Inocencio. In memoriam

15 novembro 2022

Esta mañá fóisenos Inocencio, o Taberneiro de Val. Na tardiña do pasado 26 de outubro fun á Taberna tomar unha cervexa e alí, como sempre, estaba Inocencio detrás do mostrador. Pasaba das 8. Non había nese momento ninguén máis. Escurecía. Na pantalla do televisor falaban do incremento dos prezos da enerxía eléctrica e foi Inocencio quen iniciou a conversa con este motivo. ¡A onde imos parar con estas facturas da luz! A elevada inflación serviu de motivo para seguir conversando. Despois xa pasamos a temas relacionados con tempos afastados. Recordamos a xente que vivía na década dos cincuenta e sesenta no lugar de Val. Fixemos un repaso casa a casa: Forxa, Pedreira, Iglesia, Asturiano, Barbeiro, Furoco e despois Santín, Val, Verdeal, Veiguiña, Gavelo, Xan, A Pinguela, O Xastre, Perón, O Nuño, O Chalé, Manolín, A Penela, O Bochinche… De todas as casas e de cada unha das persoas que as habitaban, coa mente en perfecto estado aos seus 90 anos, acordábase Inocencio con detalle. Fulano e a muller marcharon para Madrid, xubiláronse e agora fixeron unha casa e viven cerca de Becerreá, veñen por aquí de cando en cando; os destoutra casa marcharon para Bilbao, antes viñan pasar as vacacións, pero xa hai moito que non veñen; esta casa do lado está abandonada e os herdeiros non veñen nunca… Quedamos moi pouca xente en Val, a maior parte das casas están pechadas… E así fomos debullando recordos de moitas persoas coas que convivimos na parroquia e doutras que actualmente viven lonxe.

Inocencio, desde a atalaia do mostrador da Taberna, coñecía todo canto sucedía na contorna, pero endexamais se entremetía nos dixomedíxomes que se comentaban. Era unha persoa circunspecta, discreta e moi respectousa cos demais. El foi testemuña das alegrías con que se celebraban acontecementos familiares e tamén das penurias de quen non podía pagar ao contado o litro de aceite, o quilo de arroz, a cántara de viño e o bacallau necesario para a comida da malla. Despachaba o que se lle pedía, anotaba no seu caderno e xa me pagarás cando poidas… E tamén, cando era un neno quen acudía facer os recados que lle encargaban na casa, Inocencio tiña para el un caramelo, un figo paso ou calquera outra lambetada que tiver de man.

Descansa en paz, Inocencio.

Relacionados...

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Novos valores catastrais

15 de setembro de 2023 Nestes días de setembro, están chegando as notificacións dos novos valores catastrais que adquiren as terras e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario