19 de xullo 2025
O universal é o local sem as paredes. (M. Torga)
Nestas liñas que seguen, en compañía de Alfonso de Caldeiro, o noso veciño da Pena, realizamos un percorrido polo século XX e, desde o seu decurso biográfico, proxectamos a mirada a feitos históricos que transcenden o individual proxectándonos desde nós mesmos para alén do horizonte que acouta as lindes xeográficas.
1906-1925. Infancia e bacharelato
Alfonso Valentín Fernando López Calderón, o noso Alfonso de Caldeiro, naceu na Fonsagrada en agosto de 1906 e faleceu en Madrid en setembro de 1987.
O seu nacemento na Fonsagrada débese a que seu pai, Valentín López Troncoso (1869-1929), exercía como médico municipal nese concello.
Súa nai, Ascensión Calderón López (1870-1935), da casa de Caldeiro de A Pena, parroquia de Penarrubia, era filla de Manuel Calderón Franco-Díaz (1829-1928) e de Josefa López González. Alfonso era irmán de Antonio, Manuel, Asunción, Amparo e Ramiro. Tres deles realizaron estudos universitarios: Manuel e Alfonso, de Dereito; e Antonio, de Medicina. Manuel foi avogado do estado e Antonio, como médico, acadou o grao de coronel do corpo de Sanidade militar.
Canda as casas Principal, a de Correa e a de Montenegro, a de Caldeiro era unha das catro que brasonaron de fidalguía porta con porta no lugar de A Pena.
Da infancia e adolescencia de Alfonso temos poucos datos. Polo que consta no seu certificado de estudos secundarios, sabemos que aos 12 anos realizou o exame de ingreso para acceder á ensinanza media no Instituto de Lugo.
O plan vixente desta ensinanza na segunda década do século era o establecido polo Real Decreto do 6 de setembro de 1903 durante o breve ministerio de Instrución Pública e Belas Artes do ponteareán Gabino Bugallal. Constaba de seis cursos con cinco materias en catro deles, seis no terceiro ano e catro no sexto. Por Real Decreto de 10 de marzo de 1917, foron suprimidos os exames de grado, as temíbeis reválidas, que antes se realizaban e que en 1927, con Primo de Rivera, volveron implantarse.
A denominada naqueles tempos segunda ensinanza, e tamén ensinanza media, era unha etapa educativa á que acudía unha pequena porcentaxe de alumnos maioritariamente varóns. A presenza de mulleres era moi reducida e representaba no curso 1909-1910 o 0,93 % e no 1929-1930, o 14,8%. A orixe social e xeográfica do alumnado que cursaba estes estudos procedía de clases sociais acomodadas e do medio urbano. A maioría deles facíano de maneira oficial acudindo diariamente a clases no único centro educativo existente na cidade. O resto do alumnado facíao de forma colexiada nalgún centro privado, xeralmente relixioso, ou libre. Dos seis cursos deste nivel educativo, o noso Alfonso realizou o segundo e o terceiro por ensino oficial no propio instituto da cidade e os catro restantes no “ensino non oficial non colexiado”. Este dato permítenos supor que recibiría leccións no seu propio domicilio na Fonsagrada sen ter acudido a ningún centro educativo privado. Convén precisar que ensino oficial era exclusivamente o que se realizaba nos institutos do Estado e o non oficial podía cursarse en colexios (colexial) privados, xeralmente relixiosos, e tamén de forma individual (non colexial) por medio de clases particulares.
Como comprobamos no seu certificado de cualificacións, Alfonso comeza os estudos de bacharelato no curso 1918-1919 e remátaos no 1924-1925. É dicir, adquire o título de bacharel despois de ter realizado sete cursos debido a que suspende dúas materias de sexto, Agricultura e Técnica Agrícola e Industrial e Historia Natural, que supera nos exames extraordinarios de 1925. Tratan estas dúas materias de contidos científicos e técnicos relacionados o primeiro deles coa agronomía, meteoroloxía, fisioloxía vexetal, agroloxía e estudo dos solos, fertilizantes, mecánica agrícola, fitotecnia, podas, regas, horticultura, plantas industriais, patoloxía vexetal, zootecnia, viticultura, contabilidade agrícola, técnica industrial, minería, metalurxia, cerámica, industria forestal… A materia Historia Natural tamén é de índole científico-técnica e está conformada por temas de bioloxía e xeoloxía: os seres naturais, solo e subsolo, augas terrestres e marítimas, os vexetais, animais, o mar, o microscopio e as investigacións microscópicas. É moi probábel que Alfonso preparase a materia Agricultura e Técnica Agrícola e Industrial polo libro de texto do mesmo título da autoría de José María Hernansáez Moscoso[1], impulsor do agrarismo na Galiza a través Escuela de Praticultura y Cultivos de Vega de San Pedro de Nós, colaborador da Granxa-Escola Experimental de A Coruña e profesor do Instituto de Ensinanza Media desta mesma cidade.
[1] Este profesor colaborou activamente coa celebración da Festa da árbore. Unha actividade oficial desde 1914 que acadou gran difusión no período anterior á rebelión militar franquista.
Madrid. Na Universidade Central
Durante os cursos 1925-1926 e 1926-1927, temos a Alfonso cursando estudos na Facultade de Ciencias da Universidade Central de Madrid. Sorpréndenos a elección desta carreira despois de coñecer os seus frouxos resultados en dúas das materias de carácter científico do sexto curso de bacharelato. Precisamente, neste primeiro ano universitario ten que enfrontarse a catro materias como son Física, Química, Bioloxía e Xeoloxía.
A Universidade Central era o centro máis importante do sistema universitario español. Nela impartíanse, nos dous primeiros cursos comúns, as mesmas materias para todo o alumnado. Nos cursos superiores, existían cinco seccións ou especialidades (Físicas, Matemáticas, Químicas, Biolóxicas e Xeolóxicas) que, en 1975, se transforman en Facultades independentes.
Na Universidade Central realizábanse todas as carreiras completas e era a única onde se podía cursar o doutoramento. Por isto, aquí impartía docencia e realizaba investigación o profesorado máis cualificado e, como alumnos, figuraban varios futuros científicos.

Neste sistema universitario centralizado en Madrid, desde 1907, existía a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) como institución encargada de promover a investigación nas letras e nas ciencias equiparábel á europea. Neste panorama, a Universidade de Madrid era concibida como a Universidade Central do Estado na que as súas facultades eran as únicas nas que se podían realizar investigación e estudos avanzados. Nesta Facultade de Ciencias, Alfonso de Caldeiro volve coincidir como condiscípulo co lucense Salvador Velayos Hermida (1908-1997), físico e investigador, unha das maiores referencias no campo do magnetismo.
Dicimos que volve ser compañeiro de aula porque Salvador Velayos Hermida era fillo de Salvador Velayos González, profesor de Física e Química, director do Instituto de Segunda Ensinanza de Lugo e posteriormente, desde 1932, compañeiro de claustro do poeta Antonio Machado no instituto madrileño Calderón de la Barca. Mais, Alfonso interrompe os estudos universitarios na Facultade de Ciencias para realizar o servizo militar na mesma cidade de Madrid.
Servizo militar
Desde a entrada en vigor da Ley de reclutamiento y de Reemplazo del Ejército en 1912, que puxo fin ao sistema de quintas, que permitía a redención por pagamento en metálico, o servizo militar é obrigatorio para todos os españois maiores de 21 anos sen distinción de clase social cunha duración de servizo activo de 36 meses, que o Goberno podía reducir ou ampliar segundo as necesidades.



Chamado a filas como soldado da quinta de 1927, de Alfonso tamén sabemos que entre 1928 e 1930 tivo destino en Madrid no Rexemento de Infantería Asturias nº 31 baixo o mando do coronel Julio Mena Zueco, quen en 1936, como comandante da 11ª Brigada de Infantería con destino en Burgos, se opuxo ao golpe militar franquista polo que foi represaliado polos rebelados contra a legalidade republicana.
Estertores da Ditadura
Estamos nos estertores da ditadura do xeneral Primo de Rivera. En xaneiro de 1930, Alfonso XIII designa presidente do goberno o xeneral Ramón Berenguer coa promesa de restaurar a constitución de 1876, proxecto contra o que se manifestaron abertamente os republicanos, que entendían que o regreso á “normalidade constitucional” era inviábel despois de que o propio Rei a violase flagrantemente ao propiciar o golpe de estado en 1923.
O 10 de marzo de 1930, no Teatro Principal de Lugo, os republicanos constituíron a Organización Republicana Lucense, procedente da ORGA (Organización Autónoma Republicana Galega) e da ALR (Alianza Republicana). O 26 dese mesmo mes, no Pacto de Lestrobe, constitúese a Federación Republicana Galega integrada pola ORGA, o Partido Radical, o Partido Radical Socialista e o Partido Republicano Federal. Pouco despois, en agosto, ten lugar o Pacto de San Sebastián, asinado por representantes de case todos os partidos republicanos españois co obxectivo de acabar coa monarquía de Afonso XIII e proclamar a II República.
En decembro de 1931, fúndase o Partido Galeguista, que recoñece en Galiza o dereito de autodeterminación e proclama, como primeiro obxectivo político, a redacción dun Estatuto de Autonomía. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo forman parte do Consello Executivo.
Por outro lado, os partidos monárquicos quedaran debilitados durante os sete anos de ditadura debido a que Unión Patriótica, o partido único creado por Primo de Rivera, aglutinaba sen oposición os sectores máis tradicionais da sociedade que, pouco tempo despois, configurarán a extrema dereita española na Segunda República e o partido único dos corenta anos da ditadura franquista con prolongación, na actualidade, da mesma ideoloxía na dereita extrema. En abril de 1930, a Unión Patriótica transformouse en Unión Monárquica Nacional como partido que, dirixido por ex-ministros da ditadura e por un fillo do xeneral Primo de Rivera (José Antonio), aglutinou a defensa da monarquía de tipo autoritario. Tras a súa constitución como novo grupo político, a Unión Monárquica Nacional, a diferenza dos partidos da época, despregou unha virulenta campaña de mobilización cidadá con numerosos actos públicos.
Lugo. 6 de setembro. 1930
En ocasións, os dirixentes da Unión Monárquica Nacional tiveron que enfrontarse a manifestacións hostís de liberais e republicanos que se saldaron con graves incidentes como sucedeu na cidade de Lugo o 6 de setembro de 1930 con motivo da presenza no salón Méndez Núñez de José Calvo Sotelo, do conde de Guadalhorce, ex-ministros da ditadura de Facenda e de Fomento respectivamente, e de José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falange Española. Ánxel Fole fai referencia a este acto de protesta festiva na “Crónica rimada da cibdade de Lugo”
«Oínlle ó Samarugo
que houbo moito canguelo
cando pasou por Lugo
José Calvo Sotelo.
E moitas tortas —¡pam!—
e moitos tiros —¡pum!—
contoulle o Magadán
a Iglesias Solaún.
Berraba don Bernardo,
corría o Quirogués…
Voaba López Pardo
diante do Castro Ves.
Currín, currín, currín,
currín, currín, Currás,
de par do Ferranchín,
e candia o curricás...
A protesta rematou co resultado de sete persoas feridas graves e outras máis con lesións de distinto grao producidas por disparos da Garda civil.
Como reacción á intervención das forzas armadas, convocouse folga xeral, que se estendeu polas cidades galegas con elevada participación. Cando en Lugo obreiros e patronal estaban negociando o remate da protesta, o día 24 deste mesmo mes, na cidade de Compostela tiveron lugar diversas manifestacións de traballadores e estudantes universitarios reprimidas con armas de fogo pola Garda civil e a Garda de Seguridade que desembocaron na morte de Ángel Antelo, un traballador do metal de 19 anos, e catro feridos graves. Por este motivo, a folga intensificouse e o día 26, no enterramento da vítima estaban presentes diversas comisións de obreiros, o Presidente do Centro republicano de Compostela e directivos de sociedades obreiras de Santiago e Lugo. E é aquí, neste acto, cando encontramos a Alfonso de Caldeiro en representación da sociedade obreira de Lugo. Así nos informa o xornal El Pueblo Gallego do día 27 de setembro
Neste ambiente político e social decorre a vida do mozo Alfonso de Caldeiro, que xa ten decantada a súa ideoloxía á idade de 24 anos cando, despois da súa estadía en Madrid para cursar estudos universitarios e mais cumprir o servizo militar, regresa a Galiza a mediados do ano 1930. Esta identificación de Alfonso de Caldeiro coas clases populares ímola constatar ao longo da súa vida: unhas veces representa o proletariado obreiro e outras identifícase coa clase labrega e, en só en contadas ocasións, recoñece ser propietario ou licenciado en Dereito e avogado.
A Segunda República
Sete meses despois dos sucesos de Lugo e Santiago, cae a monarquía de Alfonso XIII e proclámase a República. En decembro de 1931, apróbase a nova Constitución. O goberno de coalición republicano-socialista do primeiro bienio inicia un programa de reformas coa pretensión de modernizar o Estado. A esta empresa súmase con fervor Alfonso de Caldeiro. Abandonados os estudos universitarios que emprendera en Madrid na Facultade de Ciencias, inicia agora outra carreira en Compostela. Matricúlase na Facultade de Dereito e obtén cualificacións polas que é recoñecido con diplomas como este que lle outorga o Reitor na materia de Dereito político.
As obras da escola de Papín
Alfonso de Caldeiro, seguidor da Institución Libre de Enseñanza, consideraba que a educación é o remedio para erradicar a ignorancia e a submisión das clases populares. Por esta razón, preocúpase pola execución das obras da escola de Papín, sufragada polo emigrante na Arxentina José María Álvarez Saavedra, que se comezara a construír en 1928 e que, á altura de decembro de 1932, se encontraba sen rematar e coas obras paralizadas desde había tempo por sospeitosos motivos de corrupción segundo deixa constancia desde Xermade o tamén natural de A Pena José Álvarez Ramos[1] coa publicación desta información no xornal Vanguardia Gallega do 13/12/1932.

[1] A identidade de José Álvarez Ramos corresponde a persoa coñecida por nós como Ramos. Era medio irmán de Casiano da Penela. Nesta casa viviu desde que se xubilou como secretario xudicial que fora en Xermade e Navia de Suarna até o seu falecemento en 1974.
Con Santiago Aloguín
A esta nova escola, cando comeza a funcionar no curso 1934-1935, é destinado como mestre o catalán Santiago Aloguín Roig, tamén entusiasta republicano, que fora discípulo e amigo en Deltebre (daquela pertencente ao concello de Tortosa) do ilustre mestre Marcelino Domingo i Sanjuán, quen, posteriormente, como ministro de Instrución Pública do Goberno provisional, nada máis proclamarse a República, sentou as bases do proxecto educativo máis ambicioso de toda a historia de España: a creación de máis de 23.000 centros educativos e de 7.000 prazas docentes que ían ser a infraestrutura material e humana dunha escola pública laica, única, de inspiración pedagóxica institucionalista e na que se garantise o ensino nas linguas propias. Para loitar contra o analfabetismo imperante na España monárquica, Marcelino Domingo promoveu a educación primaria, pois, como dicía na Exposición de motivos do Decreto de 23 de xuño de 1931, España non será unha verdadeira democracia mentres a maioría dos seus fillos, por falta de escolas, estean condenados á perpetua ignorancia”.
Marcelino Domingo foi un dos grandes e últimos rexeneracionistas e, no seu labor á vangarda do ensino público, enfrontouse coa feroz oposición da dereita monárquica e da Igrexa católica que, deste xeito, vía perder os seus privilexios sociais e económicos. Posteriormente, como ministro de Agricultura no bienio progresista, propiciou a Lei de Reforma Agraria aprobada en 1932 e tamén torpedeada polas oligarquías rurais, a Igrexa e a impaciencia dos sectores máis extremos do campesiñado anarquista. Finalmente, de novo como ministro de Instrución Pública no goberno da Fronte Popular, nos primeiros meses de 1936, restableceu a coeducación suprimida durante o bienio negro e retomou o programa de construción de escolas que iniciara cinco anos antes.
Santiago Aloguín e Alfonso de Caldeiro comparten veciñanza e ideoloxía, o primeiro con vivenda na propia escola de Papín, en cuxo primeiro andar tiña a súa morada, e Alfonso, a menos de douscentos metros, na casa de Caldeiro de A Pena. Rematadas, por fin, as obras das modernas instalacións, desde o curso 1934-1935, os nenos da parroquia son escolarizados en Papín sen térense que desprazar á Condomiña ou recibir lección dos mestres do ferrado existentes na contorna como sucedía antes. Desde agora, os escolantes van dispor dun edificio moderno, “hixiénico e pedagóxico” segundo publicara seis anos antes, cando comezaban as obras, o diario El Noroeste.
O edificio estrutúrase en dous pavillóns de dous andares cada un orientados de norte a sur. A el accedíase por unha única porta, desde a que se comunicaba, á dereita, coa aula das nenas, situada no lado oeste, e, á esquerda, coa dos nenos.
De fronte estaban situadas as escaleiras de madeira que conducían ás dependencias destinadas ás vivendas da mestra e do mestre. Alén das aulas e das vivendas, o edificio tamén contaba con outros locais de pequenas dimensións que se empregaban como rocho para a leña, cuartos para almacén e, cremos, algún deles estaría destinado a albergar a Biblioteca Circulante de Neira de Xusá, creada segundo as directrices das Misións Pedagóxicas, e da que o seu director era o mestre Santiago Aloguín Roig e o secretario, o noso Alfonso de Caldeiro.
A Biblioteca Circulante
En 1933 a República puxera en marcha as Misións Pedagóxicas por iniciativa de Manuel Bartolomeu Cossío, persoa vencellada á Institución Libre de Enseñanza, que quería levar “o alento do progreso” aos lugares máis afastados e atrasados. O Padroado das Misións Pedagóxicas distribuíu na Galiza 405 bibliotecas: 79 na Coruña, 48 en Lugo (unha delas na nosa escola de Papín), 123 en Ourense e 155 en Pontevedra. Este proxecto supuxo unha auténtica innovación cultural no medio rural, carente de libros, de vías e de medios de comunicación e de luz eléctrica. Destas bibliotecas circulantes beneficiábanse non só os nenos en idade escolar, carentes até ese momento de libros infantís, senón tamén a poboación adulta. Endexamais existira na nosa historia unha campaña de fomento da lectura como a proposta neste período republicano.
Temos, pois, por un lado a comunidade escolar formada polo grupo de nenos que acoden á escola, os mestres e os directivos das bibliotecas circulantes, que actúan como seleccionadores dos títulos que recibirá cada centro, e por outro lado, o colectivo potencial de lectores adultos da parroquia e da contorna. Os obxectivos destas bibliotecas é múltiple: ofrecer ao alumnado a posibilidade de achegarse á cultura escrita, facilitar ao profesorado actualización pedagóxica e literaria e, tamén, permitir á sociedade semianalfabeta o contacto coa lectura.
O panorama da oferta de bibliotecas naqueles tempos era desolador. A Lei Moyano, de 1857, non contemplaba a existencia de bibliotecas nas escolas e contentouse con que en cada provincia existise, polo menos, unha biblioteca pública: El Gobierno promoverá los aumentos y mejoras de las Bibliotecas existentes: cuidará de que en ninguna provincia deje de haber, lo menos una Biblioteca pública y dictará las disposiciones convenientes para que en cada una haya aquellas obras cuya lectura pueda ser más útil, atendidas las circunstancias especiales de la localidad y del establecimiento a que corresponda. (art. 163). No ámbito rural, ningún servizo podía ofrecer a existencia dunha única biblioteca en cada provincia.
O primeiro impulso da promoción da lectura popular e das bibliotecas escolares tivera lugar durante o sexenio revolucionario coa promulgación do Decreto de 18 de xaneiro de 1869, que obriga nas escolas de nova construción a ter unha sala para a biblioteca. Desde este momento iniciouse teoricamente a simbiose entre bibliotecas escolares e populares que se mantivo até o levantamento militar de 1936. A organización e xestión destas poucas bibliotecas nunca estivo a cargo de bibliotecarios senón de profesores dispostos e de veciños colaboradores. Os seus obxectivos consistían en fomentar a lectura e eliminar as desigualdades no acceso á cultura.
Na procura de acelerar a chegada de libros ás escolas, en 1912 propúxose a creación das Bibliotecas populares circulantes, a imitación das existentes noutros países, agora dependentes da Dirección Xeral de Educación Primaria. O Real Decreto do 22 de novembro deste ano recoñece que a boa vontade dos inspectores e do profesorado debía reforzarse cunha “biblioteca escolar circulante que lleve periódicamente a las últimas aldeas colecciones de libros, renovadas según el criterio del Maestro y las aficiones de los niños.”
O goberno da República consideraba o seu deber elevar o nivel cultural xeral e dinamizar a educación cidadá, declarando urxente, entre outros obxectivos pedagóxicos, a difusión e ampliación do libro, e para iso ordenou, mediante Decreto do 7 de agosto de 1931, a creación en todas as escolas primarias dunha biblioteca pública ao tempo que fomentaba o préstamo de libros. Este espírito quedou reflectido no seu preámbulo: “No basta construir escuelas […] Una escuela no es completa si no tiene la cantina y el ropero que el alumno necesita; no es tampoco si carece de la biblioteca para el niño, y aún para el adulto y aún para el hombre necesitado de leer. Empieza España a tener las Escuelas que le faltaban; las tendrá en breve. De lo que carece casi absolutamente es de bibliotecas, de pequeñas bibliotecas rurales que despierten, viéndolas, el amor y el afán al libro. […] Una biblioteca atendida, cuidada puede ser un instrumento de cultura tan eficaz o más eficaz que la Escuela.” A finais dese mesmo mes, outro Decreto de 22 de agosto creou unha sección circulante en todas as bibliotecas dependentes do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes e especificaba que a solicitude se faría a través das bibliotecas escolares e, onde aínda non as houbese, a través do seu mestre, e engadíase que, para facilitar a lectura, os envíos estarían exentos de gastos postais.
Para garantir que todos os centros educativos contasen cunha biblioteca, o desenvolvemento da política bibliotecaria republicana foi encomendada á recentemente creada Xunta de Misións Pedagóxicas e á Mesa de Intercambio e Adquisición de Libros das bibliotecas públicas. Esta última organización tiña, entre outras funcións, modernizar o patrimonio bibliográfico, dotar e ampliar as bibliotecas públicas do Estado, doar pequenos lotes de libros a determinados centros e sociedades de carácter cultural para que as bibliotecas públicas contasen cunha sección circulante. Porén, foi a Xunta de Misións Pedagóxicas a que se encargou de facer realidade as bibliotecas escolares, que se manterían abertas a toda a veciñanza.
Como impulsores dunha destas bibliotecas na parroquia de Penarrubia e, quizais tamén, no concello de Neira de Xusá, encontramos a Santiago Aloguín e a Alfonso de Caldeiro. No xornal El Pueblo Gallego do 20 de decembro de 1935 publícase a seguinte información sobre esta biblioteca circulante, que recibe do Patronato de Misiones Pedagógicas un lote de cen libros, que conta con trinta socios protectores que satisfán cotas mensualmente. Entre os doantes de libros figuran os dous impulsores. Tamén figuran María Manuela Salas Reimonde, mestra das nenas na mesma escola de Papín, que doa Cervantes educador e La patria española, de Ecequiel Solana; José Álvarez Ramos (Ramos da Penela), autor da información publicada polo xornal Vanguardia Gallega sobre a paralización das obras da escola, achega A Divina Comedia e Fausto; Felipe S. Arias, posiblemente cuñado de Santiago Aloguín, fai entrega da obra infantil Cuentos de viejas, de Perrault.
Alén de aplicar métodos educativos innovadores, os promotores das bibliotecas circulantes tamén se preocuparon no medio rural das ensinanzas teóricas e prácticas de agricultura co cultivo de hortos nos terreos circundantes dos edificios escolares. Isto explica que o mestre Aloguín achegase a esta biblioteca Lecturas agrícolas, de Esteban Forcadell Calzada, e que, segundo nos informaron algúns veciños que foron alumnos deste mestre, se realizasen prácticas agrícolas nas terras contiguas aos muros da escola. Na tarefa da adquisición de libros para a Biblioteca Circulante de Penarrubia, Alfonso de Caldeiro realizou xestións frutíferas. Así o constatamos neste escrito

Nesta solicitude, un remitente amigo do destinatario, para nós descoñecido porque o texto lamentablemente está mutilado, diríxese a Antonio Zozaya You, presidente da Junta de Intercambio, solicitándolle a súa intercesión pola petición realizada por Alfonso López Calderón, en calidade de Secretario da Biblioteca Popular Circulante de Penarrubia, dun dos lotes de libros. Segundo vimos, esta solicitude foi atendida e o lote en cuestión chegou aos andeis da Biblioteca de Papín.
Antonio Zozaya You (1859-1943), liberal krausista, foi discípulo predilecto dos próceres da Institución Libre de Enseñanza Francisco Giner de los Ríos e Gumersindo de Azcárate. Acadou sona como escritor, tradutor de linguas clásicas e modernas, avogado e destacado xornalista. Presidiu a Junta de Intercambio y Adquisición de Libros para Bibliotecas Públicas e formou parte do Consejo Superior de Cultura. Desde 1931 dirixiu o Padroado da Biblioteca Nacional de España. Creou, dirixiu e editou os 97 volumes da Biblioteca Económica Filosófica, unha colección popular de obras de filósofos clásicos e contemporáneos que se vendía a prezos módicos coa intención de propagar obras necesarias para a difusión do librepensamento dirixidas a un público de poucos recursos.
Levantamento militar
Desde os primeiros días da sublevación militar, a principal preocupación dos golpistas concéntrase en exercer a represión para consolidarse no poder. O 19 de xullo de 1936, Emilio Mola, o xeneral “Director” sublevado no norte do Estado onde o golpe se afianzou en cuestión de horas, dirixiu estas palabras a todos os alcaldes navarros concentrados en Pamplona: «Hay que sembrar el terror […] hay que dar la sensación de dominio eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros. Nada de cobardías. Si vacilamos un momento y no procedemos con la máxima energía, no ganamos la partida. Todo aquel que ampare u oculte [a] un sujeto comunista o del Frente Popular será pasado por las armas» (Paul Preston: La guerra civil española. Páx. 117. Círculo de lectores. Barcelona 2016). Este é o propósito dos sublevados: “eliminar sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros”.
O Decreto núm. 108 da Junta de Defensa Nacional de 16/09/1936 declara ilegais todos os partidos e agrupacións políticas que, desde a convocatoria das eleccións celebradas o 16 de febreiro, integraron a Fronte Popular. Tamén sinala os castigos a que serán sometidas aquelas persoas que, sendo responsábeis destas entidades ou a título particular, se opoñan con sus actuaciones antipatrióticas o contrarias al Movimiento Nacional. O levantamento militar dos sublevados contra a República sorprende o noso veciño Alfonso de Caldeiro e o mestre Santiago Aloguín inmersos nas actividades da Biblioteca Circulante de Penarrubia. Os rebeldes dirixen contra eles graves acusacións por seren republicanos e por teren como obxectivo a promoción da cultura entre as clases populares. Este foi o grave delito que, segundo os fascistas, cometeron Alfonso López Calderón e Santiago Aloguín Roig. Si. Si. Nada inventamos con esta afirmación. Este feito serviu de proba para a detención de ambos e o encarceramento na prisión provincial de Lugo. Así consta nestes dous documentos que se conservan no Ficheiro Xeral da Sección Político-Social franquista e que actualmente se poden solicitar e consultar no Centro Documental da Memoria Histórica do Ministerio de Cultura.
Alfonso de Caldeiro é responsábel de ser “Secretario de la Biblioteca Popular de Peñarrubia [sic] Lugo; “figura en la documentación de Mª [sic] Domingo (3/5/36) Leg. 296 t. 28. Madrid. P. S. Exp. 132 – fol 14.-
Santiago Aloguín é responsábel de ser “Presidente de la Biblioteca Popular circulante de Neira de Yusa [sic] dirige carta a su correligionario Marcelino Domingo. Abril de 1936. Leg. 2964 tom. 66 exp. 19 P.S. Madrid 359”.
Un é secretario; o outro, presidente dunha biblioteca que, nun caso, é Popular de Peñarrubia e no outro, Popular circulante de Neira de Yusá. Os dous se relacionan co expediente de Marcelino Domingo, quen fora ministro da República. De Alfonso dise tan só que “figura en la documentación” do expediente aberto ao ex-ministro. De Santiago, en cambio, afírmase que “dirige carta a su correligionario Marcelino Domingo. Abril de 1936”. Recordamos que Marcelino Domingo foi ministro de Instrución Pública e Belas Artes desde o 19 de febreiro até o 13 de maio de 1936. Recordamos tamén que os membros da familia Aloguín eran amigos do ex-ministro: o primeiro destino de Marcelino como mestre foi nunha escola de Tortosa onde coñeceu o pai de Santiago, que tamén era ensinante e natural dese mesmo concello tarraconense. O feito de figurar unha carta e unha referencia dentro do voluminoso expediente aberto contra unha personalidade prominente como Marcelino Domingo constitúe para os fascistas motivo de represión contra os nosos dous protagonistas.
As siglas P. S. corresponden á Sección Político-Social da temíbel policía secreta encargada da represión dos movementos de oposición ao franquismo. A Orde nº 13 de 4 de setembro de 1936 da Junta de Defensa Nacional de España declara que as bibliotecas ambulantes fomentadas polo goberno da República, “que han inundado las escuelas a costa del Tesoro público, constituyen una labor funesta para la educación de la niñez. Es un caso de salud pública hacer desaparecer todas estas publicaciones, y para que no queden ni vestigios de las mismas, la Junta de Defensa Nacional ha acordado… se proceda urgente y rigurosamente, a la incautación y destrucción de cuantas obras de matiz socialista y comunista se hallen en bibliotecas ambulantes y escuelas.”
Desde este momento, os fascistas emprenden a Cruzada consistente na queima inquisitorial de libros como as realizadas polos falanxistas o 19 de agosto na explanada do Club Náutico da Coruña ou a dos libros almacenados na editora de Ánxel Casal en Santiago, entre os que se encontraba a versión galega do Códice Calixtino... Un a un, caendo na fogueira, que alegrou a noite dos traidores. Unha noite chegaron os de sempre, de camisa azul e boina requeté, armados con fachos e estandartes. Cercaron a biblioteca para queimar os restos, que deixaran as ratas do banquete. Foi a fin dunha época distinta, onde os homes amaban o saber. Foi o comezo traumático dun tempo que preferiu a inxustiza á desorde. (Xavier Queipo: Homenaxe a Ánxel Casal. © Asociación de Escritores en Lingua Galega. 2005).
No cárcere de Lugo
Cando, en xullo de 1936, se produce a rebelión militar contra o goberno lexítimo da República, Alfonso e Santiago observan o que lles está a suceder a coñecidos seus de ideoloxía republicana e buscan refuxio para protexer as vidas. Segundo as nosas informacións orais, Santiago diríxese á cidade de Lugo e Alfonso agóchase na igrexa de Pedrafita de Camporredondo mercé á protección que lle dispensa o seu curmán Valentín Quiroga López, párroco deste lugar. Efectivamente, a nai do párroco, Socorro López Troncoso, era irmá de Valentín, pai de Alfonso. Descoñecemos os días que Alfonso ficou escondido en Pedrafita de Camporredondo. O certo é que, posteriormente, dise que, vestido con sotana clerical, abandona o refuxio para ocultarse na casa dos seus tíos en Manán, aldea da parroquia de San Salvador do Mato, do concello de Sarria, de onde era natural seu pai.
Non sabemos cantos días pasou Alfonso de Caldeiro agochado na casa de seus tíos de Manán. El declarará en 1946 que en xullo de 1936, “al iniciarse el Movimiento Nacional, prestó servicios como como soldado de servicio reducido en el Regimiento de Zaragoza nº 30 de guarnición en Lugo desempeñando en esta plaza los servicios propios de su clase de soldado”. Alfonso, nestas datas xa tiña 30 anos e, como quinto do 1927 que era, xa realizara o servizo militar en Madrid. Por isto, os servizos que presta son “reducidos”. O rexemento de infantería Zaragoza número 30 residía no cuartel de San Fernando e formaba parte naqueles tempos da 15ª Brigada de Infantería da Oitava División Orgánica, comandada esta polo xeneral Rogelio Pita Caridad, fusilado en Ferrol polo exército franquista nos primeiros tempos da sublevación militar por negarse a secundala. Descoñecemos que foi de Alfonso desde este momento até o 3 de novembro de 1938 en que, detido pola Garda Civil, entra no cárcere de Lugo e pasa a disposición dos militares rebeldes. O capitán Antonio Azpiazu Tato, un dos tres militares represores que actúan en Lugo como xuíces instrutores nestes momentos, ordena que o seu expediente se una ao de Antonio Mora Clavería e que ambos detidos se manteñan inicialmente incomunicados.

Descoñecemos a relación existente entre os dous detidos. De Antonio Mora, a ficha carceraria di que era estudante de 24 anos, solteiro, domiciliado na rúa Bispo Aguirre (24), fillo de Atanasio (Mora Cazorla) e de Rafaela (Clavería Giménez) e que estivo en prisión tan só cinco días, os que van do 3 ao 11 de novembro de 1938. Por consultas nas hemerotecas, pouco máis sabemos de Antonio Mora: que seu pai foi Xefe de Sección Provincial da Administración Local da Deputación de Lugo e que era o quinto de nove irmáns. No Proxecto de Investigación Nomes e Voces, engádese que era directivo de Izquierda Republicana, partido integrado na Fronte Popular que gañou as eleccións celebradas en febreiro de 1936. ¿O feito de que sobre Alfonso de Caldeiro e Antonio Mora se ordene que se manteñan incomunicados cando ingresan xuntos no cárcere indica que ambos pertencesen á mesma agrupación política?
O capitán instrutor Antonio Azpiazu Tato incóalle a causa 682/1938 a Alfonso de Caldeiro, da que descoñecemos o expediente. Con data 15 de decembro de 1938, Azpiazu Tato sobresé o proceso e Alfonso, en liberdade, pasa a disposición do Delegado de Orden Público coa obriga de presentarse á Garda civil. Quen detiña a Delegación de Orden Público neses tempos era o comandante de infantería Juan Álvarez Busquet, o mesmo que, ao remate da guerra en 1939, é nomeado comandante militar de Palafrugell (Girona), encargado de aplicar nese concello a Lei de Responsabilidades Políticas, consistente en examinar inquisitorialmente as persoas e entidades para determinar a súa ideoloxía durante a República e a guerra e reprimir as consideradas “subversivas”.
Alfonso permanece no cárcere de Lugo 51 días, desde o 3 de novembro ao 24 de decembro de 1938, en que é liberado. Durante este período de tempo coincide en prisión co seu amigo e mestre de Papín Santiago Aloguín Roig, quen xa levaba internado desde o 22 de outubro de 1937 e ficaría no cárcere até o 23 de outubro de 1939 en que pasa á situación de “prisión atenuada en su domicilio”, cumprindo en total dous anos e un día de privación de liberdade sen que contra el se abrise ningún proceso xudicial.
O cárcere de Lugo contaba con 60 celas das que 32 estaban destinadas a homes, 22 a mulleres e 6 a presos en tránsito. Cada cela, proxectada inicialmente para ser individual, ten 4,5 x 2,5 metros, mais entre 1936 e 1940 chegou a acoller 900 detidos, a maioría deles por motivos políticos. O espazo que ocupan as celas dos homes é semicircular e desde un punto podía controlarse todo o interior.
Aquí, a situación dos presos foi de tortura prolongada debido á superpoboación, á fame que padeceron e, sobre todo, ao maltrato físico e á inseguridade sobre as súas vidas ao arbitrio do omnímodo poder franquista. Para coñecermos a situación dos reclusos neste cárcere contamos co testemuño Uno de tantos. Cinco años a la sombra, libro publicado por Edicións do Castro en 1986 que contén as memorias de Gregorio Sanz, mestre en Ribadeo, preso aquí durante o tempo que se indica no título. Cando ingresa xunto con dous detidos máis o 5 de novembro de 1937, escribe «pensaba yo en cómo nos las íbamos a arreglar por la noche cuando llegara la hora de acostarse. Me parecía materialmente imposible hallar un hueco donde los tres nuevos ingresados pudiéramos tumbarnos» …e máis adiante prosegue «éramos doce hombres y la celda estaba construida para uno. Su forma, casi de sector circular, con la puerta en la parte más estrecha que daba a la galería interior, y una ventana alta y enrejada en la parte opuesta. En uno de los ángulos había un agujero, utilizado como W. C., al que los “inquilinos” habían semiocultado colocando una manta a manera de cortina. En las paredes, con cuerdas y tablillas habían armado algo parecido a estantes donde podían colocarse pequeños paquetes, y en el suelo, junto a las paredes, se recogían las mantas y alguna pequeña colchoneta, que durante el día nos servían de asiento, dejando en el centro minúsculo espacio libre para poder dar algunos pasos». As celas, proxectadas a fins do século XIX para seren de uso individual, pasaron a servir para 10 e, nalgúns momentos, para 15 ocupantes o que lles impide aos presos unha vida minimamente digna. Mais, a situación agravábase para os presos destinados ás “celas de concentración” nas que se amorean máis de 40 presos, como lle confesa en xaneiro de 1937 o ribasilense José Darriba Puente a súa irmá nunha carta.
Para o aseo diario, segue dicindo Gregorio Sanz, dispuñan de «un caldero lleno de agua para todo el día. ¿Qué limpieza podíamos hacer con esa cantidad de agua los doce hombres encerrados en la celda?… Ni siquiera nos tocaba a medio litro cada uno». A comida que lles ofrecían era exigua. Todos os testemuños que coñecemos falan da “dieta de fame” a que se viron sometidos os internos como sufrimento engadido á privación da liberdade. Desta situación podían alixeirarse en ocasións aquelas persoas que contaban con parentes que, cando os visitaban, lles achegaban provisións. Nalgúns casos, os familiares que vivían lonxe, e podían, deixábanlles cartos aos presos para que adquirisen alimentos no propio economato da prisión a prezos moi superiores aos das tendas do exterior. Mais, os pobres reclusos en ocasións tamén eran vítimas de funcionarios e policías corruptos que non entregaban aos destinatarios os cartos e víveres que lles deixaban os seus familiares cando os ían visitar. Isto foi o que lle aconteceu, por exemplo, ao preso José Arrojo Otero, de Tortes, Becerreá, a quen a súa muller, Gloria Argiz, lle deixa cen pesetas ao policía de control para ao seu marido, das que só lle son entregadas 25.
Por isto, tamén era usual que os familiares se servisen de coñecidos da cidade para que se comprometesen a levarlles alimentos polo menos para inxerir unha comida ao día. O problema agravábase cando os presos non contaban con familiares que os puideses auxiliar como, segundo narra Gregorio Sanz, lle sucede a un asturiano: “abandonado de su familia, sin amigos, que desde hacía varios meses se hallaba en la celda sin recibir la más mínima ayuda del exterior. Comprobé que la manta con que se cubría estaba plagada de piojos de todos los tamaños, que no tenía más ropa que la puesta, que había perdido las ganas de vivir”. A fame provocaba que os presos se debilitasen, enfermasen e, en casos, finalmente morresen de inanición. A todas estas penalidades, sumábase o frío que os reclusos tiñan que soportar nos xélidos días do inverno lugués. Un documento conmovedor que constata esta realidade é a nota escrita a lapis por Pedro Alvaredo Rodríguez o día 8 de xaneiro de 1943 antes de ser executado: “José Méndez Fernández[1]. Te dejo la zamarra para que te abrigues. Pedro Alvaredo”, que reproducimos aquí:
[1] Encartado no sumario 853/1937, fora condenado en 1938 a reclusión perpetua (30 anos) por rebelión militar por mor de “huir al monte y organizarse en cuadrilla armada”. Era natural de Arxenteiro, Vega de Valcarce.
Mais, a inseguridade sobre as súas vidas constitúe unha tortura superior e constante para os presos. Á maior parte deles están en prisión sen que se lles incoara proceso xudicial. O feito de pertencer a algún partido de índole republicana, nacionalista, federalista, de ter desempeñado cargo político, de non gozar de bos informes da Falanxe, da Garda civil ou do párroco, de non apoiar o réxime fascista imposto polas armas… era motivo para ingresar no cárcere. E o ingreso non servía de salvagarda da propia vida porque eran frecuentes as sacas nas que as vítimas eran executadas nas tapias do cuartel da Garda Civil, do cemiterio de San Froilán e nas cunetas dos camiños para estender o terror na sociedade. E non só os encarcerados vivían angustiados, tamén moitas outras persoas, como nos deixou escrito o poeta Luís Pimentel:
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
Non fales en voz alta.
—¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia—
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
.................
Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non terei palabras para os meus versos.
Desvelado, pola mañá cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, este é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar o teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas e esfarrapadas.
Deixa atrás a vila
Ti sabes que tódolos días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home chora.
Chove
Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
mais alá da néboa,
mais alá do mar,
mais alá da choiva,
mais alá do bosque.
(Cunetas. Lugo. Marzo de 1937)
O mesmo sentimento de terror exprésao Pimentel no poema dedicado a Carballo Calero, tamén vítima da represión:
...Ti sabes que todos os días
hai un home morto
que ninguén coñece aínda,
en cuxa ollada derradeira
ficou
unha praza valeira
descoñecida para el.
(Sombra do aire na herba. 1958)
Así describe Ramón Piñeiro a Luís Pimentel, o autor destes versos, acosado polo ambiente da represión franquista naqueles tristes anos: “De súpeto tíñame que deter para deixar pasar a Luís sostido por un enfermeiro. Era levado mesmo en vilo. Iba caído dun costado e o acompañante suxetábao pola esquerda facendo un grande esforzo. Eu agardaba ata que desaparecían pola outra porta. Tería Pimentel arredor de corenta anos, pero representaba moitos máis […] Os ollos semipechados miraban ó chan. Non volvía a vista. Non falaba nunca. Non respostaba o meu saúdo. Parecía interiorizado nun mundo indiferente e tráxico […] Unha fondísima angustia adiviñábase naquel ser desvalido. En desamparo de si mesmo […] A traxedia da guerra e outras complicacións tiñan a Luís Pimentel naquel estado de febleza, naquela postración. Ata a nosa casa da rúa Aguirre, chegaban implacables, portadoras de horror, inhumanas, as detonacións dos fusilados. Chegaban tamén ós ouvidos arrepiados de Pimentel. Non había muros cegos nin paredes xordas que apagaran os siniestros disparos […] É indudábel que Pimentel temía pola súa vida. A presencia delicada da filla, tan nena, semella aliviar o terror a unha morte tan absurda como posíbel” (Ramón Piñeiro, Luz Pozo Garza, Arcadio López Casanova & Claudio Rodríguez Fer (1990): Luis Pimentel, 1895-1958: unha fotobiografía. Vigo: Xerais.)
As detonacións a que se refire Ramón Piñeiro procedían das tapias do antigo cemiterio, situado no soar onde actualmente se levanta o Gran Hotel Lugo, e dos muros que rodeaban o cuartel da garda civil, onde os executores perpetraban os asasinatos programados polos sublevados, lugares os dous expostos á veciñanza para aterrorizar a sociedade e moi próximos ao cárcere onde os ecos dos disparos resoaban acotío.

Fonte: Ministerio de Defensa. Arquivo Intermedio Militar Noroeste. Ferrol
Na actualidade, o edificio do Vello Cárcere foi reconvertido nun centro cultural e social que reivindica a memoria de Alfonso de Caldeiro e de tantas outras vítimas da guerra civil e da ditadura franquista. En recordo de todos eles, nas paredes dunha das súas celas figuran os nomes das persoas aquí encarceradas durante os anos 1936-1940.
Como dixemos, Alfonso de Caldeiro sae do cárcere de Lugo o 24 de decembro de 1938 en cumprimento da resolución de sobresemento do Xulgado Militar Eventual de Lugo do 24 do mesmo mes.
Nesta resolución dise que nesa mesma causa tamén se encontran catro persoas máis:
Alfonso Curiel Neira, natural de Baralla, de 42 anos, solteiro, ingresara en prisión o 6 de setembro de 1938.
Siro Fernández Fernández, tamén de Baralla, de 37 anos. No folio 1.405 do sumario da cuasa 75/1946 aparece citado como Siro Fernández de Ventosinos. ¿Sería da casa de Ventosinos de Basille, parroquia de Pousada? Ingresa en prisión o 6 de setembro de 1937 sendo liberado dous meses despois tras pagar unha sanción de 500 pesetas. Volverémolo encontrar con Alfonso en 1946 na Causa 75/1946 acusado do delito de rebelión militar no Tribunal Militar Territorial de A Coruña.
Enrique Rodríguez Pérez, da parroquia de Santo Estevo de Baralla, fillo de Ramiro e de Dolores, de 31 anos, casado, dous fillos. Tamén ingresa en prisión o 6 de setembro.
José Arias Crecente, nado en Baralla, era presidente da Sociedade de Labradores de Santiago de Covas. Foi detido o 24 de agosto de 1936. Ingresou no depósito de Sarria e, despois, no Cárcere de Lugo. Saíu en liberdade o mesmo 24 de decembro de 1938.
Mais, poucos días goza Alfonso de liberdade. En xaneiro de 1939 foi mobilizado por terceira vez como soldado do exército sublevado até o 9 de maio en que foi licenciado definitivamente.
Outros represaliados da contorna
Peor que a Alfonso foilles a outros republicanos. Na comarca de Becerreá foron numerosas as persoas vítimas do terror dos sublevados. Aos paseados sucederon os executados en consellos de guerra, os condenados a anos de prisión e os agochados en casas de familiares e amigos, os fuxidos e os exiliados.
Rudesindo Fernández Vilor, de Izquierda Republicana e alcalde de Becerreá, retido nos primeiros días de setembro de 1936, posteriormente foi capturado na casa familiar canda o seu curmán Ovidio Villar Fernández. Ambos foron fusilados en Valcova, parroquia da Veiga, concello de Becerreá, e posibelmente enterrados nunha fosa común no cemiterio de Vilarraso, concello de Aranga.
José García Espinosa (Becerreá 1910 – As Nogais 1936) (Pelegrín), abatido como peza de cacería por falanxistas e un cura nos montes de As Nogais mentres fuxía. Posiblemente fose soterrado no cemiterio de Torés.
Manuel Fernández Núñez (Chaparrín). (Becerreá 1911 – Lugo 1940). Detido en novembro de 1936, en decembro consegue fuxir do depósito municipal de Becerreá con Antonio Ulloa Regueiro e outros 14 presos, que formaron un grupo guerrilleiro que actuou pola comarca dos Ancares. Encartado na causa 190/1937 por rebelión militar, foi reclamado polo Xulgado Militar de Lugo en agosto de 1937. Tamén se lle incoou expediente por responsabilidades políticas pola Comisión Provincial de Incautación de Bens. Detido en 1940, foi xulgado en Lugo por rebelión militar e condenado a morte. Foi executado nas tapias do cuartel da Garda Civil de Lugo o 6 de maio de 1940.
No consello de guerra sumarísimo 190/1937 incoado polo Tribunal Militar Eventual de Lugo son encausadas 54 persoas desta zona acusadas de rebelión militar e auxilio á rebelión. Entre elas figuran os seguintes:
Claudio Arrojo Suárez (Eixibrón 1893 – Lugo 1938). Fillo de Andrés e de Dolores. Labrego. Carteiro da parroquia de San Pedro de Tortes desde 1925. Militante de Izquierda Republicana, foi concelleiro nas eleccións de 1931 e de 1936. Coa sublevación militar fascista botouse ao monte como fuxido. Entregouse en setembro de 1937 e ingresa no cárcere de Lugo. O 16 de febreiro de 1938, conducido perante o consello de guerra por adhesión á rebelión é condenado a pena de morte. Foi executado nas tapias do cuartel da Garda Civil de Lugo ás 6 do 13 de maio de 1938 canda Luís García Vázquez (El Relojero) e a guerrilleira Consuelo Alonso González (A Comunista).
Para maior escarnio, con data de 31 de decembro dese mesmo ano, sete meses despois do seu asasinato, o infando Leopoldo Sousa-Menéndez Conde, en calidade de Gobernador civil-Presidente da Comisión Provincial da Incautación de Bens de Lugo, dita providencia pola que manda instruír a Claudio Arrojo Suárez o expediente de responsabilidade civil sobre os bens do asasinado coa finalidade de executar a multa derivada da responsabilidade política por profesar unha ideoloxía diferente da única recoñecida polo poder das armas durante a dilatada ditadura franquista, a FET y de las JONS y su Glorioso Movimiento Nacional.
Casimiro Villares Quintana (O Barraqueiro) (Becerreá 1912 – Xixón 1942). Mestre. No curso 1932-1933 tiña destino en Neira de Xusá. En 1936 daba escola en Horta, parroquia de San Xoán de Agüeira. Fuxido polos montes da comarca, en febreiro de 1940 é detido e ingresa no cárcere de Lugo. Desde aquí pasa a disposición do gobernador militar de Asturias. Xulgado en Xixón foi condenado a morte e fusilado o 26 de febreiro de 1942.
José González Rivero (Vilamane 1911 – ). Labrego identificado na listaxe elaborada polos falanxistas como Cabecilla de Villamane. Ingresa no cárcere de Lugo en abril de 1937. O 16 de febreiro de 1938 é sometido ao consello de guerra 190/1937 por delito de rebelión. É condenado á “pena de 30 años de reclusión perpetua que dejará extinguida en 21 de abril de 1967”. En marzo de 1939 é trasladado ao cárcere de Las Palmas”.
Ramiro García Rodríguez (Zoilo). Natural de Gomeán, O Corgo, 1896: Veciño de Becerreá. Detido en Asturias en xaneiro de 1940, ingresa no cárcere de Lugo en xullo dese ano canda Eduardo Castro Vázquez. Procesado na causa 341/1940 por “supuesto auxilio a la rebelión”, é posto en liberdade a finais dese mesmo mes de xullo.
Eduardo Castro Vázquez (O Dulceiro). Nado en Bascós, Monforte, en 1893. Fillo de Francisco e de Filomena. Casado con Manuela López Álvarez. Dous fillos. Veciño de Baralla. Industrial. Despois de estar fuxido un tempo, ingresa no cárcere de Lugo o 29 de xaneiro de 1940 baixo acusación de auxilio á rebelión. É posto en liberdade en xullo deste mesmo ano, mais poucos días despois volve ingresar no cárcere de Lugo procesado nos sumarios 190/1937 e 341/1940 baixo acusación de rebelión militar. É condenado a doce anos de prisión, pena que lle é conmutada por seis anos de prisión. En aplicación da Lei de 1 de abril de 1941 sobre liberdade condicional de sentenciados a penas de prisión que non excedan de doce anos, por delito de rebelión, é posto en liberdade.
José Santiso Pereira (O Barrado) tamén se encontraba fuxido polos montes de Becerreá. Fillo de Ramón e de Pilar, nace en As Fontes, parroquia de Furco, Becerreá, en 1894. Labrego. A súa esposa, Carmen Vázquez Eiranova, e seu irmán Gonzalo, veciño de Busto, Neira de Rei, foron detidos mentres el se encontraba fuxido. Procesado nas causas 190/1937 e 341/1940, ingresa por primeira vez en 1941 acusado de auxilio á rebelión. É condenado a tres anos de prisión. Ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo o 14 de febreiro de 1946. En aplicación da Lei de 1 de abril de 1941, sae en liberdade condicional.
Tempos de posguerra
O terror non remata co período de guerra, prolóngase con intensidade durante anos para consolidar a Ditadura. O franquismo utilizou distintos tipos de violencia para castigar e someter os vencidos. Cómpre ter en conta que os paseos, as sacas e as torturas eran prácticas que formaban parte dunha política represiva máis ampla, que incluía outros procesos depuradores que afectaban un ámbito social moi amplo.
O Decreto-Lei de 10 de xaneiro de 1937 xa creara a Comisión Central Administrativa de Bens Incautados polo Estado, que se estendía nunha tupida rede de comisións provinciais, que funcionaron de forma inmediata para aplicar a represión económica declarando a responsabilidade civil de cada unha das persoas sancionadas pola súa ideoloxía política coa imposición de elevadas multas que, moitas veces, remataban na declaración do embargo e confiscación dos bens.
Así, Octavio García Fernández (Vilachá Pedrosa 1882 – 1953), de Izquierda Republicana, alcalde de Becerreá na ditadura de Primo de Rivera e Presidente da Comisión Xestora da Deputación de Lugo en 1935, foi sancionado coa astronómica multa de 50.000 pesetas (BOP Lugo, nº 103, do 9 de maio de 1938), con cinco anos de inhabilitación e con desterro a Soria.
Este procedemento de represión económica, rematada a guerra, viuse reforzado en febreiro de 1939, cando o Ditador promulga a Ley de Responsabilidades Políticas, “que sirva para liquidar las culpas de este orden contraídas por quienes contribuyeron con actos u omisiones graves a forjar la subversión roja, a mantenerla viva durante más de dos años y a entorpecer el triunfo providencial e históricamente ineludible, del Movimiento Nacional, que traduzca en efectividades prácticas las responsabilidades civiles de las personas culpables y que, por último, permita que los españoles que en haz apretado han salvado nuestro país y nuestra civilización y aquéllos otros que borren sus yerros pasados mediante el cumplimiento de sanciones justas y la firme voluntad de no volver a extraviarse, puedan convivir dentro de una España grande y rindan a su servicio todos su esfuerzos y todos sus sacrificios”.
No artigo 2 indica esta lei que “se entenderán comprendidos en esta sanción los siguientes partidos y agrupaciones: Acción Republicana, Izquierda Republicana, Unión Republicana, Partido Federal, Confederación Nacional del Trabajo, Unión General de Trabajadores, Partido Socialista Obrero, Partido Comunista, Partido Sindicalista, Sindicalista de Pestaña, Federación Anarquista Ibérica, Partido Nacionalista Vasco, Acción Nacionalista Vasca, Solidaridad de Obreros Vascos, Esquerra Catalana, Partido Galleguista, Partido Obrero de Unificación Marxista, Ateneo Libertario, Socorro Rojo Internacional, Partido Socialista Unificado de Cataluña, Unión de Rabassaires, Acción Catalana Republicana, Partido Catalanista Republicano, Unión Democrática de Cataluña, Estatá Catalá, todas las Logias masónicas y cualesquiera otras entidades, agrupaciones o partidos filiales o de análoga significación a los expresados, previa declaración oficial de hallarse, como los anteriormente relacionados, fuera de ley”. Alén da represión económica, esta lei tamén contempla sancións de inhabilitación absoluta e especial para o exercicio de funcións públicas e sancións de desterro.
Así mesmo, as autoridades gobernativas exercen directamente a represión impoñendo multas por múltiples motivos, entre eles a falta de apoio “al Movimiento, al Ejército y a la Iglesia”. Nos boletíns oficiais provinciais eran frecuentes os anuncios de aplicación da Lei de responsabilidades políticas como este de Lugo de 6 de febreiro de 1942, no que, entre outros, figura como “inculpado” José Fernández Méndez, labrego veciño de Neira de Rei.
Na seguinte imaxe, reproducimos unha selección de oito noticias recollidas de diferentes xornais que informan de sancións impostas a diversas persoas por motivos de represión política:
1.- Abelardo Fernández Rivas: labrego, foi elixido concelleiro en Cospeito en1931. En 1932-1934 era alcalde por Alianza Republicana. En 1936 tamén era alcalde pola Fronte Popular-Unión Republicana. Ingresou no cárcere de Lugo no ano 1938 durante 22 días. Neste caso, o gobernador civil de Lugo imponlle unha sanción de 1.500 pesetas por “desafecto al Movimiento Nacional” e, para facela efectiva, o xulgado de primeira instancia de Vilalba, do que era xuíz Sebastián Martínez Risco, saca a poxa pública dous predios seus valorados en 1.800 pesetas. O gobernador civil de Lugo nese momento era o ovetense Leopoldo Sousa Menéndez-Conde, amigo persoal de Franco. Anteriormente, fora xefe de somaténs na ditadura de Primo de Rivera.
2.- Na segunda das noticias de prensa, a sanción que se lle impón a Arturo Martínez Fernández “por ser contrario a la causa de España y desafecto al Movimiento Nacional” ascende á cantidade astronómica de 15.000 pesetas. Temos que saber que, ao remate da guerra, o salario medio anual dun obreiro non pasaba das 3.000 pesetas.
3.- Na terceira das noticias, o gobernador civil de Pontevedra sanciona a empresa editora nesta cidade do xornal El Progreso con 500 pesetas e con 15 días de arresto en prisión o caixista que compuxo o texto publicado. Motivo da sanción: falsear os orixinais presentados. Quen paga é o traballador da imprenta que xunta e ordena as letras que compoñen o texto que se imprime e publica.
4.- Neste caso, recóllese un fragmento dunha longa serie de persoas sancionadas por diversos motivos: Por posuír e acaparar 43,30 pesetas en moeda fraccionaria, a sanción consiste no importe desa cantidade, isto é, na incautación. Debemos recordar que o goberno sublevado, xa en novembro de 1936, creou en Burgos a Casa de la Moneda, que tiña como obxectivo, alén de emitir billetes en papel, refundir prata e ouro procedentes das doazóns e das requisas para acuñar a nova moeda distinta da republicana e para crear as reservas do Novo Estado. Este obxectivo non foi conseguido até o remate da guerra e, por isto, era sancionábel a posesión de pesetas en metálico.
Outros motivos de sanción, como vemos nesta noticia, son: “por proferir frases de censura a las autoridades y por sus antecedentes de poco adicto al Movimiento”, “por verter especies que enturbian el nombre de falangistas”, “por escándalo y blasfemo”, “por desafecto al Movimiento”…
5.- Nesta quinta relación sucédense sancións desta orde: “por faltas a la moral”, “por su marcada significación izquierdista y encontrar en su poder un trozo de bandera tricolor demostrando ser desafecto al Movimiento Nacional”, “por ocuparle el carnet de le CNT con un trozo de bandera tricolor, además de unos folletos y recortes de periódicos de tendencia marxista…”
6.- Outras veces, urdíanse motivos para sancionar determinadas persoas que o poder consideraba non adictas ao réxime. Así lle sucedeu, sabémolo por trato persoal de amizade, a Eduardo García Varela, que rexentaba a zapataría Calzados Ciudadela na rúa Doutor Castro 7 de Lugo: foi sancionado con 1.750 pesetas “por tenencia de calzado sin precio de venta al público”. Outras persoas eran sancionadas por “venta de quesos a precios abusivos”, “por venta de unto a precios escandalosamente abusivos”…
7.- Nesta noticia sucédese unha longa enumeración de homes e mulleres multadas “por desafectos al Movimiento Nacional”, “por estar a altas horas de la noche funcionando con el aparato de radio”…
8.- Na noticia 8, os motivos son deste calibre: “no levantarse y cantar cuando se tocaba el himno de la Legión en el cine La Terraza” de A Coruña, “por contestar de forma descortés a un individuo de las Milicias armadas”…
A represión afectaba non só as vítimas senón tamén os familiares nos que recaían as sancións económicas impostas previamente e, en varios casos, a privación de liberdade. Isto sucedeulle a Rosalía Iglesias Rodríguez, nai dun neno de catro anos e muller do avogado de Izquierda Republicana Faustino Cela Sanmartino, natural da casa do Barreiro de San Martín de Neira de Rei, que fica recluída no cárcere de Lugo desde o 8 de febreiro ao 29 de abril de 1940 porque os represores non conseguen localizar o seu marido fuxido. Rosalía Iglesias non só sofre prisión, tamén ten que pagar 2.000 pesetas en cumprimento da sentenza ditada en virtude da Lei de responsabilidades políticas.
Os xulgados da xurisdición especial de responsabilidades políticas, de competencia “provincial”, “regional” ou “nacional”, integrados por militares e civís, podían actuar de oficio, por indicación das Comisións de Incautación de Bens ou por denuncia, gozaban de discrecionalidade sen que os inculpados puidesen valerse de probas fronte aos informes dos alcaldes nomeados directamente polo ministro de Gobernación ou polo propio gobernador civil de cada provincia, pola Falange, polos párrocos e por persoas particulares de “especial solvencia” para o réxime. Para a nosa sorpresa, nos expedientes de responsabilidade política, os informes emitidos pola maioría dos párrocos adoitaban ser máis prexudiciais para os encausados que os librados pola Garda civil, os alcaldes e mesmo polos xefes locais de FET y de las JONS. Como mostra reproducimos a primeira páxina do informe emitido polo párroco de Baralla, Elías Capón Paz, sobre o avogado de Izquierda Republicana Faustino Cela Sanmartino.

Nalgúns casos, os instrutores destes procedementos eran militares retirados designados directamente pola autoridade superior. Así, non lonxe de Neira de Rei, en 1937, o gobernador civil de Lugo Leopoldo Sousa Menéndez-Conde, en calidade de Presidente da Junta Provincial de Incautación de Bienes, nomeou xuíz instrutor o comandante retirado ex-combatente da guerra de Filipinas Manuel Arrojo López, con sede na parroquia de San Xoán de Muro do concello de Láncara, para que actuase como tal no expediente 12/1937 contra o noso veciño da parroquia de San Martin de Neira de Rei Faustino Cela Sanmartino.
Alén da violencia exercida de forma “oficial” e documentada, os grupos paramilitares exerceron outros tipos de represión como torturas, malleiras, extorsións..; e, tratándose de mulleres, vexacións sexuais, humillacións públicas, purgas con aceite de rícino, cortes de cabelo… E como non, os represores chegaron a apropiarse de fillos das vítimas a través do secuestro de criaturas orfas e neonatas en complicidade con facultativos e relixiosas dos servizos sociais e hospitalarios. Estes delitos de lesa humanidade xustificábaos o réxime ditatorial argumentando que ideoloxías políticas como o marxismo se identifican coa deficiencia mental e se transmiten xeneticamente favorecidas polo ambiente familiar das crianzas. En aplicación desta criminal teoría, propiciada polo Mengele da psiquiatría franquista Antonio Vallejo Nájera, dun xeito organizado e sistemático, milleiros de nenos foron roubados e separados das súas familias para o seu adoutrinamento e a “reeducación” política e relixiosa.
A Resistencia
Desde os primeiros momentos do levantamento militar, na Galiza foron varias as persoas de diferente ideoloxía que se “botaron ao monte”, uns para salvar a vida e fuxir da represión, outros para sumárense á loita armada contra os rebeldes.
Falanxistas e Garda civil trataron de reducir os fuxidos. Así, na comarca de Os Ancares, quen andando o tempo sería presidente da Xunta Preautonómica de Galiza e, posteriormente, presidente do Parlamento galego, Antonio Rosón Pérez, “en situación militar de licenciado y disponible como oficial de complemento”, preséntase o día 21 de xullo perante o gobernador militar de Lugo acompañado dunha vintena de falanxistas armados… e, como xefe de Becerreá, proclama o estado de guerra nesta vila “haciéndose cargo de la Comandancia militar, puesto que ocupó hasta los últimos días de septiembre. Durante este tiempo pacificó al cargo de una Falange la zona comprendida por los municipios de Becerreá, Neira de Jusá, Los Nogales y Cervantes, organizando en este último término municipal varios destacamentos (Prados, Castelo de Frades, Degrada), que contuvieron a los marxistas dispersos y fugitivos de las provincias limítrofes de Asturias y León. En el mismo mes de septiembre, en su condición de Oficial, al mando de fuerza, forma parte de la columna del Comandante de Carabineros Señor Revuelta ocupando el pueblo de San Antolín de Ibias (Asturias) y otros. Asimismo durante éste [sic] mes actuó al mando de Falange en la columna de Guardia Civil que por disposición de la Superioridad, operó en el pueblo de Cabanas antiguas [sic] y parroquia de Doníx [sic] (Cervantes), ocupando y pacificando varios pueblos. En el mes de octubre fue destinado a la 7ª Compañía movilizada del Regimiento de Infantería Zaragoza nº 30, en Lugo, a cuya compañía perteneció hasta fin de año, simultaneando sus servicios de guarnición con los de Plaza, concernientes principalmente a la Administración de Justicia Militar… Se hace constar por medio de la presente que en la ocupación de los pueblos arriba indicados, sostuvo tiroteo con los rebeldes, causándole bajas. (Esta declaración xurada está asinada polo propio Antonio Rosón, ten data de 31 de decembro de 1936 e pode consultarse no Arquivo Xeral Militar de Segovia. Cartafol R-3140).
Rematada a guerra, os escapados fóronse organizando na resistencia. Esfarelados os partidos políticos integrados na Fronte Popular, a única oposición aberta ao novo réxime concéntrase nos intentos de reorganización efectuado desde a clandestinidade e na resistencia armada a través da Federación de Guerrillas de Galicia-León (1942-46) e do Exército Guerrilleiro de Galiza-León (1944-1951).
Federación de Guerrillas de Galicia-León
De carácter pluripartidista, estaba integrada por comunistas, anarquistas da CNT, socialistas e persoas sen militancia política definida. Foi creada na primavera de 1942 nun congreso celebrado en Ferradillo (Ponferrada). César Ríos Rodríguez (Puritano) conformou o primeiro grupo estábel de “fuxidos” convertidos en guerrilleiros organizados. Na súa fundación tamén participaron, entre outros, Manuel Girón Bazán (Girón), Marcelino Fernández Villanueva (Gafas), Mario Morán García…
Os seus obxectivos consistían en articular a resistencia interior. As accións centráronse en desarmar a Garda Civil e as milicias paramilitares fascistas que sostiñan o réxime (falanxistas, requetés, somaténs, japistas, garda cívica e outras milicias armadas), tamén en cobrar o imposto revolucionario aos caciques do lugar e en sabotar o ferrocarril, centrais hidroeléctricas, minas e industrias. Entre os guerrilleiros máis coñecidos citamos a Benigno Andrade García (Foucellas), Luís Trigo Chao (Gardarríos), Xosé Luís Castro Veiga (O Piloto), César Ríos Rodríguez (Puritano), José Gómez Gayoso (López), Antonio Seoane Sánchez (Julián), Mario Rodríguez Losada (Mario de Langullo), Marcelino Fernández Villanueva (Gafas), Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer), Ramón Vivero Geada (Novolitos), Manuel Girón Bazán (Girón)…
As mulleres tamén se implicaron na guerrilla, moitas delas como enlaces, mais outras participaron nos combates como Alpidia García Moral (Maruxa), as irmás Consuelo (Chelo) e Antonia Rodríguez López, Consuelo Alonso González, Domitila Gutiérrez Alba, Carmen López Parapar (A Rabadela), Asunción Macías Fernández (Pandereta) ou a propia Enriqueta Otero Blanco (Dolores)…

O Exército Guerrilleiro
En cambio, o Exército Guerrilleiro foi creado e dirixido en gran medida pola estrutura político-militar do Partido Comunista cando, a partir do outono de 1944, enviou desde Francia cadros encargados de reorganizar a resistencia que viña actuando desde 1936. Varios dos guerrilleiros que pertenceran á Federación integráronse neste exército. O seu obxectivo consistía non tanto en derrubar o franquismo mediante a loita armada como en manter viva a chama da resistencia até que chegase o momento da intervención das potencias aliadas, que, inxenuamente, daban por segura. A esperanza na derrota do nazismo en Europa e a contribución dos republicanos españois na mesma permitían pensar en que, co apoio das democracias occidentais, lle restaban poucos días á Ditadura.
Inicialmente créanse catro agrupacións guerrilleiras: a I Agrupación actuaba no extremo oriental da provincia de Ourense, o Bierzo e o sur da de Lugo; a II Agrupación movíase polo resto da provincia de Ourense e O Bierzo; a III Agrupación, na franxa oriental da provincia de Lugo e as terras que lindan con Asturias e O Bierzo; e a IV Agrupación, na zona noroeste. Posteriormente, en 1946, créase a V Agrupación, que opera nas serras centrais. As terras que concentraron a maior presenza de guerrilleiros foron as comarcas de Valdeorras e de La Cabrera, esta xa no Bierzo. Aquí a II Agrupación asenta o campamento guerrilleiro coñecido como A Cidade da Selva nos montes de Casaio.
III Agrupación de Guerrillas
A comezos de 1945, por iniciativa dos guerrilleiros Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer) e Ramón Vivero Geada (Novolitos) creouse a III Agrupación de Guerrillas con base en Viveiro e cuxo radio de acción tamén se estende polos montes dos Ancares nas serras de Cervantes, As Nogais, Becerreá, Baralla, Láncara, Castroverde, e O Corgo.

No plano que inserimos, pertencente ao arquivo do comité provincial do Partido Comunista de Lugo incautado en 1946, figuran as células de guerrilleiros e mais os destacamentos da Garda civil nalgúns territorios da comarca dos Ancares.

No plano están identificados estes dez lugares onde existían núcleos guerrilleiros. Deles, Fontarón, Furco, Vilachá, Cruzul e Guilfrei pertencen ao concello de Becerreá. Nas proximidades da vila capital do municipio tamén se recoñece a existencia de guerrilleiros. No concello de As Nogais, cítanse Noceda, Doncos e a propia vila de As Nogais. Tamén se inclúe unha célula guerrilleira no concello de Cervantes.
Como se observa nesta ilustración, a maior concentración da guerrilla ten lugar nos montes que abeiran polo leste o río Navia. Quedan fóra do mapa as células de Fontarón, que se estendían polos montes de Sarceada, Foncova, Vilar de Frades, Caldoval.
Nun informe incautado ao Comité Provincial do PC de Lugo en 1946, recoñécese a existencia das seguintes guerrillas:
Concello de Becerreá:
Guerrilla nº 1. Na parroquia de Furco. Composta por sete homes en posesión de dúas armas curtas.
Guerrilla nº 2. Na parroquia de Becerreá. Integrada por cinco homes con dúas armas curtas.
Guerrilla nº 3. Na parroquia de Guilfrei. Composta por seis homes con tres armas curtas. Nesta parroquia, segue dicindo o informe, “existen 44 armas curtas e 8 longas que poderían recuperarse con intervención das guerrillas na hora H.”
Guerrilla nº 4. Na parroquia de Fontarón. Composta por tres homes que posúen unha arma longa.
Concello de As Nogais recoñécese a existencia de Comité de radio constituído e as seguintes guerrillas:
Guerrilla nº 1. Parroquia de Doncos. Composta por catro homes sen armas.
Guerrilla nº 2. Parroquia de Noceda. Composta por cinco homes sen armar.
Guerrilla nº 3. Parroquia de Viladicente. “Existe organización, pero non quixeron someterse a ningunha clase de central”.
Concello de Cervantes:
Guerrilla nº 1. Parroquia de Cereixido. Composta por seis homes.
Guerrilla nº 2. Parroquia de Vilarelle. Composta por sete homes.
Guerrilla nº 3. Parroquia de Vilapasantes. Composta por catro homes.
Guerrilla nº 4. Parroquia de Vilapún. Composta por oito homes.
Guerrilla nº 5. Parroquia de San Pedro. Composta por dous homes.
Guerrilla nº 6. Parroquia de San Román. Composta por catro homes.
Proba de que neste territorio estaba estendida a guerrilla é a existencia de destacamentos permanentes da Garda civil, alén da vila de Becerreá, na propia aldea de Fontarón e en Sevane.
No concello de As Nogais, ademais do cuartel da vila, no plano recóllense a existencia de destacamento da Garda civil n zona de Doncos e en Noceda. Mais, no informe da Comarcal só se cita o cuartel existente na propia vila.
No concello de Cervantes, o informe cita a existencia dos seguintes destacamentos en Vilanova, Vilapasantes, Vilarello, Noceda, Xantes, Quindós e San Martín da Ribeira. No concello de Navia de Suarna, o informe cita os destacamentos de Rao e Navia.
Guerrilleiros da III Agrupación
José Luis Castro Veiga (O Piloto). (Boelle, O Corgo 1910 – San Fiz de Asma, Chantada 1965). Con 16 anos alistouse como voluntario no Corpo de Aviación Militar da República. Acadou o posto de cabo primeiro como mecánico de aeronaves e no aeródromo de Cuatro Vientos comezou a identificarse politicamente coa ideoloxía comunista. Participou activamente na defensa de Madrid até os últimos momentos da República. Recluído nun campo de concentración, foi condenado a trinta anos de prisión. Indultado, regresa ao Corgo en 1945 e pasa á clandestinidade como fuxido polos montes da contorna onde se pon en contacto cos grupos de guerrilleiros. Neste mesmo ano xa é designado Xefe provincial en Lugo desta III Agrupación xunto cos lugartenentes Elias López Armesto (Paxaro) e José Arias Fernández (Dapena).
Despois, incorporáronse Adolfo Gregorio Cenitagoya González (O Asturiano), Maximino Rodríguez Pérez (Maxi), Julián Mateo Vázquez (Guaje) e Julio Fernández Rodríguez (O Veterinario de Pola). En 1949, tras a infiltración do axente Vicente Sanz morreron tres guerrilleiros e o grupo foi desmantelado. O Piloto fica só e mantense moi vencellado coas terras do Saviñao, onde vivía a súa compañeira desde 1947, Ramona Curto Candal (Mirella). Seguiu actuando nos distritos de Pobra de Brollón, Quiroga e outras aldeas situadas nos límites das provincias de Lugo e Ourense. Desde 1954, coa perda da maior parte dos seus homes tras un duro enfrontamento coa Garda civil e coa falta de apoio do PCE, que levaba anos pedíndolle a entrega das armas e a disolución, O Piloto prosegue a loita en soidade. Tras ser delatado por un veciño de Rebordaos (O Saviñao), foi asasinado pola Garda Civil o 10 de marzo de 1965 no encoro de Belesar, perto da Chantada, e soterrado en San Fiz de Asma.
A prensa da época publicou información sobre o sucedido, destacando que o réxime abatera un bandoleiro asasino, famoso salteador de domicilios e responsábel dun grupo de delincuentes ignorando a súa condición de loitador antifranquista que durante vinte anos conseguira fuxir da Garda civil grazas ao amparo e colaboración de amigos e veciños destas comarcas.
Elías López Armesto (Teilán, Bóveda 1911 – Penacoba de Remesar 1949) (Paxaro). Foi asasinado o 22 de xuño de 1949 en Penacoba de Remesar xunto a Manuel Fernández Soto (Coronel Benito) e Bernardo Álvarez Trabajo (O Gasta) por Francisco Cano Román (Comandante Félix), un infiltrado da Garda Civil no seu grupo guerrilleiro.
José Arias Fernández (Dapena, Cristo) (Paredes de Arriba, Castro de Rei 1918 – Paradela 1954). De moi novo incorporouse á guerrilla. Lugartenente de O Piloto, foi dende 1946 segundo xefe da III Agrupación e membro da dirección xunto a Elías López Armesto. Despois do fracaso desta Agrupación en 1949 e o seu desmantelamento, escondeuse na súa zona natal. Foi asasinado xunto a varios guerrilleiros o 27 de maio de 1954 durante un enfrontamento na zona de Castro de Rei-Paradela mentres se preparaba para abandonar España.
Antonio Ulloa Regueiro (O Torallo), (Torallo, Becerreá 1905 – 1942). Fillo de José e de Manuela. Detido o 20 de novembro de 1936, foi encarcerado no depósito municipal de Becerreá, de onde, en decembro deste ano, consegue evadirse xunto con outros presos. Dos fuxidos, uns foron capturados e outros asasinados, agás Antonio Ulloa, que escapa aos montes próximos a Torallo, lugar onde era natural, até o 24 de setembro de 1942, en que morreu nun enfrontamento coa Garda civil. Seu irmán Eulogio, en xullo de 1941, tamén foi detido durante tres meses acusado de actividades guerrilleiras, e en febreiro de 1946 volve entrar no cárcere de Lugo como un dos procesados na causa 75/1946 e en marzo dese mesmo ano é conducido ao cárcere de A Coruña.
Manuel Castro Tellado (Mosteiro, Pol 1910 – Castro de Rei 1947). Era responsábel do Partido Socialista e Presidente da Sociedade de Traballadores da Terra de Pol. Defensor da República, xa nos primeiros momentos da rebelión militar convértese en “fuxido” e enrólase na guerrilla que actúa nos montes da contorna de Pol, Castroverde e Meira. En 1944 era xefe da III Agrupación Guerrilleira da Federación de Guerrillas Galicia-León, na que exerceu principalmente unha función política. Foi un dos organizadores da guerrilla da comarca de Lugo que se reagruparon na Federación Guerrilleira de León-Galicia. Tentará negociar acordos con grupos guerrilleiros de orientación comunista. Os seus lugartenentes foron Antonio Fernández Crespo (Fuenteoliva), simpatizante socialista, e Abelardo Gutiérrez Alba, cenetista. Manuel Castro Tellado foi asasinado o 13 de xaneiro de 1947 en Castro de Rei nun enfrontamento coa Garda Civil. Marcelino Fernández Villanueva (Gafas), que o acompañaba, logrou escapar tras ferir dous gardas. Os dous guerrilleiros ían camiño dun encontro con delegados do Exército Guerrilleiro.
David Fuentes Álvarez (Velasco). (Veiga de Valcarce1919 – Valboa 1941). Militante socialista e da UGT, dirixiu un grupo de sete guerrilleiros nas terras de Veiga de Valcarce e Pedrafita do Cebreiro. Segundo informes do réxime, o 6 de febreiro de 1939, emboscou unha patrulla mixta da Garda Civil e do exército, na que resultaron feridos tres militares e un garda civil morto. En 1940 tamén lle imputan varios atentados nas aldeas de Castelo de Frades e Cereixedo, concello de Cervantes. Tras as súas accións, o seu pai e unha das irmás da súa nai foron deportados polas autoridades.
Dise que o seu grupo atacou varios vehículos militares así como autobuses de liña regular. O 4 de maio de 1940, para vingarse da morte do seu amigo Francisco Quiroga, Velasco e os seus guerrilleiros supostamente executaron tres xuíces do concello de Balboa e o pai dun deles. Foi asasinado o 14 de abril de 1941 xunto a Manuel Mouriz Álvarez durante un encontro coa Garda Civil e o exército perto de Valverde de Balboa (León). Os superviventes do grupo incorporaranse ao dos irmáns Demetrio, Pedro e Salvador Voces Canóniga (Os Pitacegas), que actuaron nas serras de Navia de Suarna, Os Ancares e Triacastela.
Abelardo Gutiérrez Alba (Abelardo). (Vilarello, Cervantes 1912 – Venezuela1978). Desde os primeiros meses do alzamento franquista, Abelardo Gutiérrez Alba, cuxo pai fora fusilado, foxe ao monte cos seus irmáns Baldomero e Jovino, súa irmá Domitila, súa nai Consuelo Alba Digón e, ao parecer, un tío, Segundo Alba Digón. Posteriormente, enrólase na fronte de guerra asturiana. A finais de 1939, co cenetista Marcelino de la Parra Casas e o socialista Manuel Girón Bazán, era responsábel dun grupo bastante numeroso de fuxidos. En 1941 estivo en estreito contacto co grupo do socialista Abel Ares Pérez e na zona de Lugo con Manuel Castro Tellado, os irmáns Lamas Cerezales e Voces Canonica (Os Pitacegas).


En abril de 1942 foi un dos 24 guerrilleiros que formaron a Federación Guerrilleira León-Galicia durante unha xunta celebrada na Serra do Ferradillo, O Bierzo.
En 1944 acompañou a Lugo a Marcelino Fernández Villanueva, xefe da Federación, Abel Ares Pérez e César Rios para establecer contactos con outros grupos e contrarrestar a influencia dos comunistas.
Desde 1945 foi, xunto a Antonio Fernández Crespo (Fuenteoliva), o subcomandante da III Agrupación da Federación que estaba comandada por Manuel Castro Tellado e cuxa área de actividade era a franxa sueste de Lugo (Becerreá, Baralla, Cervantes, Fonsagrada, Meira…).
En 1947, coa axuda das redes da CNT do País Vasco, consegue cruzar a Francia cos seus irmáns Baldomero e Jovino. Abelardo Gutiérrez Alba volveu polo menos dúas veces a Galiza para axudar o resto da súa familia a cruzar a Francia. Despois emigrou a Venezuela onde morreu en 1978 mentres preparaba o seu regreso definitivo.
Antonio Fernández Crespo (Fuenteoliva) (Fuente de la Oliva, Valboa 1918 – ?) Formaba parte do grupo de David Fuentes Álvarez (Velasco) desde o inicio da guerra civil. En 1941 estivo na zona oriental de Lugo con Manuel Castro Tellado, os irmáns Gutiérrez Alba, os irmáns Pedro e Gerardo Lamas Cerezales e os irmáns Salvador, Demetrio e Pedro Voces Canónica (Os Pitacegas). En abril de 1942, na Serra do Ferradillo, preto de Ponferrada, participou xunto a outros vinte e tres guerrilleiros na fundación da Federación de Guerrilleiros León-Galicia. En 1948 pasa a Francia.
Enriqueta Otero Blanco (Dolores). (Nada na casa do Ribón de Miranda, Castroverde 1910 – 1989). A guerra sorpréndea no seu destino de mestra en Madrid. Traballa durante tres meses no Hospital Militar de Carabanchel onde chegou a pertencer ao Comité de Control Obreiro. Trasladada a Valencia, organiza a evacuación de nenos a colonias escolares para afastalos dos bombardeos. Na provincia de Alacant colabora na creación dun hospital de campaña para atender os feridos de guerra. Participou na creación das Milicias da Cultura e, como miliciana, na defensa de Madrid na Brigada Móbil de Choque da 46 División de Valentín González (El Campesino). De regreso a Madrid, nas últimas semanas da guerra e nos enfrontamentos coa Xunta de Defensa de Casado, foi encarcerada con outros activistas comunistas na prisión de Las Ventas onde organizou unha fuga. Consegue fuxir para Lugo en tren en 1940. Aquí agóchase na casa do párroco de Santiago A Nova, Manuel Gómez Díaz, natural tamén de Miranda, Castroverde.
Vive oculta en diversos lugares e en 1941 instálase na cidade de Lugo nunha vivenda da estrada da Fonsagrada. Na declaración que realiza no sumario 75/1946 indica que en 1942 se dirixiu á Dirección General de Seguridad para saber en que situación se encontraba e que solicitou que se realizase unha investigación político social sobre os seus feitos durante a guerra e que non obtivo resposta.
Baixo o nome de Dolores, inmediatamente participa na reorganización do PCE na provincia. En 1944, coa colaboración de Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer) e José María Urquiola Iglesias (Chema), Enriqueta, como responsábel de organización e finanzas participa activamente na estrutura do PC na provincia de Lugo estabelecendo a rede de comités comarcais. Na comarca de Becerreá ponse en contacto cos grupos guerrilleiros. Tamén estabelece contactos nas comarcas de Chantada e Viveiro. Mais, a represión franquista andaba detrás deste grupos e dos militantes do Partido Comunista. O 7 de xaneiro de 1945, Urquiola Iglesias (Chema) é detido en Ourense canda outros moitos antifranquistas das provincias de Lugo e da Coruña. Neste ano, diversas caídas afectaron seriamente a estrutura provincial da resistencia. En febreiro de 1946, 64 persoas son detidas, entre elas Enriqueta Otero, quen, gravemente ferida pola Garda Civil de Lugo, foi capturada e cruelmente torturada para que, como responsábel da organización, delatase os seus compañeiros. Condenados a morte e executados no proceso 75/1946 Julio Nieto López e Ramón Vivero Geada, a Enriqueta Otero impúxoselle unha pena 30 anos de prisión por delito de rebelión e outra de catro anos por atentado aos axentes da autoridade. Parece ser que Elvira Herrero Ibáñez, a súa antiga profesora, fundadora e superiora do colexio da Milagrosa, intercedeu para liberala da condena a pena de morte.
Ángel Ansareo Grandas. (1912 – México DF 1985). Nado en Penouta, parroquia de San Martiño de Berselos, Baralla, en 1912. Fillo de José e de Vicenta. Practicante do Hospital San Carlos de Madrid. Combateu como miliciano nas frontes de Guadarrama, Teruel e Cataluña. Fuxiu a Francia ao rematar a guerra, onde permaneceu dez meses no campo de concentración de Argelès-Sur-Mer en condicións degradantes até que foi entregado a Franco e encarcerado en Reus. O 6 de maio de 1940 ingresa no cárcere de Lugo e pasa a disposición do Xulgado militar de funcionarios nº 2 de Madrid encartado no sumario de urxencia 11.828/1940. O 4 de xuño sae conducido pola Garda civil para Madrid con destino ao cárcere de Torrijos no que tamén estiveron reclusos os poetas Miguel Hernández, onde escribe o poema Nanas de la cebolla, e Germán Bleiberg, o químico Enrique Moles Ormella e o humorista Miguel Gila. Condenado a morte en Madrid, foi indultado en 1943. O 13 de decembro deste ano volve ingresar no cárcere de Lugo, no que permanece até o 24 de marzo de 1944.
Incorpórase á guerrilla. Na aldea de Larín, concello de Láncara, foi agochado na casa do labrego Hilario López Arias e dos seus fillos David e Ramiro. Tamén contou coa protección do veciño de A Veiga, concello de Sarria, José Rodríguez Prado, casado cunha filla e irmá dos anteriores. Os catro foron procesados polo Xulgado Militar Eventual de Lugo no consello de guerra na causa 469/1946 “por delito consumado de prestar auxilio a individuos componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje” con sentenza de condena de pena de prisión de seis anos a David López Arias e de tres anos aos demais.
Baixo o alcume de A. Ribas, o barallense organizou varios grupos guerrilleiros de dez homes cada un. A principios de 1946 tivo que fuxir á montaña por mor da persecución policial polas terras da comarca de Sarria e dos Ancares, onde permaneceu até o 25 de xullo dese ano en que partiu para Portugal, chegando a Lisboa o 19 de agosto onde obtén visado de asilado político. Embarcou no Foz do Douro rumbo a México, chegando a Veracruz o 28 de decembro de 1946. Residiu na Cidade de México dedicado ao comercio. Faleceu en febreiro de 1985.
Leandro Llorente Navarro (Pepe o Madrileño). Membro da III Agrupación do Exército Guerrilleiro, foi asasinado pola Garda civil o 3 de abril de 1946 en Recesende. Daniel Fernández, cura desta parroquia, mandou enterralo xunto ao seu compañeiro de combate nun ángulo do interior do cemiterio do que deixou constancia escrita con indicacións moi precisas: “En el día 4 de abril de 1946, yo el infrascrito por el cura de Santa Cruz do Picato y anejo San Cirilo de Recesende, provincia y obispado de Lugo, mandé dar sepultura en el cementerio de Recesende a los cadáveres de Leandro Llorente Navarro y Obdulio Naves Fernández, éste a la derecha del anterior, la cual se halla situada a dos metros y 20 centímetros de la esquina norte posterior de la iglesia y pegada a la parte norte del cementerio, distando 90 centímetros del árbol viejo de la pared y un metro de la lápida de Antonio González. Para que conste lo firmo, Daniel Fernández Sánchez.” Malia estas indicacións, membros da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica non conseguiron localizar os seus restos nin os do compañeiro.
Obdulio Naves Fernández (O Asturiano). Natural de La Felguera, Asturias. Fillo de José e de Severina, chegou a Lugo en 1941 para establecer contactos cos guerrilleiros. Foi detido en 1943 e pasou dous meses no cárcere. Volve ao monte e únese á III Agrupación. Foi asasinado o 3 de abril de 1946 en Recesende, Baralla, canda o seu compañeiro Leandro Llorente Navarro. Seu irmán José foi condenado a 30 anos de prisión por rebelión militar, parte de cuxa condena cumpre na prisión de Celanova e, posteriormente, como penado na colonia militarizada das minas de estaño de Silleda.
Emilio Golás Rodríguez (Villa). (Paradela 1908 – Lugo 1946). En 1944 organiza en Lugo o Comité Provincial do PCE do que era responsábel de propaganda e do que tamén eran membros Enriqueta Otero e Julio Nieto López (Chavol e Nardo). Conseguiu fuxir da redada de febreiro de 1946 e logo uniuse á guerrilla coa que sempre estivo en contacto, en particular co grupo de José Castro Veiga (O Piloto). Foi asasinado nos primeiros días de xaneiro de 1948 perto de San Miguel de Paradela (Lugo). O 11 de xaneiro, guerrilleiros III Agrupación executan o matrimonio deste lugar Dositeo Díaz López e Dolores Rey Somoza, por seren presuntamente informantes da Garda Civil e denunciantes de Emilio Golás.
O Partido comunista
Na Galiza, coa represión exercida sobre os militantes que profesaban ideoloxías da Fronte Popular, toda a estrutura dos partidos políticos que integraban esta coalición electoral ficou desmantelada. Ao remate da guerra, regresan algunhas persoas que intentan reconstruír o PC. En 1941, existía na Coruña un grupo de comunistas arredor do dirixente Alberto Puente García (A Coruña 1918 – Caracas 2004), que ten a misión de organizar o partido na clandestinidade. Desde A Coruña realízanse contactos con Lugo, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo.



En Portugal, nos anos 1940-41, Víctor García García (O Brasileiro) estabelece contactos para estruturar o PC en España. En 1942 crea o Comité Rexional do Partido Comunista nas minas de volframio en Fontao, Vila de Cruces, que en 1944 traslada a Vigo, cidade onde reside no barrio do Calvario.
En Santiago, a organización comeza en 1944.
Na provincia de Lugo, nos primeiros meses de 1944, o xefe da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro, Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer, Martín, Cela), encargouse de constituír o Partido até que foi substituído, en outubro de 1944, por José María Urquiola Iglesias (Chema).
Segundo afirma Víctor M. Santidrián Arias na súa tese de doutoramento O Partido Comunista de España en Galicia (1920-1968), o Comité Provincial do PCE de Lugo estaba formado por Julio Nieto López, como secretario xeral, un tal Pepe Pin á fronte das finanzas, e Gaspar Antonio Castro López como encargado de axitación-propaganda, José Vicente Rodríguez Vigo, do aparato político, e Enriqueta Otero Blanco, de organización e finanzas. No mesmo mes de febreiro de 1945, detido Julio Nieto López, que logra evadirse refuxiándose en Láncara, foi substituído por Emilio Golás Rodríguez. Despois da caída de febreiro de 1945, o Comité de Lugo quedou conformado por Enriqueta Otero, encargada de axitación-propaganda, e Ramón Vivero de organización. Como enlaces do comité provincial actuaban Golás e Julio Nieto. En febreiro de 1945, de novo foi necesario reconstruír o comité: Julio Nieto López encargouse de axitación-propaganda, José Vicente Rodríguez Vigo, do aparato político, e Enriqueta Otero, de organización e finanzas.
O principio fundamental da estrutura do Partido é o centralismo baseado na subordinación dos organismos inferiores aos superiores. Na cúspide sitúanse o Congreso nacional e o Comité Central, órgano este que controla todo o Estado español como base territorial. En cada provincia, o órgano superior é o Comité Provincial e existen Comités comarcais ou de zona. En cada comarca existen os comités de radio. E, dentro dos radios, poden existir comités de célula.
O Comité comarcal de Lugo
Constitúese e principios de 1945. Está composto inicialmente por Ramón Vivero Geada, como Secretario de organización e finanzas, Emilio Golás, Secretario de Axitación e Propaganda, José Temblas, Secretario do Aparato Político. En setembro de 1945, pasan a ocupar postos neste Comité Andrés González Rodríguez (Astur), Jesús Sánchez García (Taylor), Guillermo Lozano (Rótula). Tamén pertenceron a este comité comarcal de Lugo Casto López López, José Ramón Villares, Antonio Rodríguez González (Portugués), Ángel Vázquez Paredes (Parga e Xelo), José Antonio Sanjurjo Acevedo e Francisco José Varela Fernández. Para a organización, o Comité comarcal dividiu a cidade en sete sectores, nomeando un responsábel de cadanseu sector.
O Comité comarcal de Becerreá
Aquí constituíuse o comité comarcal dependente do de Lugo ao que se integraron militantes da zona. Era coñecido co nome Villafranca 474. Segundo a sentenza do consello de guerra 75/1946, os seus dirixentes máis destacados eran Marcelino Villares Santiago (Donato) e Ángel Ansareo Grandas. Segundo esta mesma fonte, os membros deste comité estaban en contacto cos fuxidos polos montes que actuaban como guerrilleiros da III Agrupación e o plano no que se localizaban as localidades onde existían estes grupos foille interceptado pola Garda civil a Marcelino Villares. Outros membros deste comité son Enrique Rodríguez Gutiérrez (Vivo), José Arrojo Otero e Benjamín González Fernández, este de Cruzul.
Marcelino Villares Santiago. Nado en Montevideo en 1915. En 1936 residía en Cruzul, Becerreá. Militante do Partido Comunista de España (PCE) combateu na guerra ingresando no Instituto de Carabineros en maio de 1937. Coa derrota da República foi detido e condenado a seis anos de cárcere, que cumpriu na Prisión Provincial de Madrid, de onde saíu en liberdade provisional en 1943. En 1944 organizou o Comité Comarcal de Becerreá do PCE. Detido en febreiro de 1946, foi xulgado por rebelión militar na Coruña no proceso 75/1946, en consello de guerra celebrado o 17 de xullo de 1946 e foi condenado a vinte e cinco anos de prisión.
Comité Radio de Cervantes
En Cervantes tamén se constituíu un radio do PC ao que pertenceu Antonio Fernández Fernández, quen realizou varias cotizacións mensuais, mais a súa contribución, di a sentenza, foi case nula evitando relacionarse con los cabecillas.
Comité radio de Baralla
Foi creado por Ángel Ansareo Grandas e Marcelino Villares. Na sentenza do proceso 75/1946, sétimo resultando, dise que este radio “adquirió bastante importancia y mantuvo relaciones con las partidas armadas”.
Ansareo Grandas participara no ataque ao cuartel da Montaña en Madrid nos primeiros días do levantamento militar, loitando posteriormente no Guadarrama, en Teruel e Cataluña. Fuxiu a Francia ao final da guerra. Permaneceu alí durante 10 meses até que a policía francesa o enviou de volta a España, onde foi encarcerado. Ansareo Grandas escapou e foi capturado, sendo esta vez condenado a morte en maio de 1940 e indultado en 1943. Contactou inmediatamente coa guerrilla e presidiu o congreso celebrado en Cobas (A Coruña). Baixo o nome de guerra de A. Ribas, organizou varias unidades rebeldes, lanzando ataques contra a Garda Civil. Ante a persecución á que se viu sometido en Baralla, refuxiouse aos primeiros de maio de 1946 en Larín (Láncara) onda Hilario López Díaz, que o trasladou á casa da súa filla en Céltigos (Sarria), onde permaneceu oito días, até que, coa falsa identidade de Camilo Rodríguez López, se dirixiu a Portugal, chegando a Lisboa en agosto de 1946. Declarou que lle puxeran un prezo de medio millón de pesetas pola cabeza e que, ao non poder moverse máis en España, emprende o exilio. Foi procesado con Ramón Rodríguez Varela “Curuxás” e José Vázquez Otero na causa 177/46 pola morte do párroco de Meixente (Sarria) Pedro Páramo Arias o 2 de setembro de 1946. Mais, non se poido acreditar a súa partipación neste acto.

Obtivo un visado de asilado político e marchou a México chegando ao porto de Veracruz o 28 de decembro de 1946. Foi declarado en rebeldía o 15 de abril de 1947. Morreu en México en 1985.
Como membro máis destacado deste radio de Baralla, cítase a Siro Fernández Fernández (Ores). Fillo de Dositeo e de Ramona, solteiro, tiña 44 anos en 1946 cando foi encartado no consello de guerra 75/46
Nel tamén figuran como membros o noso veciño Alfonso López Calderón (Alfonso de Caldeiro) e Pedro Calderón López (Pedro do Mazo e Árbol). Do primeiro dise tamén que realizou cotizacións ao Partido Comunista “recibiendo a cambio sellos”, que foi proposto para un cargo directivo, que non aceptou, e que asistiu a unha reunión celebrada en Lugo na que tamén participaron Golás e outros encartados. De Pedro de Mariano dise que distribuíu propaganda clandestina, que realizou cotizacións e que asistiu á mesma reunión.


Outros membros deste radio eran Antonio Frei Rodríguez (Lazarillo). Nado na casa do Picho da Ponte de Covas, Baralla, en 1918. Fillo de Lorenzo e de Concepción. Casado con Isaura Iglesias. Un fillo. Industrial. Unido ao expediente de Alfonso de Caldeiro, ingresa no cárcere de Lugo o 12 de febreiro de 1946. Pasa ao de A Coruña o 9 de marzo.
Valentín Méndez Rodríguez (Secreto). Nado en Baralla en 1901. Fillo de Manuel e de Filomena. Casado con Carmen Díaz Fouz. Auxiliar de Secretaría por oposición do concello de Neira de Xusá desde 1933 até o 31 de xullo de 1936, en que foi depurado. O 24 de abril de 1931 participa na constitución da Agrupación Socialista Obrera de Neira de Xusá e, como secretario, forma parte do Comité local canda Juan Peche Blanco, presidente, José Mourín Toral, tesoureiro, e Daniel Bolaño del Río e Baldomero Durán, vocais.
É detido por primeira vez o 4 de febreiro de 1937 ingresando no cárcere de Lugo. O 10 de marzo seguinte, descoñecemos a causa, é conducido ao Depósito municipal de Mondoñedo. Denunciado por manter contactos cos fuxidos, desde o 5 ao 15 de marzo de 1940 volve ingresar en concepto de transitorio no cárcere de Lugo para ser conducido a outro destino como recluído.
Unha vez máis, ingresa no cárcere de Lugo encartado no proceso 75/1946 o 12 de febreiro de 1946 e pasa ao cárcere de A Coruña o 9 de marzo.
Rehabilitado como funcionario, desempeña o cargo de secretario do Xulgado de paz de Neira de Xusá. Falece en Lugo aos 74 anos de idade en decembro de 1974.
O promotor deste comité comarcal foi Ángel Ansareo Grandas, nado en Penouta, que, despois de saír do cárcere en Madrid, en 1943 regresou a Galiza para integrarse no Partido Comunista e unirse á guerrilla. Desarticuladas unha e outra organizacións, en febreiro de 1946 tivo que fuxir ao monte até que conseguiu chagar a Portugal para asentarse definitivamente en México DF, onde morreu en 1985.
Nun informe incautado polas forzas represivas da Ditadura que emite Ansareo Grandas como responsábel de Axitación-Propaganda do Comité de Unión Nacional de Baralla, indica que en agosto de 1945 na parroquia de Covas conta con 25 camaradas dun e doutro sexo; en Lebruxos, Laxes e Vilar de Francos, con 10; en Berselos, 6; en Pousada, 16… e cun número moi superior de simpatizantes.
O 12 de febreiro de 1946, Siro Fernández Fernández (de Basille), Antonio Frei Rodríguez (de Covas), Valentín Méndez Rodríguez (de Baralla), Pedro Calderón Pérez (de Os Mazos de Neira de Rei), Alfonso López Calderón (de A Pena) e José Sangil López (de San Xurxo de Vale) son detidos acusados de rebelión militar por peertencer ao PC e ingresan no cárcere de Lugo encartados no proceso 75/1946. Canda eles, este mesmo día, tamén ingresan Ángel Montero Seoane, Evaristo Montero Troitiño, Inocencio García Vázquez, segundo se recolle neste documento
Outros comités comarcais
En Ribadeo existiu un importante núcleo de militantes do PC. Entre eles destacan Fernandino Varela Cabado e César Alonso Álvarez. Aquí mantéñense vínculos estreitos con militantes de Vegadeo. Na imprenta de Julio Fernández García imprímese propaganda clandestina e mais varios exemplares dun manual da guerrilla.
En Ribeira de Piquín tamén se dá conta da existencia dun Comité clandestino integrado por Antonio Díaz Fernández (Toño de Faustino) e Avelino Otero Gómez. “La actuación de este comité apenas reviste importancia de carácter puramente nominal”, dise na sentenza.
Ao comité de Monforte pertencía Carlos Álvarez, de quen se di que viaxaba con frecuencia a Lugo para relacionarse co comité desta cidade. Na sentenza non se recoñece a existencia do comité de Palas de Rei. Só se afirma que no posto da Garda civil desta vila existe un garda, José Fouz Mercader, que mantén relación cos “elementos subversivos”, ao que lle estenden o nomeamento de capitán da III Agrupación de Guerrillas.
Unión Nacional Española
O final da guerra provocou a dispersión e a desorganización do PCE. A maioría dos seus dirixentes e un importante sector de militantes fuxiron ao exilio, distribuídos principalmente por Francia, a URSS, o norte de África, América Latina (sobre todo México) e algúns outros países europeos.
Dentro das forzas do exilio, desde o PCE esténdese a consigna da necesidade de crear unha fronte unida para derrocar a ditadura en España e formar un goberno provisional que convocase eleccións constituíntes. Con esta finalidade, nun congreso celebrado en Montauban (Occitania francesa) a finais do verán de 1942, créase a organización antifranquista Unión Nacional Española (UNE). Os seus máximos impulsores foron Jesús Monzón e Carmen de Pedro. Porén, a dificultade de manter coordinación fluída coas direccións no exilio e no interior e a escaseza de información converteu este proxecto practicamente en autónomo en cada territorio. Malia as dificultades, a UNE estendeuse pola Francia libre e pola ocupada e tamén conseguiu establecer contacto cos grupos do partido organizados no interior de España.


Aínda que a UNE tratou de aglutinar todas as organizacións antifranquistas, o certo é que o propósito fracasou debido, principalmente, a que a creación dun goberno de “unión nacional” que convocase eleccións a Cortes constituíntes implicaba non recoñecer a continuidade do goberno legal de Negrín no exilio e o remate do réxime xurídico da II República. Esta situación, unida ao fracaso da operación Reconquista de España desde o Val de Arán en outubro de 1944 —que tamén pretendía forzar a intervención militar dos países aliados— provocou a caída do liderado de Jesús Monzón no PCE e a toma do control por Santiago Carrillo, de quen saíu a orde de suspender a invasión, xa que, na súa opinión, non existía o elemento sorpresa e temíanse consecuencias que suporían a aniquilación da guerrilla. A UNE, obra principal de Monzón, foi disolvida oficialmente o 25 de xuño de 1945.
Outros represaliados de Baralla
Ángel Pérez Gándaras (Casa da Torre de Lamas de Pacios Baralla 1904 – Lugo 1937). Era o quinto dos oitos fillos de Juan Pérez Rodríguez, alcalde de Neira de Xusá na etapa de Primo de Rivera, e de María Manuela Gándaras López e irmán de Domingo Antonio Pérez Gándaras. Farmacéutico na Pontenova. Ingresou na Prisión de Lugo o 31 de xullo de 1936. Xulgado en Lugo por rebelión militar con outros 24 veciños da Pontenova o 4 de decembro de 1936, foi condenado a pena de morte. Foi executado detrás das tapias do primeiro pavillón do edificio do novo cuartel da garda civil de Lugo o 13 de febreiro de 1937.

Domingo Antonio Pérez Gándaras, nado en Lamas de Pacios (Baralla) cara a 1898. Na Segunda República foi directivo de Izquierda Republicana. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e permaneceu agochado. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en maio de 1937. Entregouse en 1938 e foi procesado, sen recaer condena sobre el. En outubro de 1940 abonou a sanción por responsabilidades políticas e recobrou a libre disposición dos seus bens. En xaneiro de 1941 foi nomeado médico de asistencia pública de Ribadeo e director do Hospital Municipal de Ribadeo, permanecendo nese posto nos anos corenta e cincuenta.
Francisco Amado Hermida. Naceu en Vilachambre en 1890. Fillo de Ramón e de Vicenta. Foi alcalde de Neira de Xusá durante a ditadura de Primo de Rivera. Coa sublevación militar do 18 de xullo de 1936, foi detido o 1 de agosto e internado no cárcere de Becerreá. Trasladado ao Cárcere de Lugo en outubro de 1937, foi xulgado por rebelión militar no proceso 908/1936 baixo acusación de ocupación de municións. Abandona a prisión a finais de outubro de 1938. O proceso rematou en sobresemento.
Na causa 177/46, que se ventilou no Xulgado Eventual Militar de Lugo, foron encartados 11 guerrillerios e 31 veciños de Neira de Xusá, a maioría deles das parroquias de Covas e Recesende. En https://penarrubia.gal/blog/covas-recesende-1946/, realizamos unha exposición detallada que o lector pode consultar.
Causa 75/1946
Neste proceso conflúen os tres movementos antifranquistas da provincia de Lugo que acabamos de presentar: a oposición armada promovida pola III Agrupación de Guerrillas, a reorganización do PCE e os intentos de constitución da UNE no mesmo territorio. Estas tres organizacións estaban auspiciadas maioritariamente polo Partido Comunista e gran parte das persoas que as integraban eran militantes ou simpatizantes deste grupo político.
Mais, das tres organizacións, o PC de Lugo e a UNE foron desmanteladas polas forzas represoras da Ditadura no mes de febreiro de 1946 e tan só algúns dos seus membros conseguiron evadirse integrándose na guerrilla ou fuxindo ao exilio. Coas detencións de militantes, as forzas represivas empregaron a tortura máis cruel para obter información.
As 64 persoas detidas foron sorprendidas pola garda civil nos seus respectivos territorios de residencia durante ese mes de febreiro e conducidas ao cárcere de Lugo, onde se lles abriu a ficha carceraria aos que ingresan por primeira vez. En numerosos casos, os detidos xa coñecían a prisión de anteriores ocasións. Así, lle sucedeu a Alfonso de Caldeiro, que durante dous meses, en 1938, estivera recluído no mesmo cárcere.
Nos primeiros días de prisión, os detidos permanecían incomunicados entre si mentres agardaban para seren interrogados con aplicación de graves torturas para obter de cada un deles informacións que, posteriormente, empregarían para soster as acusacións condenatorias. Por suposto, os dereitos humanos eran violados sistematicamente nestes interrogatorios e en todas as relacións que os represores da ditadura mantiñan coas persoas presas. Na fichas carcerarias, cada un destes interrogatorios era designados como “práctica de diligencias” e non se realizaban nas propias dependencias do cárcere senón na sede da Comandancia da Garda civil ou no cuartel de Policía.


Unha vez pasaban o suplicio da tortura, regresaban ao cárcere e levantábanselles a incomunicación. Para a práctica dos interrogatorios con tortura existían policías expertos da Brigada Político-Social que actuaron con este cometido ao longo da súa carreira policial durante a Ditadura e tamén durante os anos da mal chamada “Transición democrática”. Mal pode ter esta denominación un sistema político que mantivo no poder os mesmos funcionarios que practicaron a represión e os mesmos xuíces que a consentiron.
O policía García Gelabert
Un dos policías que participou na práctica destes interrogatorios no proceso 75/1946 foi Juan García Gelabert. Interrogou e torturou a Alfonso de Caldeiro e a outros encausados neste consello de guerra. Da súa actuación queda constancia documental nas declaracións dos detidos no propio sumario e tamén nos datos carcerarios de varios reclusos da prisión de Lugo.

Así o podemos comprobar nesta ficha, asinada por este “Agente de Investigación” o día 11 de marzo de 1946 despois do interrogatorio que lle practica ao recluso Ramón Vivero Geada. O outro axente que asina é Froilán Martín Rodríguez, policía desde 1943, de 27 anos en 1946. Como bo cumpridor das ordes da Ditadura, no BOE 23 de outubro de 1969, publícase a Orde pola que se concede a Froilán, inspector de primeira clase do Corpo Xeral de Policía, a Cruz do Mérito Naval de primeira clase con distintivo branco.
Mais, deteñamos a atención no policía Juan García Gelabert. Segundo o xornal El País do 24 de maio de 2000, naceu en 1917 en Madrid, ingresou no Corpo de Policía en 1939 e obtivo 71 felicitacións públicas e a Cruz do Mérito Policial con insignia vermella, que é a máxima distinción policial, así como a Orde do Mérito Civil.
Foi ascendido a comisario en 1967, a comisario xefe en 1971 e nomeado delegado especial da Dirección Xeral de Seguridade en Canarias en 1972 e, xa morto o Ditador, xefe de policía en Valladolid en 1976, até que se xubilou en 1979, momento en que foi nomeado comisario honorario do Corpo de Policía. Como policía xefe da Brigada de Investigación Social ordenou e dirixiu numerosos interrogatorios de vítimas do franquismo, entre outros, o dos tres policías que participaron no do estudante Enrique Ruano Casanova en xaneiro de 1969 sobre cuxa morte, oficialmente debida a suicidio, se estenden fundadas dúbidas de ser causada polas torturas policiais. A opinión pública xeneralizada considerou a morte deste estudante como un asasinato directo de un disparo policial e que, posteriormente, o seu corpo sería lanzado por unha fiestra desde un sétimo andar para encubrir as consecuencias da tortura a que fora sometido. O xefe dos tres policías que participaron neste interrogatorio era o mesmo Juan García Gelabert que figura na causa 75/1946.
O comisario xefe do Corpo Xeral de Policía Juan García Gelabert faleceu en Madrid aos 82 anos o 24 de maio de 2000. O propio diario El País, o 24 de maio de 2000, publicou con este motivo un obituario laudatorio como “consecuentemente” corresponde a un xornal que dá fe da “Transición democrática”. Juan García Gelabert forma parte da funesta nómina da Brigada Político-Social do franquismo canda outros “eximios” policías como Tomás Ramos O’Rian, Saturnino Yagüe, Roberto Conesa, Antonio Juan Creix, Melitón Manzanas, Juan Antonio Pacheco (Billy el Niño), José Sainz González… Nesta nómina tamén temos que incluír a Joaquín Díaz Moreno, natural de Baralla e irmán do sempiterno alcalde franquista Luis Díaz Moreno. Máis información sobre Joaquín Díaz Moreno pódese consultar nesta mesma web en https://penarrubia.gal/blog/irmans-diaz-moreno-i-joaquin/
A tortura
A Ditadura empregou sistematicamente a tortura para reprimir os inimigos sospeitosos. O propio Foreign Office, nun informe sobre España datado en 1949, recoñece que “todos os casos políticos caen dentro da Brigada Político-social que actúa por orde do Xefe Superior de Policía. O interrogatorio dun prisioneiro pode incluír o uso de crueis artefactos, tendentes a forzar as declaracións posteriormente chamadas confesións. Como reciben un extra, os mal pagados policías tenden a usar métodos cada vez máis violentos e a prolongar canto sexa posíbel o illamento dos presos para obter unha confesión. Cando remata o dossier, o preso é trasladado a unha das prisións e pasa á xurisdición militar”. (The National Archives, Foreign Office, 371/79687. Londres).
A tortura durante a Ditadura, e nos anos da transición política, foi práctica habitual. As forzas públicas, policía e garda civil, gozaban de carácter militar e a xudicatura tamén estaba ao servizo do réxime polo que non existía ningún tipo de control e os torturadores gozaban da impunidade máis absoluta. O emprego da coacción permite obter información, mais esta información non necesariamente ten por que coincidir coa verdade. Ao contrario, o uso da tortura aumenta a probabilidade de que os presos confesen información falsa e inexacta. As tensións que experimentan durante estes interrogatorios cáusanlles tanta confusión que son incapaces de distinguir entre o que é real e o que é imaxinario. En tales situacións, os torturados confesan aos interrogadores o que estes queren escoitar para deter a tortura.
Na década dos corenta, a Ditadura española seguía os métodos da Gestapo, a policía do nazismo, que se caracterizaba pola crueldade extrema empregando todo tipo de sistemas e técnicas para obter as confesións dos detidos.
Con estas prácticas, os torturadores tentaban converter as persoas máis xenerosas e solidarias en traidores que delatasen e vendesen os seus compañeiros de loita, e pretendían que, en definitiva, persoas dignas se transformasen en seres indignos e humillados para sempre.
Por isto, comprendemos o desacougo producido pola tortura, marcado con ferro candente na vida de Alfonso de Caldeiro e de tantas persoas que sufriron crueis suplicios como a colocación de caldeiros metálicos invertidos sobre a cabeza con fortes golpes para quebrar os tímpanos, de correntes eléctricas en diferentes partes do corpo aplicadas con intensidade variábel, a disposición da metade inferior do corpo tendido nunha mesa coa parte superior suspendida no aire para que a persoa torturada seguise mantendo a horizontalidade, a inmersión da cabeza na auga para producir o afogamento…
No folio 1.422 volto do sumario da causa 75/1946, cando Alfonso de Caldeiro comparece perante o xuíz militar instrutor recoñece que non se afirma nin ratifica na súa declaración anterior “ya que esta la prestó coaccionado por la Policía”. Posteriormente, no folio 1.498 volto, declara que non se ratifica na “declaración que prestó ante la Brigada Político-social de la Dirección General de Seguridad , que le fue arrancada por coacció [sic] al ser maltratado de obra”.
Quen foi torturado unha vez permanece torturado até o fin dos tempos e non importa que a súa vida continúe, que a súa memoria se abstraia e que cicatricen as súas feridas, porque nalgún recuncho de si mesmo, lonxe da vista dos demais, lonxe da súa propia vista, leva o selo candente dunha dor inextinguíbel. (Jonathan Martínez. La historia oficial. Txalaparta. Tafalla. 2022).
Os consellos de guerra
A xeneralidade dos membros que conformaban os tribunais dos consellos de guerra, incluídos os fiscais, auditores e os avogados defensores, eran militares que integraban a denominada ironicamente Columna xurídica en oposición aos militares que dirixían as armas. Os membros desta columna designados para actuaren como avogados defensores eran escollidos entre os soldados voluntarios e afectos ao réxime que, procedendo das quintas mobilizadas, estaban en contacto co mundo do dereito xa for como titulados ou como estudantes. A práctica de elixir oficiais do exército como avogados defensores continuou até a creación da Xurisdición de Orde Pública en 1963.
O franquismo serviuse de todos os resortes para consolidarse na detentación do poder. Un destes resortes residiu na Xurisdición de guerra, que non se limitou ao período bélico senón que se estendeu ao longo da Ditadura ocupándose da represión da disidencia por medio dos consellos de guerra, do Tribunal de Responsabilidades Políticas (desde febreiro de 1939 até novembro de 1966) e do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e do Comunismo (desde abril de 1941 até 1963, en que é substituído polo TOP Tribunal do Orden Público e este, mediante el Real Decreto-Lei 1/77, de 5 de xaneiro, pola Audiencia Nacional).
Nos consellos de guerra, como dixemos, todos os seus compoñentes eran militares. O Tribunal de Responsabilidades políticas estaba formado por un presidente e seis vogais: dous deles debían ser xenerais ou similares do Exército ou da Armada, outros dous membros do Consello Nacional da FET de las JONS, tamén avogados, e os outros dous maxistrados de rango non inferior ao maxistrado dunha Audiencia Territorial. O Tribunal para a represión da Masonería e do Comunismo estaba conformado por un xeneral do exército como presidente, un líder da Falanxe e dous avogados, todos eles designados polo Xefe do Estado.
O Exército, a Falange e os designios do Ditador encargáronse de executar esta xurisdición. Isto é, os vencedores da guerra comandados polo Generalísimo eran continuadores da mesma entre os derrotados servíndose xa non das armas senón dos poderes coercitivos do Estado que eles mesmos crearon por rebelión contra o legalmente estabelecido na Constitución do 9 de decembro de 1931.
O uso desta xurisdición foi masivo durante a guerra civil con miles de condenas a morte e centos de miles de condenados e mantivo o seu carácter predominante ao longo dos corenta anos de ditadura. Nos últimos momentos do franquismo, a Xurisdición de guerra seguiu funcionando con intervencións moi significativas como o proceso de Burgos en decembro de 1970 contra militantes de ETA, con condenas de morte conmutadas; o do 2 de marzo de 1974, contra Salvador Puig Antich, membro do MIL (Movemento Ibérico de Liberación) e Heinz Chez, ambos os dous executados por garrote vil; e os do 27 de setembro de 1975, con cinco penas de morte executadas por fusilamento contra tres militantes do FRAP —José Humberto Baena, José Luis Sánchez Bravo, Juan García Sanchez Bravo— e dous de ETA Político Militar, Juan Paredes Manot (Txiki) e Ángel Otaegui Etxeberria.
A Xurisdición de guerra mantívose de xeito residual até xaneiro de 1977, cando a competencia en materia de delitos de terrorismo foi transferida aos Xulgados de Instrución de nova creación dun novo órgano xudicial, a Audiencia Nacional. A celebración deste tipo de xuízos consistiu nun mero ritual de posta en escena e aldraxe do que debe ser un tribunal que imparta xustiza.
Consello de guerra 75/1946
Nos meses de febreiro e marzo de 1946 foron detidas e ingresadas no cárcere de Lugo 64 persoas acusadas de delito rebelión. Non compareceu Víctor Martínez Mas por enfermidade, segundo consta na sentenza. Unha vez interrogadas con aplicación de torturas, foron conducidas ao cárcere de A Coruña a disposición do xuíz instrutor coronel militar especial Sisenando Martínez Yunta, alcalde que fora da Coruña nos anos 1937-1939.
Membros do tribunal
O 17 de xullo de 1946 celébrase nunha única sesión a vista oral na que actúan como membros do tribunal os seguintes militares:
1.- Eduardo García del Busto y Ozores. Coronel de Infantería. En febreiro de 1950 ascende a xeneral de brigada. En abril deste mesmo ano é nomeado gobernador militar de Menorca e, tres meses despois, o Ditador concédelle a Gran Cruz de la Real y Militar Orden de San Hermenegildo.
2.- Tarsicio Roel Gerbolés. Dispomos de pouca información sobre este militar franquista. En 1973 era coronel ao mando da Zona de Recrutamento de Ourense. En 1986, o ministro socialista Nacis Serra concédelle por medio do Real Decreto 254/1986, a Gran Cruz de San Hermenegildo al General de Brigada Honorario de Infantería, Caballero Mutilado Permanente de Guerra.
3.- Félix Estrada Gallardo. Temos poucos datos como militar deste membro do tribunal do consello de guerra. Sabemos que en 1937 (BOE do 10 de maio) ascende desde o grao de alférez de complemento a tenente do 16 Rexemento de Artillería e que en 1951 era capitán do mesmo corpo. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e historiador local coruñés especializado en arquitectura e asuntos militares, autor, en 1948, de Formulario de topografía y tiro para la artillería de campaña.
4.- Arturo Esteban Rodríguez. En maio de 1937 ascende a alférez provisional da arma de infantería (BOE do 05/05/1937). En maio de 1939, a tenente provisional. (BOE de 29 de maio de 1939). Desde 1942, é funcionario de Facenda.
5.- Juan González-Regueral Losada. Do corpo xurídico militar. Fillo de Juan González Regueral y Álvarez Arenas, coronel de cabalaría e alcalde de A Coruña entre 1937 e 1938.
Avogados defensores
Actuaron os capitáns Benito Rivas Pichel, Manuel Naveiro López e José Luis Isabel Maestro. Os dous primeiros, do corpo de artillería e o terceiro, do de infantería. Como podemos imaxinar, os militares transformados en avogados defensores actuaban sempre ás ordes dos seus mandos superiores preocupados máis por contentalos que por favorecer os encartados e non só isto, tamén se intercambiaban os postos nos consellos de guerra. Así, o capitán de infantería José Luis Isabel Maestro neste proceso actúa como avogado defensor, mais noutros faino como vocal do tribunal como sucede, por exemplo, na causa 276/1946 que se celebrou na Coruña na Sala de Xustiza do Rexemento de Infantería Isabel a Católica nº 29, cuartel de Atocha, o 1 de febreiro de 1947 contra tres acusados polo delito de extorsión na persoa de Pedro Abelenda, coñecido como o Millonario do wolfram, que residía nun dos chalés da Cidade Xardín coruñesa. O mesmo acontece co capitán de artillería Félix Estrada Gallardo, que sendo vocal do consello de guerra de 75/1946, no de 1947 actúa como avogado defensor de dous dos acusados.
Benito Rivas Pichel. Ironías do destino, antes da rebelión militar, posiblemente en 1935, como alumno de Dereito en Compostela, foi un dos mozos universitarios que subscribiu unha proclama impresa na Editorial Nós de Ánxel Casal na que anima os estudantes galegos con estas palabras: Estudantes de Galiza: hasta fai poucos anos na Hespaña Centralista, tan soio Vascos e Cataláns defendían a libertade dos seus pobos co mesmo tesón con que sempre a tiñan defendido contra da absorción imperialista das dinastías extranxeiras, que dende a Edade Meia teimaron facer dos pobos libres e civilizados da Iberia unha unión artificiosa, escravizante e bárbara. Hoxe a nosa Terra, tamén, seguindo o ronsel diñica dor de Cataluña e Euskadi, ergue o seu pulo autodeterminista coma unha leición e un exempro. (Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós. Páx. 255. Coordinador Alfonso Mato. Santiago de Compostela. Consello da Cultura Galega. Seminario de Estudos Galegos, 2007).
En 1938 era alférez provisional (BOE 31/05/1938). En decembro deste mesmo ano, ascende a tenente de complemento (BOE 04/12/1938).
Sete anos despois de actuar como avogado defensor no proceso 75/1946, tamén desempeñou a defensa de Benigno Andrade (Foucellas. 1908-1952) na causa 53/1952. Neste caso, o encartado foi condenado a tres penas de morte.
Manuel Naveiro López. Só sabemos que en 1938 era tenente provisional (BOE 07/08/1938).
José Luis Isabel Maestro en 1937 era alférez provisional (BOE 21/10/1937) con destino como subinstrutor na escola militar de Ávila.
O fiscal
Sergio Peñamaría de Llano, capitán xurídico militar, e tamén alcalde de A Coruña entre os anos 1959-1963, actuou como fiscal. Solicitou pena de morte para Enriqueta Otero Blanco, Julio Nieto López, Ramón Vivero Geada, José María Urquiola e Marcelino Villares Santiago. Para sete dos procesados pediu 25 anos de cárcere. Para outros sete, 15 anos de prisión. Para catro, entre eles o noso veciño Alfonso de Caldeiro, solicitou doce anos e un día de prisión. Para outros catro, 6 anos de prisión. Para trece, 3 anos. Para once, entre os que se encontraba Pedro de Mariano, pediu un ano de prisión.
Auditor de guerra
Para completar a nómina dos represores franquistas que actúan neste consello de guerra, temos o temíbel Hernán Martín de Barbadillo y Paúl, auditor de guerra neste proceso. Auditor de guerra é o funcionario do corpo xurídico militar que informa sobre a interpretación e a aplicación das leis e propón a resolución correspondente nos procesos xudiciais e doutra índole desenvolvidos no exército ou rexión militar onde estea destinado.
Por suposto, o auditor de guerra ratifica na súa totalidade o contido da sentenza que acordara o tribunal. Hernán Martín de Barbadillo y Paúl, conde de San Félix, coronel do exército e Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort, tamén foi alcalde da Coruña en 1937 e responsábel directo da represión e depuración de numerosos funcionarios municipais, entre eles o arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez. O terríbel Martín de Barbadillo actuou como fiscal noutros moitos procesos solicitando penas de morte para os encartados. A súa carreira ao servizo da Ditadura foi compensada con ascensos, prebendas e recoñecementos honoríficos: en 1956, é nomeado polo Ditador Auditor Xeral e Conselleiro do Supremo de Xustiza Militar; en 1960, concédeselle a Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort.
Procesados
Son 64. Deles, 63 son varóns e unha muller, Enriqueta Otero. A idade media é de 38 anos. O máis vello ten 65 anos e o máis novo, 21. Exercían moi diversas profesións. Dez eran labregos e sete figuran como industriais nas fichas carcerarias. Debemos indicar que naqueles tempos a palabra “industrial” non tiña o mesmo significado que na actualidade. Considerábanse industriais as persoas autónomas que exercían actividades moi diversas como taberneiros, comerciantes, compradores de gando… En cambio, o termo empregado (tres) designaba quen realizaba este tipo de actividades por conta allea: mozos de comercio, contábeis… O mesmo número de tres eran os peóns e os xornaleiros. Dous eran practicantes, que equivalían aos que hoxe denominados sanitarios. Dous máis figuran como electricistas e outros dous como carpinteiros, barbeiros e canteiros. O resto das profesións eran un obreiro, un cesteiro, un zapateiro, un xastre, un fontaneiro, un telegrafista, unha mestra, un camareiro, un avogado (Alfonso de Caldeiro), un garda civil, un factor ferroviario, un funcionario municipal, un cerralleiro, un conserxe, un delineante, un metalúrxico e un propietario. Aplicábase a denominación de propietario a quen vivía das rendas que lle proporcionaban as terras da súa propiedade porque tiña outras persoas que llas cultivaban, os caseiros.
César Alonso Álvarez
Natural e veciño de A Vilavella, Ribadeo. Nace en 1912. Fillo de José e de Gabriela. Solteiro. Ebanista. O 24 de febreiro de 1940 ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo por orde do Gobernador militar de Asturias e pola Inspección General de Prisioneros y Presentados de Madrid. En abril, é reclamado para o Depósito de Prisioneros de Miranda de Ebro (campo de concentración) para o seu destino a un batallón de traballadores. O 18 de novembro de 1945 ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo sometido á causa 414/1945 acusado de “tenencia ilícita de armas y propaganda ilegal”. O 21 de decembro queda en liberdade. No oficio de posta en liberdade, o comandante instrutor Luciano Losada Fernández só fai referencia ao delito de “propaganda ilegal”.
Procesado na causa 75/1946, ingresa por terceira vez no cárcere de Lugo o 13 de febreiro de 1946. O 21 de febreiro, xunto con Manuel Camba Costa e Ángel Pérez Fernández, é interrogado-torturado polo comandante da Garda civil Mariano Esteban. É trasladado ao da Coruña o 16 de marzo para ser sometido a consello de guerra.
Delito: rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión, que cumpre na Prisión Central de Burgos. En maio de 1949 obtén a liberdade condicional (BOE 17/05/1949). No ficheiro da Sección Político-Social (Ficheiro 2, Ficha A0052853) dise que estaba afiliado ao PCE.
Francisco Alvaredo Rodríguez
Natural de Arxemil (Sarria). Nado en 1906. Fillo de Enrique e de Encarnación. Casado con Isaura Díaz. Seu irmán Pedro, tamén vítima da Ditadura, ingresara no cárcere de Lugo en maio de 1941 para comparecer no Xulgado Especial de Atracos. Posteriormente, sometido á causa 324/1941, o Consello de guerra do Xulgado Militar Eventual de Lugo, celebrado o 5 de decembro de 1942, condénao a morte. Foi fusilado o 8 de xaneiro de 1943 en Lugo ás 7:30 horas.
Francisco era veciño de Lugo en 1946 (Rúa Miño 32). Casado. Industrial. Era concelleiro en Sarria por IR en 1936. Por esta causa fora condenado a cadea perpetua, pena conmutada pola de doce anos. Obtén a liberdade condicional en agosto de 1941 (BOE 02/08/1941). Ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo o 02/02/1946. O 30/04/1946 é conducido á prisión da Coruña para quedar a disposición do xuíz instrutor do proceso 75/1946 polo delito de rebelión militar.
Condena: 6 meses e un día de reclusión. Dellito de rebelión.
Carlos Álvarez
Segundo apelido descoñecido. Nado en 1911 en Vilachá de Salvadur, A Pobra de Brollón. Labrego. Solteiro. Ingresa no cárcere de Lugo o 23 de febreiro de 1946. O 15 de marzo é interrogado. O 26 de marzo é conducido ao cárcere de A Coruña.
Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Guillermo Arenas Casal (Garifal)
Nado en 1913. Natural e veciño de Viveiro. Barbeiro de profesión. En novembro de 1936, nun consello de guerra celebrado en Lugo fora condenado a reclusión perpetua conmutada pola de catro anos, dous meses e un día por rebelión militar. En decembro de 1936 é trasladado á funesta Prisión-Fortaleza San Cristóbal de Pamplona da que sae o 31/12/1941 por revisión de condena. O 16/02/1646 encontrámolo de novo detido na prisión de Lugo para ser conducido posteriormente ao consello de guerra 75/1946.
Sentenza do consello de guerra: absolución.
Antonio Ares Abelleira (Toñito)
Nado en Pontedeume en 1915, mais viviu en Ferrol desde os tres anos. Ao remate da guerra foi o responsábel da reconstrución clandestina do PCE en Ferrol. Detido en 1946, foi procesado na causa 75/46, e condenado a 4 anos de cárcere acusado falsamente de pertencer á guerrilla. En 1948, despois de saír do cárcere de Burgos, colabora como enlace entre a IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia e a organización do PCE na zona de Ferrol. En 1951 foi detido de novo, sendo condenado o 3 de abril de 1952 na Coruña a sete anos de prisión. Nas eleccións xerais de 1982 foi candidato ao Congreso do Partido Comunista Obreiro Español. Finou en Serantes o 22 de maio de 2007.
José Arrojo Otero (Rosín)
Nado en 1917 en Tortes (Nun documento dise Torés e non Tortes), Becerreá. Fillo de Ángel e de Primitiva. Labrego. Casado con Gloria Argiz. Sen fillos en 1946.

O 7 de setembro de 1937, con 17 anos de idade, xa ingresara no cárcere de Lugo sometido ao proceso 190/1937 por delito de rebelión, que, noutros momentos se indica “incendio y destrucción”. O 16 de febreiro de 1938, comparece en consello de guerra que lle impón condena de doce anos e un día de reclusión temporal. O 26 de maio de 1939 é trasladado á Prisión Provincial de Vitoria. O 29 de novembro de 1940 é trasladado ao cárcere de Oviedo. Por este proceso tamén é sometido a outro de responsabilidades políticas canda Claudio Arrojo Suárez, Balbino López González, Emilio Núñez Cabana e Ramón García Pereira polos sucesos acontecidos en Becerreá nos primeiros días do levantamento fascista. Detido o 13 de febreiro de 1946, ingresa no cárcere de Lugo e o 15 de marzo é trasladado ao de A Coruña.
Sentenza do consello de guerra: absolución.
José Antonio Bello Ladra
Natural de Xerdiz, Ourol. Nado en 1915. Fillo de Manuel e de Josefa. Casado con Laura Fernández. Un fillo. Veciño de Lugo. Industrial. Ingresa no cárcere de Lugo o 15 de febreiro de 1946. O 27 do mesmo mes é trasladado ao cárcere de A Coruña.
Sentenza do consello de guerra: absolución.
Pedro Calderón Pérez
(Pedro do Mazo de Neira de Rei e Árbol). Nacido en Sestao no ano 1908. Veciño de Os Mazos, Neira de Rei. Fillo de Mariano e Lucía. Casado con María González. Unha filla. Industrial.
Propietario dun coche, que, co alzamento dos militares sublevados en xullo de 1936, lle é requisado para o parque automobilístico militar. El mesmo foi mobilizado para o Rexemento de Zaragoza nº 30 de Lugo. Posteriormente, foi destinado para o parque automobilístico de A Coruña até o seu licenciamento en que regresa ao seu lugar de residencia en Os Mazos de Neira de Rei. Na súa declaración perante os axentes da Brigada Político-social que o interrogan coa práctica da tortura que adoitan, recoñece que foi captado como militante de Unión Nacional polos barallenses Siro Fernández e Ángel Ansareo Grandas. Posteriormente, segue recoñecendo, aceptou formar parte do Comité do Radio de Baralla baixo o nome de Árbol como militante. Recoñece que participou nunha reunión celebrada no Café de Baralla en compañía de Antonio Rodríguez Frei, comerciante de Covas, Valentín Méndez, de Baralla. Segue recoñecendo que na parroquia de San Martín existen dous veciños que simpatizan coas mesmas ideas: un chamado José Fernández e outro, Balbino. Tamén recoñece que, con ocasión dunha viaxe a Lugo para recoller abono mineral, encontrouse con Eduardo Castro Vázquez, O Dulceiro, quen lle entregou un paquete grande que contiña papeis para que llo deixase en Baralla a Siro Fernández. Declara tamén que Ansareo era o encargado de recoller os cupóns das cotizacións de 5 pesetas realizadas polos militantes ao Partido, que, como xustificante, recibían “trozos de papel cuadrados que llevaban la inscripción Partido Comunista de España y una estrella de cinco puntas en el centro”. Posteriormente, no folio 1.415 do sumario, declara que non se ratifica na declaración anterior debido ás coaccións sufridas no interrogatorio pola Brigada Especial Político-social e nega a súa pertenza a ese e a ningún outro partido político e a súa asistencia á reunión aludida na anterior declaración. Tamén nega ser coñecedor do contido do paquete con propaganda e ter coñecidos en Neira de Rei que simpaticen con ideas esquerdistas e ser cotizante de ningún partido. Recoñece que os principais dirixentes do partido naquela comarca eran Marcelino Villares, a quen non coñecía persoalmente, Ángel Ansareo e Siro Fernández. Declara que, polas súas relacións comerciais, coñece Valentín Méndez e Antonio Rodríguez Frei. Ingresa no cárcere de Lugo o 12 de febreiro de 1946. O 9 de marzo é trasladado ao cárcere de A Coruña.
Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Julio Generoso Carreira López
Nado en Santiago de Meilán, Lugo, en 1907. Fillo de Ángel e de Juana. Casado con Francisca Carreira. Dous fillos en 1946. Ingresa no cárcere de Lugo o 3 de febreiro de 1946 canda Ramón Vivero Geada e Ramón Iglesias Ansía a disposición do xuíz instrutor coronel Emilio Molina Carreño. Incóaselle o sumario 88/1946 por “actividades políticas”, mais o 8 de marzo este sumario acumúlase ao 75/1946. O 29 de marzo é trasladado ao cárcere da Coruña, cidade onde se ventila este proceso que remata no consello de guerra celebrado o 17 de xullo de 1946. Descoñecemos que aconteceu con Julio Carreira López, pois na sentenza o Tribunal indica que os feitos a el atribuídos non foron obxecto de axuizamento nesta sentenza. Os cargos que existían contra el eran ser portador de cartas entre uns e outros procesados cuxo contido manifesta descoñecer. Por esta razón a súa causa fora sobresida.
Gaspar Antonio Castro López
Nado en 1906 en Silvarrei, Outeiro de Rei. Veciño de Paradai de Abaixo, Lugo. Da súa profesión, nalgúns documentos dise que era fotógrafo, noutros, panadeiro e na sentenza do consello de guerra 75/1946 indícase que era dependente de comercio. Acada o grao de tenente de milicias en outubro de 1936. Fora condenado á pena de quince anos de reclusión por delito de auxilio á rebelión. Secretario de Axitación e Propaganda do Comité Provincial de Lugo do Partido Comunista de España.
Delito: rebelión militar. Condena: 25 anos de reclusión.
Juan Díaz Blanco
Nado en Miño en 1910. Veciño de Ferrol. Industrial. Procesado no consello de guerra 75/1946.
Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Antonio Díaz Fernández (Toño)
Natural de Mestre, Ribeira de Piquín. Nace en 1902. Fillo de Faustino e de Josefa. Casado. Labrego. Conducido pola Garda Civil de Meira, ingresa no cárcere de Lugo o 13 de marzo de 1946. Pasa ao de A Coruña o 26 deste mesmo mes.
Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Jenaro Fernández Ares
Natural de Pontedeume. Veciño de Ferrol. Naceu en 1921. Casado. Electricista. Membro das Mocidades Comunistas e das Mocidades Socialistas Unificadas, fora detido e encarcerado durante tres anos na causa 471/1938 na Xurisdición da Mariña por delito de sedición por opoñerse ao golpe de estado. Posteriormente, é procesado na causa 75/1946.
Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Antonio Fernández Fernández
Nado en San Martiño das Cañadas, Cervantes, en 1893. Fillo de Manuel e de Ramona. Casado con Antonia Alonso. Catro fillos. Industrial.Ingresa no cárcere de Lugo o 14 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o 1 de marzo.
Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Marcelino Fernández Fernández
Mineiro. Fillo dun combatente que perdeu a vida na revolución de Asturias de 1934 e irmán dos tamén maquis das cuncas mineiras Manuel e Esteban. Naceu en La Perea (Mieres) en 1909. Chegou a Lugo en 1945. Logrou fuxir da caída da estrutura provincial do PCE de Lugo en febreiro de 1945. Foi reclamado en abril de 1946 polo xuíz militar da Coruña como encartado na causa 75/1946. Morreu o 1 de novembro de 1949 tiroteado pola Garda Civil cando saía cos guerrilleiros Manuel Rubio González e Paulino Alonso Pachón dunha casa en El Texedal de Sevares (L’Infiestu, Piloña).
Siro Fernández Fernández (Ores)
Naceu en Baralla en 1902. Fillo de Dositeo e de Ramona. Solteiro. Propietario. En setembro de 1938 fora encartado canda Alfonso de Caldeiro no proceso 682/38. Os dous saen en liberdade o 24 de decembro dese mesmo ano por sobresemento. O 12 de febreiro de 1946 ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo. O 4 de marzo seguinte é trasladado ao cárcere de A Coruña para comparecer no consello de guerra 75/1946.
Delito de rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión.
Julio Fernández García
Nado en Presa, Vegadeo en 1907. Fillo de José María e de Genoveva. Casado. Dous fillos. Xornaleiro. Membro do PCE. Participa como carabineiro na defensa da República. Feito prisioneiro polo exército sublevado, consegue evadirse para reintegrarse de novo nas milicias republicanas. Procedente da prisión de Castropol, ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo o 5 de marzo de 1937. O 6 de abril comparece en consello de guerra. Na causa 267/1939, (instruída polo comandante Gerardo Landrove Muiño e ventilada polo tribunal composto polo tenente coronel Manuel Pedreira Castro e os capitáns José López Rodríguez, Victorino González Camarero, Celestino González Torres, Enrique Salgado Martínez, Manuel Barreira Suárez, Rafael Alonso e Mariano Pérez Hickman), é condenado por delito de rebelión “a treinta años de reclusión perpetua, los que en tres de febrero de 1967 dejará cumplidos”. Mais, a Comisión Provincial de Exame de Penas de Lugo eleva a proposta de conmutación por catro anos de prisión, proposta aceptada pola Comisión Central en febreiro de 1940. O 23 de agosto de 1940 é posto en liberdade para cumprir condena en “prisión atenudada” no seu domicilio, que fixa en Vegadeo, e en outubro de 1943 obtén a liberdade definitiva. Conducido pola Garda Civil do posto de Vegadeo, canda Maximiliano Veiga Horta e José Manuel Presno Sanmartín, ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo o 12 de febreiro de 1946. O 9 de marzo é interrogado. O 16 de marzo é trasladado ao cárcere de A Coruña.
Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Raúl Ferreiros Serantes
Nado en Ciego de Ávila, Cuba, en 1925. Solteiro. Peón. Veciño de Lugo. Comparece no consello de guerra 75/1946.
Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
José Fouz Mercader
(O seu irmán maior Jesús tamén será detido temporalmente nesta causa). Nado en Casteda, Chantada, en 1911. Fillo de Benigno e Estrella. Casado con Julia Pérez Cela. Un fillo. Con domicilio en Palas de Rei. Era garda civil con destino en Lleida durante a Guerra civil. Coa vitoria dos sublevados, foi depurado mais continuou como axente. Posteriormente, segue exercendo en Palas de Rei e o 1 de febreiro de 1946 participa como garda civil deste posto no enfrontamento con guerrilleiros no que resultan mortos na Ulloa o cura de San Breixo e un dos guerrilleiros. Na súa ficha carceraria, en cambio, non se alude á súa condición de ex-garda civil e dise que era albanel. Ingresa no cárcere de Lugo o 22 de febreiro de 1946. O 9 de marzo é conducido ao de A Coruña.
Delito: rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión.
Antonio Frey Rodríguez (Lazarillo)
Nado na casa do Picho de A Ponte de Covas, Baralla, en 1918. Fillo de Lorenzo e de Concepción. Casado con Isaura Iglesias. Un fillo. Industrial. Unido ao expediente de Alfonso de Caldeiro, ingresa no cárcere de Lugo o 12 de febreiro de 1946. Pasa ao de A Coruña o 9 de marzo acusado do delito de rebelión militar. É condenado a 6 meses e un día de prisión.
Ramón García Cal (O Cubano e Escala)
Nado na Habana en 1915. Como domicilio, nas súas fichas de ingresos carcerarios, figura “desconocido”. Fillo de Manuel e de Generosa. Solteiro. Labrego (no sumario figura como niquelador). Ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo o 28 de xullo de 1936, acusado dos delitos de rebelión e auxilio á rebelión, ábreselle a causa 228/1936. O 4 de decembro comparece en consello de guerra canda Ángel Pérez Gándaras. É condenado a 30 anos de prisión “los que dejará extinguidos el día 19 de julio de 1966”. Sae de prisión o 23 de agosto de 1940 para quedar en réxime de “prisión atenuada en su domicilio que fija en Lugo”. O 30 de novembro de 1942, a comisión Central de Exame de Penas acepta a proposta de condena definitiva de seis anos. O 27 de febreiro de 1943 recoñece, con efectos retroactivos, a extinción da pena con data de 25 de xullo de 1942. Con data de 15 de febreiro de 1946 ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo encartado na causa 75/1946. Pasa ao cárcere de A Coruña o 27 deste mesmo mes acusado do delito de rebelión militar. Condena: 6 meses e un día de reclusión.
Manuel Gómez Ameijide (Blas)
Nace en 1904 en O Lameiro, concello de Lugo. Fillo de Pedro e de Amalia. Casado con Josefa Lombardero. Un fillo. Carpinteiro. Descoñecemos as causas polas que ingresa por primeira vez no cárcere. Ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo o 18 de febreiro de 1946. Catro días despois é trasladado ao de A Coruña para comparecer perante o xuíz militar instrutor no sumario 75/1946 por delito de rebelión. Condena: 2 anos de reclusión.
Benjamín González Fernández
Nace na Agüeira, Becerreá, en 1881. O de maior idade de todos os procesados, pois ten 65 anos cando é procesado na causa 75/1946. Fillo de Ramona. Casado con Consuelo Rodríguez. Non consta que tiver fillos en 1939. Zapateiro.
Declarado en rebeldía na causa 286/1938 do Xulgado Militar de Lugo. Ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo o 10 de marzo de 1939. O 11 de maio, é posto en liberdade na causa 407/1939 por rebelión por orde do xuíz militar Pérez Hickman. Sae de prisión o 7 de setembro. Cando ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo, o 18 de febreiro de 1946, indícase que ten un fillo. O 9 de marzo é trasladado ao cárcere de A Coruña en compañía dos tamén encartados no proceso 75/1946 Pedro Calderón Pérez (Pedro de Mariano), Alfonso López Calderón (Alfonso de Caldeiro), Jesús Penoucos López, José Fouz Mercader, José Sangil López, Valentín Méndez Rodríguez e Antonio Frei Rodríguez. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Andrés González Rodríguez (Astur)
Nado en Gijón en 1921. Fillo de Paulino e Adela. Casado con Obdulia Méndez. Dous fillos. Empregado. Veciño de Lugo. Ingresa no cárcere de Lugo o 18 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o día 22. Delito: rebelión militar. Condena: 15 anos de reclusión.
Juan Ramón Iglesias Ansia
Nado en Cortiñas, Ourense, en 1901. Fillo de Rosa. Casado con Teresa ¿Gómez? Fernández. Un fillo. Domiciliado en Albeiros, Lugo. “Ojalatero” [sic na ficha carceraria] Cerralleiro. Polo delito de “actividades políticas”, ingresa en prisión o 3 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o 27 do mesmo mes. O 11 de febreiro as forzas armadas practícalle dilixencias, isto é. interrógano con torturas. Delito: rebelión militar. Condena: 15 anos de reclusión.
Alfonso López Calderón
Fillo de Valentín e de Ascensión. Nado na Fonsagrada en 1906. Con domicilio, segundo a ficha carceraria, en Baralla. Mais, nós sabemos que vivía na casa de Caldeiro de A Pena. Solteiro. Avogado. Nesta ocasión dise que era avogado, noutras, en cambio, afirma ser labrego e tamén se identifica como propietario. O 3 de novembro de 1938 ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo e pasa a disposición dos militares rebeldes. O capitán instrutor Antonio Azpiazu Tato incóalle a causa 682/1938, da que descoñecemos o expediente. Con data 15 de decembro de 1938, Azpiazu Tato sobresé o proceso e Alfonso, en liberdade, pasa a disposición do Delegado de Orden Público coa obriga de presentarse á Garda civil. Ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo en calidade de detido e incomunicado o 12 de febreiro de 1946 encartado no proceso 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.

O 5 de marzo é interrogado-torturado en Lugo antes de ser trasladado, o 9 de marzo de 1946, ao cárcere de A Coruña en compañía doutros once encartados máis “para quedar a disposición del Señor Juez Coronel Militar Especial don Sisenando Martínez Yunta”, quen, entre 1937 e 1939, fora alcalde de A Coruña. O 12 de marzo notifícaselle o auto de procesamento. O 17 de xullo do mesmo ano comparece na vista oral do consello de guerra no que é condenado a un ano de prisión.


Gerardo López Chas (Crisol)
Nado en Bemantes, Miño, en 1914. Veciño de Ferrol. Fillo de Domingo e de Socorro. Casado con Carmen Tella Vivero. Un fillo. Xastre. Un irmán seu, Francisco, fora asasinado en Ferrol o 21 de agosto de 1936. Gerardo, con anterioridade, xa cumprira pena de reclusión perpetua conmutada por seis anos na Prisión Central de Santander por auxilio á rebelión e, por isto, encontrábase en situación de liberdade vixiada. Ingresa no cárcere de Lugo o 7 de xaneiro de 1946 e o 24 deste mesmo mes é posto en liberdade. Descoñecemos a súa ficha como encartado no proceso 75/1946. Militante do PC, nas eleccións xerais de 1982 figura como candidato nas listaxes do PCOE, partido fundado poucos anos antes por Enrique Líster. Delito: rebelión militar. Condena: 20 anos de reclusión.
Crisanto López Fernández
Nado en Cospeito en 1897. Veciño de Rábade. Fillo de Andrés e de Tomasa. Casado con Carmen Castro. Dous fillos. Labrego. Ingresa no cárcere de Lugo o 15 de febreiro de 1946 e o 23 de marzo é trasladado ao de A Coruña. Sentenza do consello de guerra: absolución.
Julio López González
Nado en Paradela, Castro de Rei de Lemos, en 1908. Veciño de Ferreira, Paradela. Fillo de Manuel e de Ángela. Casado. Un fillo. Labrego. O 19 de maio de 1939 ingresa no depósito municipal de Monforte cando o seu veciño Avelino López López. Ambos encontrábanse en situación de fuxidos como desertores do exército sublevado. O 26 dese mesmo mes sae en liberdade eventual. O 27 de decembro de 1939, detido de novo por rebelión militar, é trasladado ao cárcere de Lugo e imputado nas causas 909 e168/1936 nas que será condenado a trinta anos de reclusión, “que serán extinguidos el día 19 de junio de 1969”.
O 20 de abril de 1941, élle conmutada a pena de 30 anos pola de 6 e a Xunta de Disciplina emite un informe no que se propón a súa liberdade condicional por boa conduta. O día 26 de xuño de 1941 é posto en liberdade coa obriga de comunicar mensualmente por carta a súa situación e o lugar de residencia. En 1946 é de novo procesado no consello de guerra 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Casto López López
Nado en 1896 e veciño de Lugo. Con residencia na rúa Serrano Súñer, “Chalet de factor”. Fillo de Juan e de Pilar. Casado con Francisca Rodríguez ¿Ceró? Oito fillos. Profesión: factor de ferrocarril, “cesante ferrocarriles”. Detido o 4 de febreiro de 1946, ingresa no cárcere de Lugo encartado en dous procedementos, o 88/1946 e o 45/1946. O primeiro deles por “actividades políticas” e o segundo por rebelión. O 8 de marzo, por orde do Capitán General de la Región Militar, acumúlase a causa 88/1946 á 45/1946. O 26 de marzo é conducido á prisión militar de A Coruña en compañía de Antonio Rodríguez González. O 17 de xullo celébrase o consello de guerra ao que asisten todos os imputados. O 10 de agosto, notifícase a sentenza: Delito: rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión.
O 13 de outubro de 1946 recíbese a orde de traslado á Prisión Central de Burgos. O 24 é entregado á Garda civil para o seu traslado. O 29 ingresa na prisión burgalesa.
O 13 de novembro, a Xunta disciplinaria desta prisión clasifícao no Grao elemental de relixión “debiendo tener adquirido el Grado Medio al cumplir la mitad de su condena. En cuanto a Cultura, se halla ya en posesión del Grado Superior”.
O 3 de xullo de 1947 é trasladado de novo ao cárcere de Lugo pasa asistir a xuízo oral, que ten lugar na Audiencia Provincial o 7 de xullo. Solicita a concesión do indulto acolléndose aos beneficios recoñecidos polo Decreto de 17 deste mes de 1947 polo que se concede a gracia de indulto aos penados por delitos comúns e especiais en determinados casos. O indulto élle denegado e regresa de novo á Prisión Central de Burgos o 14 de abril de 1948 canda Leopoldo Ares Fernández.
Víctor López Rodríguez
Nado en Meilán, Lugo, en 1910. Fillo de Josefa. Casado con Encarnación Seijas Flores. Tres fillos. Chofer. Ingresa no cárcere de Lugo o 26 de xullo de 1947 e sae un mes despois para ser conducido ao de A Coruña a disposición do Xulgado Militar Permanente da 8ª Rexión Militar.
José Maceiras García
Nado en Doroña, Vilarmaior, en 1899. Veciño de Doniños. Mariño. Condenado na causa 11/1937 da Xurisdición da Mariña “por delito de debilidad en acto de servicio” á pena de reclusión perpetua (causa instruída contra a tripulación do Contramestre Casado). Era compañeiro de Julio Álvarez Doval, cartaxeneiro, de 22 años, enfermeiro mariñeiro e de Daniel Sueiras Brage, de Caranza, fusilados o 27 de decembro de 1936, tripulantes do Contramestre Casado.
Liberdade condicional en setembro do 1940. Posteriormente, é encartado no consello de guerra 75/1946 polo delito de rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión.
Víctor Martínez Mas
Nado en Ferrol en 1909. Veciño desta mesma cidade. Casado. Contábel. Non comparece na sesión do consello de guerra por encontrarse enfermo. O Tribunal eleva esta situación do encartado á Autoridade Xudicial por se proceder incoar unha peza separada.
Valentín Méndez Rodríguez
Nado en Baralla en 1901. Fillo de Manuel e de Filomena. Solteiro. (En 1952 figura como casado). Auxiliar de Secretaría por oposición do concello de Neira de Xusá desde 1933 até o 31 de xullo de 1936, en que foi depurado. O 24 de abril de 1931 participa na constitución da Agrupación Socialista Obrera de Neira de Xusá e, como secretario, forma parte do Comité local canda Juan Peche Blanco, presidente, José Mourín Toral, tesoureiro, e Daniel Bolaño del Río e Baldomero Durán, como vocais.

Tamén é membro do Comité de Propaganda do Estatuto de Autonomía. Nos inicios da rebelión militar, abandona o posto de oficial municipal para fuxir do terror da represión. Durante este tempo foi acusado de manter relacións cos republicanos, e en concreto, con Pérez Gándaras. Detido, ingresa no cárcere de Lugo o 4 de febreiro de 1937 e, desde esta prisión pasa so Depósito Municipal de Mondoñedo o 10 de marzo de 1937. Posteriormente, pola súa “marcada tibieza para la Causa”, é desterrado á durante un ano e quince días á vila de Mombeltrán (Ávila) por orde do Xefe da Terceira Columna de Operacións de Asturias. En xullo de 1941, o falanxista e estraperlista Ginés Fernández, alcalde de Neira de Xusá, incoa expediente por responsabilidades políticas, que se substancia no xulgado de Becerreá, do que é xuíz Rosón Pérez.
O 12 de febreiro de 1946 ingresa no cárcere de Lugo encartado no proceso 75/1946. O 9 de marzo é conducido ao de A Coruña para comparecer no consello de guerra polo delito de rebelión militar. Condena: 6 meses e un día de reclusión. En xuño de 1952, dirixe escrito ao Gobernador Civil de Lugo solicitando ser reposto no seu posto como funcionario do concello de Neira de Xusá. Obviamente, a resposta é desestimatoria malia o Pleno municipal recoñecer que a sanción de separación de servizo “es considerada excesiva por esta Corporación”.
Ángel Montero Seoane
Nado en Friol en 1911. Fillo de José e de ¿Teresa? Casado con Anuncia Fariña. Tres fillos. Canteiro. Veciño de Lamas de Prado. O 12 de febreiro de 1946 ingresa no cárcere de Lugo. Os días 11 e 12 de marzo é trasladado a comisaría de Policía para “diligencias”. O 16 é trasladado ao cárcere de A Coruña para comparecer no consello de guerra 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión.
Ramón Moure Varela
Nado en Castro, Carballedo, en 1913. Fillo de Benigno e de María. Casado con Manuela Seijas. Veciño da cidade de Lugo. Industrial. Fora condenado na causa 837/1936 polo Xulgado Especial Militar de Lugo polo delito de deserción á fronte do inimigo á pena de morte conmutada pola de doce anos de reclusión. Ingresa no cárcere de Lugo o 15 de febreiro de 1946 e é conducido ao da Coruña o 22 do mesmo mes. Delito: rebelión militar. Condena: 6 anos de reclusión.
Arturo Murias García
Nado en Pravia en 1917. Fillo de Antonio e de Filomena. Casado con Carmen Rodríguez. Veciño de Ribadeo. Un fillo. Electricista. Condenado en 1939 polo Tribunal de Liquidaciones de Gijón por rebelión a vinte anos de “reclusión menor”. Ingresa no cárcere de Lugo o 13 de febreiro de 1946. O 9 de marzo practícalle diligencias, isto é, é interrogado con práctica de torturas. Pasa ao de A Coruña o 16 marzo. Sentenza do consello de guerra: absolución.
Julio Nieto López
(Celvol, Nardo, Torrero). Nado en Almería en 1906. Fillo de Julián e de María. Casado con María Loreto Tapias. Veciño de Lugo, Estrada de A Coruña 8. Dous fillos. Telegrafista.
Xa fora condenado nas causas 56, 938 e 2996 do Xulgado de Executorias de Madrid a vinte anos de reclusión menor por delito de auxilio á rebelión.
Detido en febreiro de 1945, logra evadirse da policía e refúxiase en Láncara na casa de José Piñeiro López, tamén encartado no proceso 75/1946. Por actividades políticas, en xaneiro de 1946 ábreselle a Causa 414/1945 no Xulgado Militar Eventual de Lugo. O 15 de febreiro de 1946 practícanselle diligencias na Comandancia da Garda Civil e tamén resulta procesado na causa nº 75/1946 do Xulgado Militar Especial da Coruña. O 28 de febreiro é trasladado á Prisión Provincial da Coruña. O 8 de marzo, de novo, regresa ao cárcere de Lugo a disposición do Xulgado Militar Especial. Na mesma data, ambas causas acumúlanse por orde da Capitanía Xeneral. Ao día seguinte, volve ser interrogado. O 26 de marzo volve ser trasladado ao cárcere de A Coruña en compañía de Ramón Villares Rey e de Enrique Villares Evia. Delito: Rebelión. Sentenza do consello de guerra: pena de morte. O 21 de setembro de 1946 foi executado con garrote vil na prisión da Coruña canda Ramón Vivero Geada.
Enriqueta Otero Blanco
(Nada na casa do Ribón de Miranda, Castroverde 1910 – 1989). Coa axuda de seu tío Domingo Presas Vázquez (1853-1933), párroco de Mirandela e Furís e, desde 1928, cóengo da catedral de Mondoñedo, realiza estudos no colexio da Milagrosa e, posteriormente, na Escola Normal de Mestras de Lugo. En 1931 é designada Xefa provincial da Sección Administrativa de Primeira Ensinanza. En 1932 ingresa como funcionaria no corpo de Maxisterio.
En 1934, destinada en Madrid, traballa no Colexio Nacional de Xordomudos ao mesmo tempo que amplía estudos de Pedagoxía. En Madrid relaciónase co sindicato FETE-UGT e co Partido Comunista. Traballa durante tres meses no Hospital Militar de Carabanchel onde chegou a pertencer ao Comité de Control Obreiro. Trasladada a Valencia, traballa en escolas infantís organizando a evacuación de nenos a colonias escolares para afastalos dos bombardeos. Na provincia de Alacant colabora na creación dun hospital de campaña para atender os feridos de guerra.
Participou na creación das Milicias da Cultura e, como miliciana, na defensa de Madrid na Brigada Móbil de Choque da 46 División de Valentín González (El Campesino).
De regreso a Madrid, nas últimas semanas da guerra e nos enfrontamentos coa Xunta de Defensa de Casado, foi encarcerada con outros activistas comunistas na prisión de Las Ventas onde organizou unha fuga. Segundo manifesta na declaración do sumario 75/1946, folio 299, foi detida no seu domicilio de Madrid pola policía da Falange ao mando do seu cuñado Evelio Teijón Laso, mais consegue fuxir para Lugo en tren en 1940. Aquí agóchase na casa do párroco de Santiago A Nova, Manuel Gómez Díaz, natural tamén de Miranda, Castroverde.
Vive oculta en diversos lugares e en 1941 instálase na cidade de Lugo nunha vivenda da estrada da Fonsagrada. Na declaración que realiza no sumario 75/1946 indica que en 1942 se dirixiu á Dirección General de Seguridad para saber en que situación se encontraba e que solicitou que se realizase unha investigación político social sobre os seus feitos durante a guerra e que non obtivo resposta.
Baixo o nome de Dolores, inmediatamente participa na reorganización do PCE na provincia.
En 1944, coa colaboración de Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer) e José María Urquiola Iglesias (Chema), Enriqueta, como responsábel de organización e finanzas participa activamente na estrutura do PC na provincia de Lugo estabelecendo a rede de comités comarcais. Na comarca de Becerreá ponse en contacto cos grupos guerrilleiros. Tamén estabelece contactos nas comarcas de Chantada e Viveiro.
Mais, a represión franquista andaba detrás deste grupos e dos militantes do Partido Comunista. O 7 de xaneiro de 1945, Urquiola Iglesias (Chema) é detido en Ourense canda outros moitos antifranquistas das provincias de Lugo e da Coruña. Neste ano, diversas caídas afectaron seriamente a estrutura provincial da resistencia. En febreiro de 1946, 64 persoas son detidas, entre elas Enriqueta Otero, quen, gravemente ferida pola Garda Civil de Lugo, foi capturada e cruelmente torturada para que, como responsábel da organización, delatase os seus compañeiros. Condenados a morte e executados os seus compañeiros no proceso 75/1946 Julio Nieto López e Ramón Vivero Geada, a Enriqueta Otero impúxoselle unha pena 30 anos de prisión por delito de rebelión e outra de catro anos por atentado aos axentes da autoridade. Parece ser que Elvira Herrero Ibáñez, a súa antiga profesora, fundadora e superiora do colexio da Milagrosa, intercedeu para liberala da condena a pena de morte. Encarcerada en Amorebieta, Segovia, Guadalajara e Alcalá de Henares, Enriqueta Otero foi liberada en 1965. Consegue a rehabilitación como mestra en 1974, un ano antes da súa xubilación. Despois dirixiu o proxecto cultural O Carriño en Lugo (que conectaba coas bibliotecas circulantes dos tempos da República) que tiña a súa sede nunha palloza situada no Parque Rosalía de Castro.
En 1977 foi candidata nunha lista do PCE nas primeiras eleccións post-franquistas. Faleceu no Hospital San Xosé de Lugo o 31 de outubro de 1989. Delito: rebelión militar e atentado aos axentes da autoridade. Condena: 30 anos de reclusión polo delito de rebelión e 4 polo de atentado contra a autoridade.
Avelino Otero Gómez
Nado en San Xurxo de Piquín en 1906. Veciño do mesmo lugar. Fillo de Dionisio e Dolores. Casado con Pilar Fernández. Un fillo. Labrego.
O 6 de novembro de 1934 xa ingresara no cárcere de Lugo e fora sometido a consello de guerra na causa 570/1934. O 24 de decembro do mesmo ano sae en liberdade por sobresemento provisional. O 13 de febreiro de 1946, en compañía de Gabino Fernández Díaz, volve entrar no cárcere de Lugo encartado no proceso 75/1946. O 8 de marzo é sometido a interrogatorio. O 16 de marzo é conducido ao cárcere de A Coruña. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
José Pedrouzo Burgo (Lafuente)
Nado en San Pedro de Friol en 1901. Fillo de Severiano e Francisca. Casado con Virtudes Rodríguez. Un fillo. Con domicilio na rúa 18 de Julio de Lugo. Mampostero. Ingresa na cárcere de Lugo o 15 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o 27 do mesmo mes. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Pérez Fernández, Ángel Juan Eleuterio
Nado en Barres, Castropol, en 1907. Fillo de Jacobo e de Benita. Casado con Inés García López. Unha filla en 1945. Labrego.
En 1938 fora condenado polo Tribunal militar de Gijón a reclusión perpetua (30 anos) por delito de rebelión. Ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo o 18 de novembro de 1945 baixo a acusación de tenencia ilícita de armas e propaganda ilegal. O 19 de xaneiro de 1946 é posto en liberdade atenuada. Mais, esta liberdade remata o 13 de febreiro do mesmo ano en que volve ingresar no cárcere de Lugo encartado no proceso 75/1946. O día 18 é entregado a un “agente de Policía para la práctica de diligencias”. Dous días despois volve ser interrogado polo comandante da Garda civil ¿Mariano Esteban? Os días 7 e 9 de marzo volve ser sometido a interrogatorio. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
José Piñeiro López
Nado en Láncara en 1899. Fillo de Manuel e de Pilar. Solteiro. Labrego. Ingresa por segunda vez no cárcere de Lugo o 3 de marzo de 1946. O 26 de marzo é trasladado ao de A Coruña. Sentenza do consello de guerra: absolución.
Horacio Polo Lozano
Nado en Bilbao en 1914. Veciño de Ferrol. Casado. Fontaneiro. Anteriormente fora condenado na causa 15.231/1938 do Xulgado Militar de Bilbao a doce anos e un día de reclusión por delito de auxilio á rebelión. No BOE do 5 de xuño de 1941 encontramos unha persoa con estes dados incluída na listaxe de Liberdades Condicionais da Prisión Provincial de Bilbao. Delito: rebelión militar. Condena: 10 anos de reclusión.
José Manuel Presno Sanmartín
Nado en Vegadeo en 1904. Fillo de José Antonio e de Modesta. Follalateiro. Carecemos de máis datos sobre José Manuel. En cambio, temos constancia de seu irmán Antonio Presno Sanmartín, sometido ao consello de guerra en Luarca acusado de auxilio á rebelión e condenado a quince anos de reclusión. Cumpriu condena no cárcere de Celanova en 1938 e anos posteriores. José Manuel compareceu no consello de guerra 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Rogelio Rey López (Perla)
Nado en 1916 en Ferrol. Veciño desta mesma cidade. Delito de rebelión militar. Condena: 4 anos de reclusión.
Antonio Rodríguez González. (O Portugués)
Nado en Portugal en 1899. Fillo de Joaquim e de María. Casado con Beatriz Climent Dacosta. Veciño de Lugo, Ruanova 93. Cesteiro. Ingresa no cárcere de Lugo o 4 de febreiro de 1946 e o 26 de marzo pasa ao de A Coruña para comparecer no consello de guerra 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
Enrique Rodríguez Gutiérrez (O Vivo)
Nado en Madrid en 1909. Fillo de Enrique e de Paula. Veciño de Becerreá. Viúvo. Un fillo. Practicante. Ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo o 3 de outubro de 1941 por orde do Juez Espacial de Atracos e sae dez días despois coa obriga de comparecer quincenalmente perante a Garda civil. Temos que entender que os fuxidos eran tildados de bandidos e atracadores e o mesmo acontecía coas persoas que lles prestaban axuda. Posteriormente, reingresa no cárcere de Lugo o 13 de febreiro de 1946 encartado no proceso 75/1946 e pasa ao de A Coruña o 1 de marzo seguinte. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Maximino Rodríguez Pérez
Nado en 1905 en As Bustaregas, Castro de Rei de Lemos, Paradela. Labrego. Sometidos a consello de guerra en Lugo o 27 de setembro de 1936 el e o seu veciño Teodoro López Rodríguez, por delito de rebelión por seren ambos defensores na comarca de Sarria da legalidade republicana nos primeiros momentos do levantamento fascista, son condenados a 16 anos de prisión.

O 15 de decembro de 1951 volve entrar en prisión de novo baixo a acusación de rebelión. En marzo de 1952, o xulgado militar de Lugo inhíbese a favor do de Sevilla, mais este de Sevilla tamén se inhibe e o caso volve a Lugo. O 26 de xaneiro de 1953, dirixe instancia ao Presidente do Tribunal de Moeda Estranxeira pedindo que lle devolvan os 200 pesos arxentinos que lle incautaran cando fora detido. O 10 de xullo de 1953 asista ao consello de guerra 147/1952. O Xulgado Eventual nº 1 decreta a liberdade o 23 de xullo de 1953.
José Rojo Otero
Carecemos de datos sobre este procesado.
Jesús Sánchez García (Taylor)
Nado en Viveiro en 1921. Veciño de Lugo, na Estrada da Coruña. Fillo de Antonio e de Josefa. Solteiro. Peón.
Fora condenado na causa 903/1936 polo Xulgado Militar de Lugo á pena de quince anos de reclusión conmutada por catro anos. Ingresa no cárcere de Lugo o 18 de febreiro de 1946 e pasa para ao de A Coruña o 22 do mesmo mes. Delito: rebelión militar. Condena: 15 anos de reclusión.
Antonio Sánchez Villa
Nado en Llanes en 1916. Veciño de Ferrol. Solteiro. Peón. Condenado polo Tribunal Militar de Santander a pena de morte conmutada por reclusión perpetua en 1937. No Arquivo General Militar de Guadalajara, ES.19030.AGMG/6.1.1. Caja 300006, Expediente 439, figura con este nome e apelidos unha persoa á que a Comisión Provincial de Exame de Penas (CPEP) de Santander lle conmuta a pena de morte. Igualmente, no BOE de 4 de xuño de 1943 publícase a Orde de 22 de maio de 1943 pola que se concede el beneficio da liberdade condicional a mil penados, entre os cales se inclúe a Antonio Sánchez Villa, recluído na Prisión Central de Burgos. Posteriormente, comparece no consello de guerra 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
José Antonio Sanjurjo Acebedo
Nado en 1911 na Habana. Reside na rúa Calvo Sotelo 15 de Lugo. Casado. Un fillo. Camareiro. Participara como Comisario Delegado de Guerra no 4º Batallón da 67 Brigada do Exército republicano na defensa de Madrid. Ingresa no cárcere de Lugo o 19 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o 28 do mesmo mes. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
José Santiago Temprano
Nace na cidade de A Coruña en 1916. Carpinteiro. Militante da CNT. Detido en 1937, é xulgado en consello de guerra no mes de con 24 encartados máis, foi condenado a cadea perpetua. Preso no Cárcere da Coruña, saíu en liberdade condicional en agosto de 1941 (BOE de 02/08/1941) excarcerado da prisión provincial da A Coruña. En xaneiro de 1946 incorporouse á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro. En abril deste ano foi encartaddo na causa 75/1946. En novembro de 1946 fuxiu e refuxiouse na súa casa da Coruña. Decidiu intentar cruzar a fronteira francesa co obxectivo de marchar a Arxentina. O 30 de xuño de 1947 emprendeu a viaxe en distintos trens de mercadorías pasando por Venta de Baños, Miranda de Ebro e Castejón, cruzou as vilas de Sos del Rey Católico, Navardún e Ruesca, ata que foi detido na ponte de Artieda o 14 de xullo. Trasladado a Coruña, foi salvaxemente torturado. Xulgado en consello de guerra sumarísimo con Pedro Rodríguez Gómez o 4 de novembro de 1948, acusado do desarme duns somaténs da Baña e do intento de asalto ao cuartel da Garda Civil de Vimianzo no que morreu un dos gardas civís, foi condenado a pena de morte. Foi executado con garrote vil na prisión da Coruña o 9 de decembro de 1948.
José Santos Morán
Nace en Benvibre en 1909. Con domicilio en Ponferrada. (No sumario 75/1946 figura como veciño de Lugo). Solteiro. Cabeleireiro. Ingresa no cárcere de Lugo o 15 de febreiro de 1946. O 27 de febreiro é conducido á prisión de A Coruña onde queda a disposición do coronel instrutor do sumario 75/1946, Sisenando Martínez Junta. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Salvador Somoza Rivas (Benito)
Nado en Portomarín no ano 1900. Fillo de Alberto e de Avelina. Domiciliado no barrio de Magoi en Lugo. Casado con Celia Vázquez. Tres fillos. Obreiro. Ingresa no cárcere de Lugo o 18 de febreiro de 1946. O 22 de febreiro é conducido á prisión de A Coruña para comparecer no consello de guerra 75/1946. Delito de rebelión militar. Condena: 3 anos de reclusión.
José María Urquiola Iglesias. (Chema e Tino)
Nado en Mieres en 1907. Fillo de Eduardo e María. Solteiro. Metalúrxico. Guerrilleiro. Declarado en rebeldía na causa 390/1945 do Xulgado Especial de E. y O. A.
En 1942 participou na reorganización do PCE en Asturias. Púxose en contacto coa guerrilla ourensá. En xuño de 1943, en representación da Unión Nacional (UNE), reuniuse con membros da Federación Guerrillera León-Galicia e foi o primeiro en tentar, sen éxito, controlar a guerrilla leonesa en representación do PCE. En 1944, representou o Comité Central en Lugo, formou os comités provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra e organizou o Comité Rexional de Galicia do PCE. O 7 de xaneiro de 1945 foi detido en Ourense xunto con outras 80 persoas das provincias de Lugo e Ferrol. Trasladado á Dirección Xeral de Seguridade de Madrid para o seu interrogatorio, conseguiu fuxir e regresar a Galicia. Asistiu a un congreso da Federación Guerrilleira León-Galicia. De volta a Madrid, foi detido de novo ese mesmo ano. Ingresa no cárcere de Lugo o 18 de marzo de 1946. O 26 de marzo é conducido á prisión de A Coruña. Delito: rebelión militar. Condena: 30 anos de reclusión polo delito de rebelión.
Francisco José Varela Fernández
Nado en 1902 en Ares.Fillo de Cástor e de Concepción. Casado con Teresa de la Peña. Delineante (capataz de obras no sumario). Con residencia na rúa General Sanjurjo 54 de Lugo. Declarado rebelde na causa 285/1942 do xulgado Eventual Militar nº 2 de Ferrol “por difusión de propaganda subersiva [sic]”. Ingresa no cárcere de Lugo o 15 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o 28 do mesmo mes. Sentenza do consello de guerra: absolución.
Ángel Vázquez Paredes (Xelo)
Nado en Curtis en 1905. Veciño de Parga. Casado. Un fillo. Xornaleiro. Ingresa no cárcere de Lugo o 13 de febreiro de 1946 e pasa ao de A Coruña o 10 de abril en compañía de Enriqueta Otero. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Maximiliano Veiga Hortas
Nado en Lugo en 1890. Vivía en Vegadeo. Casado. Un fillo. Practicante de profesión. Ingresa no cárcere de Lugo o 12 de febreiro de 1946 e pasa ao da Coruña catro días despois. Delito de rebelión militar. Condena: 2 anos de reclusión.
Antonio Ventosa Fernández (Antoni).
Nado en Muras en 1906 e domiciliado en Miñotos, Ourol. Xornaleiro. Casado. Dous fillos. Ingresa no cárcere de Lugo o 19 de febreiro de 1946 e pasa ao da Coruña tres días despois. Delito de rebelión militar. Condena: 1 ano de reclusión.
José Ramón Villares Rey
Nado en Laxosa, O Corgo, en 1901 e veciño de Lugo. Casado. Dous fillos. Conserxe. “Por actividades políticas”, incóaselle a causa 414/1945 e ingresa no cárcere de Lugo o 8 de xaneiro de 1946 a disposición do comandante xuíz instrutor Luciano Losada Fernández. É conducido ao da Coruña o 26 de marzo seguinte pola causa 75/1946. Sentenza do consello de guerra: absolución.
Marcelino Villares Santiago (Donato)
Nado en Montevideo en 1914 e veciño do Cereixal, Becerreá. Fillo de Pedro e de Carmen. Solteiro. Chofer. Ingresa por primeira vez no cárcere de Lugo o 21 de xuño de 1939 por “supuesto homicidio” e ábreselle a causa 770/1939. O 23 de decembro deste ano, “con motivo de la festividad de Pascuas”, sae en liberdade condicional coa obriga de volver presentarse na prisión o 9 de xaneiro seguinte, como así sucede. Por inhibirse o Xulgado Militar Eventual de Lugo, o 9 de xullo de 1940, canda outros cinco presos máis, é conducido a Madrid a disposición do Auditor de Guerra da 1ª Rexión Militar.
O 5 de marzo de 1942 volve ingresar na prisión de Lugo até o 26 deste mes en que é trasladado de novo a Madrid. O 13 de febreiro de 1946 ingresa por terceira vez no cárcere de Lugo e o 26 de marzo é conducido ao cárcere de A Coruña para responder da causa 75/1946 por “actividades extremistas”. Delito: rebelión militar. Condena: 25 anos de reclusión.
Ramón Vivero Geada (Novolitos)
Nado en Xerdiz, Ourol, en 1909. Fillo de Manuel e de Francisca. Casado. Tres fillos. Residía na Ronda dos Caídos nº 7 de Lugo. Membro do PC, fora garda de asalto en Barcelona. No barrio das Casas Baratas tiña unha taberna en Lugo na que se celebraban reunións. Ingresa no cárcere de Lugo o 3 de febreiro de 1946 e é conducido ao da Coruña o 22 do mesmo mes. O 8 de marzo seguinte, canda Ramón Vivero Geada e Julio Nieto López, regresa ao cárcere de Lugo por acordo de acumulación da causa anterior, a 88/1946, coa 75/1946, e torturados son sometidos a interrogatorios por parte de policías da Brigada de Investigación Político-Social. O 26 de marzo é conducido de novo ao cárcere de A Coruña. Delito: rebelión militar. Sentenza do consello de guerra: pena de morte. O 21 de setembro de 1946 foi executado con garrote vil na prisión da Coruña canda Julio Nieto López.
Delito
Os militares sublevados, interpretando a Xustiza ao revés, consideraron rebeldes todas aquelas persoas que se mantiveron fieis á legalidade constitucional da República. En palabras de quen fora Fiscal Xeral da República e maxistrado do Tribunal Supremo, o monfortino Francisco Javier Elola Díaz-Varela, que pronunciou no proceso a que foi sometido a principios de 1939 que o condenaría a pena de morte, “surge la rebelión por el alzamiento colectivo en armas contra un poder legalmente constituido. En el 18 de julio de 1936 existía un estado con todas las condiciones jurídicas y reales a las que debía su ser en el mundo internacional. Era el de la República española. Se regía por una ley fundamental: la constitución de diciembre de 1931. Su estructura era racionalizada. Hallábase dotada de leyes, reguladoras de su vida interior. Poseía organismos públicos en pleno funcionamiento… no se concibe pues una rebelión del estado organizado contra una minoría que por las razones sociales y políticas que la asistiesen para combatir el poder legal y formal se había levantado en armas contra aquel. Real y jurídicamente la rebeldía estaba en el campo de los que se levantaron contra el estado republicano… el estado naciente podrá calificarnos de afectos o desafectos, de leales o de sospechosos, de confianza o desconfianza, pero jamás como rebeldes para fundar sobre esa calificación jurídica una sanción penal.”


Sobre o principio da xustiza ao revés, a maquinaria da Ditadura puxo a funcionar os consellos de guerra como este 75/1946 no que os encartados son condenados como autores do delito de rebelión militar ao que hai que sumar, no caso de Enriqueta Otero, o delito de atentado a axentes da autoridade polo que tamén foi condenada a catro anos de prisión.
No folio 2.526 do sumario, figura o informe do Auditor de Guerra que resume a cualificación dos feitos polos que o tribunal aplica dúas penas de morte (Julio Nieto López e Ramón Vivero Geada) e 276 anos de prisión (dúas condenas a 30 anos de reclusión, dúas de 25 anos, unha de 20 anos, tres de 15 anos, unha de 10 anos, sete de 6 anos, unha de 4 anos, unha de 3 anos, catorce de 2 anos, doce de 1 ano e catro de 6 meses e un día).
Feitos
Son feitos probados, resume o Auditor de guerra, “la existencia en la plaza y provincia de Lugo de una organización comunista creada con el propósito de derrocar el Régimen político. Para conseguirlo ganaba prosélitos, extendía su organización por los pueblos y sostenía contacto estrecho con las partidas de malhechores que nutridas por elementos huidos existían en la provincia, y a los que con el nombre de guerrilleros, encuadró en su organización. El consejo califica los hechos como un delito constitutivo de rebelión militar previsto y penado en el número 3 del artículo 286, en relación con el 288 y 289 del Código de Justicia Militar, de los que considera autores a los procesados… (respectamos a transcrición do texto coas faltas de puntuación existentes)”.
O delito polo que son detidos, axuizados e condenados a morte en dous casos e a longas penas de prisión noutros, consiste en crear unha organización comunista na provincia de Lugo co propósito de derrocar a Ditadura, en estender esta organización para gañar prosélitos e en manter contactos con partidas de malhechores integradas por persoas fuxidas na provincia, autodenominados guerrilleiros e en que a un dos encartados (Marcelino Villares) se lle encontrou un plano coa situación das guerrillas e dos destacamentos das forzas armadas. Nos dezasete resultandos que na sentenza se enumeran as acusacións contra cadanseu imputado recoñécese que teñen como obxectivo a constitución do Partido Comunista, das Xuventudes Socialistas Unificadas (“una organización subversiva dependiente del partido comunista” e da Unión Nacional Española na provincia e que, para isto, distribúen propaganda subversiva, dispoñen de multicopista para imprimila e un deles ten unha imprenta en Ribadeo na que se confecciona propaganda e mesmo se realizan dúas edicións dun regulamento sobre o funcionamento das guerrillas; que se crea un sistema de estafetas (tabernas, unha sala de peiteado, a zarrallaría de Juan Ramón Iglesias Ansía…) e enlaces para manter coordenados os comités da provincia entre si e as organizacións do Llano coas guerrillas do Alto; que Gaspar Castro, no momento da súa detención, é portador dunha pistola; que se crean comités comarcais e radios en distintos lugares da provincia e que se designan persoas para dirixilos, que proxectan un golpe de man para apoderarse dunha emisora no aeródromo militar de Rozas, que teñen plans para incautar pistolas e realizar secuestros; que Enriqueta Otero mantén relacións con partidas de guerrilleiros aos que lles pide que envíen parte dos produtos dos roubos a man armada para o Partido Comunista e que, no momento de ser detida, realizou disparos de pistola e fixo uso dunha bomba de man contra os axentes que repeleron a agresión feríndoa nunha perna; que na taberna Vivero, situada na Ronda dos Caídos de Lugo, propiedade de Ramón Vivero Geada, ex-garda de asalto “y uno de los elementos más activos y peligrosos de la organización, llegando a formar parte del secretariado de la federación de guerrillas de Galicia y León, a parte [sic] de su cargo en el comité comarcal de Lugo”. A Ramón Vivero tamén se lle imputa en dúas ocasións a adquisición paquetes de dinamita “destinados a los atentados y sabotajes realizados por los guerrilleros”, a programación do roubo dunha importante cantidade de armamento, de outorgar autorización para o asalto da sede de Falange en Viveiro… “lo cual no llegó a realizarse”; que os afiliados realizaban cotizacións aos que, como xustificantes, se lles expedían selos ou cupóns co anagrama do PC; que celebraban reunións na casa dun militante e nunha taberna chamada Salto do Can da cidade de Lugo onde se exaltaba o comunismo; que outro dos imputados sería proposto como candidato da súa localidade o día en que “el comunismo consiga su triunfo”; que un garda civil do destacamento de Palas de Rei “mantiene contacto con elementos subversivos, quienes llegan a extender a su favor un nombramiento de capitán de la tercera agrupación de guerrillas”…
Prisión Central de Burgos
Ramón Vivero Geada e Julio Nieto López foron executados a garrote vil no cárcere da Coruña o 21 de setembro de 1946. Tiñan 39 e 37 anos respectivamente. Os seus cadáveres foron enterrados cos números de rexistro 954 e 955 nas sepulturas 73 e 74 da zona civil do cemiterio de San Amaro de A Coruña. Dous anos despois, en setembro de 1948, serán enterrados no mesmo lugar os tamén executados Xosé Gómez Gayoso (Secretario Xeral do PCE na Galiza) e Antonio Seoane Sánchez (guerrilleiro antifranquista).
Enriqueta Otero Blanco pasou en prisión 19 anos nos cárceres de Amorebieta, Segovia, Guadalajara e Alcalá de Henares. Foi liberada en 1965.
Varios dos demais encartados no proceso 76/1946 foron enviados á Prisión Central de Burgos, entre eles os nosos veciños Alfonso de Caldeiro e Pedro de Mariano.
A partir de 1942, e especialmente desde 1946, Franco ordena que os dirixentes políticos e sindicais máis importantes e perigosos para o réxime, pertencentes ao PCE, CNT, PSOE, FAI, UGT, ou a calquera outro partido republicano ou organización sindical, dispersos polos distintos cárceres españois, se concentren nesta prisión de Burgos baixo a xurisdición do Capitán Xeral, o xeneral Yagüe.
O Partido Comunista Español (PCE) foi numericamente o máis castigado, xa que os seus presos representaban case o 80% do total, e que, loxicamente, tamén tiveron unha maior influencia nas actividades que se realizaron durante a súa permanencia en prisión. O propósito de Franco ao ditar tales ordes era manter xuntos e seguros os elementos disidentes máis perigosos, evitando así que a súa actividade subversiva xerase conflito no resto dos centros penitenciarios, evitando tamén que se producise calquera tipo de propaganda no interior e no exterior contra o Novo Estado. Por esta razón, a maioría dos integrantes do proceso 75/1946 que desarticulou o PC provincial de Lugo cumpriu condena na Prisión Central de Burgos. Mais, os cálculos da Ditadura fracasaron rotundamente porque, ao concentrárense os presos políticos no mesmo cárcere, a súa forza aumentou e facilitou a acción organizada en contacto clandestino coa dirección do Partido.
O esmagamento do inimigo por parte do franquismo estendeuse por todos os recunchos da sociedade, mais nos cárceres, e nomeadamente neste de Burgos, a sede de vinganza incrementouse con todo rigor sobre miles de republicanos, militantes de organizacións políticas e sindicais, intelectuais, artistas, homosexuais e sospeitosos de non comungar co réxime.
Este cárcere fora inaugurado nos primeiros anos da República para acoller 850 presos distribuídos en 95 celas. Nalgúns momentos das décadas dos corenta e cincuenta, a poboación reclusa superou os 4.500 e boa parte dela procedía de persoas condenadas en consello de guerra por delito de rebelión por defenderen a legalidade democrática contra a sublevación militar.
Aquí, os réximes de vida comunal eran extremadamente inhumanos. As formacións, o almorzo, o xantar e a cea facíanse no patio até que chegase a hora de subir aos dormitorios. A información e os debates realizáronse mentres se camiñaba nos patios.
Nos dormitorios era imposíbel facer nada porque no momento da retreta todos tiñan que deitarse. A disciplina e o adoutrinamento político e relixioso imperaban nos cárceres franquistas: asistencia obrigada a misa, desfiles e formación no patio, saúdo de brazo en alto e cantos de himnos falanxistas.
Mais, fronte estas imposicións, os presos organizáronse. Os que eran militantes non abandonaron os seus ideais e implicáronse nas estruturas políticas existentes no cárcere. Organizaron comunas para satisfaceren as necesidades máis urxentes: agrupados por ideoloxías políticas ou sindicais, compartían o abastecemento que chegaba dos familiares. Crearon varios comités: un para debates ideolóxicos; outro xurídico, integrado por compañeiros avogados que exercen de asesores; e un comité de vixilancia para inspeccionar os movementos dos gardas e salvagardar documentos que puidesen pór en perigo as actividades clandestinas.
Tal era a organización existente entre os presos que, malia as estritas medidas de escrutinio realizado polos funcionarios, dentro dos muros do cárcere existía unha multicopista que permitiu ao PC elaborar, imprimir e distribuír o Suplemento local do Penal de Burgos do Mundo Obrero, órgano clandestino do Comité Central do Partido, durante os meses de xuño a setembro de 1947.
Na Prisión Central de Burgos concentrábase a vangarda da loita dos presos franquistas. O nivel académico e artístico dos reclusos era moi elevado pola presenza de profesores titulados de diferentes niveis: médicos, avogados, escritores, profesores, técnicos, músicos e pintores. O cadro de docentes que impartiron clases enumérao o tamén preso político Sixto Agudo González en «La educación política cultural y profesional de los presos políticos del Penal de Burgos en el período 1946-1961». Jornadas en Burgos. Manuel de Cos Borbolla, 2003: “Custodio Peñarroya, profesor de Física; Julio San Isidro, economista; Alberto Sánchez Mascullán, Luis Alberto Quesada, Antonio Pérez y Marcelo Usobiaga, profesores mercantiles; Andrés Rodríguez, perito industrial; Igualador, profesor de matemáticas; Salvador Ruiz Soler, proyectista; Montreal, delineante; Ángel Poyatos, profesor de lenguaje y Agapito del Olmo, Horacio Fernández Inguanzo, Guillermo Gaya, Valentín Bea y Maeso, excelentes profesores de primera enseñanza. Todos ellos, con la Comisión de Educación, presentaron al maestro oficial del penal el siguiente plan. Dar clases de cultura general: dos clases de francés e inglés; dos clases de física; dos clases de matemáticas; dos clases de geometría y dibujo; dos clases de literatura y lenguaje; dos clases de geografía física y económica; una clase de peritos industriales y de organización del trabajo; dos clases de historia universal y de España, una clase de radio. Este plan se llevó a cabo sin problemas. Los años de mayor número de presos, el número de matriculados superó los dos mil. Nunca hemos valorado suficientemente esta labor: que muchos de sus receptores que entraron casi analfabetos salieron con una cultura más que media, y muchos de ellos con conocimientos técnicos.”
E prosegue Sixto Agudo: “dentro de la actividad político-cultural existía una tertulia literaria formada por Luis Alberto Quesada, Fernando Macarro (Marcos Ana), José Luis Gallego, Manuel de la Escalera, Ángel Poyatos, Juan Gómez Casas, dirigente de la CNT. Realizaban debates literarios y representaciones escenificadas sobre escritores célebres, y elaboraban revistas locales que hacían más llevadera la vida del Penal.
Fue precisamente esta concentración de dirigentes comunistas, impuesta por Franco, la que dio vida a esta Universidad, lo que no pudieron hacer en otras prisiones, que sí llevaron a cabo una gran lucha política contra la brutal represión que recibían, y también una labor cultural de acuerdo con los medios que tenían”. Tampouco queremos esquecer os pintores Ambrosio Ortega Alonso —acuarelista autodidacta coñecido como Brosio— e Ciriaco Párraga Macorra que pasaron por este penal e que retrataron algúns dos reclusos.


Brosio foi un destacado pintor acuarelista. Desenvolveu unha intensa actividade política vinculada ao Partido Comunista e colaborou estreitamente coa guerrilla liderada polo seu irmán Mariano. Como pintor dedicou gran parte da súa obra a motivos mineiros. Tamén foi a persoa que pasou máis anos nas prisións franquistas por motivos políticos, permanecendo nos cárceres de Burgos e El Dueso desde mediados da década dos corenta até 1970.
Ao intenso frío invernal, ás humidades que filtraban os primeiros andares, á falta de hixiene, á escasa alimentación e ao amoreamento a que eran sometidos os presos, sumábanse a rigorosa disciplina, as arbitrariedades e os abusos que marcaron a vida cotiá. Ao problema da masificación engadiuse o dos alimentos. Só os presos que pertencían aos batallóns de traballo, sometidos a duras xornadas laborais, recibían unha ración algo máis abundante, pero escasamente nutritiva. Nestas condicións, apareceron enfermidades contaxiosas e infecciosas, entre as máis frecuentes a tuberculose, a deficiencia vitamínica, a bronconeumonía, o tifo e o cólera.
Cecilio Arregui (¡Por rojo! Memorias. Bilbao. 1983); Rodríguez Chaos (24 años en la cárcel. 1.ª edición. París. Éditions de la Librairie du Globe); José María Laso (De Bilbao a Oviedo pasando por el penal de Burgos. Pentalfa, Oviedo 2002); Marcos Ana (Decidme cómo es un árbol. Memoria de la prisión y la vida) ou Miguel Núñez (La Revolución y el Deseo: Memorias. Madrid. 2002. Península) son algúns dos libros nos que os seus autores, presos políticos neste cárcere, ofrecen testemuño sobre as condicións de vida nesta e noutras prisións.
Alfonso recupera a liberdade
Por fin, Alfonso recupera a liberdade o martes 11 de febreiro de 1947 cando abandona a Prisión Central de Burgos. Deixa constancia deste tan importante acontecemento na súa vida e o primeiro que fai ao pisar a rúa é mercar o diario La Voz de Castilla dese día e anotar e asinar na marxe superior dereita “Periódico comprado a los cinco minutos de salir de la Prisión de Burgos“. Data tan significativa vai ficar gravada neste exemplar do xornal para sempre e, na memoria de Alfonso, endexamais se borrará.
Ese mesmo día 11 de febreiro de 1947 este xornal informa da sinatura do Tratado de Paz de París, un tratado internacional que foi concibido entre xullo de 1946 e febreiro de 1947, cando delegados de 21 nacións se reuniron en París para decidir as condicións de paz para cinco dos aliados de Alemaña na Segunda Guerra Mundial (Bulgaria, Hungría, Finlandia, Italia e Romanía). O tratado resultante foi asinado en París o 10 de febreiro de 1947 por representantes da Unión Soviética, os Estados Unidos, o Reino Unido, Francia, Polonia, Iugoslavia, Checoslovaquia, Albania e Grecia, por unha banda (como parte dos Aliados, os vencedores da Segunda Guerra Mundial), e Bulgaria, Hungría, Finlandia, Italia e Romanía, pola outra. Este acordo , entre outras cousas, supuxo reparacións económicas a varios países aliados do nazismo, restricións militares e a prohibición do rexurdimento fascista. Evidentemente, a prensa española tiña vetado a información veraz deste Tratado e así o podemos constatar en como transmite noticia tan importante na historia contemporánea o mesmo xornal que le Alfonso de Caldeiro o día que sae de prisión:
Alfonso 1947-1987
O periplo vital de Alfonso de Caldeiro articúlase en tres períodos. No primeiro, até 1936, participa activamente nos movementos culturais e políticos acaecidos durante a ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República.
De 1936 a 1947, é vítima da máis cruel represión polo seu compromiso coa defensa e a recuperación da democracia.
Desde 1947, en que abandona a Prisión Central de Burgos, durante corenta anos, vive o exilio interior na casa de Caldeiro da Pena, na nosa parroquia de Penarrubia.
¿Con que se encontra Alfonso desde o 11 de febreiro de 1947 até setembro de 1987, cando falece? Desde aquel día do inverno burgalés bate cun clima social enrarecido no que se proscribe o pensamento, dominado pola mediocridade. Os que deambulan polas rúas como Alfonso, nutridos de silencio, pasan ausentes os días, absortos en si mesmos, alleos á verborrea que cospen os vencedores. Alfonso contempla
“un mundo como un árbol desgajado.
Una generación desarraigada.
Unos hombres sin más destino que
apuntalar las ruinas”.
Neste panorama desolador habita Alfonso durante os corenta anos que lle restan de vida, nun país transformado nunha prisión, sen alma e sen rumbo. Alfonso, como tantos outros que, despois de escapar do fusilamento, de sufrir tortura, prisión e purgas, viuse cominado a abandonar a súa profesión, a vivir co bozo do medo, estigmatizado e retraído agochando o seu pasado.
Mais, Alfonso negouse nestes corenta anos a contaxiarse das proclamas que inundaban a sociedade envilecida, a acudir ao reclamo das badaladas parroquiais, a bendicir a falacia da Transición que mantivo nos seus postos os mesmos represores e se esqueceu dos damnificados. Encerrado nos muros da casa de Caldeiro da Pena, pasou a monotonía dos días coa lectura na súa biblioteca, mantendo clandestinas conversas con Pedro de Mariano, aconsellando os veciños a amañar as súas desavinzas e visitando nas atardecidas a Taberna de Val. Aquí, sentado no extremo do mesmo banco en que sentaban os xogadores de tute, de cando en cando, salpicaba a conversa cunha intervención irónica que os presentes non sempre entendían.

E de regreso, coa boina calada e o abrigo escuro co colo volto polo frío, dominado polo desacougo da tortura e do cárcere, marcada a vida co selo candente da dor inextinguíbel, baixaba pensativo pola beira da estrada de regreso á casa de Caldeiro.
Na expresión, a profunda desilusión e o peso de anos de sufrimento e perda. Malia todo, na mirada subsiste a faísca da dignidade que non esvaeu. Alfonso, testemuño vivo dunha historia de loita, de feridas abertas pola inxustiza, dunha forza interior que a adversidade non foi quen de extirpar, a túa imaxe representa a coraxe das persoas que se enfrontaron á escuridade e sobreviviron para proclamar a verdade.
Fontes de información
- A información que aquí se ofrece e algunhas das imaxes que se publican relacionadas co consello de guerra 75/46 proceden do Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol. Causa 75 de 1946. Caixa 105.
- Os datos persoais dos 64 encartados procedentes das fichas do cárcere de Lugo e doutras prisións en que cumpriron condena foron consultados en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.
- Os datos procedentes dos diarios oficiais das provincias galegas e das hemerotecas tamén foron consultados en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.
- Os datos académicos e o certificado de nacemento de Alfonso de Caldeiro foron consultados no Archivo Histórico Nacional. Madrid.
- As fotografías de Alfonso foron cedidas polo seu sobriño Manolo de Caldeiro, a quen lle estamos moi agradecidos.






























































1 comentario en “Con Alfonso de Caldeiro”
Gran traballo como sempre.
Non é doado atopar na rede artigos tan ben traballados e documentados.
Simplemente grazas