Atrasos do IBI

Estes días están chegando ás persoas propietarias e usufrutuarias de bens inmóbeis de natureza urbana da parroquia notificacións con acuse de recibo procedentes da Deputación de Lugo nas que se lles reclaman os atrasos do IBI dos catro anos 2020, 2021, 2022 e 2023. Algúns dos afectados, sorprendidos por esta notificación, pediron a miña opinión xurídica sobre a procedencia ou non da esixencia destes atrasos e sobre a prescrición ou non dos dous primeiros exercicios cando xa pasaron máis de catro anos do dereito da Administración a esixir as débedas tributarias.

Antecedentes

Recordamos que o inicio do procedemento simplificado de revisión catastral no concello de Baralla tivo lugar por edicto da Xerencia Territorial do Catastro de 16/06/2023. Posteriormente, desenvolveuse este procedemento con remate na notificación dos novos valores catastrais aplicados ás parcelas que estaban clasificadas no planeamento urbanístico desde 1986 e que entraron en vigor o 22/10/1991, cando foron publicadas no BOP de Lugo.  Estes novos valores foron notificados a cada unha das persoas afectadas na segunda quincena do mes de novembro de 2023 e comezaron a seren aplicados para o cálculo do IBI a partir do ano 2024.

Por que este procedemento de revisión catastral?

O planeamento urbanístico de Baralla vixente foi aprobado polo pleno do concello en 1986, que se mantivo vacatio legis (sen eficacia) até 1991 cando se publica no BOP. O 1 de novembro de 2015 entra en vigor a Ley 13/2015, de 24 de xuño, de Reforma da Lei Hipotecaria… e do texto refundido da Lei de Catastro Inmobiliario, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2004, de 5 de marzo (BOE de 25/06/2015), lei que introduce a letra e) do apartado 2 do artigo 30 deste Real Decreto Lexislativo: «e) Cando, como consecuencia da modificación ou aprobación das normas urbanísticas, os solos adquiran a condición de natureza urbana de acordo co disposto na letra a) do apartado 2 do artigo 7, poderán valorarse tomando como valor do solo o mínimo dos previstos no cadro de valoración vixente para o uso de que se trate, sen prexuízo da consideración, se é o caso, da urbanización pendente. Esta valoración deberá, en todo caso, respectar os criterios do concello para a coordinación dos valores do concello».

É dicir, desde o 1 de xaneiro de 2016 o Catastro debería iniciar o procedemento simplificado de valoración colectiva, procedemento que tardou oito anos en se executar. É certo que, por este motivo, durante este tempo non se incrementou o IBI nas parcelas que adquiriron a consideración de urbanas. En 2023, execútase este procedemento e ás parcelas urbanas increméntaselles o valor catastral, que xa repercute no IBI desde o 1 de xaneiro de 2024 en adiante.

É legal ou non a reclamación dos atrasos?

Agora, en agosto de 2026, chegan as notificacións nas que nos reclaman os atrasos dos catro últimos anos. Xa sabemos que este é o límite que marcan as prescricións tributarias: as administracións poden esixirnos os tributos impagados dos catro últimos anos e os contribuíntes tamén temos dereito ás devolucións dos ingresos indebidos durante o mesmo tempo. Que se entende polos catro últimos anos? Aparentemente, existe unha contradición notoria se retrotraemos este período de tempo desde agosto do presente ano 2026, en que recibimos as notificacións, até o ano 2020 que nos esixen pagar. (2026 – 4 = 2025, 2024, 2023 e 2022). Isto é, os anos 2020 e 2021 terían prescrito e non serían esixíbeis. Mais, xuridicamente non é así. Para entender isto temos que aclarar o seguinte: no mes de setembro de 2023, a Xerencia Territorial do Catastro de Lugo notificou a todas as persoas afectadas neste procedemento de valoración colectiva os novos valores catastrais con efectos desde o 1 de xaneiro de 2016 como dixemos anteriormente. Non poden esixirnos os atrasos desde 2016, pero si desde 2020. Explicamos o porqué disto. En virtude do que recolle a Lei Xeral Tributaria, o prazo xeral das prescricións tributarias é de catro anos. Mais, no artigo 68, recóllense os casos en que este prazo se pon a cero e volve contar de novo. Así, no seu apartado 1.a) dise que o prazo de prescrición interrómpese por calquera actuación da Administración tributaria, realizada con coñecemento formal do contribuínte, que leve ao recoñecemento, regularización, comprobación, inspección, aseguramento e liquidación de todos ou parte dos elementos da obriga tributaria que poidan corresponder. Isto é, o prazo para computar a prescrición empeza a contar desde o día en que cada un dos afectados recibiu a notificación dos novos valores catastrais derivados deste procedemento. En consecuencia: a esixencia dos atrasos conta desde setembro de 2023 (incluído este ano) para atrás e non desde agosto de 2026.

E foi legal este procedemento de revisión catastral?

Non. Rotundamente non, e así o ten declarado o Tribunal Superior de Xustiza en todas as ocasións en que os afectados noutros concellos presentaron recursos. Aquí podedes descargar e ler algunha destas sentenzas: TSXGAL 19/10/2023, nº de Recurso: 15602/2022;  TSXGAL 15/07/2025, nº recurso 15278/2024; TSXGAL 15/07/2025, Nº recurso 15706/2024.

Para xustificar o motivo de ilegalidade deste procedemento copiamos, como resumo, o argumento que se ofrece, por exemplo, na primeira sentenzas citadas: «O determinante é se estas propiedades —sitas nos núcleos rurais tradicionais— poden ser desenvolvidas urbanisticamente de xeito directo —cunha licenza— ou se precisan da aprobación dun instrumento previo, xa que, neste segundo caso, estariamos ante os supostos contemplados polas STS 1607/22, a de 02.04.2019…. que exclúen da consideración de solo urbano o urbanizable pendente dun desenvolvemento particularizado». E segue dicindo esta sentenza: «Consonte coa lei 2/2016 —DT— este solo queda suxeito á determinación do plan vixente, e dado que estarmos ante un SOLO NON URBANIZABLE, o réxime aplicable, ós efectos catastrais, é idéntico —por falta de elementos urbanísticos básicos— ó que determinan as SSTS citadas e, en consecuencia, debémolos considerar coma RÚSTICOS, sen que sexa posible a edificación directa neses terreos, o que nos leva a acoller o recurso».

É dicir: as parcelas declaradas urbanas neste procedemento necesitan dun plan especial de desenvolvemento, que non existe, por carecer de acceso rodado, abastecemento de auga, saneamento, subministro de enerxía, alumeado público, etc. Isto é, os mesmos requisitos que se fixan nas propias Normas Subsidiarias (NNSS) do concello de Baralla. Poden os afectados alegar agora a ilegalidade desta revisión catastral que supuxo o incremento de valoración catastral? Non. De ningún modo, porque a aplicación do mesmo non foi recorrida no prazo sinalado para isto e o procedemento adquiriu firmeza.

De quen é a culpa?

Desde o concello de Baralla, o equipo de goberno di que a culpa é do Catastro por iniciar o procedemento. E desde o Catastro din que a culpa tena o concello porque posúe a competencia para aprobar e modificar as normas urbanística en vigor desde hai máis de trinta anos.

Evidentemente, quen deseña, aproba e executa as normas urbanísticas é cada concello. O Catastro limítase a plasmar esas normas e, en función duns parámetros obxectivos, asigna os valores catastrais nun documento administrativo e técnico oficial que establece os criterios, módulos de valoración, normas urbanísticas e técnicas para o cálculo do valor catastral de todos os inmóbeis dun concello. Este documento recibe o nome de “ponencia de valores“. Quen ten, pois, a culpa da existencia das actuais normas urbanísticas en Baralla? Está claro: o Concello.

A que agarda o concello de Baralla para aprobar un Plan Xeral de Ordenación Municipal que responda ás necesidades urbanísticas reais para desterrar as actuais Normas Subsidiarias por seren absolutamente arbitrarias e carentes de fundamento?

Por que non existe PXOUM en vigor? Para que se gastaron 142.454,40 euros en 2008 para a elaboración dun PXOUM, que foi aprobado inicialmente polo Pleno municipal en setembro de 2013, e que carece de aprobación definitiva.

Por que tampouco non existe Plan Básico Municipal ao que se refire o artigo 63 da actual Lei do solo para os concellos de menos de 5.000 habitantes no que se delimiten e estabelezan as categorías dos núcleos rurais existentes? En definitiva, por que o concello de Baralla non delimitou con rigor os núcleos rurais do seu termo municipal cando resulta tan obsoleta e inxusta a lei de 1985 (derrogada desde 1997), que creou e definiu este tipo de solo, e as Normas Subsidiarias de 1986, que se aprobaron ao amparo desta lei de 1985?

Relacionados...

O achado dos Rebolos

24 de maio de 2026 Se non è vero, è ben trovato Data do achado e localización O achado deste útil tivo

Con Alfonso de Caldeiro

19 de xullo 2025 O universal é o local sem as paredes. (M. Torga) Nestas liñas que seguen, en compañía de Alfonso

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario