Irmáns Díaz Moreno (I). Joaquín

Na vila de Baralla existe unha rúa dedicada aos irmáns Díaz Moreno, ambos fieis servidores do réxime franquista. Un deles, Joaquín, como membro do Corpo Xeral de Policía, ocupou cargos de moita responsabilidade na represión da disidencia política desde 1941 até 1977. O outro irmán, Luis, foi designado alcalde en 1947 polo gobernador civil de Lugo e mantívose no poder durante 27 longos anos até 1974.   

Coa exaltación da memoria destas dúas persoas, o concello de Baralla está incumprindo a lei de memoria democrática e, sobre todo, está ofendendo gravemente todas aquelas persoas que sufriron represión do réxime franquista, entre os que se encontran asasinados, torturados, condenados a penas de prisión, inhabilitados e exiliados, varios deles veciños deste mesmo concello. No que publicamos deseguido, relatamos os servizos que o policía Joaquín Díaz Moreno realizou como eficiente puntal da Ditadura. Noutra ocasión, centraremos a atención no seu irmán Luís, quen, alén de compartir rúa no nomenclátor da vila con Joaquín, dá nome ao centro escolar do concello.

De 1916 a 1941

Joaquín Díaz Moreno naceu en decembro de 1916 na casa da Torre de Basille, freguesía de Santiago de Pousada, Neira de Xusá, hoxe Baralla. Fillo de Manuel Díaz Iglesias e de María Moreno Mouriz, matrimonio con oito fillos, cinco mulleres e tres varóns, dos cales o máis novo, Luís, foi alcalde franquista deste concello.

Os primeiros datos que constatamos do futuro policía no rastrexo que realizamos nos diarios oficiais encontrámolos na Gaceta de Madrid do 19 de xullo de 1934 como un dos 1.891 aspirantes a ocupar unha praza no corpo de Telégrafos. Deducimos que non superou esta oposición. Neste momento, aínda era estudante do daquela chamado bacharelato universitario. Obtén este título en 1935 á idade serodia de 19 anos, época en que, en vigor o Plan Callejo de 1926, os estudos medios comezaban aos dez anos de idade e constaban de seis cursos, tres do Bacharelato elemental e outros tres do chamado Bacharelato universitario.

Con este título na man, orienta xa a súa carreira laboral como funcionario da Dirección Xeral de Seguridade. Así, na Gaceta de Madrid de abril de 1935 figura inscrito nas probas para participar nas oposicións de Auxiliares terceiros do Corpo auxiliar de Oficinas da Dirección Xeral de Seguridade, probas que se celebran en maio deste mesmo ano. Deducimos que supera esta oposición polo que diremos deseguido. Mais, tamén cremos que, mentres non é nomeado funcionario da D. X. de Seguridade, o futuro policía opta a unha praza como administrativo da Deputación provincial de Lugo pois, en xaneiro de 1936, participa como aspirante na convocatoria que realiza esta administración local. Fracasa no propósito e a praza é adxudicada a Fernando Fernández Méndez, quen, pasados os anos, ocupará o cargo de oficial maior letrado e desempeñará en diversos períodos a secretaría xeral desta institución provincial.

Alborada (xornal editado en Lugo entre 1931 e maio de 1936). 4 de xaneiro de 1936

O 10 de agosto de 1936 todos os mozos galegos de entre 21 e 25 anos son mobilizados polo exército sublevado. En decembro, Joaquín cumpre 20 anos. Deducimos que se integraría no exército franquista en 1937 e que participaría na guerra civil como soldado durante o resto do período bélico e un tempo máis de servizo militar. Non temos constancia de que fose promovido polos militares sublevados a ningún grao de suboficial ou de oficial de complemento como sucedía nos casos en que os mobilizados fosen posuidores de titulación superior ou simplemente estudantes universitarios.

1941. Cuerpo de Investigación y Vigilancia

En novembro de 1941, desde a súa condición de auxiliar terceiro do Corpo auxiliar de Oficinas da Dirección Xeral de Seguridade, é integrado no Corpo de Investigación y Vigilancia do Corpo Xeral da policía (BOE 01/11/1941, páx. 8532). Este corpo policial xa existía con este mesmo nome na República desde 1933, mais, rematada a guerra, o franquismo levou a cabo unha profunda depuración e reestruturación. Pola Lei de reordenación dos servizos policiais, de 8 de marzo de 1941, reorganizáronse os corpos policiais e substituíuse o Corpo de Vixilancia e Investigación polo novo Corpo Xeral de Policía.

En cumprimento do disposto na Lei de Policía de marzo de 1941 e o posterior Decreto de decembro de 1941, que reorganiza a Policía Xeral do Estado e o Corpo de Policía armada, Joaquín pasou a formar parte da “Escala de execución” do Corpo Xeral de Policía que absorbeu a antigos membros da Escala Técnica do Corpo de Investigación e Vixilancia, persoal dependente do Corpo Auxiliar de Investigación e Vixilancia, Auxiliares de Oficina, antigos Axentes Condutores e Axentes Auxiliares Interinos como se recolle no BOE de 1 de novembro de 1941.

En setembro de 1946, Joaquín figura matriculado na Facultade de Dereito de Compostela, mais, como pretende compaxinar a súa ocupación de policía coa de alumno universitario, élle denegada a solicitude de dispensa de escolaridade plena. Deste feito deducimos que non realizou estudos superiores.

Temos, pois, a Joaquín Díaz Moreno como axente do Cuerpo de Investigación y Vigilancia desde o 1 de novembro de 1941 en que se publica o nomeamento no BOE. Isto é, o agora policía xa pertencera con anterioridade á vella institución armada creada no século XIX, antecedente da Policía armada. Cando estalou a sublevación militar en xullo de 1936, o Corpo de Investigación e Vixilancia contaba con case 3.800 efectivos no Estado, dos cales a meirande parte se adheriron ao bando franquista actuando como quintacolumnistas no territorio baixo o mando republicano e, no territorio baixo o poder fascista, centrando o seu cometido na obtención de información sobre a oposición e a resistencia ao franquismo. Mediante a Lei de 8 de marzo de 1941, créase o Corpo de Policía Armada, que, como se indica na exposición de motivos, estará “nutrida por aquella parte de los Cuerpos de Seguridad y Asalto, que sufrida y heroicamente han demostrado su lealtad política al Movimiento y por los combatientes ya reclutados, que se seleccionaron entre los mejores de la guerra de liberación”. Esta lei integra no Corpo Xeral de Policía e no Corpo de Policía Armada e de Tráfico, ambos dependentes da Dirección Xeral de Seguridade, os corpos de Investigación e Vixilancia, Seguridade e Asalto e Vixiantes de Camiños. En virtude desta lei, Joaquín Díaz Moreno como como Auxiliar de Oficinas da Dirección Xeral de Seguridade que era, fica integrado no Corpo Xeral de Policía. No artigo segundo desta lei recóllense as funcións deste Corpo: “El Cuerpo General de Policía tendrá como misión la información, investigación y vigilancia”.

Secretaría do Gobernador civil de Lugo

O ascenso na escala policial de Joaquín foi fulgurante como servidor do réxime ditatorial. Comeza, entre 1947-1949, como secretario de José García Hernández cando este ocupaba o cargo de gobernador civil e xefe provincial del Movimiento de Lugo. Son anos de ferreña represión franquista na provincia. O Partido Comunista provincial viña de ser desmantelado a principios do ano 1946 e 63 persoas, entre elas varios veciños do concello de Neira de Xusá, foran sometidas a consello de guerra con severas penas de condena, entre elas dúas a morte. A III Agrupación de Guerrillas antifranquista, con base en Viveiro, estende o radio de acción polos montes dos Ancares nas serras de Cervantes, As Nogais, Becerreá, Samos, Sarria, Paradela, Láncara, O Incio, O Páramo, Baralla, Castroverde e O Corgo. O cárcere provincial de Lugo e os das demais cidades galegas e do Estado están inzadas de presos políticos. Desde o Goberno civil impártense estritas ordes ás Xefaturas de Policía e a todos os destacamentos da Garda civil da provincia para controlar a poboación. O recurso á tortura é constante. Joaquín Díaz Moreno, como membro do Corpo Xeral de Policía que era, encárgase de coordinar a “información, investigación y vigilancia” desde o seu posto da Secretaría do Goberno civil de Lugo, actuando como asesor directo de García Hernández. Neste documento, datado o 23 de abril de 1947, o gobernador civil García Hernández propón ao ministro de Gobernación un veciño da parroquia de Penarrubia para ocupar un posto na corporación municipal de Neira de Xusá. Fixémonos que na nota marxinal deste documento se indica que este concello ten neses momentos 8.098 habitantes. Na actualidade, a poboación do concello de Baralla é de 2.024 habitantes, cifra que representa o 25 % da existente hai 78 anos.

Na Dirección X. da Administración Local

En 1951, Joaquín Díaz Moreno abandona Lugo e marcha a Madrid para ocupar a Secretaría Xeral da Administración local á fronte da cal está o mesmo José García Hernández como Director Xeral.

Desde a perspectiva actual en que a administración local goza de autonomía de xestión con competencias compartidas entre o ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática e cada unha das comunidades autónomas, pódenos resultar extravagante que tanto quen antes ocupaba o posto de gobernador civil como un policía da Brigada Político-social encargado da “información, investigación y vigilancia” fosen nomeados para xestionar esta dirección xeral. Mais, no réxime ditatorial isto ten ben doada explicación. García Hernández, ademais de falanxista, era avogado do Estado e, como tal, presúmese que coñecía ben o funcionamento da Administración, da única Administración xerarquizada da Ditadura. Díaz Moreno era policía co cometido de informar, investigar e vixiar. O deseño da Administración local imposto pola Ditadura trouxo consigo unha nova regulación antidemocrática e, en consecuencia, derrogou o sistema republicano vixente até entón. A centralización dos nomeamentos foi absoluta nos anos inmediatos da posguerra, xa que o Goberno designou e cesou todos os membros das comisións xestoras que se encargaron de dirixir os concellos até 1948. Podemos constatar este control nos documentos da galería de imaxes que se ofrece deseguido:

Os dous primeiros documentos conteñen o informe que emite desde a Comisaría da Policía de Lugo o axente da Brigada Político-Social Manuel Chaos Iglesias, “previa una minuciosa información”, sobre a relación de persoas propostas para desempeñar os cargos de alcalde e xestores do concello de Neira de Xusá. Para a alcaldía figura Fernando de la Peña Díaz como mellor catalogado pola súa “intachable conducta moral pública y privada, considerándole como plenamente adicta al Glorioso Movimiento Nacional… hijo de un capitán herido varias veces en acción de guerra y fallecido en 1939 a consecuencia de enfermedad adquirida en el Frente”. Mais, o informe de F.E.T y de las JONS non concorda co emitido pola policía e da listaxe decae Fernando de la Peña Díaz por non ter solicitado o ingreso en Falange e mais por ser irmán de Eurico, “expulsado do Exército do Aire” e, no seu lugar, proponse a Luís Díaz Moreno para o cargo de alcalde. Isto sucede en setembro de 1946 e, en decembro, Díaz Moreno será designado alcalde cuxo mandato se prolongará até xaneiro de 1974.

A partir de 1948, os alcaldes das poboación de máis de 10.000 habitantes eran designados polo ministro de Gobernación; e os de menos habitantes, polo gobernador civil de cada provincia dando conta previamente ao ministro. Imaxinamos a actividade frenética desta Dirección Xeral da Administración local, dependente do ministro da Gobernación, informando os nomeamentos dos presidentes das deputacións provinciais e dos cabidos insulares, dos alcaldes das poboacións de máis de 10.000 habitantes e supervisando os nomeamentos realizados polos gobernadores civís dos máis de 8.000 concellos do Estado.

Desde 1948, os concelleiros, en cambio, eran seleccionados a través dunhas peculiares eleccións nas que a representación se organizaba nos terzos familiar, sindical e de entidades. Estes terzos eran considerados polo franquismo entidades naturais das que se extraían as persoas que executaban a acción política do réxime nos seus respectivos municipios. O cargo de alcalde era de duración indefinida, e o cese tiña lugar cando o decidía o ministro de la Gobernación. En cambio, cada tres anos renovábase á metade dos concelleiros de cadanseu terzo, aínda que moitos simplemente cambiaban o terzo polo que resultaban elixidos, manténdose durante anos no cargo. No caso do terzo familiar, os requisitos para ser candidato eran: ser maior de vinte e tres anos; saber ler e escribir; ser cabeza de familia e estar inscrito no padrón. É dicir, ademais da idade, a capacidade lectora e o empadroamento, había que ser cabeza de familia, isto é, ser a persoa da que dependían os demais membros da unidade familiar. Isto, ademais de limitar a elección a unha persoa por familia, excluía a inmensa maioría das mulleres da farsa electoral.

Ser membro da Falange abría portas para cargos municipais, provinciais e administrativos que reportaban beneficios económicos. Para o acceso a estes postos, era preceptivo contar con informes favorábeis de tres instancias: a Garda Civil ou a Brigada Político-social, a Igrexa e FET y de las JONS. Para que o gobernador civil puidese remitir os nomes dos candidatos para ocuparen cargos ao ministerio da Gobernación, e para que este realizase o nomeamento, os aspirantes debían contar con informacións que sustentasen a súa «valía» e «capacitación». A militancia no Movimiento, recoñecida en informes nos que figuraban as frases «siempre de orden»; «adicto al Movimiento»; «siempre adicto al Movimiento»; «moral falangista»; e, ás veces, «puro «apolítico»… eran fundamentais para que as informacións de FET y de las JONS fosen favorábeis aos candidatos.

Pero, para ser candidato a concelleiro, segundo o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais de 1952, precisábase desempeñar ou ter ocupado o cargo con anterioridade; ser proposto por dous representantes ou antigos representantes nas Cortes, por tres representantes provinciais ou antigos representantes, ou por catro concelleiros ou antigos concelleiros do mesmo concello; ou ser proposto por un grupo de xefes de familia, veciños do municipio, nun número non inferior á vixésima parte dos electores. O cargo de concelleiro era obrigatorio e gratuíto, tiña unha duración de seis anos e a renovación dos seus titulares facíase á metade cada tres anos.

Os concellos e as deputacións provinciais eran, en definitiva, meros “órganos de xestión” e constituían o chanzo máis baixo dun sistema no que toda autoridade estaba subordinada á autoridade superior, da que dependía enteiramente. Esta era a misión da Dirección Xeral da Administración local na que Joaquín Díaz Moreno, como axente da Brigada Político-social que era, estivo integrado desde 1951 a 1957: informar, investigar e vixiar.

Tui e Vigo. Xefatura da Policía

En 1957, Díaz Moreno era Xefe da Policía de Tui e, en 1959, Delegado Especial do Director Xeral de Seguridade e Xefe da Policía de Vigo.

En Tui, Díaz Moreno estaba á fronte do control desta fronteira con Portugal. As relacións entre os dous Estados eran de estreita colaboración en virtude da sinatura, en marzo de 1939, do Tratado de Amizade e Non Agresión, que foi reafirmado en 1942 polo chamado Pacto Ibérico, que declaraba a constitución do “Bloque Peninsular”. Isto significou que o control das fronteiras e a colaboración recíproca se mantivesen inquebrantábeis. E dentro dese entendemento, o capítulo represivo contra a disidencia constituíu un piar importante á hora de fomentar esa cooperación entre ambos estados. Outro obxectivo da policía era impedir o mercado negro entre os dous lados da raia. Eran anos de miseria. As cartillas de racionamento deixaran de existir en 1953, mais as necesidades prolongáronse. Na comarca, o contrabando acabou por consolidarse como unha estrutura económica que atravesa toda a sociedade. Nel participaban as clases sociais máis baixas como medio para sobrevivir. Na fronteira de Tui, na raia  húmida, os artigos que cruzaron clandestinamente foron principalmente combustíbel, cobre, café, viño, bacallau e mesmo animais. En ocasións, os propios policías e gardas civís, en conivencia con determinados estraperlistas e a cambio de comisión, colaboraban neste mercado negro.

Anuario de Vigo. Ano XX. Número 20. 1958-1959

A Xefatura da Policía en Vigo desempeñouna Díaz Moreno por moi pouco tempo, pois en outubro de 1960 xa o encontramos en Barcelona.

Secretaría do Goberno civil. Barcelona

El Pueblo Gallego. 26 de outubro de 1960

O cargo de Gobernador civil de Barcelona era de esencial transcendencia dado que esta cidade, e a provincia, constituían un centro decisivo do movemento obreiro e do republicanismo. En Cataluña, ademais, o franquismo tiña que controlar o arraigado sentimento nacional enfrontado ao exacerbado nacionalismo español da Ditadura. Para un réxime obsesionado co control estrito da orde pública, social e política, que implicaba esmagar todo vestixio da loita de clases e da democracia, Barcelona foi un desafío salientábel para os gobernadores civís. Entre outubro de 1960 e xaneiro de 1963, foi nomeado gobernador Matías Vega Guerra, un avogado canario vencellado á burguesía das Palmas. Durante a guerra ingresara na Falange e exercera como avogado militar, feito que lle permitiu converterse nun home de confianza do réxime e ser nomeado presidente do Consello Insular de Gran Canaria en 1945, cargo que ocuparía durante quince anos. En troques, os malos resultados para a Ditadura da xestión de Vega Guerra como gobernador civil de Barcelona provocou que, en xaneiro de 1963, fose substituído no cargo coincidindo coas graves inundacións que, a finais de setembro de 1962, afectaran importantes localidades do Vallès Occidental.

Carrer de Gutemberg. Terrassa. 1962

En realidade, non preocupou tanto ao Réxime esta catástrofe natural —que causou entre 600 e 1.000 mortos, miles de feridos e varios miles de millóns de pesetas en perdas— como a proliferación das protestas contra o franquismo que se desenvolveron na cidade de Barcelona durante este ano 1962. Na primavera, o descontento social estalou nas minas de Asturias e a ditadura franquista sufriu a primeira gran folga obreira, mobilización que tamén se reflectiu en Barcelona. Un grupo de estudantes fixo desaparecer o retrato ao óleo do Ditador que presidía o paraninfo da Facultade de Medicina e no seu lugar deixou colocado un ninot.

A policía entrou no edificio da Universidade Central e detivo centos de estudantes que se manifestaban en solidariedade cos mineiros mentres entoaban a canción “Asturias patria querida”. Varios deles, conducidos a Vía Laietana 43, foron torturados. Sometidos a consello de guerra sumarísimo e acusados dos delitos de rebelión e de “vejaciones a la efigie del Jefe del Estado”, son condenados a penas de prisión.

Atestado policial que recolle o interrogatorio a un dos estudantes detidos

Entre estes estudantes estaban o escritor Manuel Vázquez Montalbán, o sindicalista Ferrán Fullà, o escritor e editor Salvador Clotas, os economistas Martí Capdevila, Andreu Mas-Colell, Isidre Molas i Batllori… Este último, un dos promotores do Front Obrer de Catalunya en 1961 e, posteriormente, catedrático de dereito constitucional, explica que, antes de ser interrogado, xa comezaban “os insultos, as labazadas, os moquetes e as patadas” e que durante a semana que permaneceu en Via Laietana 43 foi golpeado pero non torturado, debido, segundo o seu propio testemuño, aos seus vínculos familiares: “os clandestinos e os ‘colgados’ da brocha, os que non coñecían xente ben situada non tiñan nada que facer; e a diferenza entre a malleira e tortura, ás veces, dependía diso, daquela casualidade”.

Vía Laietana 43. Barcelona

Cando os sublevados tomaron Barcelona, en febreiro de 1939 neste edificio instalouse a Comisaría de Catalunya da Brigada de Investigación Social e a Sexta Brigada Regional de Información Social. Na década dos corenta, Pedro Polo Borreguero e o ourensán Eduardo Quintela Bóveda foron os primeiros responsábeis da Brigada Político-Social de Barcelona. Posteriormente, os irmáns Juan Creix releváronos na práctica de torturas. A sede da Brigada Político-Social de Barcelona foi un coñecido centro de detención e tortura nos círculos comunistas, nacionalistas, anarquistas, estudantes e obreiros. Alén das detencións por motivos políticos, tamén se realizaron por compromiso coa lingua e a cultura catalás, orientación sexual, identidade de xénero, afiliación veciñal, discriminación étnica ou racial. Aquí, os campións da ignominia eran dous torturadores, os irmáns Juan Creix, como se narra no documental L’ombra dels Creix, no que se achegan numerosas probas documentais dos feitos. Estes dous irmáns, axentes da Brigada Político-social, actuaron persoalmente e dirixiron terríbeis torturas nestas dependencias desde 1941 até 1968 en que Antonio foi destinado ao País Vasco en substitución do torturador asasinado Melitón Manzanas, tamén inspector da Brigada Político-social.

Vicente e Antonio Juan Creix

Alén dos irmáns Vicente e Antonio Juan Creix, como dixemos, participaron outros auténticos profesionais da tortura, como os comisarios Pedro Polo Borreguero e Eduardo Bóveda Quintela. Vázquez Montalbán, que sufriu torturas en Vía Laietana 43, cualificounos de “profesionais da humillación”. Polas súas mans pasaron tamén dirixentes políticos como Jordi Pujol e Joan Comorera i Soler, intelectuais como Joan Oliver ou Maria del Mar Bonet, ademais de curas, estudantes, sindicalistas, activistas da oposición e milleiros de cidadáns que, por unhas ou outras razóns, resultaban incómodos para o réxime.

Inspector Xefe. Mieres e Marbella

En 1965 encontramos a Joaquín Díaz Moreno como inspector xefe na comisaría de policía de Mieres coa encomenda de atallar dunha vez as mobilizacións obreiras que viñan sucedendo desde 1957 cando se produciron paros na mina La Calamocha e o sonado encerro de 400 mineiros no pozo María Luísa. En 1958, 20.000 mineiros secundaron a folga, decretouse o estado de excepción en toda Asturias, foron detidos 300 traballadores, 83 sometidos a xuízo, algúns deles acusados de rebelión militar e outros de sedición. En 1962 tivo lugar La Huelgona, as “folgas do silencio”, como protesta pola suspensión de emprego e soldo a 25 picadores do pozo Nicolasa de Mieres. Decretouse de novo o estado de excepción nas zonas industriais de Asturias, Gipuzkoa e Biscaia. Foron mobilizados 4.000 garda civís, policías armadas e numerosos axentes da brigada político-social. Moitas mulleres asturianas constituíron grupos de solidariedade cos mineiros encerrados, despedidos e mesmo deportados a outros territorios e tamén constituíron piquetes para impedir o acceso ao traballo dos crebafolgas. Dúas delas, Anita Sirgo e Constantina Pérez, auténticas abandeiradas da loita obreira, foron detidas en agosto de 1963, malladas no cuartel da policía municipal de Sama de onde saíron co cabelo rapado ao cero para escarnio público. O ministro de Información e Turismo, Fraga Iribarne, xustificou esta ignominia: «acto que de ser cierto sería realmente discutible, aunque las sistemáticas provocaciones de estas damas a la fuerza pública la hacían más que explicable».

A así chegamos ao 12 de marzo de 1965, o mesmo día en que hoxe, cando redactamos isto, se cumpren exactamente 60 anos dos acontecementos. 450 mineiros foran anteriormente despedidos por realizaren actividades sindicais. Días antes, unha comisión destes despedidos reunírase na Casa Sindical de Mieres para celebrar unha asemblea. Son detidos cinco dos dirixentes desta comisión e conducidos á comisaría de Oviedo. Os mineiros convocan unha manifestación para reclamar a liberdade dos detidos. Procedentes de diversas cuncas mineiras, ás 5,30 da tarde deste 12 de marzo, concéntrase miles de persoas. Despois de varias intervencións dos líderes obreiros desde o balcón da casa sindical, os manifestantes deciden desprazárense á comisaría onde supostamente se encontran os cinco detidos. E aquí prodúcense enfrontamentos entre as forzas públicas e os manifestantes, que conseguen penetrar no edificio da comisaría coa intención de liberar os presos. Mais, pronto chegaron reforzos da policía armada que cargan coas porras. Este enfrontamento provocou fonda preocupación nas autoridades e incrementouse a represión. Os cinco detidos sufriron malleiras na comisaría de Oviedo por seren considerados instigadores das protestas malia encontrárense encerrados baixo custodia policial no momento dos feitos. Numerosos manifestantes son detidos e torturados nos interrogatorios e sometidos ao Tribunal de Orden Público (TOP), creado en 1963 para reprimir as condutas consideradas delitos políticos, acusados de sedición, de asociación ilícita e de desordes públicas. A Ditadura non podía consentir que se repetisen feitos como os sucedidos en Mieres: era a primeira vez que na España de Franco alguén se atrevía a asaltar unha comisaría. Os acontecementos foron silenciados pola prensa e tan só as publicacións clandestinas ofreceron información.

Segundo José Ramón Gómez Fouz, —en Clandestinos, Biblioteca Asturiana— o tenente Tomás, o inspector xefe Joaquín Díaz Moreno e o policía armada César Fernández Lombao participaron moi activamente na contención dos manifestantes e na posterior represión. Este mesmo autor refire que —Clandestinos, páxina 106—, “por la acción policial de aquel día, Claudio Ramos solicitó medallas con distintivo rojo para los policías armadas. Fue concedida una para el teniente Tomás, otra para el policía Cesar Fernández Lombao y otras seis que el teniente Tomás repartió entre los hombres que él consideró, y otra para Díaz Moreno (con la oposición de Ramos). El inspector Valencia López recordaría siempre que fue el momento más peligroso de su vida policial. Según sus palabras, nunca vio su final tan cerca”.

Primavera en Mieres e verán, en Marbella, onde é destinado por un período moi breve. En Marbella, desde o remate da Segunda Guerra Mundial estaba asentada unha colonia de xerarcas nazis alemáns protexidos pola policía franquista. Entre eles, Otto Ernst Fritz Adolf Remer, xefe de seguridade de Hitler, que residiu pracenteiro até a súa morte en 1997. Tamén era lugar predilecto da aristocracia internacional. A Marbella daqueles anos do franquismo convertérase nunha burbulla que atraía aristócratas, artistas, transgresores, estrelas de Hollywood, xeques árabes, multimillonarios… e criminais nazis camuflados.  Mais, o policía Díaz Moreno vaise achegando a un destino de maior importancia, o Campo de Xibraltar.

No Campo de Xibraltar

En agosto de 1965 é nomeado Xefe da Fronteira Sur e Delegado de Orde Pública do Campo de Xibraltar, “un cargo que por su importancia constituye un nuevo jalón en la brillante hoja de servicios (El Progreso 27/08/1965).

Este nomeamento supón para o inspector da Brigada Político-Social Joaquín Díaz Moreno un ascenso importante porque pasa a ocupar un cargo de moi alta responsabilidade como é a Xefatura da Fronteira sur de España nas relacións con Xibraltar, co Norte de África e coas colonias españolas Ceuta, Melilla e o Sahara. A esta responsabilidade únese a Delegación da orde pública do mesmo territorio, que supón asumir as competencias sobre o mando de todas as forzas de seguridade recaendo en Díaz Moreno a totalidade dos servizos en que se estruturaba a DGS, pois desde setembro de 1939 (BOE 26/09/1939), a Dirección General de Seguridad (DGS) quedara organizada en catro servizos centrais: a Comisaría Xeral de Fronteiras, a de Información, a de Orde Pública e a de Identificación (art. 2º da lei de 23 de setembro de 1939). Os propios gobernadores civís van depender directamente do Director Xeral de Seguridade e dos seus delegados nos asuntos propios da súa competencia (art. 6º da lei de 23 de setembro de 1939). Moreno Díaz é xefe da Fronteira sur e mais delegado da orde pública no mesmo territorio. Isto é, actúa aquí con competencias propias dependendo directamente do Director Xeral de Seguridade.

Durante este período de tempo, agosto de 1965 a marzo de 1967, en que Díaz Moreno actúa como plenipotenciario no Campo de Xibraltar ten lugar, en xaneiro de 1966, un acontecemento transcendental de orde internacional: en Palomares, Almería, sucede o accidente nuclear no que a Forza Aérea dos Estados Unidos perde un avión cisterna, un bombardeiro estratéxico e as catro bombas nucleares que transportaba. Este incidente queda na demarcación territorial da Fronteira Sur ao mando de Díaz Moreno, autor da única publicación que se lle coñece “Consideraciones en torno a Gibraltar, Ceuta y Melilla”. (Razón española. Revista bimestral de pensamiento. Ano 2003, Número 117. Páx. 99-100). Máis aínda, esta época tamén coincide cos momentos de tensión entre España e o Reino Unido polos afáns descolonizadores do franquismo, que culminarán en 1969 cando o goberno español pecha a fronteira con Xibraltar. Na década dos sesenta, a reivindicación da soberanía española sobre Xibraltar converteuse nun tema fundamental na política exterior, defendida con tenacidade polo ministro Fernando María Castiella (1957-1969), coñecido nalgúns ambientes como “o ministro do Asunto Exterior”. Estas circunstancias históricas indican a importancia do cargo que ostentou Díaz Moreno e para comprobar a confianza que o Réxime ditatorial mantiña na súa persoa como fiel servidor.

Xefe Superior de Policía. Zaragoza

En marzo de 1967, Díaz Moreno sobe un banzo máis na xerarquía represora da Ditadura: o xeneral de orixe galega Camilo Alonso Vega, ministro de Gobernación, noméao Xefe Superior de Policía de Zaragoza. Durante o período de tempo (1967-1972) en que Díaz Moreno desempeñou a Xefatura Superior de Policía de Zaragoza, Fidel Ibáñez Rozas, fundador do sindicato Comisións Obreras en Aragón, en 2019 recordaba como na primavera de 1968, pouco despois de ser detido con outros 53 dos máis de 500 participantes nunha asemblea preparatoria para o 1 de maio nunha explanada dos montes do Torrero, a carón do cemiterio municipal, “me rompieron los dos tímpanos a golpes, todavía tengo tres agujeros en uno de ellos”, e recorda tamén como en 1971 volve ser torturado antes de ser condenado a catro anos de cárcere por realizar actividade sindical.

A xefatura de Díaz Moreno en Zaragoza coincide coa expansión dos movementos universitarios de protesta contra o Réxime. Os cursos 1967-1968-1969 constitúen un período de constante radicalización no movemento estudantil. Non houbo unha soa facultade que non experimentase peches e parálise da vida académica. Díaz Moreno executou ao pé da letra as ordes do seu ministro de Gobernación, o militar Camilo Alonso Vega, que permitían que a policía puidese entrar nasFacultades cando os mandos o ordenasen se en determinado prazo os reitores nonrestablecían el orden interior alterado”. Deste xeito, o papel da policía nas universidades entre 1966 e 1969 foi de intenso control e información e, desde 1968, a represión tornouse sistemática. 

Zaragoza constituía a Sétima Brigada Rexional da División de Investigación Social. As seis xefaturas superiores de policía —Madrid, Barcelona, Valencia, Biskaia, Sevilla e Zaragoza—, malia estaren subordinadas ao gobernador civil de cada provincia, tiñan autoridade de seu. (Art. 1º Lei 2 setembro 1941). Baixo o mando do xefe superior situábanse o Corpo Xeral de Policía, ao que pertencía a Brigada Político-social, e a Policía armada e de tráfico, podendo exercer colaboración coa Garda civil. Encargábanse da dirección da orde pública, de modo especial en relación coa prevención e represión da disidencia política, da perturbación do funcionamento da industria por medio de folgas, reunións, asociacións… As xefaturas superiores tamén eran competentes nas tarefas de vixilancia, sendo as encargadas de velar polo cumprimento da normativa en materia de hostalería, espectáculos públicos, hixiene e represión da prostitución, o subarrendo de vivendas ou mesmo sobre o control do aloxamento de hóspedes, cuxo número non podía superar os tres.

Así mesmo, tiñan a facultade de impoñer sancións que oscilan entre as 5 e as 500 pesetas, co fin de corrixir “la moral o decencia pública, la desobediencia a sus órdenes o falta de respeto a su Autoridad y en general toda infracción en materia de espectáculos, extranjeros, establecimientos, higiene y hospederías…” (art. 6º). Ás Xefaturas Superiores de Policía tamén lles competía “facer cumprir o réxime de estranxeiría, propoñendo razoadamente ao Gobernador Civil, para que este o solicite da Dirección General de Seguridad, a expulsión de estranxeiros cuxa estancia en España non se axuste ás normas vixentes” (art. 5º). En cumprimento deste encargo, o mesmo día 20 de decembro de 1968 en que os americanos emprenden a viaxe espacial tripulada que circunvala a lúa, Díaz Moreno preséntase con axentes de policía no hotel de Zaragoza onde se hospeda o pretendente ao trono Carlos Hugo de Borbón-Parma co mandamento de expulsión de España coa desculpa de que non tiña nacionalidade española, mais en verdade os motivos eran ben distintos: as actividades políticas que desenvolvía e as súas pretensións dinásticas irritaban profundamente os designios do Ditador, que se inclinara por outro Borbón, chamado Juan Carlos, para sucedelo na xefatura do Estado.

Diario Madrid. 21 decembro de 1968

A expulsión destoutro Borbón incómodo para o franquismo por carecer de nacionalidade española contrasta coa protección con que gozaron neste mesmo territorio altos xerifaltes do nazismo como o oficial das Waffen-SS Léon Degrelle quen, malia o goberno belga ter solicitado en tres ocasións a súa extradición, viviu pracenteiramente en Málaga até a súa morte en 1994 ou Aribert Heim, o Doutor Morte, médico do campo de concentración Mauthausen-Gusen, acusado de matar e torturar moitos reclusos mediante inxeccións directas de compostos tóxicos no corazón das súas vítimas. A Xefatura Superior de Policía de Zaragoza, durante o mando de Díaz Moreno, intensificou a represión ferreña durante o estado de excepción de tres meses declarado en xaneiro de 1969 coa finalidade de erradicar as protestas universitarias que se iniciaran en Barcelona e se estendían en todo o Estado. Innumerábeis persoas —intelectuais, estudantes, curas e dirixentes sindicais— son detidas e mesmo desterradas. Só en Zaragoza foron máis de cincuenta estudantes os detidos durante o estado de excepción. Seguindo os movementos do maio francés do 68, nos ambientes universitarios e nalgúns medios obreiros desta cidade, alén da reorganización do PC xa existente, floreceron numerosos grupos á súa esquerda: CERZ (Comités de Estudantes Revolucionarios de Zaragoza), Movemento Comunista, Longa Marcha cara a Revolución Socialista, Fronte de Liberación Popular (FLP-Felipe), FRAP, ORT etc., que desde o mando de Díaz Moreno era preciso desarticular e reprimir. A propia Comisaría General de Investigación Social da Dirección General de Seguridad, no Boletín Extraordinario. Fascículo XI, Rexistro de Saída nº 6.429, Madrid, 20 de maio de 1969, recoñece que “en Zaragoza, los servicios de Investigación Social, aprovechando la propicia coyuntura del estado de excepción, han procedido a desarticular ciertos grupos socialistas, comunistas y de agitación estudiantil que venían ya siendo objeto de vigilancia por su constante actividad con alteraciones del orden público. En total se verificaron cincuenta y tres detenciones”.

Neste destino, polos servizos prestados e méritos contraídos, o Ditador outórgalle a Joaquín Díaz Moreno a Encomienda de Número de la Orden de Isabel la Católica.

Xefe Superior de Policía. Valencia

En abril de 1972, cando Díaz Moreno é nomeado Xefe superior de Policía de Valencia, o xornal clandestino La Verdad, órgano do PC de Valencia, acabada de publicar a listaxe de 25 membros da BPS de Valencia baixo o titular “Torturadores de la BPS” referíndose a estes axentes como “asesinos a sueldo”.

Xefatura Superior da Policía de Valencia

Aquí, Díaz Moreno tivo ás súas ordes o torturador Benjamín Solsona Cortés, membro da Brigada Político-Social coñecido como El Galleta e tamén como el Billy el Niño Valenciano, quen, en 1971, un ano antes da chegada de Díaz Moreno a Valencia, en compañía do tamén famoso torturador Manuel Ballesteros, participou nos interrogatorios e torturas de vinte universitarios pertencentes ao Partit Comunista del País Valencià que permaneceron detidos 18 días sen asistencia letrada nin contacto con ningún familiar nas instalacións desta Xefatura Superior de Policía.

Polos seus servizos, El Galleta foi recompensado coa Xefatura superior de Policía de Bilbao en marzo de 1980 e, posteriormente, xa baixo o goberno de Felipe González, en 1982, coa Xefatura de Policía das Illes Baleares.

O axente Manuel Ballesteros tamén deixou un terríbel recordo entre comunistas, sindicalistas e demócratas antifranquistas en xeral. Ballesteros, que ascendeu aos máis altos cargos na loita contra o terrorismo durante a transición, foi un torturador profesional, responsábel de torturas físicas. Un antigo policía que coñecía moi ben Ballesteros naquel momento na Xefatura da Policía de Valencia lembra que “les atornillaba bien a los opositores al régimen. “Tenía una mala leche impresionante”. O filósofo e editor Vicent Raga recorda que Ballesteros era un personaxe frío e aterrador, un home capaz de todo, moi rudo e duro. “Estou seguro de que Ballesteros participou na tortura dos outros presos, ordenouno e presenciouno. Amosou unha crueldade sen límites… Puxo todo o seu esforzo na tortura; foi un torturador profesional”. Outros policías torturadores con destino nesta xefatura de policía foron Antonio Cano, Tomás Cosías García (quen en 1975 é nomeado Xefe Superior de Policía da Coruña), Jacinto López Acosta, Ángel Castellanos…

Na DGS. Secretario Xeral

Baixo o ministerio de Gobernación dirixido por García Hernández, en febreiro de1974, Díaz Moreno ocupa o cargo de Secretario Xeral da Dirección Xeral de Seguridade, que segue desempeñando cando este ministerio pasa a mans de Fraga Iribarne (decembro de 1975 a xullo de 1976).

Efectivamente, o ascenso á Secretaría Xeral da Dirección Xeral de Seguridade supón o cargo máis importante despois do Director Xeral de Seguridade. Por enriba de Díaz Moreno só están o Ditador Generalísismo Franco, o ministro de Gobernación García Hernández e o director xeral de seguridade, o xeneral Francisco Dueñas Gavilán (febreiro de 1974 – decembro 1975).

Das cinco áreas que dirixe Díaz Moreno desde esta Secretaría, dúas relaciónanse directamente coa represión política. Así, na Comisaría Xeral de Orde Pública ten competencias sobre persoas confinadas e detidas; desde a Comisaría Xeral Político-Social, reprime a disidencia política, o xudaísmo e seitas relixiosas, a masonería, controla as fronteiras, os cidadáns estranxeiros, a expedición de carnés de identidade… Desde a Secretaría Técnica, entre outros cometidos, controla Correos, Teléfonos e Telégrafos e ademais conta cun Gabinete de tradución. Isto é, desde esta denominada Secretaría Técnica, controla as comunicacións dos cidadáns. Finalmente, á fronte do Grupo de Servizos Autónomos, Díaz Moreno encárgase da censura gobernativa. Desde este órgano represivo, o barallense, secretario xeral da policía política do réxime, actúa como infame personaxe da escena do crime de lesa humanidade. Desde a Puerta del Sol de Madrid, vértice da pirámide represora do Estado, a Dirección General de Seguridad ten como misión “llevar a cabo la vigilancia permanente y total, indispensable para la vida de la Nación, que en los Estados totalitarios se logra merced a una acertada combinación de técnica perfecta y de lealtad que permita la clasificación adecuada en sus actividades y dé vida a la Policía política, como órgano más eficiente para la defensa del Estado” (Exposición de motivos da Lei de 8 de marzo de1941, por la que se reorganizan los servicios de Policía. BOE 8 abril 1941).

Roberto Conesa e outros

Pola DGS campaba desde o remate da guerra Roberto Conesa, adestrado inicialmente pola Gestapo e despois pola CIA. El foi o axente infiltrado no desmantelamento en Madrid das Xuventudes Socialistas Unificadas que derivou no asasinato das Trece Rosas; participou na detención e posterior tortura en 1948 do sindicalista José Satué Malo e da rede clandestina do PC. O mesmo superaxente Conesa seguiu vinculado á DGS nos últimos anos do franquismo e como encargado da loita contra o terrorismo durante os gobernos da chamada Transición. Conesa estivo presente nos dezasete interrogatorios acompañados de torturas a Eva Forest acusada do atentado da cafetería Rolando en 1974. En 1975 dirixiu persoalmente as torturas que lle inflixiron a Julio Gomariz, militante do FRAP…

Ás ordes de Díaz Moreno na DGS tamén estivo o sonado Antonio González Pacheco, coñecido como Billy el Niño pola rapidez con que aplicaba a tortura como lle sucedía ao lendario foraxido Billy the Kid cos disparos de revólver no Oeste americano.

Aquí, na DGS, Díaz Moreno volve coincidir brevemente co torturador Manuel Ballesteros, especialista da aplicación do tostador ás vítimas: “un somier metálico conectado a correntes eléctricas”. Mais, a listaxe de policías que participaron nas “diligencias” que acompañaban os interrogatorios das vítimas na DGS continúa nos axentes Francisco Saturnino Yagüe, Juan García Gelabert, Luis Colino Herranz, Celso Galván Abascal, Jesús Simón Critóbal

Subdirector Xeral de Seguridade

En novembro de 1976, o ministro Martín Villa nomea Joaquín Díaz Moreno Subdirector Xeral de Seguridade. O novo cargo parece de menor rango que o de Secretario Xeral que o policía barallense viñera desempeñando sucesivamente cos anteriores ministros de gobernación García Hernández e Fraga Iribarne. Agora, o novo ministro de Gobernación asígnalle a Díaz Moreno competencias en asuntos políticos, electorais e gobernación provincial (Art. 8 do Real Decreto 2.614/1976).

En 1975 o Tribunal de Orde Pública, creado en 1963 en substitución do Tribunal Militar Especial que xulgaba feitos políticos en consellos de guerra, incoou catro mil trescentos sumarios; e en 1976, case tres mil. Como axentes que instruían os atestados destes procesos xudiciais actuaban os membros da Brigada Político-Social ao mando da Dirección Xeral de Seguridade. Durante o período en que Díaz Moreno ocupou altos cargos na DGS, a represión política do franquismo incrementouse exponencialmente.

A represión acentúase

Desde finais da década dos sesenta, a oposición ao Réxime estendeuse na clase obreira e nos ambientes universitarios. A Ditadura reacciona con extrema dureza disolvendo asembleas e manifestacións, pechando universidades e exercendo violencia que ocasiona numerosos asasinatos nas intervencións policiais.

Granada e Madrid

En xullo de 1970, en Granada, tres obreiros da construción caeron polas balas policiais mentres participaban nunha manifestación. Cristóbal Ibáñez Encinas, Manuel Sánchez Mesa e Antonio Huertas Remigio eran os seus nomes. Un, cunha bala no peito. Outro, cun disparo perto do ollo. O terceiro, cun tiro no pescozo. En 1971, a Garda Civil matou polas costas o obreiro madrileño Pedro Patiño mentres colocaba un cartel de apoio aos traballadores.

Ferrol. 10 de marzo 1972

En Ferrol, o 10 de marzo de 1972, son asasinados por disparos Amador Rei e Daniel Niebla, 16 máis son feridos de bala, varias ducias son lesionados, 160 traballadores son despedidos, 101 son detidos, 60 encarcerados dos que 23 son sometidos a consello de guerra e condenados a anos de cárcere, outros 54 son sancionados con elevadas multas.

Madrid. Proceso 1001

Tres meses despois, en Madrid, foi detida a cúpula do sindicato clandestino CCOO, cuxos dez membros, en decembro de 1973, foron condenados a severas penas de prisión no coñecido Proceso 1001.

Puig Antich e Jeinz Chez. 1974

En 1974, o anarquista catalán Salvador Puig Antich e o alemán Jeinz Chez foron condenados a morte polo Réxime con sede de vinganza tralo atentado contra Carrero Blanco.

Galiza. 1975

Con Joaquín Díaz Moreno con responsabilidades de mando na DGS, o 1 de maio organízase en Vigo unha manifestación convocada pola Liga Comunista Revolucionaria (LCR) e a Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriótica (FRAP). Un garda civil, para reprimir a manifestación que decorría pola rúa con bandeiras e panfletos “subversivos”, desde o seu domicilio, realiza dous disparos coa pistola. O destinatario era Eduardo Pahino Torres (Tomás), que acababa de cumprir 18 anos e dirixía a manifestación. A vítima foi o traballador de Unión Fenosa, Manuel Montenegro Simón, que estaba de servizo na estación do Troncal. Mirou polo enreixado para ver os incidentes que se estaban a producir na rúa e un dos disparos alcanzouno provocándolle a morte. Un ano despois, o Tribunal de Xustiza da VIII Rexión Militar absolveu de toda culpa por esta morte o garda civil Justo Arias Sanfiz, autor do tiroteo, que actuara, segundo a sentenza, “en cumprimento do seu deber”. Nisto consistía o deber das forzas represivas: reprimir as manifestacións e matar traballadores que participaban nelas reclamando os seus dereitos. A represión estendeuse polo Estado.

Este mesmo día, en Ferrol, foron detidas dez persoas durante a xornada por mor dos conatos de manifestación convocados pola UPG, CCOO e o PC. En Santiago foron detidas 14 persoas por repartir propaganda da UPG. Este mesmo día, constitúese o Sindicato Obreiro Galego (SOG), propiciado pola Unión do Povo Galego (UPG) coa finalidade de organizar a clase obreira galega.

27 de Setembro 1975

Xosé Luis Sánchez Bravo e Humberto Baena Alonso, militantes vigueses do FRAP, emprenderon unha colecta para inserir no Faro de Vigo un obituario en homenaxe a Manuel Montenegro Simón, asasinado pola Garda civil o 1 de maio, trasladando á familia a solidariedade de “obreiros, empregados e amas de casa nestes momentos de dor”. Ao día seguinte da publicación, a policía comezou a deter os participantes na colecta, polo que ambos fuxiron a Madrid. Eles serían as últimas vítimas do franquismo, que os asasinou o 27 de setembro dese mesmo ano, só dous meses antes da morte do Ditador. Canda eles, o 27 de setembro de 1975, foron executados Ramón García Sanz, tamén militante da Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriótica (FRAP), e os militantes de ETA Jon Paredes Manot (Txiki) e Angel Otaegi.

Moncho Reboiras. Agosto 1975

Xosé Ramón Reboiras Noia (Moncho Reboiras), militante da clandestina Unión do Pobo Galego (UPG), era coñecido da Dirección General de Seguridad desde as folgas obreiras de Vigo de 1972. Implicado na loita contra a represión franquista, traballou activamente na dinamización da fronte sindical, por medio do SOG; na fronte labrega, coas Comisións Labregas; na estudiantil, coa creación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), e na Fronte Cultural Galega, que aglutinou diferentes entidades na defensa da cultura e da lingua galegas.

O control que os policías da Brigada Político-Social viñan realizando permitiulles localizar no mes de agosto a Moncho Reboiras, Elvira Souto e Lois Ríos en Ferrol. Estes dous conseguen fuxir.  O día 11, a policía rodea o edificio onde se encontraba Moncho Reboiras, que escapa cara ao tellado. Resoan os estalos de metralladora. Cando descende, é executado polos disparos da policía. No informe policial, dise “el fugitivo se refugió en un portal, cerrando la puerta, por lo que se le requirió durante más de una hora por medio de megáfono para que se entregara, haciendo caso omiso al requerimiento. Hubo necesidad de violentar la puerta y por un resquicio lanzar una granada de gases lacrimógenos, respondiendo el perseguido con disparos de pistola. Se volvió a lanzar otra granada, y pasados unos momentos, al no salir el sujeto, se penetró en el portal con las debidas prevenciones, hallándosele muerto”. A autopsia contradí esta versión cando constata que “el reconocimiento detallado de la masa encefálica no permitió el hallazgo de ningún proyectil” e o forense no seu informe indica que constan tres disparos na súas costas, os que lle causaron a morte. En 2009, por iniciativa do deputado no Congreso Francisco Rodríguez (BNG), o Goberno español presidido por José Luis Rodríguez Zapatero concedeu a Reboiras a “reparación moral”, demostrando que “en defensa do movemento sindical e da súa militancia política nacionalista, sufriu de xeito ilexítimo persecucións e violencias que o levaron á morte en Ferrol”.

Vitoria-Gasteiz. Marzo. 1976

Franco está morto desde poucos meses antes, mais o franquismo prosegue con todo o seu rigor. Os ministros de Gobernación, a Dirección General de Seguridad e todos os gobernadores civís dispoñen as forzas armadas para impedir a disidencia política e as mobilizacións nas rúas.

O 24 de febreiro, as Forzas de Orde Pública asasinan en Elda o traballador de orixe galega Teófilo del Valle Pérez (Silleda 1956 – Elda. Alicante 1976) que participaba nunha manifestación con motivo da folga do calzado.

Unha semana despois, o 3 de marzo de 1976 quedou na historia da chamada Transición como unha data negra na que a monarquía posfranquista encheu de barbarie e morte as rúas de Vitoria-Gasteiz. Ese día, cinco traballadores morreron e máis dun cento resultaron feridos, a maioría de balas, como consecuencia dos disparos da policía armada ao desaloxar a igrexa de San Francisco de Asís do barrio de Zaramaga, previamente gaseada, na que se celebraba unha asemblea de traballadores en folga. Para as cinco da tarde fora realizada esa convocatoria nese lugar de culto, onde adoitaban celebrarse as reunións das comisións representativas das empresas en loita para informar dos novos acontecementos.

Os cinco traballadores asasinados en Vitoria-Gasteiz o 3 de marzo de 1976

A policía deliberadamente permitiu que a igrexa se enchese con perto de cinco mil obreiros, quedando un número similar no exterior, e nese momento ordenou o seu desaloxo. A multitude alí reunida, temendo ser golpeada e atacada á saída, negouse a abandonar o templo. Malia estaren estes recintos relixiosos protexidos polo Concordato, as Forzas Armadas accederon ao interior e dispararon gases lacrimóxenos e material antidisturbios, polo que, asustados e asfixiados, os alí congregados comezaron a saír, momento no que a policía procedeu a golpear e disparar indistintamente tanto aos que intentaban fuxir como aos que se encontraban no exterior.

Os membros da policía participantes felicitáronse por ter realizado máis de mil disparos, por ter producido unha masacre e por ter contribuído á maior malleira da historia. As gravacións existentes foron recollidas a través da frecuencia FM da canle policial e consérvanse na actualidade. Nestes documentos, constátase a mentalidade represiva:

Por cierto, aquí ha habido una masacre. Cambio.

—¿Qué tal el asunto por ahí? Cambio.

—Te puedes figurar, después de tirar igual mil tiros y romper toda la iglesia de San Francisco, cómo está la calle. Cambio.

—Muchas gracias, buen servicio. Cambio.

Os procedementos xudiciais abertos, tras varios percorridos por diversos xulgados e tribunais, acabaron finalmente na xurisdición militar que, recoñecendo que os feitos considerados eran en principio constitutivos de delitos de homicidio, ditou auto de sobresemento por non existir motivos suficientes para acusar a persoas concretas dos mesmos. Tampouco foron atendidas posteriores reclamacións perante o Estado por responsabilidade civil.

Montejurra. Maio. 1976

Dous mortos e trinta feridos. Individuos armados de extrema dereita, en conivencia coa Policía e a Garda Civil, atacaron os seguidores de Carlos Hugo Borbón-Parma, que aspiraba á coroa española e defendía o federalismo progresista como sistema político para o Estado. No ascenso do monte, José Luis Marín García-Verde, comandante retirado do exército, coñecido como “O Home da gabardina”, disparou mortalmente a Aniano Jiménez Santos, militante da Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC). Xa no cumio de Montejurra, sucédense os disparos un dos cales provoca a morte de Ricardo García Pellejero.

Segundo se soubo posteriormente, desde a Dirección Xeral da Garda civil ofrecéranse aos organizadores do ataque paus, metralladoras, munición e material de comunicación. Estes crimes formaron parte dunha operación de Estado perfectamente planificada co obxectivo de desmantelar as aspiracións políticas do movemento carlista, que, alén de ser alternativa democrática á ditadura, pretendía a Coroa de España na persoa de Carlos Hugo de Borbón-Parma”.

Os graves feitos acontecidos Montejurra non foron “una pelea entre hermanos“, como xustificou o ministro de Gobernación Fraga Iribarne, senón un plan urdido nos altos poderes do Estado. Neste plan tiveron especial protagonismo, ademais do propio Fraga Iribarne, o xeneral Ángel Campano López, Director Xeneral da Garda Civil, e toda a cúpula da Dirección Xeral de Seguridade, na que ostentaba cargo o policía barallense Joaquín Díaz Moreno.

Todo o que aconteceu ese día en Montejurra foi consecuencia da denominada “Operación Reconquista”, ideada polo propio aparello do Estado coa intención de dar un golpe definitivo ao carlismo democrático e, con el, a calquera liña dinástica que puidese eclipsar o rei nomeado por Franco, Juan Carlos de Borbón. Así o publica o diario El País, 9-5-2006: “…el fallecido general Sáenz de Santamaría, entonces jefe del Estado Mayor de la Guardia Civil, declaró en su día que, con la intención genérica de «reconquistar Montejurra» y arrebatarla a los que calificaban como «rojosmarxistas», el Gobierno de Arias tomó en consideración la operación, bautizada como Reconquista, y coordinó los contactos con los dirigentes carlistas Sixto de Borbón y José Arturo Márquez de Prado bajo la coordinación del Ministerio de la Gobernación. Dinero ingresado en bancos de Santander, Vitoria, Logroño, Pamplona y Burgos sirvió para financiar el desplazamiento de mercenarios de los grupos ultraderechistas Guerrilleros de Cristo Rey, Batallón Vasco Español, Internacional Fascista Italiana y la Triple A argentina…” O 5 de novembro de 2003, a Audiencia Nacional recoñece a Aniano Jiménez Santos e Ricardo García Pellejero a condición oficial de Vítimas do Terrorismo.

Vítimas de terrorismo de Estado, engadimos nós, pois así o proban documentos oficiais feitos públicos en 2023 que corroboran a implicación do Ministerio de Gobernación, da Dirección General de Seguridad e do gobernador civil de Navarra na participación de bandas ultradereitistas organizadas desde o Estado e na permisividade das forzas armadas presentes nese lugar para evitar a masacre. Un dos documentos é esta carta, datada o 21 de abril de 1976, dirixida polo gobernador civil de Navarra, o falanxista José Ruiz de Gordoa Quintana, a M. Fraga Iribarne, daquela Vicepresidente para Asuntos do Interior e Ministro de Gobernación con Arias Navarro. Nela, corrobóranse todas ás sospeitas que, durante 47 anos, atribuían os acontecementos de Montejurra a planificación desde os poderes do Estado.

Nesta nota confidencial que reproducimos figuran datos da organización dos grupos ultradereitistas para a asistencia ao acto de Montejurra: nomes dos dous responsábeis da organización, cálculo dos asistentes por provincias co número de autobuses de cada unha delas ao seu dispor, orzamento de gastos entre os que se inclúen 200.000 pesetas para a compra de 2.000 garrotas de campo e, finalmente, carta do ministro Fraga Iribarne na que, en agradecemento por “los muchos y difíciles servicios prestados”, lle comunica ao gobernador civil a concesión da Gran Cruz de Isabel la Católica.

De 1977 en adiante

Na segunda quincena de novembro de 1976, as Cortes aproban a última lei fundamental do franquismo, a Lei 1/1977, de 4 de xaneiro, para a reforma política, que, o 15 de decembro seguinte, é sometida a referendo. A chamada Transición democrática senta as súas bases nunha lei franquista defendida nas Cortes por Miguel Primo de Rivera y Urquijo, sobriño do fundador de Falange, neto do xeneral Miguel Primo de Rivera e futuro senador por designación real. Entre a ruptura co sistema franquista e a reforma desde o interior do propio sistema, imponse a alternativa da reforma outorgada desde o poder que detentan as mesmas persoas e as mesmas institucións do Réxime. O Xefe do Estado, designado polo Ditador en 1969, ocupa a máis alta maxistratura. O Exército continúa cos mesmos mandos. Os membros do Poder Xudicial seguen sendo os mesmos: a maioría dos xuíces do xulgado franquista encargado da represión dos “delitos políticos” (o TOP) pasa a ocupar postos na nova Audiencia Nacional e no Tribunal Supremo. A policía segue practicando a tortura e reprimindo a golpe de porra e disparos manifestacións cidadás.

O 2 de xuño de 1977 (BOE de 04/06/1977), Martín Villa, ministro de Gobernación, cesa a Joaquín Díaz Moreno como Subdirector Xeral de Seguridade. Isto sucede trece días antes das primeiras eleccións posfranquistas, celebradas o 15 de xuño. A razón do cese parece evidente: Joaquín Díaz Moreno coincide máis co franquismo sociolóxico representado pola opción política Alianza Popular do seu amigo Fraga Iribarne que coa UCD, conglomerado electoral de centrodereitas integrado por franquistas reciclados, liberais, democristiáns…, no que se integrou nesa época Martín Villa. Desde esta data, cando Díaz Moreno ten 61 anos, nin nos boletíns oficiais nin nas hemerotecas volvemos encontrar información sobre este fiel servidor da Ditadura até 1985 en que a revista Interviú, como nos recorda o sociólogo Eugenio Pordomingo en Espacios europeos, publica que Fraga Iribarne, presidente de Alianza Popular, recibira en 1976-1977 información gravada ilegalmente por funcionarios de policía obtida nas sedes de diversos partidos políticos. Recordemos que o policía Díaz Moreno, amigo do político, desempeñara o cargo de Secretario Xeral da Dirección Xeral de Seguridade mentres Fraga ocupa o ministerio de Gobernación en 1975-1976 e, baixo o ministerio de Martín Villa, até principios de xuño de 1977. “Os datos baseáronse nunha denuncia da clandestina USP (Unión sindical de Policía, sindicato de carácter progresista fundado en decembro de 1978 e legalizado en 1979), segundo a cal o entón subdirector da policía, Joaquín Díaz Moreno, tiña destinados axentes das brigadas de información para levar a cabo determinadas tarefas que despois foron enviadas a Fraga. Estas actividades, prosegue dicindo Eugenio Pordomingo, concentráronse con maior intensidade entre os anos 1976 a 1978. Non obstante, segundo os denunciantes, a conta corrente de Díaz Moreno foi debidamente incrementada nun banco da Fonsagrada, provincia de Lugo”. O propio Fraga Iribarne realiza desmentidos na prensa como este publicado o 2 de xullo de 1977 en El Pueblo Gallego.

El Pueblo Gallego. 2 de xullo de 1977

Joaquín Díaz Moreno, “fillo ilustre” de Baralla cuxos méritos como servidor da Ditadura seguen aínda hoxe recoñecidos cos seus apelidos no nomenclátor da vila, en Barcelona actuou como brazo dereito do Gobernador civil; foi xefe de policía en Tui, Vigo, Mieres e Marbella; no Campo de Xibraltar, ademais de ser xefe da Fronteira Sur, tamén foi Delegado da Orde Pública. En Zaragoza e Valencia foi Xefe Superior de Policía. Ocupou cargos relevantes na Dirección General de Seguridad en Madrid. Na súa sede, situada no madrileño edificio da Puerta del Sol, practicouse sistematicamente a tortura en toda a etapa franquista e tamén na denominada “Transición democrática”. Desde aquí impartíanse as técnicas policiais de tortura e represión que se reproducían nas comisarías do Estado. Díaz Moreno tivo ás súas ordes a Brigada de Investigación Social, coñecida como a Político-Social, instrumento fundamental da represión que se encargaba da descubrir e desmantelar os movementos de oposición ao franquismo por medio da tortura. En todas as comisarías do Estado se practicaron torturas, mais nalgunhas dos destinos onde Díaz Moreno ocupou a xefatura foron escenario dos métodos máis sinistros do terror.

Medallas

O policía gran torturador Antonio González Pacheco (Billy el Niño) foi merecedor de cinco medallas. Joaquín Díaz Moreno superouno pois a Ditadura compensouno con oito: seis civís e dúas militares.

Caballero de la Orden de Cisneros

Caballero de la Orden de Cisneros

A primeira das medallas con que é compensado Joaquín Díaz Moreno, en 1956, é a Cruz de Caballero de la Orden de Cisneros. Fora creada por Franco en 1944 “como galardón al mérito político” para premiar os importantes servidores do Réxime. Como indica o artigo 3° da Orde que a regula, el “Jefe Nacional del Movimiento es el Gran Maestre de la Orden, Jefe Supremo de la misma, quien la regirá plenamente, encarnando los valores y virtudes que representa”. Por suposto, o Jefe Nacional del Movimiento era o propio Ditador, auxiliado polo Ministro Secretario General del Movimiento. Convén subliñar que o outorgamento desta Cruz recoñecía un premio ao mérito político, isto é, ao fervor na defensa da Ditadura e que a maioría das persoas galardoadas con ela eran altos mandos da xerarquía dos tres exércitos e/ou afiliados da FET y de las JONS.

Orden Imperial del Yugo y las Flechas

Orden Imperial del Yugo y las Flechas

En 1964 recibe a Orden Imperial del Yugo y las Flechas, outorgada polos servizos prestados mentres era Xefe da Fronteira Sur e Delegado de Orde Pública do Campo de Xibraltar. Esta orde foi creada polo bando rebelde en plena guerra civil e estivo en vigor até a súa abolición formal o 21 de outubro de 2022. Foi establecida polo Decreto 373, do 10 de outubro de 1937, coa finalidade, segundo se recolle no artigo primeiro, de ser o “supremo galardón del nuevo Estado al mérito Nacional”.

Cruz al mérito policial con distintivo rojo

En 1965, Cruz ao mérito policial con distintivo vermello, condecoración da que informa o xornal La Noche de 27 de xullo de 1965. Desde 1943, existían as medallas ao mérito policial. En 1964, por medio da Lei 5/1964, de 29 de abril, créanse tamén as cruces para “quienes observen las virtudes de patriotismo, lealtad y entrega al servicio en el más alto grado, y que, al mismo tiempo, fomente la interior satisfacción y estímulo en todos los funcionarios de la Policía Gubernativa”. Estes recoñecementos, segundo contempla o artigo 8º da lei, llevarán siempre anejas las pensiones que se indican, proporcionales al sueldo del empleo que disfrute el funcionario en el momento de su concesión, o del que vaya alcanzando en lo sucesivo que, no caso da cruz don distintivo vermello, supón o incremento do dez por cento.

Encomienda de número de Isabel la Católica

A Encomienda de Número de la Orden de Isabel la Católica élle concedida en 1967 polos seus servizos prestados no Campo de Xibraltar como Xefe da Fronteira Sur e Delegado de Orde Pública do Campo de Xibraltar coincidindo co seu novo destino como Xefe Superior en Zaragoza. Esta orde fora creada por Fernando VII en 1815. Consta nove graos. Ao policía barallense outórganlle a Encomenda de número, que constitúe o terceiro rango en honor, despois do Colar e a Gran Cruz, nomeamentos estes dous que se publican no BOE. O regulamento que rexe a concesión desta Orde, no artigo primeiro, indica que “tiene por objeto premiar aquellos comportamientos extraordinarios de carácter civil, realizados por personas españolas y extranjeras, que redunden en beneficio de la Nación o que contribuyan, de modo relevante, a favorecer las relaciones de amistad y cooperación de la Nación española con el resto de la comunidad internacional”.

Gran Cruz de la Orden del Mérito Civil

A Gran Cruz da Orde do Mérito Civil fora creada por Alfonso XIII, a proposta de Miguel Primo de Ribera, en 1926, e concédese a cidadáns españois ou estranxeiros que realizaron servizos relevantes para o Estado. En 1931, o goberno republicano aboliu esta medalla e o Ditador volve instaurala por Decreto do 7 de novembro de 1942para premiar actos de carácter civil realizados por los funcionarios dependientes del Estado, Provincia o Municipio, o personas que, ajenas a la Administración, presten o hayan prestado servicios eminentes de tal carácter”. Consta de seis categorías das que a de maior rango é a Gran Cruz con que se premian os servizos de Joaquín Díaz Moreno.

Cruz al Mérito Aeronáutico

A Cruz ao mérito Aeronáutico con distintivo branco con que é de novo honrado en 1972 ten como finalidade premiar os membros dos tres Exércitos, da Garda Civil e doutros civís por realizaren accións e feitos ou prestaren servizos de destacado mérito. A Cruz con distintivo branco “concédese por méritos, traballos, actuacións, feitos ou servizos distinguidos, que se realicen durante a prestación de misións ou servizos que con carácter ordinario ou extraordinario sexan encomendados ás Forzas Armadas ou que teñan relación coa Defensa”.

Medalla de Plata al Mérito Policial

A Medalla de Prata ao Mérito Policial, que recibe en 1975 cando ocupaba o cargo de Secretario Xeral da Dirección Xeral de Seguridade e o seu protector García Hernández era ministro de Gobernación. Esta honra trae aparellados cuantiosos beneficios económicos dado que supón a exención do imposto das rendas do traballo tanto en activo como, posteriormente, na xubilación (Art. 165.2.10 da Lei 41/1964, de 11 de xuño, de Reforma do Sistema Tributario).

Gran Cruz de la Orden del Mérito Militar

A medalla Gran Cruz da Orde do Mérito Militar, con distintivo branco non leva consigo vantaxes económicas e outórgase a membros do exército, aínda que, excepcionalmente, tamén a algúns civís por méritos, traballos, accións ou feitos ou servizos distinguidos que realizan durante a prestación de misións ou servizos que lle sexan encomendados de xeito ordinario ou extraordinario ás forzas armadas ou á defensa. Foille concedida polo daquela ministro do Exército Félix Álvarez Arenas Pacheco, cando Carlos Arias Navarro era presidente do Goberno, naqueles tempos convulsos posteriores á morte do Ditador e aínda moi recentes as últimas execucións franquistas do 27 de setembro de 1975.

Na nómina de policías selectos

Na páxina 471 de única historia oficial da policía española, Historia de la Policía Española (Declarada Benemérita). La Policía del Reino. La Policía Republicana. La Policía del Régimen y la Policía Democrática, Madrid 2000, cuxo autor é Julio de Antón López, Comisario del Cuerpo Nacional de Policía e preceptor que foi do actual rei Felipe de Borbón desde 1976 a 1983, figura Díaz Moreno na nómina dos mellores profesionais, engadimos nós, ao servizo da ditadura franquista:

“ En un análisis de policías condecorados y/o premiados reiteradamente por motivos profesionales e historial de servicios y que luego destacarán en periodos posteriores suenan los que siguen, entre otros: Vicente Reguengo (González), Antonio Juan Creix, Eduardo Comín Colomer, Antonio Viqueira (Hinojosa), Saturnino Yagüe (González), José Sainz (González), (Luis) Navarro Miejimolle, Meliton Manzanas (González), Gregorio Ayuga (Sánchez-Gabriel), (Claudio) Ramos Tejedor, (Eduardo) López de Maturana (García), (Juan José) Piédrola Gil, Evelio Calatayud (Sanjuán), Joaquín Díaz Moreno, Mario Arroyo, Roberto Conesa (Escudero), (Juan) García Gelabert, Conrado Delso (Pérez), Carlos Anechina (Checa), Cecilio Mirasierra, Tomás Agrela (Fernández), Andrés Magdalena, Antonio (González) Pacheco… Deste último, o autor omite o seu primeiro apelido “González”, o torturador de triste memoria coñecido como Billy el Niño.

Destes vinte e tres, os nomes de cando menos once (Antonio Juan Creix, Saturnino Yagüe González, José Sainz González, Melitón Manzanas González, Claudio Ramos Tejedor, Roberto Conesa Escudero, Juan García Gelabert, Conrado Delso Pérez, Carlos Anechina Checa, Tomás Agrela Fernández, Antonio González Pacheco) foron declarados torturadores polas súas vítimas. Outros, por seren xefes, ordenaron ou permitiron a práctica da tortura por parte dos seus subordinados. Un deles, Juan García Gelabert, con destino na DGS en Madrid, en febreiro de 1946, desprazouse a Lugo para “practicar diligencias”, así designaban os interrogatorios con torturas, aos nosos veciños Alfonso de Caldeiro, da casa de Caldeiro de A Pena, e Pedro de Mariano, dos Mazos de Neira de Rei.

Torturadores e vítimas

A Ditadura empregou sistematicamente a tortura para reprimir os inimigos sospeitosos. O propio Foreign Office, nun informe sobre España datado en 1949, recoñece que “todos os casos políticos caen dentro da Brigada Político-Social que actúa por orde do Xefe Superior de Policía. O interrogatorio dun prisioneiro pode incluír o uso de crueis artefactos, tendentes a forzar as declaracións posteriormente chamadas confesións. Como reciben un extra, os mal pagados policías tenden a usar métodos cada vez máis violentos e a prolongar canto sexa posíbel o illamento dos presos para obter unha confesión. Cando remata o dossier, o preso é trasladado a unha das prisións e pasa á xurisdición militar”. (The National Archives, Foreign Office, 371/79687. Londres).

A tortura durante a Ditadura e nos anos da Transición política foi práctica habitual. As forzas públicas, policía e garda civil, gozaban de carácter militar e a xudicatura tamén estaba ao servizo do réxime polo que non existía ningún tipo de control e os torturadores gozaban da impunidade máis absoluta. O emprego da coacción permite obter información, mais esta información non necesariamente ten por que coincidir coa verdade. Ao contrario, o uso da tortura aumenta a probabilidade de que os presos confesen información falsa e inexacta. As tensións que experimentan durante estes interrogatorios cáusanlles tanta confusión que son incapaces de distinguir entre o que é real e o que é imaxinario. En tales situacións, os torturados confesan aos interrogadores o que estes queren escoitar para deter a tortura.

Na década dos corenta, a Ditadura española seguía os métodos da Gestapo, a policía do nazismo, que se caracterizaba pola crueldade extrema empregando todo tipo de sistemas e técnicas para obter as confesións dos detidos. Posteriormente, despois da sinatura do acordo de bases cos Estados Unidos en 1953, varios policías da Brigada Político-Social viaxaron a ese país para seguir cursos da FBI e da CIA sobre contraespionaxe e novos métodos de interrogatorio.

Con estas prácticas, os torturadores pretendían converter as persoas máis xenerosas e solidarias en traidores que delatasen e vendesen os seus compañeiros de loita, e pretendían que, en definitiva, persoas dignas se transformasen en seres indignos e humillados para sempre.

Por isto, comprendemos o desacougo producido pola tortura, marcado con ferro candente na vida de tantas vítimas do franquismo entre as que figuran varios veciños do concello de Baralla e, en concreto, dous do Val de Neira de Rei, Alfonso de Caldeiro, da nosa parroquia de Penarrubia, e Pedro de Mariano, dos Mazos de San Martín. E como eles dous, tantas persoas que sufriron crueis suplicios como a colocación de caldeiros metálicos invertidos sobre a cabeza con fortes golpes para quebrar os tímpanos, de correntes eléctricas en diferentes partes do corpo aplicadas con intensidade variábel, a disposición da metade inferior do corpo tendido nunha mesa coa parte superior suspendida no aire para que a persoa torturada seguise mantendo a horizontalidade, a inmersión da cabeza na auga para producir o afogamento… Quen foi torturado unha vez permanece torturado até o fin dos tempos e non importa que a súa vida continúe, que a súa memoria se abstraia e que cicatricen as súas feridas, porque nalgún recuncho de si mesmo, lonxe da vista dos demais, lonxe da súa propia vista, leva o selo candente dunha dor inextinguíbel. (Jonathan Martínez. La historia oficial. Txalaparta. Tafalla. 2022).

Lei memoria democrática

Sabemos quen foi Joaquín Díaz Moreno. Do aquí exposto sobre os seus servizos á Ditadura franquista como membro do Corpo Xeral de Policía con responsabilidades de mando sobre subordinados que violaron sistematicamente os dereitos humanos de tantas vítimas que sufriron represión por medio de torturas, asasinatos, execucións, penas de privación de liberdade, inhabilitacións, desterro…, declaramos que constitúe unha ignominia que os seus apelidos sigan a figurar no nomenclátor da vila de Baralla. Este feito, ademais de atentar contra a memoria das súas vítimas, contravén flagrantemmente a Lei 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática, que no seu artigo 35, afirma que se “considera elementos contrarios á memoria democrática os edificios, construcións, escudos, insignias, placas e calquera outro elemento ou obxecto anexo a edificios públicos ou situados na vía pública que conteñan mencións conmemorativas en exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar e da Ditadura, os seus dirixentes, os participantes no sistema represivo ou as organizacións que apoiaron a ditadura”.

Relacionados...

Suso de Moreno

12 de outubro 2024 Hoxe quedamos sen ti, Suso de Moreno. Sabemos que loitaches con forza e con optimismo até os últimos

Parque eólico Serra do Puñago

En datas recentes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha resolución pola que suspende cautelarmente o inicio das obras do

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario