Covas, Recesende… 1946

Primavera de 1946. A Ditadura vai cumprir dez anos de represión nestas terras de Neira de Xusá. Mais aquí enfróntase con organizacións clandestinas que se opoñen ao Réxime por medio de militantes de partidos políticos republicanos e de accións guerrilleiras que procuran a restauración da democracia. Son tempos de ilusión. O franquismo está illado internacionalmente desde a derrota do nazismo en Europa. Neste mesmo ano de 1946, España fica excluída da Conferencia de San Francisco, que dá lugar ao Tratado fundacional da ONU, á que si acoden republicanos do exilio como observadores.

Viñeta do debuxante estadounidense John F. Knott (1945) que representa o xeneral Franco coa esvástica nazi ameazado pola súa colaboración coas potencias do Eixe na Segunda Guerra Mundial

O 12 de decembro, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aproba a resolución 39 (I) , pola que se lle nega a España a entrada na organización e se recomenda aos países membros que retiren os seus embaixadores de Madrid.

Mentres moitas persoas son executadas, outras se encontran no cárcere e outras tentan borrar os rastros do seu pasado político para evitar a represión, nun ambiente marcado polo racionamento dos alimentos e as enfermidades, varios veciños de Neira de Xusá son quen de enfrontárense ao terror sacrificando as súas vidas e as das súas familias na consecución duns ideais que non acadaron e que tampouco, para maior escarnio, a memoria histórica lles recoñece. Mentres os nomes de persoas que participaron na represión franquista seguen glorificados no nomenclátor da vila de Baralla, os daqueles que, na longa noite de pedra, loitaron pola recuperación da democracia continúan arrombados no rocho do esquecemento.

En 2025, a 79 anos de distancia, sirva a difusión desde aquí dos nomes e dos feitos destes militantes da democracia como agradecemento público e recoñecemento da súa solidariedade.

Obdulio, Leandro, Abelardo, Domitila, Oliveros, Mario, Manuel, José, Jesús, Dolores, Valentín, Alfonso, Pedro, Ángel, Siro… e tantos outros homes e mulleres que fostes protagonistas destes acontecementos en Neira de Xusá, sabede que seguides na nosa memoria na procura de que os vosos nomes non se borren da Historia e perduren co honor que merecedes. Da oposición á ditadura franquista no noso concello, dan fe dous consellos de guerra deste ano 1946: as causas 75/46 e 177/46, cuxas vistas orais se celebraron no mes de xullo, a primeira na cidade de A Coruña e a segunda, na de Lugo, xa no ano 1947. Na 75/46 foron encartadas 63 persoas, varias delas da contorna, e na 177/46 compareceron 31 e varias máis foron declaradas en rebeldía por encontrárense fuxidas. Agora trataremos da causa 177/46 e, nunha próxima ocasión, informaremos sobre a 75/46.

Causa 177/46

[Os datos que aquí presentamos foron extraídos das fichas carcerarias de cada un dos encartados e mais da sentenza do consello de guerra a que foron sometidos. A información está tomada de documentos oficiais elaborados polos órganos represores do réxime ditatorial e non polas declaracións dos sometidos a este proceso sen ningún tipo de garantía dos dereitos humanos. Da lectura atenta destes documentos despréndese a falta de respecto á veracidade por parte dos represores que os elaboraron e tamén a súa incultura dado que os textos están inzados de graves e numerosas faltas de ortografía. Os fascistas dominan o discurso das armas, mais deixan constancia da súa ignorancia no das letras].

A maioría das 31 persoas encartadas neste consello de guerra residían no suroeste do concello: 9 na parroquia de Covas, 8 na de Recesende, 4 en Lebruxo, 2 en Constantín, 1 en Pousada, 1 en Vale e 1 na vila de Baralla. Dos cinco restantes, 1 era veciño do concello de Láncara, 1 de Pol, 1 de Lugo. Os dous restantes non eran galegos, un de Madrid e o outro, de Zaragoza.

Parroquias de Baralla con indicación do número de encartados no proceso 177/46

Neste consello de guerra foron encartados varios membros da III Agrupación Guerrilleira, tres dos cales morreron en dous enfrontamentos coa Garda Civil e outros conseguiron fuxir manténdose na clandestinidade ou marchando ao exilio.

Os guerrilleiros

Na sentenza da causa 177/46, dise que a xefatura desta guerrilla estaba integrada polos seguintes combatentes: “un sujeto apodado el “Gafas(1); por Abelardo Gutiérrez Alba (2) “como encargado del mando de la titulada “Guerrilla”; por Obdulio Naves Fernández (3), conocido por “El Asturiano”; por Leandro Llorente Navarro (4) vulgarmente llamado “El Madrileño” y un individuo llamado Antonio (4), entre otros con la condición de subordinados...” Na sentenza non se inclúe como xefe deste grupo de guerrilleiros a José Castro Veiga (O Piloto) (5), mais en diversas ocasións dise que algún veciño “ocultó en su domicilio al malhechor conocido por el apodo “El Piloto”.

Destes subordinados, cítanse un tal Madriles de Guadalajara (6); Corsina ¿Martínez / Rodríguez? (7), referida no sumario como “concubina” de Abelardo; Domitila Gutiérrez Alba (8), irmá de Abelardo; Consuelo Alba Digón (9), nai de Abelardo; Oliveros Fernández Armada (10), de Traspena, Covas; e Ángel Ansareo Grandas (11), de Penouta, parroquia de Berselos.

É dicir, segundo o consello de guerra, o número de xefes (5) era moi similar ao de subordinados (6), entre os que se inclúen tres mulleres: a compañeira de Abelardo, Corsina, unhas veces de apelido Martínez e outras Rodríguez; súa irmá Domitila Gutiérrez Alba e súa nai, Consuelo.

En total, incluídas a compañeira de Abelardo, súa irmá e súa nai, dos 11 guerrilleiros nesta causa, tres son abatidos en enfrontamentos coa Garda Civil (Obdulio, Leandro e Madriles de Guadalajara) e os 8 restantes conseguiron fuxir e “son declarados en rebeldía”.

Trátase dun grupo guerrilleiro integrado por militantes de diferentes ideoloxías políticas: Gutiérrez Alba e os seu familiares eran anarquistas; Marcelino Fernández Villanueva e Ángel Ansareo Grandas, do PSOE e UGT; Oliveros Fernández Armada, do PC.

1.- El Gafas era o alcume do militante do PSOE e de UGT Marcelino Fernández Villanueva. Nado en Olloniego (Oviedo) en 1914 e finado na Arxentina en 1999, foi un militar republicano e guerrilleiro antifranquista que actuou na Galiza. Trasládase a Lugo para contactar cos seus conmilitantes Manuel Girón Bazán (Girón), Marcelino de la Parra (Parra) e Enrique Oviedo Blanco (Chapa) para dialogar cos dirixentes comunistas na procura da consecución de alianzas na loita contra a Ditadura. Coñeceu a Manuel Castro Tellado, responsable da III Agrupación Guerrilleira e a outros compañeiros. Logo de contactar cos comunistas da IV Agrupación, programaron unha reunión en Meira. O día da reunión, 13 de xaneiro de 1947, O Gafas e Castro Tellado foron sorprendidos pola Garda Civil. Castro Tellado morreu no enfrontamento, mais O Gafas logrou fuxir despois de ferir dous axentes.

Marcelino Fernández Villanueva (segundo pola esquerda) e outros republicanos exiliados en París
César Ríos, Mario Morán e Marcelino Fernández Villanueva (O Gafas) en 1985

2.- Abelardo Gutiérrez Alba (Abelardo). (San Miguel, parroquia de Vilarello, Cervantes 1912 – Venezuela1978). Antes do golpe militar, viviu un tempo en Barcelona onde entrou en contacto co movemento anarquista e se afiliou á Confederación Nacional do Traballo (CNT). Desde os primeiros momentos da sublevación franquista, en que seu pai fora fusilado polos fascistas o 20 de agosto, bótase ao monte cos seus irmáns Baldomero e Jovino, súa irmá Domitila, súa nai Consuelo Alba Digón e, ao parecer, un tío, Segundo Alba Digón.

Abelardo Gutiérrez Alba
Relación de veciños de Cervantes sometidos a expediente de responsabilidade civil polas súa ideoloxía política. En quinto lugar figura Abelardo Gutiérrez Alba.

Loitou na fronte asturiana en compañía doutros guerrilleiros como Antonio Ulloa Regueiro (O Torallo), Siro Fernández Fernández (natural de Baralla), Antonio Fernández Crespo (Fuenteoliva), Manuel Castro Tellado… A finais de 1939, co cenetista Marcelino de la Parra Casas e o socialista Manuel Girón Bazán, era responsábel dun grupo bastante numeroso de fuxidos. En abril de 1942, con outros 23 guerrilleiros, asistiu á reunión fundacional da Federación de Guerrillas de León-Galicia (FGLG), celebrada nos montes de Ferradiellu (Ponferrada).

Integrado na Terceira Agrupación Guerrilleira, loitou en Cervantes, Becerreá, Neira de Xusá, Sober, Lemos, Quiroga e O Courel. En 1941 estivo en estreito contacto co grupo do socialista de Abel Ares Pérez e, na zona de Lugo, con Manuel Castro Tellado, os irmáns Pedro (Pedrín) e Gerardo Lamas Cerezales e Voces Canónica (Os Pitacegas).

En 1944 acompañou a Lugo a Marcelino Fernández Villanueva, xefe da Federación, Abel Ares Pérez e César Ríos Rodríguez (Puritano) para establecer contactos con outros grupos e contrarrestar a influencia dos comunistas.

Desde 1945 foi, xunto a Antonio Fernández Crespo (Fuenteoliva), o subcomandante da III Agrupación da Federación que estaba comandada por Manuel Castro Tellado e cuxa área de actividade era a franxa sueste de Lugo (Becerreá, Baralla, Cervantes, Fonsagrada, Meira…). Deducimos que o “individuo llamado Antonio” que se cita na sentenza da causa 177/46, pode ser Fuenteoliva como subcomandande que foi da III Agrupación nesta época.

En 1946 colaborou con José Castro Veiga (O Piloto) na formación dun grupo itinerante do Exército Guerrilleiro Galego procomunista que mantivo varios enfrontamentos coa Garda Civil. En 1947, coa axuda das redes da CNT do País Vasco, Abelardo consegue pasar a Francia cos seus irmáns Baldomero e Jovino. Volveu polo menos dúas veces a Galiza para axudar o resto da súa familia a chegar a Francia. Despois, emigrou a Venezuela onde morreu en 1978 mentres preparaba o seu regreso definitivo.

3.- Obdulio Naves Fernández (O Asturiano). Natural de La Felguera, Asturias. Fillo de José e de Severina, chegou a Lugo en 1941 para establecer contactos cos guerrilleiros. Foi detido en 1943 e pasou dous meses no cárcere. Volve ao monte e únese á III Agrupación.Foi asasinado o 3 de abril de 1946 en Recesende canda o seu compañeiro Leandro Llorente Navarro. Seu irmán José foi condenado a pena de morte conmutada pola de 30 anos de prisión por rebelión militar, parte de cuxa condena cumpre na prisión de Celanova e, posteriormente, no Destacamento Penal das minas de estaño de Fontao.

4.- Leandro Llorente Navarro (O Madrileño). Natural de Madrid. Membro da III Agrupación do Exército Guerrilleiro, foi abatido pola Garda civil o 3 de abril de 1946 en Recesende. Daniel Fernández, cura desta parroquia, mandou enterralo xunto ao seu compañeiro de combate nun ángulo do interior do cemiterio do que deixou constancia escrita con indicacións moi precisas: “En el día 4 de abril de 1946, yo el infrascrito por el cura de Santa Cruz del Picato y anejo San Cirilo de Recesende, provincia y obispado de Lugo, mandé dar sepultura en el cementerio de Recesende a los cadáveres de Leandro Llorente Navarro y Obdulio Naves Fernández, éste a la derecha del anterior, la cual se halla situada a dos metros y 20 centímetros de la esquina norte posterior de la iglesia y pegada a la parte norte del cementerio, distando 90 centímetros del árbol viejo de la pared y un metro de la lápida de Antonio González. Para que conste lo firmo, Daniel Fernández Sánchez.” Malia estas indicacións, membros da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica non conseguiron localizar os seus restos nin os do seu compañeiro. Seu irmán Mario, como veremos, foi encartado na causa 177/46 e condenado a 15 anos de prisión.

5.- José Luis Castro Veiga (O Piloto). (Boelle, O Corgo 1910 – San Fiz de Asma, Chantada 1965).Aludido na sentenza da causa 177/46 como xefe. Con 16 anos alistouse como voluntario no Corpo de Aviación Militar da República. Acadou o posto de cabo primeiro como mecánico de aeronaves e no aeródromo de Cuatro Vientos comezou a identificarse politicamente coa ideoloxía comunista. Participou activamente na defensa de Madrid até os últimos momentos da República. Recluído nun campo de concentración, foi condenado a trinta anos de prisión. Indultado, regresa ao Corgo en 1945 e pasa á clandestinidade como fuxido polos montes da contorna onde se pon en contacto cos grupos de guerrilleiros. Neste mesmo ano xa é designado Xefe provincial en Lugo desta III Agrupación xunto cos lugartenentes Elias López Armesto (Paxaro) e José Arias Fernández (Dapena).

Carné de José Castro Veiga, O Piloto, Xefe da III Agrupación de Guerrillas, expedido por Manuel Fernández Soto (Coronel Benito)

Despois, incorporáronse Adolfo Gregorio Cenitagoya González (O Asturiano), Maximino Rodríguez Pérez (Maxi), Julián Mateo Vázquez (Guaje) e Julio Fernández Rodríguez (O Veterinario de Pola). En 1949, tras a infiltración do axente Vicente Sanz morreron tres guerrilleiros e o grupo foi desmantelado. O Piloto fica só e mantense moi vencellado coas terras do Saviñao, onde vivía a súa compañeira desde 1947, Ramona Curto Candal (Mirella). Seguiu actuando nos distritos de Pobra de Brollón, Quiroga e outras aldeas situadas nos límites das provincias de Lugo e Ourense. Desde 1954, coa perda da maior parte dos seus compañeiros tras un duro enfrontamento coa Garda civil, e coa falta de apoio do PCE, que levaba anos pedíndolle a entrega das armas e a disolución, O Piloto prosegue a loita pola súa conta. Tras ser delatado por un veciño de Rebordaos (O Saviñao), foi asasinado pola Garda Civil o 10 de marzo de 1965 no encoro de Belesar, perto da Chantada, e soterrado en San Fiz de Asma.

A prensa da época publicou información sobre o sucedido, destacando que o réxime abatera un bandoleiro asasino, famoso salteador de domicilios e responsábel dun grupo de delincuentes ocultando a súa condición de loitador antifranquista que durante vinte anos conseguira fuxir da Garda civil grazas ao amparo e colaboración de amigos e veciños destas comarcas.

6.- Madriles de Guadalajara. Carecemos da identidade deste guerrilleiro. Na causa 177/46 é designado quen o 7 de abril de 1946, “tras un tiroteo de tres horas entre los bandoleros y los representantes de la Ley, fue capturado el sujeto denominado el Gafas y muerto el “Guerrillero Madriles de Guadalajara” así como el dueño del inmueble no sin que hubiera de lamentar la heroica muerte de un Guardia Civil y dos paisanos, estos últimos saldadores con su vida de la eficaz ayuda proporcionada a las fuerzas del orden público...”

7.- Corsina Martínez. Na sentenza da causa 177/46, o seu apelido figura como Rodríguez e Martínez. O correcto é Martínez. Alúdese a ela como “la concubina” de Abelardo en varias ocasións. Nada en 1907. Natural e veciña de Santa Mariña, parroquia de Vilaspasantes, Cervantes. Dos seus proxenitores só se coñece a identidade de súa nai, Carme. No BOP Lugo de 7 de xullo de 1945 é requirida para que compareza perante o Xulgado Militar Eventual nº 4 de Lugo (especial de atracos) para responder do cargo de agresión á forza pública, causa 180/45.  Pouco despois, no BOP de 10 de outubro do mesmo ano é requirida por delito de “atraco a mano armada”. No BOP de 25 de novembro de 1946, pola causa 177/46 polos feitos acaecidos en Neira de Xusá. Na causa 616/48, foi requirida por pertenza a partida de bandoleiros. En todos os casos non puido ser sometida a consello de guerra debido a encontrarse fuxida en rebeldía. Debemos saber que, malia o que se cre, a presenza de mulleres na guerrilla antifranquista era moi frecuente como nos mostra Aurora Marco en Mulleres na guerrilla antifranquista galega, edicións Laiovento. Santiago 2011. Como afirma a investigadora, para estas mulleres “durante moitos anos só houbo silencio, esquecemento e tortura moral, ao facelas pasar non só como bandoleiras, igual que os seus compañeiros de loita, senón tamén como as “queridas”, as amantes dos guerrilleiros. Por iso, recuperar os seus nomes, a súa voz, a súa actividade como guerrilleiras do monte ou da chaira significa darlles existencia e desvendar o papel que tiveron na resistencia antifranquista. E é, tamén, unha forma de homenaxealas porque, malia as múltiplas negacións, a súa verdade histórica non se pode nin se debe esquecer.”

8.- Domitila Gutiérrez Alba. Irmá de Abelardo.

Domitila Gutiérrez Alba

Domitila incorporouse á partida do seu irmán Abelardo, xunto cos outros irmáns Baldomero e Jovino. En marzo de 1941, é detida por orde do gobernador civil e durante seis meses fica no cárcere de Lugo e desde aquí é internada no Campo de concentración de Arnao (As Figueiras, Castropol) cos seus irmáns Baldomero, Manuel, e Florinda e súa nai Consuelo Alba Digón. En 1945, foi procesada cos seus irmáns Abelardo e Jovino e súa nai Consuelo no sumario 180/1945 polo delito de agresión a forza pública. En 1946, por delito de “formar parte de cuadrillas de bandoleros” é condenada a pena de 20 anos de prisión (proceso 215/46 do Xulgado Militar Eventual de Lugo). Estivo anos agochada e durante oito meses refuxiouse no convento de Cristo Rei de Viveiro con outra identidade.

9.- Consuelo Alba Digón. Nada en Santa Mariña, parroquia de Vilaspasantes, Cervantes, en 1887. Veciña de San Miguel de Vilarello. O seu home Juan Gutiérrez Santín foi asasinado por falanxistas o 20 de agosto de 1936. En marzo de 1938, por ser nai de fuxidos, élle incautada unha vaca pola Comisión provincial de Incautación de bens de Lugo. Foi detida en 1939 canda a súa filla Florinda coa finalidade de localizar os seus fillos Abelardo e Jovino, militantes da CNT, que combateran en Asturias contra o exército sublevado. Decide botarse ao monte e enrólase na partida do seu fillo Abelardo. As súas fillas Florinda e Domitila tamén se integran na guerrilla. En marzo de 1941, é detida por orde do gobernador civil e durante seis meses fica no cárcere de Lugo e desde aquí é internada no Campo de concentración de Arnao (As Figueiras, Castropol) cos seus fillos Baldomero, Manuel, Florinda e Domitila.

En 1945 foi procesada cos seus fillos Abelardo, Jovino e Domitila no sumario 180/1945 polo delito de agresión a forza pública, facéndose requisitoria para que se presentase (BOP 7 de xullo de 1945). En 1946 encontrámola canda o seu fillo Abelardo en Recesende acollida na casa de Manuel Cando Marey.

Logo dunha breve estadía en Barcelona co seu fillo Baldomero, exiliouse en Francia.

10.- Oliveros Fernández Armada (Negrín). Nado en Traspena de Covas en 1923 (Neira de Xusá). O alcume Negrín non se debe ao apelido do que fora presidente do goberno republicano senón á cor escura da súa face e á súa pequena estatura. Era un dos nove fillos dos labregos  de Trapena Ricardo e de Dolores.

Desde moi novo manifesta ideas republicanas e ingresa no Partido Comunista. A súa militancia é coñecida na súa parroquia e en toda Neira de Xusá. En 1945 ingresa na Federación de Guerrillas de León-Galicia e forma parte da Terceira Agrupación do Exército Guerrilleiro.

En novembro de 1946 é requirido polo Xulgado Militar Eventual nº 1 de Lugo para responder dos cargos da causa 177/46 por “delito de robo a mano armada y relación con bandoleros” (BOP Lugo de 25/11/1946). En 1947, formou parte do grupo de Silverio Yebra Granja (O Atravesado) cuxo comisario político era Francisco Martínez López (El Quico), entre os que tamén figuraban Alfonso Rodríguez López e súa irmá Consuelo (Chelo), Julián Acebo Alberca (O Guardiña), Antonio López Núñez (El Objetivo), Augusto Diéguez Yáñez (O Rubio de Villanuiz).

Guerrilleiros exiliados en París. 1951. Manuel Zapico Terente (El Asturiano), Pedro Juan Méndez (Jalisco), Francisco Martínez López (El Quico) e Silverio Yebra Granja (El Atravesado).

Este grupo, que tiña o seu ámbito de actuación no Bierzo, era unha das seis unidades da Segunda Agrupación Guerrillera de León-Galicia do Exército Guerrillero liderado polo Partido Comunista.

En 1948, Oliveros negouse a marchar a Francia e continuou participando na guerrilla. A finais deste ano, xunto cos membros da CNT Abelardo Macías Fernández (Lebre) e Victorino Nieto Rodríguez, o socialista Hilario Álvarez Méndez e Elpidia Morán Alonso, instálase no límite entre as provincias de Lugo e León. O 17 de marzo de 1949, Victorino Nieto Rodríguez (CNT) e Oliveros Fernández Armada (PCE) fuxiron da masacre de Vilasinde, (Veiga de Valcarce), onde o grupo fora sorprendido e encontraron a morte Abelardo Macías Fernádez (Lebre) (CNT), Hilario Álvarez Méndez (PSOE) e Elpidia Morán Alonso. Oliveros Fernández Armada (Negrin) conseguiu pasar a Francia en 1950. No BOP de Lugo de 7 de xuño de 1961 publícase cunha dilixencia dun procedemento de testamentaría no que se cita a Oliveros como albanel residente en compañía do seu irmán Manuel en Villa Faucheur 4, París. Na Villa Faucheur residían en vivendas modestas pequenos artesáns e traballadores, algúns deles exiliados políticos que durante a Segunda Guerra Mundial foron combatentes da resistencia expertos no emprego das armas antitanque PIAT (Projector Infantry Anti Tank) como Louis Godefroy, antigo brigadista na guerra civil española.

11.- Ángel Ansareo Grandas. (Penouta. Neira de Xusá. 1912 – México DF 1985). Encartado en rebeldía neste proceso. O seu curmán José Fernández Grandas foi condenado a 12 anos de prisión na causa 177/46.

Ángel naceu en Penouta, parroquia de San Martiño de Berselos, fillo de José e de Vicenta. Practicante do Hospital San Carlos de Madrid, combateu como miliciano nas frontes de Guadarrama, Teruel e Cataluña. Fuxiu a Francia ao rematar a guerra, onde permaneceu dez meses no campo de concentración de Argelès-Sur-Mer en condicións degradantes até que foi entregado a Franco e encarcerado en Reus. O 6 de maio de 1940 ingresa no cárcere de Lugo e pasa a disposición do Xulgado militar de funcionarios nº 2 de Madrid encartado no sumario de urxencia 11.828/1940. O 4 de xuño sae conducido pola Garda civil para Madrid con destino ao cárcere de Torrijos no que tamén estiveron reclusos os poetas Miguel Hernández, onde escribe o poema Nanas de la cebolla, e Germán Bleiberg, o químico Enrique Moles Ormella e o humorista Miguel Gila. Condenado a morte en Madrid, foi indultado en 1943. O 13 de decembro deste ano volve ingresar no cárcere de Lugo, no que permanece até o 24 de marzo de 1944. Incorpórase á guerrilla. Na parroquia de Larín, concello de Láncara, foi agochado na casa do labrego Hilario López Arias e dos seus fillos David e Ramiro. Tamén contou coa protección do veciño de A Veiga, concello de Sarria, José Rodríguez Prado, casado cunha filla e irmá dos anteriores. Os catro foron procesados polo Xulgado Militar Eventual de Lugo no consello de guerra na causa 469/1946 “por delito consumado de prestar auxilio a individuos componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje” con sentenza de condena de pena de prisión de seis anos a David López Arias e de tres, aos demais. Baixo o alcume de A. Ribas, o barallense Ángel Ansareo Grandas organizou varios grupos guerrilleiros de dez homes cada un. Forma parte dos guerrilleiros encartados na causa 177/46. A principios de 1946 tivo que fuxir á montaña por mor da persecución policial polas terras da comarca de Baralla, Sarria e Os Ancares, onde permaneceu até o 25 de xullo dese ano en que partiu para Portugal, chegando a Lisboa o 19 de agosto onde obtén visado de asilado político.

Embarcou no Foz do Douro rumbo a México, chegando a Veracruz o 28 de decembro de 1946. Residiu na Cidade de México dedicado ao comercio. Faleceu en febreiro de 1985.

Feitos atribuídos

Enumerados na mesma orde en que se citan na sentenza, son os seguintes:

  1. Recepción de cartas e distribución de circulares clandestinas con “empleo de términos injuriosos, un lenguaje cuya esencia es la abierta omstilidad [sic] contra nuestro Caudillo Invicto, y su Régimen y exhorta a todo español a la comisión de atentados contra el Régimen vigente, y en la economía del mismo y en la personalidad de sus representantes”. Para este fin contan cunha máquina de escribir, que agochan na casa dun veciño e que, despois, é trasladada á doutra veciña de Vale.
  2. 15 de xaneiro de 1946. Catro guerrilleiros dan morte o falanxista de Santa Comba (Lugo) Antonio Ferreiro Jacob, que pertencía ao círculo de José Viador Traseira, o fundador en Lugo de Falange Española y de las JONS.
  3. 3 de abril de 1946, Obdulio Naves Fernández e Leandro Llorente Navarro son cercados e tiroteados pola Garda Civil na casa de Recesende na que se ocultan con “el resultado de que los dos mencionados bandoleros hallaron la muerte merced a los disparos realizados en cumplimiento de su deber por la Guardia Civil.” A identidade dos cadáveres dos combatentes é realizada por Amparo González López, viúva do falanxista executado en xaneiro.
  4. 7 de abril de 1946. “Tras un tiroteo de tres horas entre los bandoleros y los representantes de la Ley, fue capturado el sujeto denominado el Gafas y muerto el “Guerrillero Madriles de Guadalajara” así como el dueño del inmueble no sin que hubiera de lamentar la heroica muerte de un Guardia Civil y dos paisanos, estos últimos saldadores con su vida de la eficaz ayuda proporcionada a las fuerzas del orden público...”
  5. Esixencia de contribución económica ordenada por O Piloto e Abelardo Gutiérrez Alba a Mercedes González Rodriguez, muller de Manuel López López, para satisfacer as necesidades do grupo guerrilleiro. Manuel López López era propietario consorte da Vidrería Lara de Lugo e tiña bens inmóbeis no concello de Neira de Xusá: as casas de Lara en Baralla, en San Estevo (parroquia de Pousada) e en Ferreiros. Era fillo de José Ramón López Cedrón, recadador de impostos na comarca e xuíz municipal de Baralla durante os anos da guerra e da posguerra.

Na sentenza, cítase como armamento incautado aos guerrilleiros un fusil mexicano, unha pistola metralladora Mauser, unha pistola Astra do calibre nove longo, unha pistola Star do mesmo calibre, un fusil francés, escopetas e municións. Tamén se recolle na sentenza que o reloxo “marca Suisse deberá ser reintegrado ao seu propietario, el ya mencionado Luis lópez López el que este cambió con el maleante fallecido Obdulio Naves Fernández… así como muchos objetos encontrados en los cadaberes [sic] de los citados Odulio y Leandro Fernández Llorente… en unión da la cantidad de dos mil doscientas treinta y cuatro pesetas alladas [sic] tales restos humanos… la maleta y demás objetos pertenecientes al parecer a la madre del Abelardo Gutiérrez Alba deberán reintegrarse a su legítima propietaria una vez acreditado título jurídico, caso de no existir contra ella responsabilidad penal relacionada con tal sujeto. La máquina de escribir marca Underwood hallada en poder de Dolores Diad [sic] Nuñez [sic] en el ayuntamiento de Láncara, al parecer legal propietaria de la misma… que podrá continuar en poder de dicha corporación, con aludido caracter [sic] de deposito [sic].

Rede de colaboradores

É numerosa a bibliografía que existe sobre os maquis galegos desde que Hartmut Heine iniciou as investigacións publicadas en 1976 en Cuadernos de Ruedo Ibérico. Mais, os heroes anónimos que deron apoio á loita antifranquista foron silenciados. Ninguén os cita como merecen. Sen eles, a resistencia armada contra a Ditadura sería imposíbel. Cando, na década dos oitenta, o guerrilleiro Marcelino Fernández Villanueva (Gafas) veu de visita a Galiza recoñeceu que “os verdadeiros heroes daquela loita foron esas xentes que arriscaron as súas vidas por axudarnos, sen recibiren nada a cambio, porque nós nada tiñamos e nada lles podiamos dar”.

Na causa 177/46 son inculpadas trinta e unha persoas, vinte e seis deles veciños das parroquias de Covas (9), Recesende (8), Lebruxo (4), Constantín (2), Pousada (1), Vale (1) e Baralla (1) do noso concello de Neira de Xusá, hoxe Baralla. Os cinco restantes, de Láncara (1), Pol (1), Lugo (1), Madrid (1) e Zaragoza (1).

Delito

Todos estes colaboradores foron acusados do delito consumado de bandidage [sic] a auxilio a bandoleros o gentes armadas dedicadas al bandidage [sic] y a la subversión social, previsto y penado en el articulo [sic] sesto [sic] en relación con el 5º ambos del decreto-Ley de dieciocho de abril de 1947.

Este delito fora tipificado, como se indica na sentenza, polo Decreto-Ley de 18 de abril de 1947 sobre represión de los delitos de bandidaje y terrorismo (BOE de 6 de maio de 1947). Para comprobar a arbitrariedade das leis franquistas, debemos constatar que aos trinta e un encartados nesta causa aplícaselles unha norma penal que non estaba en vigor cando, segundo os servidores da Ditadura, “cometeron o delito”, pois no mes de abril de 1947, cando se publicou no BOE esta norma, xa se encontraban privados de liberdade no cárcere de Lugo desde un ano antes. Contradí, xa que logo, o estipulado no artigo 23 do vixente Código Penal franquista de 1944 que recoñece que “no será castigado ningún delito ni falta con pena que no se halle establecida por Ley anterior a perpetración”. Este decreto-lei pretendía proporcionar cobertura legal ás accións de “guerra sucia” da Garda Civil e do Exército para esmagar as guerrillas antifranquistas, que non eran consideradas combatentes senón “bandidos” coa finalidade de despolitizar a súa loita. A promulgación deste decreto-lei marcou o comezo dos chamados “tres anos do terror” (1947-1949), durante os cales as forzas franquistas incrementaron as torturas e as execucións extraxudiciais dos guerrilleiros moitas veces en aplicación da “lei de fugas”. As familias dos guerrilleiros e os “colaboradores” nas montañas e nas zonas rurais tamén foron sometidos a torturas e penas de prisión.

Relación de encartados

Neste proceso 177/46 foron encartadas como colaboradoras as seguintes persoas:

Mario Llorente Navarro

De 20 anos de idade en 1946. Natural de Madrid, barrio de Chamberí, con domicilio na rúa Gaztandide 26. Irmán de Leandro Llorente Navarro, coñecido como Pepe O Madrileño, abatido pola Garda Civil en Recesende o 3 de abril de 1946. Mario foi condenado na causa 177/46 a 15 anos de prisión. En febreiro de 1950 é trasladado do cárcere de Lugo ao Sanatorio Penitenciario Antituberculoso de Cuéllar, situado nas ruínas do castelo desta vila segoviana e rehabilitado polos presos para acoller reclusos enfermos de tuberculose e mais para realizaren traballos nos campos de cultivo próximos segundo recolle a Orde de 30 de xullo de 1966 que suprime esta prisión.

Mario Llorente Navarro, en 1952, obtén liberdade condicional (BOE do 22 de agosto de 1952). Na causa 177/46 é acusado de servir de enlace entre os guerrilleiros que operan nesta zona e Madrid, onde recollía propaganda clandestina que traía ao territorio onde operaba seu irmán Leandro. Dise na sentenza que, nunha ocasión, tamén trasladou desde Madrid “una maleta llena de bombas al objeto de poner su contenido a disposición de los huidos de la justicia y en otra desempeñó la misión de ponerse al habla con la embajada Norteamericana en España con la finalidad de lograr que un periodista extranjero pudiera desplazarse a la mencionada región donde podría realizar periodísticos relatos de la vida y hazañas de los sobrios criminales encubiertos bajo un pretendido gallardete subversivo”.

Manuel Cando Marey

De Recesede. 43 anos. Labrego. Fillo de José e de Dominga. Casado con Mercedes Armada Díaz. Acolle na súa casa a Consuelo Alba Digón e o seu fillo, o guerrilleiro Abelardo Gutiérrez Alba, e mantén contacto cos demais guerrilleiros. Na súa casa foi encontrada unha maleta con diversas prendas de Consuelo e cartas e material de propaganda clandestina. Ao seu domicilio tamén chegaba correspondencia destinada ao grupo guerrilleiro cuxos destinatarios eran ficticios.

Domingo Pérez González

De Recesende. 41 anos. Labrego. Fillo de Generoso e Asunción. Casado con Eduviges Pérez Ayán. 4 fillos. “Conocía gran parte de las andanzas de los bandoleros… cuando las fuerzas de la Guardia Civil se despliegan en dirección a la casa donde luego hallarán la muerte El Asturiano y El Madrileño, se dedicara [sic] a hacer señales a tales malhechores indicándoles la proximidad de las fuerzas al extremo de que uno de los delincuentes que iba a salir de la morada… volvió a aquella donde se hizo fuerte hasta ser muerto”.

José Fernández Grandas (Teixo)

Natural e veciño de Santo André, Covas. 47 anos. Fillo de José e Genoveva. Casado con Luisa López López. 6 fillos. Labrego. No cárcere realiza estudos e pasa a ser oficinista. Esta actividade tamén lle permite reducir a pena de prisión de doce anos a que fora condenado. Recibe varias veces na súa casa os fuxidos, “entre ellos El Madriles y el Madrileño… Fue comisionado por el asimismo huido y encartado en rebeldía Ángel Ansareo Grandas, primo suyo, para ir al domicilio de doña Mercedes González Rodríguez, esposa de don Manuel López López, con la finalidad de recoger allí un paquete comprensivo de la cantidad, que medio intimidativos [sic], era exigida a su precitado esposo, comisión que fue al momento cumplida por el procesado que nos ocupa… segue dicindo a sentenza que como Ansareo se quedou con parte dos cartos entregados por Mercedes, os xefes Abelardo Gutiérrez Alba e O Piloto ordenaron localizar o Ansareo para que rendese contas. Grandas, curmán seu, cumpre as ordes e cita a Ansareo na taberna doutro encartado (Celestino Rodríguez Pardo) onde lle “propinaron al Ansareo una gran paliza como represalia”.

José López Fernández

Natural e veciño de Vilarello – Sixirei. Labrego. 59 anos. Fillo de Antonio e Vicenta. Casado con Flora López Somoza. Un fillo.  Acolle na súa casa en varias ocasións diversos guerrilleiros, entre eles Obdulio Naves e Leandro Llorente, e durante un tempo garda a máquina de escribir. Estes feitos recoñéceos na declaración realizada perante a instrución, mais na vista oral do consello de guerra afirma que só recibiu no seu domicilio unha vez os fuxidos e nega a ocultación da máquina.

Luis López López

Fillo do anterior, José López Fernández e de Flora, cos que convivía. 18 anos. Labrego. Casado con Carmen López García. Sen fillos. Afirma a sentenza que mantivo cos guerrilleiros as mesmas relacións que seu pai e que tamén participou na ocultación da máquina de escribir. Segue dicindo que a súa intimidade co Asturiano era tal que intercambiaron os reloxos que ambos posuían. Como novidade, recoñece “la percepción de dinero por los servicios prestados a los bandoleros”.

Valentín López González

De Acivido. Covas.  57 anos. Fillo de Antonio e Antonia. 8 fillos. Labrego. Recibe do anterior encartado, Luis López López, unha carta procedente dos guerrilleiros que entrega no domicilio de Manuel López López na que lle esixe, “mediante amenazas, la entrega de dinero para la organización criminal.” En 1950 é trasladado ao Hospital adscrito á Prisión Escuela de Madrid durante un mes por padecer hernia inguinal. Regresa ao cárcere de Lugo.

Antonio Balboa Amado

Natural de Buenos Aires e veciño de Lama, Sarria. 22 anos. Fillo de Manuel e de Ascensión. Solteiro. Por ser medio parente e amigo de Ángel Ansareo Grandas e manter con el frecuentes relacións, encárganlle que o localice para que renda contas na taberna rexentada por Celestino Rodríguez Pardo. Tamén se encarga de trasladar noticias entre os fuxidos.

Lorenzo Frey Díaz

Natural de Covas. 66 anos. Fillo de Antonio e de Antonia. Casado con Concepción Rodríguez. 3 fillos. Peón carteiro. “En dos diversas ocasiones dio alojamiento en su morada al Jefe de Guerrillas procesado en rebeldía Abelardo Gutiérrez Alba, en dichas fechas habitó en la aludida morada en unión de su concubina. Y en otras tres fechas distintas también recibió en su casa al bandolero Obdulio Naves Fernández (a) el Asturiano, muerto por la Guardia Civil, facilitándole alimentos y leche”. Como carteiro, recibía cartas dotadas de contrasinais dirixidas aos guerrilleiros con datos de identidade finxidos.

En xullo de 1951, obtén a liberdade definitiva.

José Álvarez Frey

Natural e veciño de Covas. 32 anos. Labrego. Fillo de Jesús e Matilde. Casado con Pilar López Morentes. 8 fillos. Facilita comida e leite en diversas datas a “Obdulio Naves, Manuel el de Amparo, y el Antonio, componentes todos ellos de los criminales agrupados bajo las Jefaturas de El Gafas, Abelardo Gutiérrez Alba”. Na fase de instrución recoñece estes feitos, mais no plenario do consello de guerra indica que só deu acubillo aos guerrilleiros nunha ocasión e que se sentiu na obriga de prestarlles axuda por intimidación.

José Armada Rodríguez

Natural e veciño de Covas. 55 anos. Labrego. Fillo de Manuel e Juana. Casado con Virtudes Fernández. 8 fillos. Acolleu na súa casa en ocasións a Obdulio e Leandro. As súas fillas recollían na casa de Lorenzo Frey as cartas que chegaban a nome de Pedro Rodríguez e de Ramón Rodríguez cuxo auténtico destinatario era Abelardo Gutiérrez Alba. Condenado e un ano e seis meses de prisión é posto en liberdade en novembro de 1947.

Mais, en 1948 desde a Fiscalía Provincial de Taxas de Lugo é requirido por “ocultación de cosecha de cereales“.

A Ficalía Superior de Tasas creouse en 1940 pola Lei de 30 de setembro (BOE de 3 de outubro). Da Fiscalía Superior dependían as provinciais, que tiñan como cometido a fiscalización de todas as actividades produtivas do Estado intervencionista na situación de penuria económica xeral para “cortar y perseguir la venta clandestina de géneros y las ocultaciones” (artigo 3 b). Como sancións por incumprimento, contémplase que, “aparte de las sanciones penales establecidas en las Leyes, toda in­fracción del régimen de tasas u ocultación de géneros, llevará emparejadas: A) La incautación inme­diata de las existencias del artículo motivo de la infracción. B) M.ulta de mil a quinientas mil pese­tas. C) Prohibición de ejercer el comercio o clausura del establecimiento o fábrica durante tres meses, seis meses o un año. D) Destino, de tres meses a un año, a un Batallón de Trabajadores. E) Multa ex­traordinaria de cuantía superior a quinientas mil pesetas, cese definitivo en el comercio o industria e inhalitación para el ejercicio de su profesión” (art. 4). Debido á extensición da fame por insuficiencia de alimentos, o sector agrícola foi o máis regulado e onde este control sufriu o fracaso máis estrepitoso. Incluía medidas como as declaracións de colleitas, a concesión de cotas de produción, a venda obrigatoria cereais e leguminosas ao Servizo Nacional do Trigo, a concesión de permisos de transporte de mercadorías, etc. As sancións publicábanse periódicamente na prensa como medidas exemplarizantes para controlar os incumprimentos, mais desde o propio réxime se toleraba o acaparamento por medio do estraperlo que realizaban persoas que detentaban os axentes da autoridade e os poderes provinciais e locais e, en cambio, se cebaba en sancións e incautacións aos cidadáns sospeitosos de desafección política.

El Progreso. 14 de maio de 1949. En vermello persoas sancionadas do concello de Neira de Xusá. Unha delas, veciña de Cernadas, parroquia de Penarrubia

Manuel Fernández Rodríguez

Natural e veciño de Recesende. 64 anos. Fillo de Vicente e Vicenta. Casado. 5 fillos.Durante catro días acolleu na súa casa a Corsina Martínez, “concubina de Abelardo Gutiérrez Alba”, con quen conviviu durante estes días “encontrando también las puertas abiertas por parte de Manuel, quien recibió dinero de parte de los delincuentes”.

José González Marey

Natural e veciño de Recesende. 34 anos. Fillo de José e de Josefa. Solteiro. Nunha ocasión ocultou no seu domicilio os guerrilleiros Abelardo e O Piloto. Era persoa de confianza dos guerrilleiros cos que alternaba na taberna rexentada polo seu irmán Manuel, a quen se lle instrúe peza separada nesta causa “por razón de enajenación mental”.

Estando no cárcere de Lugo padece psicose depresiva. En xuño de 1946, solicita liberdade por atender traballos agrícolas por ser sostén familiar por estar na casa unha irmá e un irmán, este enfermo mental. O 7 de setembro, é internado no “manicomio de Palencia” por orde do gobernador militar de Lugo. O 2 de novembro do mesmo ano 1946 regresa ao cárcere de Lugo. En 1950 solicita a liberdade condicional.

Antonio López Díaz

Natural e veciño de Lama, Láncara. 48 anos. Labrego. Fillo de Ramón e Josefa. Casado con Concepción López Valcarce. 4 fillos. Na súa casa de Lama, concello de Láncara, hospedou en dúas ocasións o procesado en rebeldía Ángel Ansareo Grandas. Condenado á pena de un ano e seis meses, o 8 de novembro de 1947 é posto en liberdade.

Condenado a un ano e seis meses, o 8 de novembro de 1947 obtén a liberdade

Antonio López García

Natural e veciño de Lebruxo. 30 anos. Solteiro. Fillo de Manuel e de Josefa. Labrego. En catro ou cinco ocasións hospedou o guerrilleiro Obdulio Naves Fernández, O Asturiano, “y el estrecho contacto entre ambos llegó a tal extremo que en el día en que se realizó el bautizo del hijo natural de una sobrina de Antonio, que residía en el mismo domicilio que este, el precitado delincuente estuvo en la indicada morada por razón del acontecimiento a celebrar… los informes de su conducta le son desfavorablemente, ya que le señalan como uno de los primeros colaboradores de los bandoleros”.

Ángel López López

Natural de Madrid. Veciño de Baralla. Labrego. Fillo de Manuel e de Manuela. Solteiro. Seu pai encóntrase fuxido. Por encargo dos guerrilleiros, traslada a máquina de escribir desde o domicilio de Luis López López en Vilarello ao de Dolores Díaz Núñez en Vale.

Daniel López Rey

Natural e veciño de Pousada. 30 anos. Labrego. Fillo de José María e de Josefa. Casado con Clarisa Rivas Rodríguez. 2 fillos. Levoulle a Obdulio o reloxo a reparar a Baralla. Dise na sentenza que, segundo os correspondentes informes, “es conceptuado en el rumor público como vendedor de diversos efectos robados por los bandoleros”.

Condenado a dous anos de prisión, obtén a liberación definitiva en marzo de 1950

Jesús Núñez López

Natural e veciño de Constantín. 32 anos. Fillo de Generoso e de Indalecia. Casado con Dolores Fernández Rodríguez. 2 fillos. Alén de “relación con huidos”, tamén é encausado “por agresión a fuerza armada”. Mantén “frecuentes contactos con los elementos totalmente indeseables”. Foi invitado por Ángel Ansareo Grandas e por Eduardo Castro “a tomar parte activa en la reorganización de partidos políticos pertenecientes al fenecido Frente Popular sin que conste en autos a que el encartado accediese o pusiere en práctica que era esencia de aquellas inhibiciones, pero lo que sí resulta de las actuaciones es el indicado contacto con malhechores entre ellos el fallecido Leandro Llorente Navarro a los cuales recibía en su morada, donde también guardaba ropa de la propiedad de los indicados delincuentes. Por otra parte, conocedor de que el encartado Mario Llorente Navarro transportaba una maleta con bombas, no dio de ello el oportuno conocimiento a la Policía”. De Ángel Ansareo temos moitos datos. En cambio, de Eduardo Castro cremos que se refire a Eduardo Castro Vázquez (O Dulceiro), natural de Bascós (Monforte) e veciño de Becerreá até o seu casamento cando fixa a residencia en Baralla. Imputado na causa 190/1937 por rebelión militar. Posteriormente, tamén foi imputado nas causas 144 e 341/1940 por auxilio á rebelión polas que foi condenado a 12 anos de prisión coa petición de conmutación pola pena de 6 anos. En 1941 obtén a liberdade condicional e, en 1949, a definitiva. Afirma a sentenza que o propio Jesús Núñez López confesa ser afiliado á Confederación Nacional do Traballo (CNT) desde 1931.

Oficio de notificación de auto de procesamento contra Jesús Núñez López e outro. 12 de maio de 1946. Asina Félix Santamaría, xuíz militar instrutor da causa 177/46

Emilio Pérez González

Natural e veciño de Recesende. 38 anos. Fillo de Generoso e de Ascención. Labrego. Casado. 4 fillos. Nos feitos atribuídos na sentenza, figura como Herminio en lugar de Emilio.

Emilio Pérez a liberdade por ter cumprido a condena imposta. Outubro de 1947

Acolleu nunha ocasión a Abelardo Gutiérrez Alba. Noutra ocasión, acolleu a Corsina Martínez… “y en lo que atañe a otros componentes de la criminal cuadrilla… también los admitió en su casa en diferentes fechas hasta el número de siete y ocho veces y por último debido a su oficio de sastre realizó para los aludidos delincuentes trabajos concernientes a dicha profesión”.

José Pérez González

Irmán de Emilio. Natural e veciño de Recesende. 35 anos. Fillo de Generoso e de Ascención. Labrego. Solteiro. “Era de la confianza de los malhechores huidos a los que prestaba auxilio como lo acredita el que en una ocasión comiera y cenara con el llamado Obdulio Naves Fernández (a) El Asturiano, el que en otra fecha alternase con otro miembro de la cuadrilla denominado el Piloto en un establecimiento de bebidas saliendo luego al exterior haciendo señas con una linterna con la finalidad de que se acercaran otros tres elementos de la misma índole, y el que en una tercera vez, se reuniera con Abelardo Gutiérrez Alba y el citado Piloto, también en una taberna al objeto de celebrar todos juntos la onomástica del procesado del que ahora se efectuará análisis” (Constantino Rodríguez Vivero).

Constantino Rodríguez Pardo

Nacera no lugar de Crescón, parroquia de San Salvador de Toirán, concello de Láncara. Fillo de José e de Concepción. Vivía en Sudrio, parroquia de Covas, onde foi casar con Francisca Fernández López. 3 fillos. Neste lugar, rexentaba unha taberna-ultramarinos, razón pola que figura como industrial no sumario. (Verbo do segundo apelido, existe contradición na sentenza. Na relación de encartados figura como “Pardo”. En cambio, no fallo e mais na exposición de feitos figura como “Vivero”. Nesta segunda ocasión, mesmo se di textualmente “Constantino Rodríguez Vivero y no Pardo como el interesado es denominado frecuentemente en los autos...”. O certo é que o segundo apelido deste encartado é “Pardo” e non “Vivero”).

Constantino solicita a liberdade condicional e nomea como patrocinador a Cayetano López Guitián, industrial propietario dun aserradeiro de madeira en Baralla
Notificación de Constantino ao Director do Cárcere de Lugo na que dá conta das súas faenas agrícolas e industriais do seu comercio

Como feitos, recolle a sentenza do consello de guerra que “al menos en una ocasión recibió en dicho establecimiento a los bandoleros, siendo tal ocasión aquella a la que los precitados delincuentes tenían que ejecutar sus particulares rencillas con el uhido [sic] Ángel Ansareo Grandas”.

Dolores Díaz Núñez

Veciña de San Xurxo de Vale. Viúva. 37 anos. Labrega. Foi a única muller encartada nesta causa, pois tanto Corsina, a compañeira de Abelardo Gutiérrez Alba, como Domitila e Consuelo, irmá e nai respectivamente deste guerrilleiro, por encontrárense fuxidas, foron declaradas en rebeldía. Dolores é acusada de recibir de Ángel López López a máquina de escribir xa citada, “que por cierto procede de uno de los actos de saqueo corrientes de aquellos criminales; la aludida máquina la guardó la encartada bien oculta en su domicilio hasta que fue encontrada en dicha morada una vez iniciadas las presentes actuaciones”.

Dolores solicita o indulto. Marzo de 1950

Sae de prisión o 11 de marzo de 1950 en virtude do indulto de 9 de decembro de 1949.

Manuel Pérez Fernández

Natural e veciño de Recesende. 42 anos. Labrego. Fillo de José e de María. Casado con María Salgado Neira. 3 fillos. Era quen tiña acollidos na súa casa de Recesende os guerrilleiros antifranquistas Obdulio Naves Fernández e Leandro Llorente Navarro cando, o día 3 de abril de 1946, a Garda Civil os cercou e foron abatidos. Afírmase na sentenza que non foi esta a única vez en que Manuel mantivo contactos cos guerrilleiros, “en otra fecha alternó con ellos en una taberna” e noutra ocasión entrevistouse con eles na casa de Elías Pérez Ayán.

Condenado a 12 anos de prisión, en 1950 é trasladado desde o cárcere de Lugo ao Destacamento de Penados de Toro. Zamora.

Certificación parcial do cumprimento de penas a efectos da solicitude da indemnización contemplada na Disposición Adicional 18ª dos Orzamentos Xerais do Estado de 1990 para os presos políticos na ditadura franquista

Os traballos realizados polos presos do Destacamento Penitenciario de Fresno de la Ribera serviu para construír a canle Toro-Zamora, que tantos beneficios xerou para a agricultura de varias localidades zamoranas. Parte da estrutura orixinal daquela construción penal aínda permanece en pé, vestixio do sistema penitenciario creado especificamente polo réxime franquista para redimir as condenas impostas durante a Guerra Civil e a posguerra. Aquí, o traballo ao aire libre dos condenados, realizado en condicións moi arduas ou perigosas, podía ser unha fonte de liberación para eles, así como un sentido de utilidade, proporcionando un pequeno ingreso para as súas familias e redimindo parte das súas condenas esaxeradas. Numerosos proxectos de obras públicas leváronse a cabo empregando man de obra dos presos: encoros, canles, reconstrución de cidades, minería, ferrocarrís, portos, fábricas, prisións, vivendas, instalacións militares, igrexas, conventos… Segundo datos da Xunta de Penas, o Estado beneficiábase de até o 76 % de cada un dos salarios gañados polos presos.

Bautista López Álvarez

Natural e veciño de Lebruxo. 74 anos. Fillo de José e de Antonia. Casado con Cándida Morentes. 3 fillos. “Se acredita en autos que tuvo en su domicilio a un sujeto conocido por el Madrileño pero sin que llege [sic] a comprobarse, en forma indudable, que el mismo perteneciera a la cuadrilla de sujetos internados en los montes y capitaneados directamente por el Abelardo”. Malia recoñer os tribunais sentenciadores que non está acreditada de forma indubitábel a identidade do acollido no seu domicilio, Bautista é condenado a dous anos de prisión.

Bautista López solicita a liberdade condicional en xaneiro de 1950

Manuel Frei Rodríguez

Natural e veciño de Covas. 22 anos. Labrego. Fillo de Lorenzo e de Concepción. Solteiro. A súa actuación “quedó reducida, como hijo de Lorenzo Frei Díaz, a tener conocimiento del contacto que su padre mantuvo con los bandoleros uhidos [sic], así como de que la correspondencia dirigida con nombres supuestos a tales malhechores era recibida en la cartería de su mentado padre”. É un dos catro absoltos.

Manuel Frei e os demais absoltos nesta causa pasan once meses (14/4/1946 a 22/3/1947) no cárcere de Lugo como presos preventivos

Arturo Huguet Vela

Descoñecemos datos desta persoa. Na sentenza o segundo apelido figura como Vila, mais nós cremos que sería Vela. Así encontramos no BOE de 26 de agosto de 1942 un edito no que se declaran nulos os matrimonios civís contraídos con posterioridade á Lei de 12 de marzo de 1938, que derroga a lei republicana do divorcio. O seu primeiro apelido fainos pensar que procedería de Catalunya ou de Valencia. Sabemos que era chofer de profesión. “Únicamente se acredita suficientemente una conversación con el encartado Jesús Núñez López en la que Huguet abló [sic] al Níñez interrogándole sobre si en Galicia se estaban organizando los secuaces de la C.N.T. igual que lo efectuaban los residentes en Madrid”. É un dos catro encartados neste proceso que foi declarado inocente.

Francisco del Río Méndez

Natural de Gundián, parroquia de Constantín. Chofer. 44 anos. Fillo de Manuel e de Francisca. Casado. 2 fillos. Reside en Madrid. Limitouse a presentar os procesados Huguet Vila e o antigo militante da C.N.T. Jesús Núñez López. Absolto nesta causa. Pasa en prisión preventiva desde o 22/05/1946 ao 22/03/1947.

Jesús Rodríguez Pedreira

Natural e veciño da cidade de Lugo. Médico puericultor. 45 anos. Fillo de Jesús e de Adela. Casado con Josefa Fernández Márquez. 3 fillos.  Participa na guerra civil en Madrid na Xefatura dos Servizos Sanitarios do Instituto de Carabineiros. Entra no cárcere de Lugo o 11 de abril de 1946. O 14 do mesmo mes é posto en liberdade segundo orde do xuíz instrutor.

Quen asina o informe é Enrique Otero Aenlle, profesor de Química da Universidade de Santiago, alcalde desta cidade, gobernador civil de Lugo (1957-1961) e Salamanca (1961-1968) e deputado provincial da Coruña (1964-1968).

Rodríguez Pedreira será condenado a pena de “dos anos de prisión menor y accesorias legales de suspensión de todo cargo público, profesión, oficio y derecho de sufragio durante el tiempo de la condena”. Mais, o Consello Supremo de Justicia Militar rebaixa a condena a 6 meses e propino para o indulto.

Médico puericultor con domicilio en Lugo, dise na sentenza que “intervino facultativamente cerca del bandolero Abelardo Gutiérrez Alva [sic] extrayiendole [sic] de un pié [sic] un proyectil que había sido alejado en tal miembro obra de los disparos cruzados en una lucha con los representantes de la Autoridad… con anterioridad fue condenado a las penas de un año, ocho meses y veinte días de destierro y multa de mil pesetas, por razón de delito de injurias, ya que está considerado de buena conducta, afiliado antiguamente a la Agrupación [sic] Republicana Lucense, y viéndose alguna vez acompañado de miembros de filiación marxista”. (Sinalamos que o nome correcto deste grupo político é Organización Republicana Lucense, creado clandestinamente en 1929 e constituído en marzo de 1930 polo cirurxián Rafael de Vega Barrera; o inspector de ensinanza primaria, José del Peso Sevillano e o avogado e alcalde de Lugo desde 1934 a xullo de 1936, Camilo López Pardo).

Celestino Carballedo Veiga

Natural e veciño de Gondel, concello de Pol. 24 anos. Xastre. Fillo de José e de Dolores. Solteiro. Estaba cumprindo o servizo militar como aviador con destino no aeródromo de Getafe. Comprometeuse con Mario Llorente Navarro para transportar bombas de man desde Madrid con destino ao guerrilleiros. Sen embargo, Celestino non chegou a executar o encargo.

Xuíces instrutores

No sumario cítase a existencia de varios xuíces instrutores. O primeiro deles é José Valdizán Gómez, capitán destacado no posto de Baralla para esta causa. Este garda civil, sendo sarxento con destino na comandancia de Logroño, en 1937 ascende a sarxento primeiro segundo se recolle no BOE do 31 de maio deste ano. Rastrexando nos boletíns oficiais, pouco máis sabemos del. Cremos que, por estar destinado na Comandancia de Lugo foi desprazado ao cuartel de Baralla para dirixir as detencións dos encartados e actuar nos primeiros momentos como instrutor e que, unha vez trasladados os detidos ao cárcere de Lugo, xa actúan como instrutores outros militares. Así, encontramos a Félix Santamaría Saenz e o comandante Luciano Losada Fernández. Mais, quen figura na sentenza unicamente como xuíz instrutor é o comandante de enxeñeiros Emilio Fernández Hernández.

Na sentenza tamén figura como xuíz eventual número 1 de Lugo o comandante de artillería Valeriano Yáñez Madarro (Lugo 1896 – 1952). En 1937 era alférez de artillería. En 1943 é tenente xefe do destacamento de automóbiles de Lugo. Nas hemerotecas, encontramos información de que actúa noutras ocasións como xuíz instrutor. Valdizán Gómez, capitán da Garda Civil de Baralla, a mediados do mes de abril de 1946, dá as ordes de arresto de cada un dos encartados, que entran no cárcere de Lugo.

Asinan o capitán Valdizán e o secretario, o garda civil segundo Manuel Moreira López. Este, en 1960, ascende a sarxento como comandante do posto de Burela. Prisón preventiva de Manuel Frei Rodríguez.

A investigación preliminar era secreta. O xuíz de instrución recompilaba a acta da detención e interrogaba os denunciantes e as testemuñas da acusación ou da defensa —neste caso, sinalábase, só se «conducisen a un mellor esclarecemento dos feitos e non dificultasen o curso do procedemento». Tamén adoitaba solicitar información sobre o acusado ás autoridades da súa contorna, é dicir, á alcaldía, á Garda Civil e á Falange. Na maioría dos 30 encartados no proceso 77/46, os informes emitidos por estas autoridades son do seguinte teor: “carece de antecedentes penales y es reputado como de buena conducta y de ideas izquierdistas”, “los informes son contradictorios, ya que por una parte nos demuestran como apolítico y religioso, para luego describirlo como simpatizante de izquierdas”, “…se dice que su padre se encuentra huido y que es de ideología de extrema izquierda,… “se dice que es de buena conducta pero de ideas izquierdistas…”. É decir, son de boa conduta, mais de ideas esquerdistas.

Especialmente inhumanos eran os interrogatorios dos detidos practicados inicialmente pola Garda Civil ou a Policía por seren sometidos a tortura até que confesaban os feitos que os axentes lles imputaban fosen ou non certos. Posteriormente, pasaban a declarar perante o xuíz instrutor e, en varios casos, nestas declaracións, xa non practicadas necesariamente baixo tortura, desdicíanse do anteriormente recoñecido. Por esta razón, os feitos que se lles imputan aos acusados debemos tomalos con moita prevención, pois adoitaba suceder que nas declaracións realizadas baixo tortura se recoñecesen acccións non cometidos.

O Plenario

A celebración dos consellos de guerra regulábase polo Código de Xustiza Militar de 1890. Os tribunais estaban compostos por un presidente e seis membros, un dos cales actuaba como relator, ademais do fiscal e o avogado defensor. Todos eles eran militares e non requirían formación xurídica, agás o fiscal, que normalmente pertencía ao Corpo Xurídico Militar. Naturalmente, a condición militar de todos os membros dos consellos de guerra impedía calquera aparencia de independencia dos xuíces, que, ademais, compartían plenamente os obxectivos represivos daqueles que se levantaran en armas contra a República. A vista do consello de guerra 77/46 celébrase en sesión única o 1 de xullo de 1947 na Sala de Xustiza da edificio da Deputación provincial. Alí acoden 30 dos 31 acusados porque a Manuel González Marey fórmaselle unha peza separada “porrazón de enajenación mental”. Descoñecemos como se resolveu esta peza separada pois na documentación do cárcere de Lugo non figuran datos sobre esta persoa.

O 1 de xullo de 1947, 24 dos 30 encartados son trasladados desde o cárcere de Lugo ao cuartel de San Fernando para comparecer na vista oral

O feito de que nunha única xornada se celebre a vista oral de trinta procesados é mostra da pantomima que supuñan estes axuizamentos. ¿Que probas documentais, testificais e periciais se poden contrastar e debater polas partes en tan breve período de tempo? Desde a declaración do estado de guerra, como sabemos, os golpistas suspenderon todas as garantías procesuais estabelecidas na Lei de Axuizamento criminal vixente.

Durante a vista oral, o relator resumía o expediente de cada acusado. O fiscal solicitaba a pena que consideraba. Os avogados defensores limitábanse xeralmente a pedir clemencia ou, subsidiariamente, a solicitar a pena inmediatamente inferior á proposta polo fiscal. Na acta da causa 177/46, o sarxento de cabalería Florentino Blanco Mirantes, que actúa como secretario, recolle sucintamente no trixésimo terceiro RESULTANDO da sentenza a intervención da defensa con esta frase: “que la defensa de los procesados, por entender que sus patrocinados no heran [sic] responsables de delito alguno, solicitó su libre absolución”.

Ao final, permitíase que os acusados ​​falasen, sempre de acordo coas condicións xerais da Xustiza Militar. Dado que moitos deles tiñan pouca instrución e, nalgúns casos, como se recoñece no sumario da causa 177/46, eran analfabetos, escasamente eran quen de pronunciar poucas palabras.

A sentenza que dita o tribunal do Xulgado Eventual número 1 de Lugo na causa 177/46 é moito menos rigorosa para os procesados que a que, elevada ao Consejo Supremo de Justicia Militar, resolve como definitiva este órgano con sede en Madrid.

Danse varios casos en que algúns dos condenados a penas de menos de dous anos de prisión saen en liberdade por ter cumprida a sanción e despois vense na obriga de reingresar en prisión para cumprir a nova condena. Tal é o que lle acontece ao veciño de Recesende Manuel Pérez Fernández: o tribunal de Lugo condénao a un ano e seis meses, pena que o Consejo Supremo de Justicia Militar eleva a 12 anos e un día. O Tribunal militar de Lugo dita as penas que figuran na terceira columna que, posteriormente, serán revogadas polo Consejo Supremo de Justicia Militar:

Na terceira columna, penas impostas polo Xulgado Eventual Militar de Lugo que, posteriormente, serán incrementadas en varios casos polo Consejo Supremo de Justicia Militar

O Tribunal militar de Lugo absolve catro deles (os tres que tamén serán absoltos na sentenza definitiva máis Bautista López Álvarez, que despois será condenado a dous anos de prisión).

Como autores do delito consumado de prestar auxilio a individuos responsábeis de roubo a man armada condena …a Mario Llorente Navarro a 6 anos de prisión.

A Manuel Cando Marey, Domingo Pérez González e José Fernández Grandas, a 4 anos de prisión.  A José López Fernández, Luís López López e Valentín López González, a 3 anos de prisión. A Jesús Rodríguez Pedreira, 2 anos de prisión. A Celestino Carballedo Veiga, 1 ano e tres meses de prisión. E ao resto dos encartados, a 1 ano e seis meses de prisión.

Na sentenza tamén se recolle que estas penas non levan aparellada responsabilidade civil polo que os condenados non fican obrigados a responder cos seus bens patrimoniais como sucedía noutros casos en aplicación da Lei de responsabilidades políticas promulgada o 9 de febreiro de 1939, publicada no BOE do 13 do mesmo mes e derrogada en 1945. A maioría dos encartados no Tribunal Eventual Militar de Lugo foron condenados, como vemos na táboa anterior, a penas que non superaban os 2 anos de prisión, varios deles solicitaron a liberdade condicional porque levaban no cárcere máis de un ano. Así o comprobamos nesta solicitude que dirixe Constantino Rodríguez Pardo ao Capitán Xeral

As sentenzas dos consellos de guerra non eran firmes, senón que se remitían á Auditoría de Guerra, onde xuíces militares con suposta formación xurídica as revisaban e propoñían ao Capitán Xeral da Rexión, quen sempre tiña a última palabra aprobando definitivamente a resolución ou elevándoa a Madrid para que ditaminase definitivamente o Consejo Supremo de Justicia Militar.

Auditor de guerra

Na causa 177/46 o auditor de guerra foi o temíbel Hernán Martín Barbadillo y Paul. Conde de San Félix, coronel do exército e Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort, tamén foi alcalde da Coruña en 1937 e responsábel directo da represión e depuración de numerosos funcionarios municipais, entre eles o arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez. O terríbel Martín de Barbadillo actuou como fiscal en moitos procesos solicitando penas de morte para os encartados. A súa carreira ao servizo da Ditadura foi compensada con ascensos, prebendas e recoñecementos honoríficos: en 1956, é nomeado polo Ditador Auditor Xeral e Conselleiro do Supremo de Xustiza Militar; en 1960, concédeselle a Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort.

Fiscal

Como fiscal actuou o tamén temíbel Sergio Peñamaría de Llano. (A Fonsagrada 1914 – A Coruña 2004). Capitán xurídico militar, e alcalde de A Coruña entre os anos 1959-1963. No proceso 75/46, solicitou pena de morte para Julio Nieto López, Ramón Vivero Geada, Enriqueta Otero Blanco, José María Urquiola e Marcelino Villares Santiago, que se executou no caso dos dous primeiros.

Consejo Supremo de Justicia Militar

O auditor de guerra da 8ª rexión militar, Hernán Martín Barbadillo y Paul, malia estar conforme coa sentenza ditada polo Tribunal Eventual de Lugo, “dictaminó que los hechos declarados como provados [sic] por el tribunal sentenciador, con excepción de los que se consideraban como provados [sic] respecto de los procesados Rodríguez Pedreira y Celestino Carballedo están recogidos con racional criterio…”, conclúe que “es procedente la elevación de las actuaciones de ¿este? alto tribunal, con cuyo parecer se mostró de acuerdo el Capitán General de esta Región”. Isto é, a sentenza ditada en Lugo pasa ao Consejo Supremo de Justicia Militar.

Sentenza definitiva

Con data 15 de novembro de 1949, o Consejo Supremo de Justicia Militar dita sentenza definitiva na que se incrementan as condenas a 14 dos condenados, entre eles a un dos absoltos anteriormente; mantén as mesmas penas para 12 deles e dous permanecen absoltos. En só dous casos, as penas que impón o Consejo Supremo reducen as impostas polo Tribunal Eventual de Lugo: Luís López López (de 2 anos a absolución) e Jesús Rodríguez Pedreira (de 2 anos a 6 meses).

Auditor de guerra

Quen actúa neste órgano represor como auditor é Joaquín Otero Goyanes (1905 -1991). Militar e empresario franquista natural de Santiago, foi presidente da Deputación de A Coruña desde 27 de xullo de 1936. Participou como fiscal en diversos procesos a militares e civís republicanos. A súa carreira proseguiu como fiscal e xuíz e acadou o grao de xeneral auditor.

Membros do tribunal

Presidente: Francisco Ruiz del Portal y Martínez (Málaga 1870 – Madrid 1949). En decembro de 1932, fora condenado polo Tribunal de Responsabilidades das Cortes republicanas a vinte anos de inhabilitación absoluta polo delito de axuda á alta traizón. En xaneiro de 1933 foi expulsado do Exército sendo dado de baixa mais sen perder os seus dereitos de soldo e pensión. Coa amnistía do goberno republicano de dereitas, reintégrase no exército co emprego de xeneral de división. En 1939 foi nomeado membro do Consejo Supremo de Justicia Militar. En 1941 converteuse en presidente interino do mesmo.

Vogal: Pedro Topete Urrutia. En 1938, sendo auditor de guerra das forzas militares en Marrocos, pasa a ser auditor de Baleares. Posteriormente, ascende a Conselleiro Togado do Consejo Supremo de Justicia Militar, cargo que desempeña até maio de 1949 en que pasa á reserva.

Vogal: Anselmo Arenas Ramos. Comandante de enxeñeiros, ascende a tenente coronel e a coronel en 1938. Posteriormente, foi gobernador militar de Valladolid. En 1946 ascende a xeneral de división e, en maio de 1948, é nomeado conselleiro do Consejo Supremo de Justicia Militar.

Vogal: Felipe Acedo Colunga. Na República participou na rebelión de Sanjurjo. En 1936 é nomeado auditor de brigada do corpo xurídico militar e fiscal xefe do Exército de Ocupación franquista. Participou en numerosos tribunais de guerra sumarios contra militares e civís leais á República celebrados en Madrid, Bilbao, Santander e na fronte de Levante. Tamén participou en tribunais de guerra do sur, entre os que destacan os seguintes: en Huelva actuou na causa contra o gobernador civil Diego Jiménez Castellano e os tenentes coroneis Julio Orts Flor (Garda Civil) e Alfonso López Vicencio (Carabineiros), asasinados publicamente o 4 de agosto de 1936, e días despois contra o avogado e deputado socialista Juan de Guérrez Huelva; en Sevilla, contra o xeneral Miguel Campins, executado o 16 de agosto de 1936, e contra o coronel Santiago Mateo Fernández, asasinado o 18 de setembro; en Cádiz, contra o gobernador Mariano Zapico e varios militares leais, tamén executados. O 8 de xullo de 1939, Julián Besteiro foi xulgado por un tribunal de guerra acusado de “adherirse á rebelión militar“. O fiscal foi o tenente coronel Acedo, quen, malia recoñecer que Julián Besteiro era un home honesto e inocente de calquera delito, solicitou a pena de morte.

Nos anos cincuenta é conselleiro togado do Exército do Aire.

Entre 1951-1960, foi gobernador civil de Barcelona e xefe provincial da Falange Española Tradicionalista (FET) de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS) desa provincia. O seu goberno caracterizouse pola súa intolerancia, oposto a calquera tipo de manifestación da lingua e da cultura catalás.

Vogal: Jesús de Cora Lira (Viveiro 1890 – 1966). Foi avogado, militar, político e xornalista tradicionalista galego, líder da facción carlista coñecida como Comuñón carlista. Co golpe de estado, nomeado conselleiro do Consejo Supremo de Justicia Militar (1942), foi ascendido a coronel e posteriormente a auditor xeral do Corpo Xurídico Militar da Armada. En 1947 foille outorgada a Gran Cruz da Orde do Mérito Militar.

Vogal: Eugenio Pereiro Courtier. Natural de Santiago, onde remata a carreira de Dereito en 1912. En 1913 xa é auditor de guerra de terceira clase con destino en Larache (cidade portuaria situada no noroeste do protectorado español en Marrocos). En febreiro de 1935 é xefe da Auditoría de Guerra da Coruña, onde se incoan todos os procedementos relacionados coa revolución de outubro de Asturias por disolución da Auditoría neste territorio. En 1936 conforma o grupo de Auditores de Guerra da 8ª Rexión militar con sede na Coruña canda os célebres represores franquistas Hernán Martín Barbadillo y Paul, José María Salvador Merino, Manuel Iriarte Rejo, Tomás Garicano Goñi, Juan de Villavicencio Pereira e Joaquín Otero Goyanes.

Pereiro Courtier foi un dos máximos executores da represión franquista en Asturias e na Galiza. Miles de persoas foron condenadas a morte nos consellos de guerra. Pereiro careceu de compaixón, nin era partidario de obedecer ordes que intentaban evitar a morte dos seus condenados. Foi quen ordenou a execución dos comandantes e oficiais detidos na Fábrica de Armas de Trubia —entre eles o coronel José Franco Mussió, director da fábrica— malia o xeneral franquista da Garda Civil, e daquela ministro de Defensa en funcións, Luis Valdés Cavanilles, ordenara a suspensión da pena de morte.

En 1947, Pereiro Courtier é nomeado Consejero Togado do Consejo Supremo de Justicia Militar. Vogal: Julio Ríos Argüeso. Director da Escola Nacional de Aviación de Xetafe en 1918. En 1919, como piloto dun prototipo de aeronave de guerra deseñada por Juan de la Cierva, estrelouse no seu voo inicial sen consecuencias graves persoais cando o avión perdeu altura. Acadou o grao de xeneral de aviación e foi membro do Consejo Supremo de Justicia Militar desde 1946 até 1952 en que pasa á reserva.

Indultos e redención de penas

Na década dos corenta o número de reclusos por motivos políticos era elevadísimo e o réxime franquista viuse na obriga de alixeirar as prisións. Ademais, desde 1936 até 1947 existiron aproximadamente 250 campos de concentración. Coa clausura destes, os cárceres resultaron insuficientes para acoller os presos, por isto fóronse creando campos de traballo forzado denominados oficialmente “destacamentos penales, batallones  de  trabajadores, batallones disciplinarios e colonias penitenciarias” que fornecían man de obra escravizada para a execución das obras públicas emprendidas pola Ditadura para borrar os efectos devastadores da guerra e para beneficiar as empresas que as realizaban. Entre estas destacan Banús Hermanos (que, entre outras obras realizadas con presos, se serviu dos do Penal de Mirasierra para construír a colonia Residencial Mirasierra nas proximidades de Madrid); San Román, Huarte, Agromán (que realizaron as obras de El Valle de los Caídos…), Dragados y Construcciones (desde 2002 integrada en ACS, fundamentalmente executora de gran número de pantanos, entre eles o de San Estevo do Sil para o que se serviron de presos políticos e comúns procedentes do “Destacamento Penal de San Esteban de Sil”), Entrecanales y Távora (desde 1997 ACCIONA, que tamén conseguiu o seu patrimonio coas obras públicas do réxime franquista. Entre os seus primeiros grandes proxectos inclúese a canalización de augas residuais en barrios ricos de Sevilla, un proxecto para o que a empresa solicitou ao concello franquista o uso de presos políticos como man de obra escrava. Estes presos, obrigados a traballar en condicións inhumanas, foron aloxados no campo de concentración de El Colector, creado especificamente para o proxecto), Hermanos Nicolás Gómez (construtora da liña de ferrocarril Madrid-Burgos con presos do destacamento penal de Bustarviejo na Serra Norte de Madrid), Ferrocarriles y Construcciones ABC (que recibiu contratos e man de obra de reclusos como el túnel de La Engaña)… Con esta mesma finalidade operaron na Galiza os destacamentos penais das minas de Fontao e de Casaio; en 1939, o Campo de Concentración de Lavacolla; o Destacamento Penal de O Cumial en Ourense…

Poboado de traballadores e presos do Destacamento Penal de San Estevo de Sil. Foto de David Simón en https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2022/08/stories-de-la-posguerra-en-la-ribeira.html

Estas empresas, e moitas outras tanto públicas como privadas, aproveitaron a oportunidade que ofrecía a rede deseñada ás costas dos presos para construír os seus imperios económicos durante a ditadura franquista. Deste xeito, mentres uns cumprían condenas en condicións inhumanas, outros obtiveron copiosos beneficios que hoxe perpetúan exponencialmente.

A Igrexa Católica, un dos apoios máis importantes e influentes de Franco desde o comezo da Guerra Civil despois de declarar oficialmente o levantamento militar como unha “cruzada”, tamén se beneficiou do traballo escravo dun gran número de presos políticos de Franco. Entre outras obras realizadas con este sistema escravista, citamos a reconstrución da catedral e do seminario de Vic, as Escolas Pías de San Antón en Madrid, a igrexa do Carme do barrio Las Delicias de Valladolid ou os conventos das Adoratrices en Cartaxena, Valladolid e Alcalá de Henares. Na Galiza, na década dos corenta, o bispado de Ourense serviuse do traballo imposto e obrigatorio dos escravos republicanos da Ditadura procedentes da Prisión Provincial e do Destacamento Penal do Cumial que anos 1942 e 1943 traballaron nas obras de conservación da catedral e nas da restauración do grandioso seminario maior de Ervedelo. Os mosteiros de Oseira, Celanova, San Clodio de Leiro, Oia e o colexio dos xesuítas de Camposancos, na Guarda, foron empregados como cárceres franquistas e campos de concentración e algúns destes edificios foron restaurados coa man de obra escrava de presos políticos e comúns.

Seminario maior de Ervedelo. Ourense

Para evitar a morte por fame ou as enfermidades, algo cotián nas prisións franquistas, algúns reclusos mesmo solicitaron o traslado a estes batallóns de traballos forzados.

Indultos

Por decreto de 9 de decembro de 1949, con motivo da “próxima, añorada celebración del Año Santo, el Gobierno, en atención a que la fecha no puede ser más propicia para exteriorizar una vez más sus sentimientos católicos, bien patentes, y contribuir a la paz y concordia propia del año jubilar, concede un nuevo y amplio perdón, que alcanza tanto a los delitos comunes y especiales como a las faltas militares.” Este indulto é de aplicación a todos os delitos inferiores a dous anos e tamén se concede indulto da cuarta parte das penas privativas de liberdade até vinte años. Por decreto de 1 de maio de 1952, “con ocasión del treinta y cinco Congreso Eucarístico Internacional, de Barcelona”, concédese outro indulto total das penas inferiores a dous anos e parcial da metade das penas aos condenados a menos de seis anos consistente na redución da cuarta parte das penas superiores a seis anos e que non excedan de 25. Así, Valentín López González, condenado a 12 anos de prisión, obtén a liberdade en novembro de 1952.

Redención de penas

O programa de redención de penas, inspirado nas teorías do xesuíta Pérez del Pulgar, foi creado por orde do Ministerio de Xustiza do 7 de outubro de 1938 (Boletín Oficial do Estado do 11 de outubro). Réxese polo Patronato para la Redención de Penas por el Trabajo, principal organismo de xestión do traballo forzoso para os presos republicanos. Introduciuse o concepto de redención, é dicir, a posibilidade para os presos de reducir parte da súa condena realizando traballos escravistas para o novo réxime, as súas empresas afíns e a Igrexa. Con sede en Madrid, estaba representado nas provincias a través das Xuntas Locais onde residen as esposas e fillos dos traballadores.

Certificado de redención de penas de José Fernández Grandas. (Teixo)

Xa for por aplicación dos indultos e/ou por redención de penas polo traballo, a maioría dos encartados no proceso 177/46 saen en liberdade nos primeiros anos da década dos cincuenta.

Dos 26 condenados, Mario Llorente Navarro sofre á pena máis elevada (15 anos de prisión). Pasa os catro primeiros anos no cárcere de Lugo. En 1950 é trasladado, como dixemos, ao Sanatorio Penitenciario Antituberculoso de Cuéllar, onde obtén a liberdade condicional en agosto de1952. En total está privado da liberdade seis anos e catro meses (desde abril de 1946 a agosto de 1952) debido aos indultos de 1949 e de 1952 e á redención de penas polo traballo. Como vimos, Valentín López González, condenado a 12 anos de prisión, mercé á redución dun cuarto da pena a que fora condenado e outros beneficios penitenciarios, despois de seis anos e medio de cárcere, obtén a liberdade o 16 de novembro de 1952.

Esquecidos e abandonados

Pasaron 80 anos das actividades dos guerrilleiros e guerrilleiras que tentaron facer fronte á ditadura franquista no daquela chamado concello de Neira de Xusá, hoxe Baralla. Tres deles encontraron a morte en enfrontamentos coa Garda civil no mes de abril de 1946, outros conseguiron salvar a vida fuxindo para o estranxeiro e vivindo no exilio afastados das súas familias sen poder regresar.

Dos 31 veciños encartados no proceso 177/46 por acollelos nas súas casas ofrecéndolles descanso, comida e cura das feridas, algúns foron condenados a severas penas de prisión; os outros, con penas menores, foron reintegrándose na vida familiar e social pouco a pouco. Mais, todos eles soportaron o estigma da condena da ditadura franquista durante longos anos.

Desde aquí, con esta información, queremos contribuír á rehabilitación da memoria daquelas persoas que participaron directamente no movemento guerrilleiro e dos humildes labregos que colaboraron na loita contra a ditadura, porque esta era unha loita política de resistencia lexítima. Estes heroes humillados e esquecidos son merecedores das reparacións que merecen por teren colaborado na loita contra o fascismo.

Oficialmente, a Ditadura rematou hai cincuenta anos, mais moitas das súas vítimas, como estes labregos de Neira de Xusá e o médico que atendeu un guerrilleiro ferido, seguen sen seren reparados mentres os seus represores gozan de honores como se manifesta no nomenclátor da vila de Baralla.

Se seguimos calados, somos cómplices da desmemoria.

Relacionados...

Suso de Moreno

12 de outubro 2024 Hoxe quedamos sen ti, Suso de Moreno. Sabemos que loitaches con forza e con optimismo até os últimos

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario