulloa foi o último membro desta familia fidalga da Casa Principal de A Pena que naceu na freguesía de Penarrubia. Desde este momento, sospeitamos que a casa habitada durante máis de douscentos anos comezou o deterioro que se estende aos nosos días.

Casa Principal de A Pena onde naceu Jacobo Ulloa

Jacobo Ulloa estudou Dereito en Santiago e exerceu como maxistrado en distintos destinos, entre eles a propia cidade de Compostela, Sevilla e Madrid. Na Coruña foi fiscal da Audiencia. De novo en Madrid, en xullo de 1859 ascendeu a Ministro Togado do Tribunal Supremo de Guerra y Marina[5] continuando sen interrupción neste cargo até o 29 de maio de 1868 en que foi relevado. Volveu ser nomeado para este cargo por Decreto do Goberno Provisional en outubro de 1868. Desde xaneiro de 1869 adquire a condición de Ministro máis antigo na Asesoría da Sala de Goberno deste Tribunal e dos Xulgados de Artillería e de Enxeñeiros. Foi tamén nomeado Asesor Militar da clase de togados da Sala de Goberno do Consello Supremo. Morreu no seu domicilio de Madrid, rúa do Sacramento nª 7, o 30 de maio de 1879 á idade de 79 anos.

Adscrición política e ideoloxía

Non temos datos sobre a adscrición política e a ideoloxía de Jacobo Ulloa, mais pensamos que podería comungar co ideario carlista pola negativa a prestar xuramento nas respectivas tomas de posesión como senador nas Cortes. De feito, nas eleccións de 1872 convocadas polo goberno amadeísta foi elixido pola circunscrición de Lugo o seu sobriño neto Antonio Pedrosa Ulloa, marqués de Vilaverde de Limia, como único deputado carlista galego entre os 35 de todo o Estado que, finalmente, renunciaron ás súas actas coa idea xa de iniciar a terceira guerra.

Augusto Ulloa, fillo de Jacobo

Mais, tamén é certo que Augusto Ulloa Castañón, fillo de Jacobo, moi lonxe de simpatizar co carlismo, destacou activamente na designación e na chegada de Amadeo I como monarca constitucional elixido polas Cortes e mesmo formou parte da comisión parlamentaria que acompañou o de Savoia na viaxe en barco desde o porto de La Spezia a Cartagena e, en tren, desde aquí a estación de Atocha de Madrid no mes de decembro de 1870 e primeiros días de 1871.

No Diario de sesións das Cortes, que recolle as actividades e iniciativas realizadas polos deputados e senadores, tan só figura Jacobo Ulloa como membro da Comisión de Incompatibilidades e Incapacidades sen que conste ningunha outra intervención súa. Neste sentido, comportouse como a maioría dos representantes nas Cortes do Estado que, conseguindo a acta por calquera das circunscricións electorais galegas, no desempeño da representación adquirida esquecen absolutamente os problemas da Nosa Terra. Ben distinta foi a representación do seu coetáneo o deputado ourensán Xoán Manuel Paz Novoa como defensor da iniciativa da efémera Lei de Redención de Foros de 1873 cando o 4 de xullo deste ano defendía desde a tribuna do Congreso o seu proxecto de Lei con estas palabras: “El agricultor, en aquellas regiones, vive una perpetua dependencia respecto de las clases que perciben rentas; allí el país está dividido, si no en dos castas, sí en dos clases distintas: una, que trabaja y que no puede vivir, y otra que vive en la opulencia y que no trabaja, lo cual ni se acomoda a la libertad, ni es el ideal de la justicia”. Insistindo nesta idea de xustiza, dicía tamén: “¡Y bien! ¿Cómo consentir nosotros, que nos llamamos representantes del cuarto estado, por más que yo creo que somos representantes de los intereses generales y permanentes de la sociedad, cómo consentir este desequilibrio, esta falta de armonía entre los intereses de dos clases importantísimas de la sociedad“. Jacobo Ulloa de las Riberas mal podía defender os intereses dos labregos fronte aos rentistas aos que se refería Paz Novoa cando o propio senador e a súa familia se beneficiaban das rendas que obtiñan das terras traballadas polos fregueses de Penarrubia.

Jacobo Ulloa tampouco mostrou a preocupación que o senador lugués liberal progresista Manuel Sánchez Guardamino insistindo reiteradamente na reivindicación da conexión do ferrocarril con Galiza na súa condición de deputado e senador desde 1871 a 1887 nin as xestións que realizou o seu fillo Augusto Ulloa Castañón[6] coa mesma finalidade cando desempeñaba o cargo de Ministro de Fomento, co ferrolán Saavedra Meneses como Director Xeral de Obras Públicas e deputado no Congreso.  

En conclusión: deducimos que Jacobo Ulloa formou parte do numeroso grupo de “senadores silenciosos” integrado por representantes aos que pouco lles interesaba a vida parlamentaria.

O Senado no Sexenio revolucionario

Estamos a principios de 1871, Amadeo de Savoia vén de ser elixido Rei de España polas Cortes Xerais. Segue en vigor a Constitución bicameral de 1869 que instaura o sufraxio universal masculino restrinxido aos cabezas de familia. Isto é, malia non existir requisitos sociais, académicos nin económicos para ser elector como nas normas electorais anteriores, non todos os cidadáns homes maiores de 25 anos podían votar xa que se esixía a veciñanza, que se demostraba no rexistro do padrón municipal, e isto soamente o podían facer os pais de familia que presentasen a correspondente cédula de veciñanza expedida polo Concello. En cambio, o dereito ao sufraxio pasivo para o Senado, segundo indicaba o artigo 60 da Constitución de 1869, estaba vetado para a maioría dos cidadáns. A cada provincia, independentemente do seu número de habitantes, correspondíanlle catro senadores. A elección realizábase por un procedemento indirecto de dobre grao. En cada distrito municipal elixíase un número de compromisarios igual a un sexto do de concelleiros, garantíndose tamén a elección de un compromisario nos casos en que non chegase a seis o número de edís. Os compromisarios seleccionados por ese procedemento máis os membros da Deputación Provincial correspondente, reunidos na capital de provincia, constituían a Xunta electoral que escollía os catro senadores. O Senado renovábase por cuartas partes cada vez que o facía o Congreso. Deste xeito, a disolución do Congreso comportaba a renovación parcial do senado, mais a renovación do Senado podía ser total en caso de que for disolvido polo Rei.

Como dixemos, non todas as persoas maiores de vinte e cinco anos (a maioría de idade naqueles tempos) podían presentar candidatura para o Senado. Por suposto, as mulleres non podían votar e, moito menos, seren candidatas. Para ser senador esixíase reunir algunha das seguintes condicións: ser ou ter sido Presidente do Congreso, deputado electo en tres eleccións xerais ou unha vez nas Cortes Constituíntes; ser ou ter sido ministro da Coroa, Presidente do Consello de Estado, dos Tribunais Supremos, do Consello Supremo da Guerra ou do Tribunal de Contas do Reino; Capitán xeral de Exército ou Almirante, Tenente xeral ou Vicealmirante, Embaixador, Conselleiro de Estado, Maxistrado dos Tribunais Supremos, individuo do Consello Supremo da Guerra e do Almirantado, Ministro do Tribunal de Contas do Reino ou Ministro plenipotenciario durante dous anos; arcebispo ou bispo; reitor de Universidade da clase de catedráticos; catedrático con dous anos de exercicio; presidente ou director das Academias Española, da Historia, de Nobres Artes, de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, de Ciencias Morais e Políticas e de Ciencias Médicas; Inspector xeral dos corpos de enxeñeiros civís; os deputados provinciais que desempeñasen o cargo durante catro veces e os alcaldes das poboacións de máis de 30.000 almas que ostentasen esta cargo dúas veces. Tamén eran elixíbeis os 50 maiores contribuíntes por contribución territorial, e os 20 maiores por subsidio industrial e comercial, de cada provincia.

En resumidas contas: o dereito electoral pasivo para o Senado na Constitución de 1869 seguía sendo moi limitado dado que só podían acceder a esta cámara as aristocracias política, administrativa, intelectual, eclesiástica e económica, se ben non era requisito pertencer á aristocracia de sangue. O Senado, como vemos, constitúe unha especie de cámara de próceres malia os seus integrantes seren elixidos indirectamente por sufraxio universal masculino.

Senador na lexislatura 1871-1872

Estamos no mes de febreiro de 1871. En virtude do establecido na vixente Constitución de 1869, en nome de Amadeo de Savoia, rei de España desde o mes anterior, Francisco Serrano Domínguez, presidente do Consello de Ministros, convoca as eleccións que se celebrarán o 8 de marzo. A lei electoral que rexe esta convocatoria fora promulgada o 20 de agosto de 1870, sendo Rexente Francisco Serrano Domínguez. Como novidade, as eleccións son uninominais e por distritos[7] de “40.000 almas“. Tamén se admite a posibilidade de que os candidatos poidan presentarse simultaneamente por varios distritos tendo que optar unha vez elixidos, no prazo de oito días, polo que desexen representar (art. 14).

Jacobo Ulloa, por ser membro do Consello Supremo de Guerra, reunía o requisito para ser candidato ao Senado.

Acta do escrutinio da votación dos compromisarios para a elección se senadores por Lugo. 1871

Canda Jacobo Ulloa, pola provincia de Lugo, presentan candidatura as seguintes nove persoas para ocuparen os catro postos de senador:

Retrato do senador M. Sánchez Guardamino. 1869
  1. Manuel Sánchez Guardamino, fillo dun comerciante de orixe vasca asentado en Lugo enriquecido coa compra a baixo prezo de bens inmóbeis procedentes da desamortización. Gozaba dunha das fortunas máis elevadas da provincia.
  2. José de los Ríos Lamadrid (1802-1884),bispo de Lugo desde 1857 a 1884. Xa fora senador nos anos 1858-1860. Era un consumado carlista, como a maior parte da xerarquía eclesiástica.
  3. Valentín Vázquez Curiel. Naceu no lugar de Erbón, freguesía de Tortes, concello de Becerreá, o 3 de abril de 1818. Fora deputado pola Unión Liberal na lexislatura 1851-1852-1853 polo distrito de Quiroga e tamén nas cortes constituíntes de 1868. Tamén foi elixido senador na segunda lexislatura de 1872.
  4. Eduardo Chao. Na acta electoral da provincia non figura o segundo apelido deste candidato. Cremos que se trata de Eduardo Chao Fernández (Ribadavia 1824 – Madrid 1887), xeólogo, naturalista, xornalista, historiador e político galego Partido Democrático.
  5. José Casal Rodríguez. Foi deputado provincial polo distrito de Quiroga (1842 e 1854) e polo de Monforte (1868 e 1871), deputado a Cortes polo distrito de Lugo en 1854 e senador (1871-1872). Foi gobernador civil de Ourense (1870) e alcalde de Monforte (1883).
  6. Francisco Javier Fernández de Henestrosa y Santisteban (1818—1887), VIII marqués de Villadarias. Con residencia en Madrid, trátase dun de tantos casos de candidatos estraños ao distrito electoral polo que concorren. Isto era habitual no século XIX, mais tamén sucede na actualidade como podemos comprobar en certas candidaturas electorais. Este aristócrata, grande de España, como dirixente carlista durante o Sexenio Revolucionario foi presidente da Xunta Central católico-monárquica, ocupou diferentes cargos de confianza do Pretendente e actuou como representante seu en Roma perante o Papa.
  7. Rafael López Ballesteros. Fillo de Luis López Ballesteros Varela. Naceu no pazo da Golpelleira, Vilagarcía. Como militar alcanzou o grao de Mariscal de Campo. Foi elixido deputado en cinco ocasións: agosto de 1850, maio de 1851, 1858 e outubro de 1863 polo distrito de Gandesa, Tarragona, co intervalo da súa elección polo distrito electoral de Pontedeume nas eleccións do 25 de marzo de 1857.
  8. Ignacio Timoteo Yáñez de Rivadeneira Quitián. Nado en Monforte en 1817. Licenciado e doutor en leis na Universidade de Salamanca. Foi deputado provincial por Lugo (1840 e 1850-1869), xefe político interino de Lugo (1845), xefe político de Santander, gobernador provincial de Ourense e deputado nas Cortes polo distrito de Lugo en sucesivas lexislaturas, entre elas as constituíntes de 1869.
  9. Miguel Rodríguez Guerra. Naceu en 1808 en Mouricios, parroquia de Asma, concello de Chantada e finou na mesma parroquia en 1889. Licenciado en Dereito e importante propietario da comarca, foi alcalde de Chantada, gobernador civil de Badajoz en 1857-1858, deputado a Cortes en cinco ocasións (1858, 1863, 1864 e 1865); deputado provincial en 1868; maior contribuínte no concello de Chantada, dispuña dunha grande forza electoral neste distrito.

O número total de deputados e compromisarios que correspondían a esta provincia era de 159. Constituída a xunta electoral o 20 de marzo de 1871, ao día seguinte reúnense os electores no edificio da Deputación provincial de Lugo e procedeuse á elección dos senadores votando en primeiro lugar os catro secretarios escrutadores, despois os deputados provinciais e os compromisarios e, finalmente, o Presidente. Na primeira votación participan 151 electores e o seu resultado é o seguinte:

CandidatosVotos
1Manuel Sánchez Guardamino95
2Jacobo Ulloa88
3Bispo de Lugo (José de los Ríos Lamadrid)70
4Valentín Vázquez Curiel70
5Eduardo Chao67
6José Casal57
7Marqués de Villadarias57
8Rafael López Ballesteros55
9Ignacio Timoteo Yáñez de Rivadeneira35
10Miguel Rodríguez Guerra3

Como só os dous primeiros candidatos obteñen nesta votación máis da metade dos votos emitidos, procedeuse a unha segunda elección entre os catro candidatos seguintes coa exclusión por sorteo, debido ao empate de 57 votos, do propio marqués de Villadarias. Nesta segunda volta participan 152 electores compromisarios. O resultado é o seguinte:

CandidatosVotos
1Valentín Vázquez Curiel89
2José Casal Rodríguez81
3Bispo de Lugo79
4Eduardo Chao59

Son elixidos senadores os catro candidatos Manuel Sánchez Guardamino, Jocobo Ulloa, Valentín Vázquez Curiel e José Casal. Asina como presidente da Deputación Policarpo Carrera Barrera.

Senador na primeira lexislatura de 1872

Na primavera do ano seguinte, ao disolverse o Congreso polas desavinzas entre os membros da coalición gobernante desde marzo de 1871, convócanse eleccións para os días 2, 3, 4 e 5 de abril e as novas Cortes reúnense o 24 de abril de ese mesmo ano 1872.

Baixo as mesmas normas electorais do ano anterior, as candidaturas gañadoras na provincia de Lugo ofrecen o seguinte resultado en primeira ronda:

CandidatosVotos
1Jacobo Ulloa84
2José Casal80
3Conde de Pallares68
4Bartolomé Basanta67

Como o número total de electores era de 166, tan só Jacobo Ulloa acada a maioría absoluta de votos e imponse a necesidade de realizar unha segunda volta entre os candidatos, cuxo resultado é o seguinte:

CandidatosVotos
1Bartolomé Basanta99
2Conde de Pallares80
3Antonio María Álvarez Gutiérrez80
4José Casal76
5Ramón Somoza Saavedra58
6Valentín Vázquez Curiel40

Por tanto, son declarados senadores electos: Jacobo Ulloa, Bartolomé Basanta Miranda[8], o Conde de Pallares[9] e Antonio María Álvarez Gutiérrez[10].

O 24 de agosto dese mesmo ano convócanse de novo eleccións. A elas tamén concorre Jacobo Ulloa ao Senado, mais nesta ocasión triunfa candidatura radical e non resulta elixido ao recibir tan só trinta votos dos compromisarios. Os resultados foron os seguintes:

CandidatosVotos
1Domingo Paradela126
2Manuel Becerra121
3Valentín Vázquez Curiel116
4Antonio María Álvarez109
5Jacobo Ulloa30

Por certo, nestas mesmas eleccións de agosto de 1872 resulta elixido deputado no Congreso polo distrito de A Fonsagrada polo partido liberal Augusto Ulloa Castañón, fillo de Jacobo Ulloa.

Senador nas Cortes constituíntes de 1876-1877

En xaneiro de 1874 o xeneral Manuel Pavía disolve as Cortes da Primeira República. Asume o poder o xeneral Serrano formando un goberno de concentración que agrupa a constitucionais, radicais e republicanos unitarios, e do que se excluíron os republicanos federais. En decembro dese mesmo ano, o militar de Martínez Campos, adiantándose ao proxecto de Cánovas, érguese contra a República en Sagunto e proclama rei de España a Alfonso XII, fillo da exiliada Isabel II. Formouse un goberno provisional, ministerio-rexencia, dirixido por Cánovas que foi confirmado polo Rei nada máis desembarcar en Barcelona o 9 de xaneiro de 1875.

As eleccións xerais de 1876 foron convocadas para o 20 de xaneiro dese ano e tiveron carácter constituínte. O resultado foi a Constitución de 1876, vixente até 1923 en que a suspendeu a ditadura do xeneral Primo de Rivera. Estas eleccións foron gañadas polo Partido Conservador.

Jacobo Ulloa tamén foi candidato ao Senado desta volta. A acta que recolle os resultados da votación emitida polos compromisarios ofrece os seguintes resultados:

CandidatosVotos
1José García Barzanallana[11]145
2Jacobo Ulloa145
3Cipriano del Mazo[12]145
4Vicente Pablo Calderón[13] (Conde de San Juan)145
5Baldomero Espartero[14]2
6Eduardo Chao[15]2
7Domingo Paradela[16]2
8Bispo de Lugo[17]1
9Francisco de la Barrera y Freijo[18]1
10Ramón Traseira[19]?1
11Ignacio Timoteo Yáñez[20]1
12Apolinar Suárez de Deza[21]1
13Francisco Teigeiro [sic] Casas[22]1

Senador vitalicio na Restauración borbónica

Ademais da lexislatura de 1871, Jacobo Ulloa foi senador na primeira de 1872 e, posteriormente, foi designado senador vitalicio en 1877, agora xa coa Constitución da Restauración borbónica de 1876 en vigor. Esta constitución consagrou o sistema da quenda bipartidista no poder dominado pola corrupción, a oligarquía e o caciquismo. Agora o Senado está conformado por varios tipos de senadores: os natos por razón de sangue ou do seu cargo; os vitalicios por designación rexia, escollidos entre as altas esferas da política, da Administración, do Exército, da diplomacia, da Igrexa e da ciencia sempre que, ademais, gozasen de determinadas rendas; e os senadores electivos, que necesariamente tiñan que pertencer ás mesmas categorías que os anteriores. Os seus electores eran as Corporacións do Estado e os maiores contribuíntes. O número de senadores natos e de nomeamento rexio non podía exceder de 180 e un número similar rexía tamén para os electivos.

Estas eleccións a Cortes (Congreso e Senado) celebráronse a finais de xaneiro de 1876 e foron organizadas baixo o control ferreño de Romero Robledo, ministro de Gobernación. Dos 192 Senadores que resultaron elixidos, a maior parte pertencía ao partido liberal-conservador de Cánovas, os demócratas non obtiveron representación, mentres que os moderados conseguiron algún escano máis que no Congreso. Así, canda Jacobo Ulloa, a Cámara alta contou con presenza de moitos prelados e membros da nobreza.

Tres datas dunha vida

En 1949, Ricardo Carvalho Calero, baixo o pseudónimo de Fernando Cadaval, publica no xornal La Noche de Compostela tres artigos de recreación histórica sobre Augusto Ulloa, fillo do noso senador: Tres fechas de una vida, De la vida escolar de don Augusto Ulloa e Ulloa y sus deudos en el espejo cóncavo[23]. En Tres fechas de una vida centra a atención en tres momentos transcendentais de pai e fillo: o nacemento de Augusto en Santiago en 1822; o 30 de decembro de 1870, cando Augusto a bordo do barco Numancia nas augas do Mediterráneo como membro da Comisión que acompaña a Amadeo de Savoia desde Italia a España recibe un telegrama que lle comunica o asasinato de Prim; e o 26 de marzo de 1877, cando Augusto morre no seu domicilio en Madrid.

R. Carvalho Calero, baixo pseudónimo de Fernando Cadaval. La Noche 13 de setembro de 1949

Carvalho Calero realizou outras dúas investigacións sobre esta familia, que publicou no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo: Primeras armas parlamentarias de D. Augusto Ulloa (tomo V, nº 40, segundo semestre de 1953, pp. 277-282), Don Augusto Ulloa, Diputado por Fonsagrada, en los Diarios de Sesiones del  Congreso  correspondientes  a  las  Legislaturas  de  1858-1859  y  1860-1861 (tomo VI, nºs 41-44, xaneiro 1954-decembro 1955, pp. 30-32). José-Martinho Montero Santalha (1993) en Carvalho Calero e a súa obra. Laiovento. Páx. 79-80, mesmo afirma que Augusto  Ulloa  Castañón estaba “algo  emparentado  coa familia da  súa  esposa”, María Ignacia Ramos, que nacera en San Pedro da Esperela (concello de Baleira), non moi distante da Casa Principal de A Pena, na freguesía de Penarrubia, de onde era oriúndo Jacobo Ulloa. Ben puidera ser que A gente da Barreira, publicada en 1951 coincidindo con este momento en que o seu autor se informa sobre a familia fidalga dos Ulloa, estivese inspirada no propio edificio que a mediados do pasado século xa se encontraba en estado de abandono e habitado por humildes labregos. Cremos que a novela Os Señores da Pena, publicada en 1984 mais escrita con anterioridade, tamén pode estar inspirada nesta mesma familia orixinaria da Casa Principal da Pena. Dáse a coincidencia ademais de que un dos personaxes do relato chámase Daniel-Danielín como así sucede na realidade coas persoas das dúas últimas xeracións que viviron e viven actualmente nesta casa de A Pena.


[1] Casa con Casilda Sotelo de Novoa Herce, filla de Benito Sotelo de Novoa Enríquez Niño, primeiro marqués de Vilaverde de Limia (deputado na Xunta Suprema do Reino de Galiza pola provincia de Ourense de febreiro a maio de 1812) e de Petra Herce de Aguilera. Por este matrimonio, descendentes da familia Ulloa adquiren este título nobiliario concedido pola Xunta Suprema do Reino de Galiza, primeiro coa denominación de marquesado de Santás e, desde 1815, de Vilaverde de Limia.

[2] Fidalgo das casas de Atalaia de Laxe, Berdoias (Vimianzo) e Vilaseco (Cee).

[3] Era natural e dona da casa de Vilafiz, xurisdición de Lugo, actual concello de Pol.

[4] Foi redactor dos xornais progresistas editados en Madrid Clamor público, La Nación, El Tribuno e Oriente, deputado nas Cortes constituíntes de 1854 polo distrito de Chantada, Director Xeral de Ultramar. Abandona os ideais progresistas e ingresa na Unión Liberal. Foi deputado polo distrito de A Fonsagrada desde 1858 a 1866 e ministro de Ultramar, da Mariña e de Fomento durante medio ano. Posteriormente, foi designado para negociar en nome de España o recoñecemento de Amadeo de Savoia como rei e, unha vez máis, ocupou os ministerios de Graza e Xustiza e do Estado nos comezos do goberno da Primeira República. Coa Restauración borbónica, saíu elixido novamente deputado (do 18 de febreiro de 1876 ao 30 de decembro de 1878) e converteuse no xefe do dos Unionistas. Morreu en marzo de 1879 aos cincuenta e seis anos.

[5] O órgano supremo da xustiza militar en España desempeñou distintas funcións e recibiu diferentes nome ao longo da historia: Consejo de Guerra (1586-1714), Consejo Supremo de Guerra (1714-1810 e 1814-1834), Tribunal Supremo de Guerra, Marina y Extranjería (1834-1869), Consejo Supremo de Guerra (1869-1875), Consejo Supremo de Guerra y Marina (1878-1931), Sala de lo Militar del Tribunal Supremo (1931-1986), Sala Quinta de lo Militar (1986…), Consejo Superior de Guerra (1931-1936), Alto Tribunal de Justicia Militar (1936-1939), Consejo Supremo de Justicia Militar (1939-1987) y Tribunal Central Militar (1987-2000).

[6] Por isto, tanto Augusto Ulloa como Saavedra Meneses, na sesión municipal celebrada o 10 de outubro de 1864, foron nomeados fillos adoptivos e predilectos da cidade de A Coruña segundo se recolle no correspondente Libro de actas e acordos.

.

[7] Artigo 108 da Lei electoral de 1870: As eleccións para deputados a Cortes serán unipersoais e por distritos. Cada provincia dividirase en tantos distritos electorais como sexan os deputados que deba elixir segundo a súa poboación.

[8] Bartolomeu Basanta Miranda naceu en Barreiros na parroquia de Cabarcos en 1812 e faleceu en Viveiro o 13 de abril de 1885. Terratenente e potentado, viviu no Pazo da Trave até a súa morte. Foi alcalde de Viveiro, senador pola Provincia de Lugo en 1872 e deputado en Cortes en dúas ocasións 1876 e 1879 polo Partido Conservador de Cánovas.

[9] O condado de Pallares foi creado por Fernando VII a favor de Manuel José Jacobo de Pallares Correa. O senador electo era Manuel María Vázquez de Parga Somoza Pallares, III conde de Pallares. Alén de político, foi xornalista e ensaísta. Accede ao seu primeiro escano no Congreso en 1857 —ano a partir do cal ostenta o título nobiliario de conde de Pallares— (representación que repetirá en 1863, 1871, 1872 e 1876; en 1877 Alfonso XII noméao senador vitalicio), e a partir de entón inicia unha actividade multifacética que inclúe a participación en iniciativas xornalísticas, a loita pola conexión ferroviaria de Galiza coa Meseta e a reflexión pública sobre os “males” que afectan a agricultura galega.

[10] Senador estraño á circunscrición, pois era natural de Granada (1879-1874) e residía en Málaga. Tamén foi senador por Badajoz. En 1853 e en 1871-1872 figuraba como un dos principais contribuíntes de Málaga.

[11] Madrid 1819 – 1903. Este candidato cunero, avogado e político español, era de familia asturiana e residente en Madrid. Foi ministro de Facenda durante o reinado de Alfonso XII. A súa carreira política iníciase en 1857 cando obtivo unha acta de deputado por Teruel. Nos dous seguintes procesos electorais non resultou elixido polo que non retornou ao Congreso até 1864 cando obtivo un escano pola circunscrición de Lugo repetindo nas eleccións de 1867 por Guadalaxara. Posteriormente, en 1876, resultou elixido senador por Lugo pasando, en 1877, a ser nomeado senador vitalicio.

[12] Cipriano del Mazo, tamén cunero, naceu en Huelva en 1827 e morreu en Londres en 1904. Foi senador e deputado, embaixador de España en Lisboa, Roma e Londres. Dirixiu en Madrid o xornal El Occidente (1856-1860) e colaborou, entre outras publicacións periódicas, no diario La Época.

[13] Vicente Calderón Oreiro (1821-1888), III conde de San Juan, foi Senador pola provincia de Lugo en 1876 e pola provincia da Coruña en 1877, 1878, 1879-1880, 1880-1881, 1884-1885, 1885-1886.

[14] Para a nosa sorpresa, encontramos como candidato ao Senado ao mesmísimo Espartero, voluntario na Guerra da Independencia, heroe na primeira Guerra carlista, presidente do Consello de ministros, rexente durante a minoría de idade de Isabel II con título de Alteza Real e personificación do liberalismo. Desde 1856, vivía en Logroño afastado do poder sen asumir ningún cargo público. A súa popularidade chegou ao máximo apoxeo no período comprendido entre o estalido da Revolución Gloriosa e a elección de Amadeo de Savoia como rei o 16 de novembro de 1870, en que se pensaba na súa persoa para ocupar a xefatura do Estado tanto como monarca como presidente da República. Nas eleccións do 2 de abril de 1872, Espartero fora elixido senador por Madrid e Logroño, pero rexeitou por motivos de saúde. Nestas eleccións de xaneiro de 1876, nas que figura como candidato por Lugo, o vello xeneral seguía gozando de recoñecemento popular no medio dos estertores da terceira guerra carlista, que rematará poucos días despois cando as forzas gobernamentais o 19 de febreiro toman o reduto de Montejurra.

[15] Xa fora candidato ao Senado en 1871. Cremos que se trata de Eduardo Chao Fernández (Ribadavia 1824 – Madrid 1887), xeólogo, naturalista, xornalista, historiador e político galego Partido Democrático.

[16] Médico residente en Lugo. Fora senador en 1872.

[17] Seguía sendo José de los Ríos Lamadrid (1802-1884), bispo de Lugo desde 1857 a 1884. Fora senador nos anos 1858-1860.

[18] Agradezo ao historiador Julio Reboredo Pazos a información que me pasou sobre Francisco de la Barrera: era un terratenente posuidor de predios non só rurais, senón tamén na cidade. O caso máis soado é a Cortiña da Cerca, herdade que ía da Porta Falsa á da Estación na cidade de Lugo, de maneira que o xardín traseiro da Deputación correspóndese practicamente con ela. Tras vender á Deputación a Cortiña para construír o Hospital de Isabel II, quedou un retrinco cara a San Fernando e outro cara á Porta da Estación; este último vendeuno (1896) a súa filla solteira, Amancia de la Barrera Montenegro, á sociedade que construíu o Teatro-Circo. A outra peza correspóndese co terreo onde o arquitecto municipal Nemesio Cobreros construíu o seu fermoso chalé afrancesado en 1888, porque casou con Sofía, a outra filla de Francisco de la Barrera. Agora está alí (desde 1950) o ambulatorio.

[19] Descoñecemos a identidade deste candidato.

[20] Nado en Monforte en 1817. Licenciado e doutor en leis na Universidade de Salamanca. Foi deputado provincial por Lugo (1840 e 1850-1869), xefe político interino de Lugo (1845), xefe político de Santander, gobernador provincial de Ourense e deputado nas Cortes polo distrito de Lugo en sucesivas lexislaturas, entre elas as constituíntes de 1869.

[21] Naceu en 1802 e morreu en 1877. Apolinar Suárez de Deza, señor de Láncara e de Bergondo, con extensas propiedades na Coruña e Lugo. Nacido en Valladolid de pais galegos, dono de varias ferrerías en Galiza e O Bierzo, senador por León e despois senador vitalicio. Este rico fidalgo era propietario do pazo coruñés de Mariñán, onde faleceu en 1877.

[22] Foi elixido concelleiro en Lugo nas eleccións municipais de 1873 canda o alcalde republicano federalista Mariano Zaera, mais o gobernador civil suspendeu os nomeamentos por ter conferidas “atribucións extraordinarias” para poder facelo.

[23] Valle Inclán introduce como personaxe na súa novela Viva mi dueño a Augusto Castañón como cuñado do protagonista, o conspirador revolucionario e esperpéntico Benjamín Fernández Vallín. De certo, este casara con Delfina de Gálvez Cañero, irmá da muller de Augusto Ulloa. Así o presenta o autor: Don Augusto Ulloa, Ministro de la Cartera de Ultramar con los Unionistas, calvo, rubio y ventrudo oboe galaico

Relacionados...

Parque eólico Serra do Puñago

En datas recentes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha resolución pola que suspende cautelarmente o inicio das obras do

Ouro en Penarrubia

Xρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴνὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγονQuen busca ouro cava moito e saca pouco.Heráclito Xacementos mineiros en Penarrubia Coñecemos as

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario