6 de maio de 2026
Moitos lucenses descoñecen que a nosa provincia salientou na historia pola súa riqueza mineira. A procura do ouro, xa na época romana, propiciou a descuberta de importantes xacementos de ferro. Posteriormente, a minaría experimentou un importante desenvolvemento entre os séculos XVIII e XX, impulsada inicialmente polo alto forno de Sargadelos (Cervo) e, despois, orientada á exportación. Este auxe industrial herdou a tradición milenaria das ferrarías e forxas rurais existentes nas comarcas do Courel e da Fonsagrada, onde a limonita local se procesaba desde a Idade Media e, posibelmente, desde a época romana.
Neste ambiente de optimismo mineiro de finais do século XIX e principios do XX, participan grandes empresas internacionais, mais tamén pequenos inversores como o noso veciño de Penarrubia, o médico Antonio Correa Fernández. O interese da clase media e da pequena burguesía (farmacéuticos, médicos, avogados, comerciantes e pequenos terratenentes) na denuncia de minas pode explicarse por unha combinación de factores legais, económicos e sociais característicos dos tempos da Restauración:
- A liberalización propiciada pola Lei de Bases de minas, de 1868, que declara a liberdade de explotación e simplifica drasticamente os procedementos. Calquera cidadán podía “denunciar” —solicitar a propiedade— dun xacemento con moi poucos requisitos. As concesións outorgábanse a perpetuidade a cambio do pagamento dun canon.
- Especulación e revenda. A maioría destes pequenos burgueses non pretendían explotar os xacementos eles mesmos. A súa estratexia era actuar como intermediarios: reclamaban a mina para obteren a concesión legal e despois proxectaban vender eses dereitos a grandes empresas a cambio dun beneficio rápido.
- Auxe das exportacións. A alta demanda de ferro de países como Alemaña, Países Baixos e Inglaterra converteron as concesións en activos moi valiosos. Para un profesional autónomo, era unha forma de investimento con presumíbel baixo risco e alto rendemento potencial.
- Coñecemento do territorio. Médicos, farmacéuticos, rentistas e comerciantes rurais mantiñan contacto directo coa terra e cos residentes locais, situación que lles permitía identificar afloramentos minerais (como a limonita) antes que outros.
- Prestixio e poder local. No sistema caciquil da época, posuír dereitos mineiros reforzaba a posición social e económica da pequena burguesía dentro da súa comunidade, permitíndolle participar na distribución da riqueza xerada pola industrialización.
Na exposición que ofrecemos deseguido, partiremos da figura de Antonio Correa Fernández centrando a atención na súa obra Minas de la provincia de Lugo y ferrocarriles más económicos para su explotación, publicado en Lugo en 1901, para, desde aquí, realizar unha descrición do panorama mineiro na provincia.
Biografía
Antonio Correa Fernández
Naceu o 3 de abril de 1862 na casa de Correa da Pena, freguesía de Penarrubia, concello daquela denominado Neira de Xusá, hoxe Baralla. Seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Furís (Castroverde) e de Penarrubia, será o seu preceptor e quen lle abra as portas da formación sufragándolle os estudos medios e universitarios.
Estudou bacharelato en Lugo e realizou estudos de Medicina en Compostela licenciándose en 1888. Ao ano seguinte, na universidade Central de Madrid, acadou o doutoramento con cualificación de sobresaliente pola tese Hospitalización de los tísicos o tuberculosos pulmonares.
Iniciou o exercicio profesional como médico rural na freguesía de Furís, Castroverde, onde era párroco seu tío. Aquí asina, en novembro de 1891, o prólogo do Ensayo de topografía médica de la provincia de Lugo, publicado ese mesmo ano pola imprenta El Regional. En 1894 exerceu como médico na Pena, o seu lugar de nacemento. En agosto de 1899 temos constancia, por anuncios de prensa, de que xa pasaba consulta en Lugo de 10 a 12 e de 15 a 17 horas, atendendo de balde os pobres os sábados pola tarde. En 1900 concédeselle a patente para o exercicio da profesión nesta cidade, onde se instala definitivamente na praza Bispo Izquierdo nº 1, actualmente Campo Castelo.
En 1906 foi nomeado Subdelegado de Medicina do partido xudicial de Lugo. Alén da práctica da medicina, tamén foi profesor de ximnasia no Instituto de Lugo. No mes de setembro de 1907 falece á idade temperá de 45 anos.
Como afirma Carlos González Guitián na súa tese de doutoramento Bibliografía médica gallega del siglo XIX (Universitat de València. Servei de Publicacions. 2008. Páx. 135), Antonio Correa constitúe unha excepción no panorama dos médicos galegos: «pertencía ás Reais Academias de Medicina e Cirurxía de Madrid e Barcelona, publicaba en prestixiosas revistas médicas da época, como “El Siglo Médico”. Fóra do ámbito da Facultade de Medicina, é o médico de Galiza que máis publicou. A súa Topografía posibilitoulle ingresar na Real Academia de Cirurxía de Barcelona». Casou con Filomena Calderón López, filla do fidalgo Manuel Calderón Franco-Díaz (1838-1928). Deste matrimonio descenden seis fillos: Isaac (1893-1975), Jesús (1893-1974), Asunción (1896-1951), Evaristo (1899-1986), María Teresa (1903-1973) e Juan Antonio (1907-1962) Correa Calderón.
Obra
De contido médico
En 1890, publica na imprenta de Juan María Bravos de Lugo a súa tese de doutoramento, Hospitalización de los tísicos o tuberculosos pulmonares, que defendera na Universidade Central de Madrid o ano anterior.
Nas 76 páxinas de que consta, resalta a importancia da hixiene como prevención fronte esta grave enfermidade infectocontaxiosa, informa sobre a elevada mortalidade que ocasiona en Europa, España, Madrid e Lugo, das medidas terapéuticas para curala nos períodos menos avanzados e, debido ao temor ao contaxio nos domicilios das persoas afectas, da necesidade de crear establecementos dedicados exclusivamente á súa curación segundo os preceptos da hixiene moderna.
En 1891, na imprenta El Regional, publica Ensayo de topografía médica de la provincia de Lugo. Por este obra, presentada ao premio convocado pola Academia de Medicina e Cirurxía de Barcelona, obtén o título de académico correspondente desta institución. O autor describe os aspectos sanitarios da sociedade lucense e realiza propostas de solución.
Así resume González Guitián o contido: «Na primeira parte ofrece unhas nocións topográficas da provincia: extensión, división territorial, política e orográfica, ao que lle seguen a hidrografía, xeoloxía, meteoroloxía, clima, produción, hidroloxía médica, flora médica, demografía. Na cosmetoloxía describe a vivenda, mobiliario, vestimenta, limpeza e servizos hixiénicos. Finaliza no capítulo XI coa alimentación. Decántase pola defensa da vida no campo, que considera máis saudábel, fronte ás cidades, mesmo achaca á contorna urbana a causa de moitos dos vicios dos seus moradores. Describe a inexistente infraestrutura de servizos hixiénicos nas vivendas e critica o costume de vivir cos animais, que ocasiona importantes problemas de saúde. A hixiene persoal é case descoñecida, tanto no medio rural como nas cidades… para A. Correa, a orixe da enfermidade segue baseada nos presupostos hipocráticos relacionados co medio ambiente, por tanto o clima condiciona determinadas doenzas, aínda que tamén na súa obra móstrase coñecedor da xa difundida teoría microbiana como causa dalgunhas delas. Incide no elevado número de casos de varíola que poderían evitarse coa vacinación. A alimentación considéraa moi pobre, na que apenas existen nutrientes tan básicos como a carne. Fai mención da escaseza de médicos titulares e das deficientes instalacións sanitarias dos principais municipios. Ao longo da obra, realiza propostas para mellorar o estado sanitario da provincia e as condicións de saúde dos seus habitantes, que van desde a difusión das vacinas da varíola e antirrábica á dignificación das vivendas e á mellora das súas condicións hixiénicas. Aconsella mellorar a alimentación e mesmo introducir o consumo de carne de cabalo ou de ras, por sinalar algunhas das propostas máis relevantes».
Con Estudio médico de los Insectos nocivos al hombre, editado en 1894 na imprenta J. M. Bravos, consegue o acceso á Real Academia de Medicina e Cirurxía de Madrid.
Neste traballo de entomoloxía médica, o autor ofrece unha visión detallada dos diferentes tipos de insectos transmisores de enfermidades, causantes de alerxias e picaduras dolorosas: mosquitos, moscas, pulgas, carrachas, piollos, chinchas, avésporas, tabáns, moscardos… Describe os comportamentos e ofrece métodos de control de cada especie para previr e tratar as afeccións que poden causar.
En xaneiro de 1900, no xornal católico El Lucense anúnciase en preparación a obra Tratamiento a que debe someterse a los delincuentes desde el punto de vista de la higiene social, «memoria premiada con mención honorífica e o título de socio numerario premiado ao autor pola Academia de Hixiene de Cataluña no concurso celebrado en 1897». Descoñecemos o seu contido debido a que non conseguimos acceder a ningún documento que o conteña. Posibelmente, se trate dun texto manuscrito presentado a este concurso. As referencias a esta obra tomámolas tamén do volume I do Diccionario bio-bibliográfico de escritores, de Antonio Couceiro Freixomil.
Los pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso, publicado en Establecimiento tipográfico de G. Castro, Lugo, en 1899, o mesmo ano que o autor asiste en Burgos ao quinto Congreso Católico Nacional, está dedicado ao bispo Benito Murúa e conta coa licenza eclesiástica do prelado.
Neste voluminoso libro de 573 páxinas, o autor sostén que entre as ciencias médicas e o catolicismo existe unha íntima colaboración e que, mercé á protección da relixión católica, a medicina acadou un progreso social indiscutíbel. Concibido baixo o integrismo católico da época, supedita o saber científico á verdade da fe. Estruturado en vinte e dous capítulos, o autor enumera os pecados capitais e os vicios desde a súa óptica profundamente católica e conclúe identificando os coidados da alma a través da práctica da relixión cos do corpo que realizan os médicos, pois «…siempre que la ciencia señala y reprueba los excesos y los vicios de las acciones humanas, no hace más que extender el reino de Dios por medio de las buenas costumbres, higienizando a la vez nuestra manera de vivir… (páx. 12)».
En El trabajo y la salud. Influencia recíproca de estos factores en la duración de la vida humana, obra publicada en 1907 e premiada con mención honorífica pola Sociedad Española de Higiene, analiza como as condicións laborais afectan directamente a esperanza de vida e a saúde das persoas. Enmárcase dentro da medicina hixienista de principios do século XX, que buscaba mellorar as condicións ambientais e de traballo para aumentar a calidade e a duración da vida humana.
De contido literario
En 1888, no seu último curso da carreira de Medicina, publica en formato folletín no xornal El Lucense a novela Los contrastes de la vida[1]. Esta faceta como escritor foi obxecto de acedas críticas por alguén baixo o pseudónimo do político arxentino Lucas Ayarragaray no semanario satírico ilustrado compostelán Café con gotas: «…no estoy conforme con el señor Correa, porque si bien es, o puede ser, un excelente estudiante de medicina porque posea condiciones o aptitud, carece de éstas como escritor, y verdaderamente es de malestar que se malgaste de manera lastimosa cerebro mejor dispuesto para otra cosa…». O mesmo sedicente Ayarragaray reproduce con acedas críticas algunhas das frases ultracatólicas que Correa Fernández expón na colaboración “Moisés según Voltaire y según la ciencia”, publicada en El Lucense. Diario católico de la tarde o 22 de decembro de 1887: «Apartemos la vista de las páginas de las obras de ese espíritu del averno porque están escritas en el fango de la villanía y dictadas por el vicio y la mentira. Consideremos a Voltaire como el hombre más criminal, como un embustero, como un pretencioso que es lo peor que puede haber, como el más grande calumniador que graba sus satánicas bufonadas en la hiel de la inmoralidad y la depravación…».
En 1906, publica no xornal monárquico La Idea Moderna “La poesía popular en Galicia. Colección de cantares en variedad de metros”, citado por Eugenio Carré en Literatura gallega en el siglo XIX.
[1] Con este mesmo título publicará Baroja vinte anos despois a sétima das vinte e dúas novelas históricas que conforman o ciclo Memorias de un hombre de acción.
Outros contidos
En 1899 participa no Congreso Católico Nacional de Burgos e publica as memorias da súa intervención, que se integran na sección de propaganda deste acto. Un dos seus apartados trata de “Los medios y forma de realizar la unión sincera de los católicos españoles y un nuevo proyecto para la propagación del catolicismo y aniquilamiento de las falsas religiones”.
En Historia fin de siglo (1900), o autor realiza en dous tomos a descrición histórico-xeográfica da provincia de Lugo, coas biografías dos seus habitantes máis notábeis do último terzo do século XIX. Entre os persoeiros lucenses do momento inclúe o propio presidente da Deputación, que financia a edición, o director do Instituto de Ensino Medio, os expresidente e presidente da Audiencia Provincial, o delegado de Facenda…
Antonio Correa tamén se interesou pola historia e a arqueoloxía da contorna. No mes de decembro de 1896, publicou no xornal católico El Lucense un artigo titulado “La ciudad de Pedreda”, situada na Condomiña, lugar da parroquia de San Martín de Neira de Rei, Neira de Xusá. Recoñece que, malia non existir probas de tal cidade, corren voces desde tempos inmemoriais na contorna que falan de tal asentamento habitado por máis de tres mil almas. Segue dicindo que nas leiras desta agra acháronse «alicerces de casas, habitacións verdadeiras lastradas de tixolos, como unha que se encontrou hai pouco cuxos ladrillos foron empregados para lastrar fornos de cocer o pan. Encóntranse, así mesmo, diseminados por todo o referido labradío grande porción de anacos de ladrillo, algúns de forma caprichosa, e tamén restos de vasillas de barro e outros utensilios de épocas antigas. Tamén se di que antes de agora foron encontrados obxectos de valor de uso vario». O historiador e arqueólogo Vázquez Seijas, en 1967, coincide coas afirmacións de Antonio Correa cando, na páxina 242 do tomo IV de Fortalezas de Lugo y su provinvia, indica que na Agra de Pedreda foron achados restos romanos consistentes en «materiais construtivos, ladrillos, tégulas, fragmentos de cerámica… e algunhas moedas de ouro e prata».
En 1905, el e seu tío Antonio Correa Valcárcel deron a coñecer a existencia dunha ara votiva romana, que posibelmente se encontrase como macheta nunha porta ou fiestra da casa que esta familia posuía en Papín. Pola información que se publica no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense dos meses de xaneiro-febreiro de 1906, tío e sobriño comunicaron a existencia deste achado romano ao daquela cóengo da catedral de Lugo Manuel Lago González, a quen lle entregaron dúas copias en papel. Lago González, á súa vez, envioulle a Ourense unha destas copias ao clérigo historiador e arqueólogo Marcelo Macías, quen realiza o estudo epigráfico e describe os elementos desta peza romana. A ara, moi estragada, foi depositada no Museo Provincial de Lugo onde se conserva.
Xornalista
Antonio Correa colaborou habitualmente en varios xornais de ideoloxía conservadora editados en Lugo. Sendo estudante universitario comezou en El Lucense. Diario católico de la tarde, onde publicou numerosos artigos de divulgación científica. Tamén colaborou en La Idea moderna. Diario democrático de Lugo e en El Regional.
No xornal A Monteira, en agosto de 1890, publicou “Un novo descubrimento”, no que adianta que se está a piques de descubrir a forma de vivir substituíndo o consumo de alimentos por pílulas do tamaño de pequenas fabas de modo que os boticarios se encargarán de realizar os traballos que na actualidade desempeñaban os cociñeiros e cociñeiras.
Xunto con Evaristo Cela Losada fundou e dirixiu o semanario El monitor de Becerreá. Defensor de los intereses generales y locales de la región oriental de la provincia de Lugo y sus limítrofes. A duración desta publicación foi efémera: o primeiro número apareceu o 13 de xaneiro de 1900 e deixou de publicarse en 1901. No medio, os propios fundadores cederon as rendas do xornal ao oficial de telégrafos becerrense Manuel José Lema González, como director, e ao barallense Odón Moreno Mouriz, como redactor.
Antonio Correa e as minas
Alén de médico, escritor, xornalista e católico propagandista, Antonio Correa Fernández (1862-1907) tamén foi promotor de exploracións mineiras en diversos lugares da provincia e, sobre todo, nas terras de Neira de Rei, Neira de Xusá, Becerreá, Baleira, Castroverde, Begonte, Trasparga e Guitiriz.
“Minas de la provincia y ferrocarriles más económicos para su explotación”
Froito deste interese mineiro é a coautoría do libriño dun cento de páxinas que, en 1901, publica a Imprenta Juan A. Menéndez de Lugo. Este tratado de minaría constitúe a memoria presentada polo médico Correa Fernández e o músico Carracedo Vilanova ao Certame literario organizado polo Círculo das Artes nos Xogos Florais de 1901. O tema fora proposto pola Cámara de Comercio, entidade «compenetrada da altísima importancia que hoxe en día revisten os asuntos mineiros, chamados a exercer unha grande revolución no territorio lucense» (páx. 7). Conscientes os autores da dificultade que supón realizar estudos profundos de asuntos tan complexos como os da minaría, advirten no prólogo que esta Memoria servirá, polo menos, de breve información para materia tan transcendente para o progreso da provincia. A obra estrutúrase en oito capítulos. No primeiro, os autores describen xeoloxicamente a provincia de Lugo. Segue a enumeración das súas principais cuncas mineiras. No capítulo terceiro, identifican as compañías estranxeiras que realizan exploracións, investigacións ou explotacións de recursos mineiros. Prosegue coas compañías españolas de fóra da provincia que exercen estas mesmas actividades. No capítulo quinto, enumeran, nunha longa e aberta listaxe os concesionarios de cuncas mineiras da provincia. Deseguido, os autores expoñen o estudo completo dos ferrocarrís necesarios na provincia para a explotación mineira. No capítulo sétimo, describen os tipos e orzamentos dos modelos de tranvías aéreos (teleféricos) e planos inclinados aplicábeis á minaría. Remata a Memoria con datos sobre a produción de mineral de ferro en España e cifras de cantidades exportadas.
Wilhelm P. D. Schulz e outros xeólogos
Sorpréndenos que un médico e un músico emprendan a redacción dunha memoria de contido científico alleo ás súas respectivas formacións académicas. Preguntámonos a que fontes acudiron para este cometido.
En 1830, o enxeñeiro de minas alemán Wilhelm P. D. Schulz (1805-1877) é nomeado comisario de minas e en 1833 recibe a encomenda da Dirección Xeral de Minas de levantar o mapa petrográfico de minas co cargo de inspector de segunda clase e destino nos distritos de Asturias e Galiza, con sede en Ribadeo. Nestas terras existía, desde finais do século XVIII, unha importante actividade mineira. Aquí instalárase o primeiro alto forno do Estado e, desde 1804, producíase porcelana aproveitando os caolíns de Burela. En maio de 1834, Schulz asina a Descripción geognóstica del Reyno de Galicia, que se edita ao ano seguinte.

Esta obra contén o primeiro mapa xeolóxico publicado en España e foi considerada como a máis completa sobre a xeoloxía galega até os traballos de Parga Pondal, un século despois. A descrición está estruturada en tres seccións. Na primeira describe a xeografía e a diversidade da formación do solo galego. Na segunda, as rochas, e na terceira, os diferentes puntos de interese para a explotación mineira e para a localización doutras industrias.
Descoñecemos se os autores da memoria Minas de la provincia y ferrocarriles más económicos para su explotación eran sabedores da obra de Schulz. Pensamos que non pois só o citan con imprecisión unha vez, na páxina 30, cando, ao referírense aos terreos de carrexo, indican que «de muchos de estos terrenos, el notable mineralogista inglés Mr. Schultz [sic] dice que procedían las grandes cantidades de oro que los romanos sacaron de España».
Porén, consideramos que a información que ofrecen os dous autores estaría baseada fundamentalmente no mapa xeolóxico publicado en 1889 baixo a dirección de M. Fernández de Castro, impreso en Madrid na litografía de José Mateu. Estamos seguros tamén de que se serviron dos boletíns da “Comisión del Mapa Geológico de España”, publicados, nunha primeira etapa, desde 1874 (Tomo I) con frecuencia anual até 1893 (Tomo XX) e, nunha segunda etapa, desde 1894 a 1900, para dar a coñecer os traballos de cartografía e estudos xeolóxicos. Pola contra, é improbábel que tivesen acceso aos tres primeiros dos sete volumes de que consta a Explicación del mapa geológico de España, do xeólogo rexeneracionista aragonés Lucas Mallada, publicada entre 1896 e 1911. Menos probábel aínda sería que coñecesen a obra Recherches sur les terrains anciens des Asturies et de la Galice do francés Charles Barrois, publicada en Lille en 1882. Estamos seguros, en cambio, que os autores se serviron dos datos que anualmente, desde 1861, publicaba baixo o título Estadística Minera a Dirección Xeral de Agricultura, Industria e Comercio.
As exposicións xeolóxico-mineiras
A finais do século XIX, o interese social que suscitaron as investigacións xeolóxico-mineiras motivou que a prensa se manifestase a prol da celebración da Exposición Nacional de Minería, Artes Metalúrgicas, Cerámica, Cristalería y Aguas Minerales en 1883 no Parque do Retiro en Madrid, á que acudiron 475 expositores.

Para contribuír ao éxito deste acontecemento, desde o Ministerio de Fomento, créanse comisións provinciais integradas por enxeñeiros do corpo de minas que, nos respectivos territorios, alentan a exploración dos recursos mineiros. En 1904, coa mesma finalidade, tamén se celebra en Barcelona a exposición Minería y Trabajos hidráulicos de Cataluña e Islas Baleares.
En 1902, a Cámara de Comercio de Lugo expón o proxecto para a celebración dunha Exposición Minera de Galicia. O 7 de decembro dese ano, constitúese no salón de plenos do Concello a comisión encargada de examinar este proxecto para ser executado en 1903. A prensa describe o entusiasmo que concita entre as forzas vivas a promoción da minaría: «En el salón de sesiones del ayuntamiento veíanse muchas personas que, respondiendo a la invitación, concurrieron a la reunión previa, poseídos de gran entusiasmo porque siendo la riqueza minera el porvenir más halagüeño de Galicia, compréndese la importancia que para esta región entraña el concurso futuro» (La Idea Moderna. Diario democrático de Lugo. 10 de decembro de 1902). Foi designado presidente efectivo desta Comisión José Benito Pardo Rodríguez (Pepe Benito), presidente da Deputación. A Comisión de Propaganda quedou constituída, entre outros, polos dous coautores desta Memoria, Antonio Correa e José María Carracedo. En abril de 1904, o Ministerio de Agricultura contribúe con 2.500 pesetas para a celebración da Exposición. A finais deste mesmo ano, a exposición seguía sendo un proxecto por falta doutros recursos necesarios para a súa execución. Mais, pouco a pouco, o fervor mineiro vai decaendo e da Exposición Minera, a prensa ofrece cada vez menos noticias até caer no esquecemento.
Mineral de ferro
Desde sempre, no leste da provincia practicábase a siderurxia hidráulica tradicional do mineral de ferro por medio de ferrerías, mazos e forxas para a súa posterior transformación en útiles domésticos e ferramentas de traballo. Estas terras dispoñen de ríos caudalosos e de regos que, ao decorreren por zonas montañosas, son susceptíbeis de seren aproveitados con ese fin. Dispoñen tamén de abundante masa forestal —carballo e cepas de uz— transformada en carbón vexetal empregado como combustíbel para calcinar o mineral e alimentar o lume das ferrerías e forxas. Aínda que de orixe medieval, os séculos nos que esta actividade alcanzou o seu maior desenvolvemento foron os que se estenden do XVI ao XIX. En case todas as parroquias deste ámbito xeográfico, na resposta ao Interrogatorio xeral do catastro de Ensenada figura a existencia de mazos, mazucos e forxas que hoxe en día segue a testemuñar a toponimia.
Os autores da Memoria recoñecen a importancia que historicamente tivo o ferro na provincia de Lugo: «corroboran nuestra afirmación las innumerables herrerías, forjas catalanas, martinetes y demás artefactos que, para elaborar y trabajar aquel metal, existían hasta no hace muchos años en las más variadas localidades…». Mais, seguen afirmando os autores «hoy no quedan de aquellas fábricas siderúrgicas más que toscos vestigios, que si al viajante curioso le denuncian el esplendor de un tiempo que fue, en cambio al observador atento le indican a la vez que todavía al pie de sus derruidos muros puede resurgir un período de florecimiento» (páxinas 39-40). A área xeográfica da produción tradicional de ferro limitábase ás comarcas máis próximas aos xacementos deste mineral: O Courel, Quiroga, O Incio e outras de menor importancia como Cervantes e A Fonsagrada.
Principais zonas mineiras de ferro
«Pocas regiones habrá que estén más pobladas de los diferentes minerales de hierro que lo está la provincia de Lugo, habiendo en ella algunas localidades que bajo este punto de vista exceden a toda a toda ponderación, como así lo testifican personas de reconocida competencia» (páx. 40-41). Na descrición que realizan os autores da Memoria enumeran distintos territorios unhas veces por criterios xeográficos e outras polos distintos tipos de mineral de ferro que conteñen os xacementos. Nós tentamos clasificalos nas cinco zonas que presentamos neste mapa:
Zona sueste
Os autores citan aquí os concellos da Pobra do Brollón, Sober, Monforte, O Courel, Quiroga, O Incio, Samos e Paradela.
Afirman que destacan «por su importancia las minas de Formigueiros y Rozas [sic], en Caurel y Puebla de Brollón respectivamente, que fueron explotadas para surtir la fábrica de Sargadelos y para muchísimas herrerías que hubo en este país, como igualmente para otras varias de las provincias de Orense y León» (páx. 40). Da importancia das minas de Formigueiros queda referencia en numerosos documentos e na súa presenza reiterada no Anuario de Estadística Minera desde 1863 até 1951. A concesión desta explotación pertencía ao conde de Maceda e San Román, domiciliado en Madrid, que, desde tiempo inmemorial, poseía e explotaba, «cuyo derecho tenía su origen del foro que a favor de don Alfonso de Lemus constituyó don Antonio de Velasco, comendador de la Barra de la Orden Militar de Santiago, según escritura firmada en Valladolid a 10 de abril de 1513, por la que le aforaba, por el precio de tres mil maravedises anuales la sierra de los Formigueiros, con sus montes y robles con sus venas e veneros para poder facer ferrerías»… Esta mina abarca ciento veintiséis pertenencias y ofrece la particularidad de ser la única en España que está exenta del pago del canon de superficie, según se resolvió, después de largo expediente, por Real orden de 21 de enero de 1886». (Estadística Minera y Metalúrgica de España 1951. Ministerio de Industria. Páx. 330).
Na Serra do Courel, mais xa no concello da Pobra de Brollón, parroquia de Ferreiros, sitúase a mina da Veneira de Roques, que os autores da Memoria denominan erroneamente Rozas e as estatísticas oficiais, Roquer / Rocas. Estas minas é posíbel que viñesen sendo explotadas a ceo aberto e a través de galerías desde a romanización. No Catastro de Ensenada (1752), dise que existe «un mineral de hierro al sitio que llaman de la Benera de Roque de la qual usan y disfrutan don Caietano Valcarce y otros vecinos de la mencionada feligresía de Ferreiros a los quales regulan la utilidad que les dexa en tres mil reales de vellón al año». Esta cantidade reflicte un alto nivel de rendemento económico, propio do que percibían profesionais liberais como boticarios e escribáns, arrendadores de bens comúns ou de empresas comerciais. Dada a boa calidade do mineral e a elevada produción, fornecía varias das ferrerías existentes na contorna inmediata e outras máis afastadas.
Destas dúas minas do Courel, a Estadística Minera do ano 1875 indica: «De las 15 ferrerías existentes en la provincia, estuvieron 10 en actividad algunas temporadas del año, beneficiando 9.050 quintales métricos de mena de Formigueiros y 750 de Roquer [sic], que han producido 2.700 quintales métricos de hierro forjado. Se han empleado en todas ellas 50 operarios». No anuario estatístico de 1880 infórmase de que a única explotación de minas de ferro era a de Formigueiros, cuxos minerais se destinan ás ferrerías San Vicente, de Ourense; á de Bois e ás de Ferreiros, Rugando, Soldón e Baldormir, en Quiroga. Estas últimas funcionaron só tres meses pouco máis ou menos.
No Incio, a principios do século XX, existían moitas esperanzas na explotación dun criadeiro de ferro desde o que se proxectaba o transporte do mineral extraído, por medio dun teleférico, á estación da Pobra de Brollón para achegalos por ferrocarril ao porto de Vigo onde xa se compraran os terreos para a construción do embarcadoiro (Anuario Minería 1904). Na Estadística Minera de 1909, deste criadeiro do Incio afírmase: «se calcula, sin ninguna exageración, que el número de toneladas que contiene el criadero de Incio pasa de 20 millones, cubicación que será mayor cuando los trabajos de preparación pongan al descubierto muchos trozos que todavía están por reconocer. La extensión de la cordillera, su altura, la normalidad de sus filones, la clase de mineral favorable a las exigencias de los mercados, las distintas carreteras que rodean la comarca, sus variados poblados y abundantes aguas, hacen que sean circunstancias muy apreciables de valoración, al considerar en conjunto este problema de explotación».
No concello de Monforte, as minas do Freixo, na parroquia de Marcelle, comezan a ser exploradas en 1903. En 1912, constitúese a Compañía General Minera de Galicia que, «en vista de su buen resultado, procede a preparar para una activa explotación que transporte sus productos por La Coruña. Tiene en estudio un cable para llevar a Monforte los minerales de aquellas concesiones, siendo probable que esta Empresa, de capitales sudamericanos, sea la que más pronto comience su arranque y exporte el mineral al extranjero». (Estadística Minera 1913). Debido á crise económica arxentina, de onde procede boa parte do capital desta empresa, demora a construción do tranvía aéreo necesario para transportar o mineral até a estación de Canaval para embarcalo cara Vigo. En 1925, a Estadística Minera recoñece que as minas do Freixo están a ser explotadas con emprego de 128 obreiros que traballaron 265 días ao ano en xornadas de 8 horas e con salario de 4,89 pesetas, mais o cable aéreo de 7.700 metros necesario para o transporte até Canaval segue sen estar rematado.
Será en 1926 cando se poña en funcionamento este medio de transporte: «La producción de mineral fue de 18.776 toneladas, y el precio en venta de la tonelada a bocamina, seis pesetas. El mineral se lleva de las minas a la estación de Canabal, en el ferrocarril de Monforte a Vigo, por un cable aéreo, propio de la Sociedad, de 7.770 metros de longitud, y de Canabal al embarcadero que la misma Sociedad tiene en Rande (ría de Vigo), por ferrocarril. Los gastos de transporte desde bocamina al puerto (Vigo) ascendieron a 9,33 pesetas por tonelada métrica. De las 18.776 toneladas extraídas en 1926 se exportaron a Alemania, con transbordo en Rotterdam, 13.687. El número total de obreros empleados diariamente en las minas ha sido de 178 (de ellos 27 hembras)». Desde mediados da década dos anos vinte até comezos da seguinte, a explotación destas minas continúa en expansión. En 1930, conta con 232 empregados, deles, 30 mulleres. «Los jornales medios percibidos por estos obreros fueron: obreros varones del interior, de 4 a 7,30 pesetas; obreros del mismo sexo del exterior, de 2,50 a 6,50 pesetas. Los salarios de las mujeres estuvieron comprendidos en 2,75 Y 3,50 pesetas». Mais, debido á crise do mercado, a empresa Minerales de Hierro de Galicia, en 1931, suspende os labores, oficialmente, mentres non melloren as condicións, mais, en verdade, por mor da folga dos empregados, «en la cual la petición más importante fue la de un aumento de 50 por ciento de los salarios, pretensión a la cual la Empresa juzgó no poder acceder, y decidió suspender las labores». (Estadística Minera 1932).
No concello da Pobra do Brollón, a Estadística Minera de 1908 afirma que nas minas de Domiz, na parroquia de Salcedo, realizáronse investigacións, «encontrándose carbonato de hierro que, después de calcinado, dio 54 a 56 por 100 de dicho metal y 4 por 100 de sílice. Se calcula que hay allí unos 2 millones de toneladas de mineral explotable».
No Montefurado, Quiroga, en 1905, comeza a exploración doutra mina de ferro. Mais, as dificultades para o transporte do mineral até A Coruña fan inviábel a súa explotación: «La distancia de 229 kilómetros desde Montefurado al puerto de La Coruña, el precio de cuatro céntimos por tonelada y kilómetro, los tributos sobre exportación y embarque, los elevados jornales de los obreros de los muelles y los deficientes medios de carga son la causa de la paralización de estas minas. Esperando mejores resultados, su arrendatario ha adquirido minas que rodean su grupo y prepara labores para empezar la extracción cuando le sea posible». (Estadística Minera 1907). Posteriormente, realizaranse algunhas extraccións superficiais de «excelente calidad (un óxido rojo, esponjoso, sin sílice, que dio ley del 54 por 100), que pudo ser enviado a la fábrica siderúrgica de la Felguera (Asturias) para mezclar en los hornos con otro inferior, debido al buen precio adquirido en aquella ocasión; pero más tarde, lo caro de los transportes y lo elevado de los jornales no dejaron margen de utilidad alguna, desapareciendo el estímulo propio de todo negocio, quedando abandonadas las minas». (Estadística Minera 1921).
Zona nordeste
Desprégase desde Ribadeo, esténdese por Trabada e A Pontenova, percorre a Serra de Meira e remata na Fonsagrada, aínda que os autores da Memoria prolongan este criadeiro de mineral de ferro até Navia de Suarna e Cervantes.
Nesta zona da provincia, destacan a importancia do ferro pardo hidratado (limonita) de Guimarán (Ribadeo); do ferro magnético (magnetita) mesturado co pardo compacto, nas parroquias de Covelas e Covas (Ribadeo) e a existencia de numerosas minas en Trabada, Vilameá e Viloudriz (A Pontenova); e no oeste da Fonsagrada, en Rao (Navia de Suarna) e Cervantes. Nestes tres últimos concellos, as estatísticas mineiras recollen que existen concesións mineiras que non se explotan por imposibilidade do transporte.
A de Guimarán só se cita unha vez na Estatística Minera do ano 1867 e dela dise que nese momento se encontra inactiva e que anteriormente, nalgunha ocasión, fornecera ferro hidratado pardo á fábrica de Sargadelos.
Das dúas parroquias que enumeran deseguido, “Cubelas” (Covelas) e “Cobas” (Covas), só a primeira delas pertence a esta zona mineira, pois Covas sitúase na de Viveiro. Con respecto á de Covelas, estamos seguros de que os autores se refiren á situada na anticlinal do monte Mondigo, de cuxa existencia queda constancia nos vestixios de antigas explotacións, hoxe cubertas de vexetación, e na cita que se realiza na Estadística Minera de 1867: «Existen además los hierros pardos de Mondigo, Testa de Ferro y Arra…».
As minas de Trabada, Vilameá e Viloudriz, con todo, son as máis importantes da provincia, de maneira especial as últimas. Convén recordar que Vilameá existiu como concello desde 1834 até 1963 en que se fusionou co da Pontenova.
Os xacementos sitúanse nos montes de Boulloso e Viloudriz onde foron explotadas as minas “Consuelo-Boulloso”, “Luísa” e “Vieiro” pola “Sociedad Minera de Villaodrid”, de capital vasco, desde principios do século XX. En 1909, a mesma sociedade solicita a concesión da mina “Eneas”, que se puxo en funcionamento pouco despois.
En Vilanova de Lourenzá, xa desde 1873, existen concesións para as minas “Dolores” e “Bernardina” e en Riotorto, para as denominadas “Venera 1ª, Venera 2ª e Venera 3ª”.
En Navia de Suarna, na parroquia de Rao, creouse a principios do XIX a ferrería “La Trinidad”, alimentada polas augas do río Balouta e, no seu val, explotáronse varios xacementos de ferro en diversas etapas deste século. A súa época de esplendor ten lugar entre 1847 e 1851 cando Madoz recolle que neles traballaban 33 homes.
Zona occidental
Aquí, din os autores, predomina o ferro hematita nunha liña que parte de Viveiro e descende en dirección suroeste «cara Guntín, Portomarín e demais puntos de Chantada». Destacan as veneiras de Galdo, Celeiro, San Cibrán, Ourol, Muras, Xermade, Vilalba, Baamonde, Trasparga e Friol.
O criadeiro de Viveiro comprende tres rexións, que, á partir do mar, seguen a dirección N. S. nunha extensión de 15 quilómetros. A primeira vai de Testa do Ferro e Suegos á Cova do Ferro; a segunda, de Cova do Ferro e Silvarosa á Paleira; e a terceira, da Paleira á San Miguel de Santo.
Da mina de Galdo, de hematita vermella, no ano 1867, as estatísticas mineiras din que estaba inactiva.
En 1914, segundo nos informa El Regional. Diario de Lugo, a compñía Vivero Iron Ore Company ten en proxecto pór en explocación as novas minas de Galdo, mais, como tamén nos informa o xornal dese día, o atentado que rematou coa vida do arquiduque Francisco Fernando de Austria en Saraxevo tamén pon remate á prosperidade da empresa de capital alemán con sede en Londres. A inactividade debeu de continuar indefinidamente, pois en 1950, para este xacemento mineiro, e para outros da zona de Viveiro, proponse que, como paso decisivo para o beneficio da comarca, os adquira a Empresa Nacional Siderúrgica para a súa explotación.
Da mina da Silvarosa pouca información achegan os autores da Memoria porque estes importantes xacementos comezaban a ser explorados e explotados no momento en que a estaban a redactar. Segundo a Estadística Minera de 1873, neste ano foron expedidos títulos de propiedade para as minas “Testa de Ferro”, “Santa Lavinia”, “A Ferreirola” e “El Consuelo”, sitas no mesmo criadeiro nas terras de Riobarba (O Vicedo) e Viveiro, o mesmo sucede coas do monte da Silvarosa. Estas, en cambio, serán explotadas pola Sociedad Vivero Iron Ore C. Ltd. desde finais de 1893 e van estar en rendemento en 1899. Como novidade técnica, debido á altura do monte Silvarosa sobre o nivel do mar (408 metros) e ao terreo moi accidentado, foi necesaria a instalación dun cable aéreo (teleférico) para transportar o mineral até a Ínsua, na ría de Vivero, desde onde se exporta a Inglaterra e Alemaña. Este teleférico, de sistema Bleichert, foi construído nos antigos talleres de Zorroza en Bilbao, despois Sociedad Española de Construciones Metálicas.
As minas de ferro “Sevilla” e “Cartuja” de Riobarba, en 1909 figuraban a nome de María Josefa de las Cuevas Pickman y Gutiérrez, marquesa de Pickman e propietaria da fábrica de louza da Cartuja de Sevilla.
Verbo dos xacementos de ferro que os autores sitúan no Ourol, Muras, Xermade, Vilalba, Baamonde, Trasparga, Friol, Guntin, Portomarín até Chantada, estatísticas mineiras posteriores á Memoria confirman esta afirmación. En 1905, constitúese a Compañía Franco-Española para explotar o couto mineiro de Baamonde que comprende 48 minas e abrangue unha superficie de 1.060 hectáreas. Cinco anos despois, desaparecida esta sociedade, faise cargo da explotación Minas del Nalón, que envía ao porto da Coruña o seu primeiro cargamento en 1910. Pouco despois, esta empresa pasa a denominarse Sociedad Minas de Baamonde e encóntrase con problemas financeiros que lle impiden a actividade. En 1916, despois de pasar por mans doutra compañía, prodúcese a suspensión definitiva.
Zona norte e prolongación ao sur
Aquí están os xacementos de Sargadelos, O Valadouro, Mondoñedo, Foz, onde se prolonga cara o sur por Barreiros, Vilanova de Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, A Pastoriza, Pol, Baleira, Castroverde, Neira de Xusá, Becerreá, Triacastela, As Nogais e Pedrafita. Onde sobresaen as minas de Vilar, o Monte dos Castros e o Xunqueiro.
Outras minas desta zona
Nos concellos de Foz, Mondoñedo, Barreiros, Abadín hai constancia de concesións administrativas para diversas minas de ferro, mais non existen datos da súa explotación. Nos concellos de Meira, Fonsagrada, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes e Baleira, a Sociedad de Minas de San Pedro del Río e varios particulares, en 1909, obteñen concesións para diversas minas de ferro, mais na Estadística Minera de 1914 recoñécese que «las concesiones que fueron otorgadas en diferentes puntos dentro de la provincia, como son las situadas en los Ayuntamíentos de Fonsagrada, Becerreá, Cervantes, Baleira, Germade, Trasparga, Guntín, Guímarey, Quiroga, etc., etc., padecen todas del mismo mal, o sea, de la falta de Vías de comunicación, que las coloque en condiciones de poder enviar sus productos al mercado extranjero».
Das ferrerías tradicionais á siderurxia industrial
As ferrerías seguen sendo os obradoiros esenciais que, por medio do emprego da forza da auga e o carbón vexetal, permitían traballar o ferro. A Estadística Minera de 1870 recolle: «sigue extrayéndose de la concesión Formigueiros, sita en el término de Courel, el mineral de hierro necesario para alimentar la mayor parte de las forjas catalanas del país y alguna otra situada en los confines de la provincia de Oviedo… El mineral arrancado para el exclusivo objeto de alimentar las ferrerías ha ascendido el año a 10.880 quintales métricos…». Daquela, existían 17 forxas catalás na provincia; catorce en actividade e paradas as tres restantes. Están situadas nos concellos do Courel, As Nogais, Quiroga, Samos e Fonsagrada. Delas, só a de Cuiña (Fonsagrada) se alimentou con 520 quintais métricos de mineral procedente de Somorrostro, que produciron 250 de ferro, dos que se elaboraron a martelo 150, necesitándose para todas estas operacións 200 quintais métricos de carbón vexetal. É dicir, neste momento do século XIX, a extracción de mineral de ferro na provincia limitábase á mina de Formigueiros e a súa produción non era suficiente para fornecer as necesidades das demais ferrerías existentes.
Destacaron tamén as ferrerías de Vilar do Cuíña (Fonsagrada) e a de Penacoba (Bóveda), reflexo dunha rica tradición siderúrxica ligada á paisaxe montañosa. Desde mediados do século XIX, as ferrerías seguiron funcionando como viñeran facendo tradicionalmente, fronte as novas siderurxias catalás, cántabras e vascas. Desde Euskadi, precisamente, difundíronse novas técnicas. Agora, o custo destes artefactos increméntase e requírense inversións que poucos podían pagar. Aparecen empresarios aos que se unen socios que participan como accionistas. Estamos no proceso de industrialización e no comezo da decadencia da siderurxia artesanal.
Os depósitos tradicionais de ferro presentaban o problema da presenza dunha elevada cantidade de fósforo que provocaba o seu baixo rendemento. No último terzo do século XIX produciuse o descubrimento do proceso de defosforación do mineral nos fornos de calcinación que permitiu eliminar o exceso de fósforo e, simultaneamente, a produción de escouras para seren empregadas como fertilizantes.
Pola provincia esténdese unha auténtica febre mineira nomeadamente relacionada coa explotación de ferro. Existen xacementos deste metal e algúns empresarios dispostos a realizaren os investimentos necesarios. Como se recolle na Cámara Oficial de Minaría de Galicia, «naquel momento, Lugo chegou a ser a quinta provincia produtora de ferro en España grazas ás explotacións mineiras de Viloudriz, Viveiro e Monforte; e había moitos outros xacementos desta provincia que non foron explotados por falta de comunicación que permitise dar saída aos seus produtos».
A siderurxia de Sargadelos
En 1794, Antonio Raimundo Ibáñez construíu aquí o alto forno máis importante de España e, durante distintos momentos, o único en funcionamento. O mineral de ferro proviña das minas de Reinante e Galdo, nas proximidades do emprazamento fabril, e da mina “As Campas”, nas terras de Castropol. O forno alimentábase con carbón vexetal, que se obtiña dos bosques comunitarios da contorna. Até o final da guerra contra o francés, esta siderurxia producía material exclusivamente militar —láminas metálicas para os barcos da Armada de Ferrol e municións para o Exército— e, por isto, Sargadelos gozaba de privilexios reais para a transformación dos bosques en carbón vexetal e impuña aos labregos o deber de realizaren determinado número de carretos anualmente. Posteriormente, estende a produción ao mercado civil, mais comeza a decadencia financeira, a fabricación estáncase por mor da falta de contratos militares, de desavinzas familiares dos propietarios e da mala administración. Entre 1840 e 1860, a siderurxia volve coñecer outra etapa de esplendor. Agora está en mans, como arrendatarios, dos comerciantes Ramón Francisco Piñeiro Pérez e Luís de la Riva Barros en sociedade con outros comerciantes e banqueiros.
A nova empresa, Luis de la Riva y Compañía, que tamén arrenda a fábrica de cerámica xa existente en Sargadelos, acometerá de inmediato importantes reformas —modernización dos mecanismos de captación hidráulica, instalación de dous fornos máis de calcinación, novas carboeiras, tres cubilotes de fundición e fornos de reverbero— que sitúan Sargadelos como empresa punteira na siderurxia. Pero, pronto, debido á mingua de masa forestal como combustíbel para os fornos e á procura de mellores vías para o traslado de materias primas e dos produtos, búscase un novo emprazamento. En 1848, comeza a funcionar no peirao de Carril un alto forno por iniciativa da Compañía de Fundición de Hierro, constituída polos mesmos accionistas de Luis de la Riva y Compañía. En 1860, remata o período de arrendamento e as empresas volven á propiedade directa da familia Ibáñez, que tenta un novo arrendamento e mesmo a propia venda. Ambas operacións fracasan. No período de 1861 a 1868 a siderurxia fica sen actividade. Así, na Estadística minera de 1865 infórmase que «la fábrica de Sargadelos, el importante y único establecimiento siderúrgico de Galicia, continúa paralizado y en proyecto de enagenacion [sic]». Dous anos despois, no informe desta mesma publicación, constátase que a minaría galega se encontra en estado de abatemento e de que a primeira das causas desta situación «es la inactividad de uno de los establecimientos siderúrgicos más importantes, cual es la fábrica de Sargadelos en la provincia de Lugo: establecimiento perfectamente situado, bajo el punto de vista de sus necesidades industriales y económicas; provisto de todos los utensilios de la fabricación moderna y paralizado, sin embargo, hace más de seis años a pesar de ser notorios en el país sus provechosos rendimientos y su importancia industrial durante su último arrendamiento».
Hai que agardar a 1873 para que Sargadelos, agora asociada a dous banqueiros coruñeses, baixo a denominación Ibáñez, Atocha y Morodo, retome a actividade siderúrxica xa alimentada por carbón mineral procedente das cuncas bilbaínas: «La fábrica de Sargadelos, seguramente la más importante de la provincia, volvió á encender uno de los dos hornos altos que posee, en el que á los seis meses que duró la campaña fundió 12.000 quintales métricos de mena, procedentes de Ollargan y Somorrostro, y obtuvo 5.520 de fundición gris, empleando diariamente 20 operarios». Este período caracterizouse polo estancamento, a falta de investimento en novas instalacións e o emprego de moldes antigos. A asociación con Atocha y Morodo fracasou, o que levou ao peche definitivo da fábrica en 1875 e á ruína financeira da familia Ibáñez.
Viloudriz
En 1894 son denunciadas as minas de Viloudriz. Catro anos despois, constituíuse cun capital de 4.000.000 de pesetas a potente Sociedad Minera de Villaodrid co obxectivo de explotar mineral de ferro. Desde os primeiros anos do XX, comezan as obras para a súa explotación.

Contan con altos fornos de calcinación, unha central eléctrica, un tranvía aéreo, naves, maquinaria e unha liña de ferrocarril de 34 quilómetros para o transporte do mineral até o porto de Ribadeo para ser exportado a Alemaña, Inglaterra, Francia e Bélxica.
Vilarbacú
En 1896 comeza a explotación das minas de antimonio en Vilarbacú (Quiroga), naquel momento o xacemento máis importante de España. As diversas concesións mineiras, “San José”, “Jenara”, “Lolita”, “Dolores”, entre outras, foron explotadas de forma intermitente entre 1896 e 1958, destinando a maior parte da súa produción á metalurxia. As primeiras actividades nesta mina foron executadas pola Sociedad de Minas Villarbacú, propiedade da Casa Chávarri de Bilbao, que xestiona o período de maior rendemento até o remate da Primeira Guerra mundial. De 1922 a 1936 mantense inactiva. O segundo período de actividade coincide co estalido da Guerra Civil. A Sociedad de Antimonios Españoles S. A., tamén con sede en Bilbao, mantivo unha alta actividade até finais da Segunda Guerra Mundial. A última empresa en explotar na zona foi Pascual Gamón y Compañía cunha reducida produción até o peche definitivo en 1958.
A Silvarosa
Desde 1899 están sendo explotadas as minas A Silvarosa, en Viveiro, pola empresa londiniense de capital alemán The Vivero Iron Ore Co. Ltd., creada en 1897 e integrada por Otto Kreizner e Joseph Massenez.
Estas minas foron das máis activas de Galiza, recoñecidas pola súa produción e tecnoloxía avanzada na extracción e transporte de mineral de ferro. O enxeñeiro alemán Friedrich Wilhelm Cloos contribuíu a este éxito.
Baixo a súa dirección, a empresa construíu unha aldea mineira no cumio do monte A Silvarosa, con vivendas, un hospital, unha tenda de alimentación, unha capela e unha escola, que se inaugurou en 1906. Outra innovación introducida pola empresa mineira foi a construción, en 1899, dun sistema aéreo de dobre cable de 5.570 metros de lonxitude para o transporte do mineral. Os vagóns descendían desde o monte A Silvarosa até o peirao de carga, na A Insua.
Desde alí, o mineral cargábase en barcos para a súa exportación a Inglaterra e Alemaña. O 20 de decembro de 1899, fíxose ao mar o primeiro buque mercante con destino a Alemaña. Inicialmente, a extracción de mineral de ferro realizouse a ceo aberto, seguindo a veta. No primeiro ano de funcionamento, extraéronse e transportáronse un total de 104.197 toneladas en 35 envíos. A partir de 1910, a minaría continuou baixo terra. Despois de pasar por diversas mans empresariais, en 1951 acaba sendo explotada polo INI até 1966 en que abandona a actividade.
As minas do Freixo
Como dixemos antes, en 1903, realízanse as primeiras investigacións sobre os veneiros do Freixo, na parroquia de Marcelle, concello de Monforte, detectándose resultados alentadores. Na Estadística minera de 1908 afírmase que «En el coto minero de Freijo, parroquia de Marcelle, y á unos 6 kilómetros de la estación de Canabal, en el ferrocarril de Monforte á Vigo, se han puesto al descubierto capas de mineral de 2 á 5 metros de potencia, con ley de 50 á 54 por 100 de hierro, 8 por 100 de sílice y 0,80 á 1,20 de fósforo, calculándose una existencia de millón y medio de toneladas… Si las investigaciones fuesen favorables para emprender un negocio en vasta escala, podríase, por medio de cables aéreos, llevar estos minerales al valle de Lemos y darles salida por los puertos de Vigo y La Coruña, enlazados con Monforte por vía férrea, de 178 á 186 kilómetros de longitud, respectivamente». En 1913, a Compañía General Minera de Galicia ten pensado transportar os seus produtos vía A Coruña. Está a estudar tamén a construción dun teleférico para carretar os minerais desde esas concesións até Monforte e, é probable, afirma a Estadística minera deste ano, que a empresa, de capital suramericano, sexa «la que más pronto comience su arranque y exporte el mineral al extranjero». Mais, os propósitos da concesionaria non se executan por problemas económinos e a explotación segue paralizada.
En 1925, segundo nos informa a Estadística minera, a Compañía Sociedad Anónima Minerales de Hierro de Galicia retoma os traballos de explotación con modificación substancial do proxecto anterior: «El número de obreros empleados en estas labores ha sido de 128, que trabajaron doscientos setenta y cinco días, con la jornada de ocho horas y un jornal medio de 4,89 pesetas. La ley del mineral es de 50 por 100, con 12 por 100 de sílice. Adviértense en este yacimiento fallas frecuentes que harán penosa la explotación. El transporte del mineral a la estación de Canabal, en el ferrocarril de Monforte a Orense y Vigo, se hará mediante un cable aéreo de 7,700 metros de longitud total, capaz para el transporte de 250 a 400 toneladas diarias. Como el desnivel entre el depósito del mineral en las minas y la estación de Canabal es de unos 260 metros, bastará un motor de 19 caballos vapor para poner el cable en marcha. Se prevé el empleo del aire comprimido en el arranque del mineral, para lo cual se instalará un compresor de una capacidad de 48 metros cúbicos por minuto. La misma Sociedad Anónima Minerales de Hierro de Galicia construye un cargadero para sus minerales en Rande, en la ría de Vigo...». En 1926, das 18.776 toneladas extraídas, 13.687 foron exportadas a Alemaña, con transbordo en Rotterdam. O número total de traballadores empregados diariamente nas minas era de 178 (dos cales 277 eran mulleres).
Desde este momento, a explotación industrial realizarase en dúas etapas diferentes: a primeira de 1926 a 1931, en que se suspenden os labores durante 21 anos por malas condicións do mercado, e, a segunda, malia o intento frustrado de reactivación en 1939, desde 1952 a 1959, chegando a unha produción dunhas 500.000 toneladas de mineral. Finalmente, as minas do Freixo, e toda a minería da provincia, segundo recoñece a Estadística minera de 1958, foron clausuradas definitivamente:
A crise na exportación de minerais a finais da década de 1950 enmárcase dentro da fase final da autarquía franquista, caracterizada pola caída da produción, os elevados custos internos e a perda de competitividade internacional.
Minifundismo mineiro
Neste ambiente de euforia pola explotación mineira, encontramos o médico Antonio Correa e o músico José María Carracedo nos primeiros anos do século XX. Hoxe, habituados como estamos a que este tipo de concesións se entreguen aos oligopolios que controlan os mercados, pode parecernos unha aventura delirante que un particular solicite á Administración a explotación de xacementos mineiros. Mais, naqueles tempos non era así: as concesións administrativas eran consideradas xuridicamente como un contrato polo que a persoa concesionaria ocupaba o dominio público a cambio de satisfacer un canon de forma que podía ceder a terceiros a explotación.
O erro, ou a ambición irreflexiva, de moitos concesionarios consistiu no emprendemento desta actividade sen realizaren a planificación necesaria, pois a minaría inclúe o rexistro da titularidade da concesión, a exploración, a investigación e a explotación coa extracción —subterránea e ao descuberto—, a separación e escolla das fraccións de distintas calidades, os tratamentos mineralúrxicos e mesmo, de ser necesaria, a primeira fundición. Tamén está asociada a outros servizos como o transporte (teleférico, ferroviario, por estrada, marítimo) e a comercialización, funcións todas elas complementarias e necesarias da actividade empresarial mineira.
Mais, a teima de moitos concesionarios limitouse á acumulación de denuncias. Así o testemuñan os autores desta Memoria: «Numerosos son los habitantes de la provincia de Lugo que desde hace algunos años se vienen dedicando con constancia y entusiasmo al asunto de la minería, constituyendo con sus denuncias y demarcaciones verdaderos cotos en los que abundan importantes filones de los más diversos minerales» (páxinas 54-55). Se consultamos o Diario Oficial de Provincia de Lugo, constatamos, por exemplo, a desmesura de solicitudes que realiza o médico Antonio Correa en nome propio ou en representación de seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia, en terras desta freguesía, para mineral de pirita (BOP 06/09/1900); na veciña localidade de Quintá (BOP 18/10/1901), para extracción de ferro; no monte da Canteira, entre Cernadas, A Barrosa e Penarrubia (BOP 06/02/1902), para pirita de ferro; en Pedrafita (BOP 20/01/1902); en Guitiriz (BOP 07/08/1903), para «ferro, aluminio e outros corpos…». Aínda máis prolífico en denuncias minerais é José María Carracedo Vilanova, coautor desta Memoria, «quien posee numerosas pertenencias de pirita aurífera, cuprífera, arsenical, galena argentífera y hierro en San Martín da Ribeira, Cervantes, Baamonde, Friol, Castro de Rei, Meira, A Fontaneira, Baleira, Becerreá, San Cosme de Barreiros y otras localidades» (páxina 57). Alén destes dous particulares, na Memoria cítanse outras 32 persoas solicitantes de concesións na provincia de Lugo (páxinas 55 a 61).
Estes pequenos inversores-especuladores, a través do minifundismo mineiro, non podían soportar os desembolsos requiridos para este tipo de explotacións en contraste coas potentes empresas controladas por poderosos accionistas. E a todo isto, obtivésense rendementos ou non pola explotación, existía a obriga de satisfacer o canon á Administración, que variaba en función do tipo de mineral sobre o que se rexistraba a concesión e da superficie que ocupaba (cuadrículas mineiras). O seu pagamento era o que aseguraba o mantemento da titularidade da concesión. Non importaba que as minas non producisen ou que obtivesen rendementos, o imposto mantíñase fixo sobre o tipo de mineral teoricamente predominante. Isto explica a sucesión de caducidades, de cancelacións por falta de pagamento e de renuncias que, conforme vai baixando a febre mineira, realizan os solicitantes. No caso de Antonio Correa, son varias as renuncias que se publican no BOP de Lugo presentadas polo promotor. Mais, tamén comprobamos que, unha vez xa falecido o concesionario, a Administración procedeu a embargos do patrimonio familiar por falta de pagamento do canon correspondente. Así, no BOP de 28 de xaneiro de 1910, a Delegación de Facenda de Lugo require a cantidade de 2.400 pesetas en concepto de 12 pertenzas de ferro da mina “San Pedro”, situada en Begonte. Débeda tributaria elevada se temos en conta que o salario anual dun mestre de escola de segunda categoría en 1910 andaba entre as 2.250 e as 2.750 pesetas.
Empresas estranxeiras
No capítulo III da Memoria, os autores enumeran as empresas estranxeiras que operan nas cuncas mineiras da provincia. Recoñecen que aos seus empresarios se debe «la iniciación de este movimiento benéfico que se ha desarrollado y sigue evolucionando en crescendo en pro del estudio y descubrimiento de nuestras riquezas mineras. Verdad es que dichos individuos resultan siempre los agraciados, puesto que ellos llevan nuestros mejores tesoros metalíferos, pero aún así y todo, hay que reconocer la importancia de la utilidad que reportan en favor de nuestro progreso…».
The Vivero Iron Ore Co. Ltd
Nesta nómina de empresas estranxeiras, citan os autores en primeiro lugar as minas A Silvarosa, situadas a 5 km ao sur da vila de Viveiro. A concesión inicial foille outorgada a Juan Varela en 1890. Posteriormente, entre 1894 e 1895, a esta concesión sumáronse outras, que despois pasaron a pertencer a The Vivero Iron Ore Co. Ltd., compañía que, malia o seu nome inglés, constituíuse con capital alemán. En 1896 comezou a súa explotación. Cando, en agosto de 1914, se declarou a primeira guerra europea xa se conseguira exportar a elevada cifra de 1.640.644 toneladas. En 1919, estas minas foron vendidas ao bilbaíno Horacio Echevarrieta, quen as explotou intermitentemente con moi reducidos rendementos até 1940, en que se suspenderon definitivamente os traballos.
Empresas británicas
Varias compañías británicas foron creadas para explotar minas existentes nas colonias do seu imperio, mais tamén dirixiron este propósito a España e Portugal. Para este cometido servíronse de persoal cualificado e de equipos de minaría de fabricación propia.
Desde 1830 a 1920, as empresas foron identificadas a partir da relación do The Mining Journal de Londres. Despois dese período, houbo unha redución significativa do interese mineiro británico en España xa que un Real decreto de 1921 restrinxiu a actividade, a xestión e os equipamentos mineiros a empresas españolas e a persoas e maquinaria de orixe local.
O escritor, enxeñeiro e explorador británico Albert Frederick Calvert (1872-1946), en 1903 publica no seu libro de viaxes Impressions of Spain que as empresas inglesas dispoñen de «dezasete concesións mineiras na provincia de Lugo, que acadan a superficie total de 2.148 hectáreas, a maioría delas situadas nas beiras dos ríos Sil, Miño e os seus afluentes».
A comezos do século XX, a presenza consular británica na provincia de Lugo estruturábase a través de tres viceconsulados (Ribadeo, Viveiro e Lugo), subordinados ao Consulado Británico na Coruña. Estes viceconsulados eran esenciais para a actividade comercial e marítima, así como para a protección dos súbditos británicos da zona, especialmente no que respecta á exportación de produtos gandeiros, agrícolas e mineiros. Nos Informes diplomáticos e consulares dos anos 1890-1909 elaborados desde o distrito consular de A Coruña, recoñécese a riqueza de minerais existente na Galiza e, en concreto, para a provincia de Lugo dise que «é considerada a máis rica en mineral de ferro e é de lamentar que os proxectos de instalacións de transporte estean a realizarse tan lentamente». Verbo do ouro, informa que se «atopa por toda a provincia, e é ben sabido que no río Sil as mulleres e os nenos gañan a vida lavando as areas para recoller os grans de ouro, e calcúlase que cada persoa gaña de 1 a 2 pesetas diarias… En Becerreá tamén traballa e explota minas con moita actividade a Lugo International Mining Syndicate, integrada por capitalistas británicos e españois».
Os autores de Memoria citan entre as compañías estranxeiras a Casa Thomson, que «posee riquísimas cuencas mineras de pirita aurífera y arsenical, y otros metales, en Castro de Rei, Pol, Castroverde, Baleira y otros». Nin no The Mining Journal nin nas publicacións da Estadística Minera de España localizamos ningunha empresa mineira con este nome. Si encontramos nos boletíns oficiais das provincias de Lugo e Ourense o nome de Guillermo [sic] Thomson, veciño de A Coruña, como solicitante de concesión das minas “San Víctor”, “Elena” e “La Virgen”, en Castro de Rei, «donde hemos visto preciosas muestras que acusan buena ley de oro» (páxina 48); da “Fourdling” e “Cortevella”, en Baleira; das minas “Jubilee” e “Cervera”, en Pol; da mina “Villaverde” e “Victoria”, en Castroverde; da “San Francisco”, en Cervantes… Parte destas minas están situadas no distrito aurífero denominado posteriormente de Vilalba, definida por tres zonas: Castro de Rei, Valiña-Azúmara e Arcos. Este Guillermo Thomson, enxeñeiro e mineraloxista de nacionalidade inglesa, é un dos cinco membros do xurado que cualifica os traballos que concorreron ao certame literario convocado polo Círculo das Artes de Lugo e que premia co primeiro accésit o presentado por Correa Fernández e Carracedo Vilanova.
Nada din estes dous autores da Galicia Iron Mines Co Ltd (creada en 1875). Claro está, tampouco citan outras empresas inglesas solicitantes de concesións mineiras que, con posterioridade á redacción da Memoria, se constituíron para explotacións mineiras que figuran na Base de datos de empresas mineiras rexistradas británicas constituídas para adquirir e explotar minas en España e Portugal e que solicitaron concesións na provincia: a Lugo International Exploration Syndicate, Ltd (creada en1901); a Lugo Goldfields, Ltd (1902); Olvido Syndicate, Ltd.(1905); Cabrera Mines, Ltd. (1907); Finana Mining Syndicate Ltd.(1908); Dome Mining Corporation Ltd. (en 1913); Dredging Development Corporation Ltd. (1926). Na breve relación de empresas estranxeiras, Correa e Carracedo citan unha casa belga (páxina 48) que proxecta realizar lavados de areas na procura de ouro nas beiras do Sil, en Quiroga, e detéñense na complexa historia do francés Felix Prot de Viéville.
A Lugo Goldfields Ltd en Becerreá
Desta sociedade temos información polos datos que nos ofrece a Revista minera, metalúrgica y de ingenería, ano LIII, Tomo LIII, publicada en Madrid en 1902, que se pode consultar en The University of Illinois Library.
Lugo Goldfields Ltd, con sede en Londres, celebrou a primeira xunta xeral, logo da súa constitución en 1901, nos primeiros días de marzo do ano seguinte. Preside esta empresa o inglés Jorge [sic] Lyman. Forman parte da Comisión delegada en España os señores Yermo, de Bilbao, e os señores Carlos Saro e Jorge Mowinckel, de Santander. A Sociedade fora constituída para explotar tres grupos de concesións mineiras situados en Becerreá. Un era o “Eva-Paquita”, con cuarzo piritoso, que contén un filón de cuarzo aurífero e pirita, con 2.700 metros de percurso. Afirma que a concentración do mineral é fácil. A outra mina é a “Anita”, cuxo filón, de 4.000 metros de longo, contén pirita de cobre, galena, cinc e ouro, e está máis mineralizado.
Finalmente, esta compañía conta cunha concesión de aluvións de minas de ouro co nome “Eugenie-Olga”. Para estas tres minas fóralle outorgada con anterioridade concesión de pertenzas en 1900 a Félix Prot de Viéville, francés domiciliado na cidade de A Coruña. “Eva-Paquita” sitúase en Vilar de Ousón (Becerreá) e ten como punto de partida da súa delimitación «a porta que dá entrada á casa do Monte, de don Antonio López» (BOP 21/05/1900). “Anita” localízase en Igón, concello de Cervantes. A terceira delas, “Eugenie-Olga”, de aluvións auríferos, estaba localizada en Baralla ao lado sur da estrada Lugo a Madrid (BOP 05/05/1900). En abril de 1904 (BOP 25/04/1904), a empresa Lugo Goldfields Ltd adquírelle a Prot de Viéville as concesións destas tres minas.
Unha vez que se fai pública a noticia de que en Becerreá hai minas de ouro que vai explotar unha compañía inglesa, o optimismo expándese na contorna e en toda a provincia. Así presenta os feitos o xornal El Regional. Diario de Lugo o día 16 de setembro de 1901: «Becerreá entra en una era de prosperidad y bienandanza, gracias a la explotación de sus minas y principalmente a Mr. Prot de Viéville que fue, empleando la frase vulgar y consagrada por el uso, el que nos trajo las gallinas».
Cando aínda non comezaran os traballos e tan só se realizaran simples exploracións que «xa dan emprego a 140 homes, que pronto aumentarán en moitos máis», Becerreá reborda o entusiasmo. Aínda máis, para a eficaz explotación destas minas e doutras que existen na contorna, tamén está en proxecto a construción dunha liña de ferrocarril que enlace, na Pobra de San Xiao, coa do Noroeste.
Estas explotacións mineiras tamén atraeron a admiración no Reino Unido. Albert Frederick Calvert describe con optimismo estas minas que serán explotadas pola Lugo Goldfields.
Quen adquirira inicialmente as concesións fora o francés Prot de Viéville de quen sospeitamos que se dedicou a acaparar amplas extensións de superficie coa finalidade da revenda pois solicitara varias pertenzas máis en Baleira, Castroverde, As Nogais, Cervantes…, entre elas tamén tiña a concesión da mina “Río Navia” no mesmo lugar de Igón, lindeira con “Anita”, e da mina “La Reunión”, situada en Marcelle. O certo é que Prot de Viéville, en anos posteriores, é declarado incurso en prema por débedas tributarias por non satisfacer o canon de concesións mineiras. Mais, antes de que isto sucedese, o enxeñeiro monsieur Prot de Viéville tamén tivo tempo de proxectar unha liña de tranvía eléctrico que enlazase Becerreá con Ribadeo pasando por Laxosa, Lugo, Rábade, Vilalba, Lourenzá e Mondoñedo. (El Correo de Lugo. 25/09/1900).
Mais, o que se afirma nos informes que se ofrecen nas xuntas de accionistas e na prensa non convence algúns dos membros e pronto xorden desavinzas. Un dos accionistas indica a conveniencia de eliminar os plans de traballo nalgunhas das minas, que non merecen, na súa opinión, máis investigacións, e solicita o aprazamento do pagamento do terceiro dividendo pasivo, xa anunciado, até que fose designado un enxeñeiro de confianza para que realizase unha visita de inspección. Fronte ás pretensións dos ingleses, representada polo seu xerente, Sr. Layman, o grupo español amosou o desexo de que enxeñeiros locais interviñesen nas operacións que se estaban a realizar ou, polo menos, que se emitisen informes sobre o bo uso das cantidades postas a disposición dos técnicos ingleses. Esta pretensión é abertamente rexeitada pola compañía inglesa, que ameaza coa caducidade a quen non pague o dividendo nos prazos legais. Neste ambiente de desconfianza, varios inversores venden as accións e publican na prensa as súas decisións. Os poucos traballadores que foran contratados deixan de cobrar e realizan folga. Tanto Prot de Viéville como o xerente Layman comezan a renunciar a moitos dos dereitos mineiros que tiñan concedidos e no Boletín Oficial da provincia de Lugo tamén se publican varias dilixencias de prema por falta de pagamento do canon das concesións das tan celebradas minas pouco tempo antes. Mais, tanto o francés como o inglés regresaran aos seus respectivos países. Aquí nada posuían e as débedas acumuladas vanse incrementando cos xuros de mora. A prensa, que antes zumegaba eloxios e optimismo por tan beneficiosos proxectos, mantense calada. Aquelas prometedoras explotacións mineiras ficaron enterradas na escuridade máis profunda dos campos de ouro da comarca dos Ancares.
Solicitantes de concesións de fóra da provincia
No capítulo IV da Memoria, os autores citan en primeiro lugar a casa J. B. Rochet y Compañía, de Bilbao, posuidora do couto mineiro de 49 pertenzas de Viloudriz. Trátase da Sociedad Sucesores J. B. Rochet y Compañía, empresa que, segundo a Estadística Minera de 1909, tamén posúe numerosas concesións para explotacións mineiras en Albares de la Ribera, Molinaseca, Igüeña (O Berzo), Valdesamario e Rabanal del Camino.
En segundo lugar, citan a Ricardo de Llano Oleaga, alcumado El Primer Minero de Lugo, nado en Portugalete e morto en Lugo en 1900, considerado como o descubridor dos xacementos de ferro de Viveiro, Ourol, Muras e O Incio. Desenvolveu gran parte da súa carreira profesional na provincia de Lugo. É considerado o descubridor das minas situadas en Viveiro e os seus arredores, comarca da que rexistrou varias vetas mineiras ao seu nome en 1889. Parga Pondal considérao «o primeiro gran mineiro que concibiu a explotación do mineral de ferro galego a grande escala[1]».
Da Real Compañía Asturiana, que os autores da Memoria citan deseguido, temos constancia nas publicacións da Estadística Minera, desde 1862, ocupada na extracción de mineral de zinc en Asturias e Cantabria e de chumbo, ferro e zinc, en Euskadi. Esta poderosa empresa fabricou e distribuíu ferros, zinc e chumbo e xa, en 1873 e 1874, solicita concesións de minas de ferro e chumbo, entre elas a chamada “Rosa” situada na Fonsagrada e varias outras (Monte da Cova en Ribadeo, Viveiro, Reinante, Vilameá, Trasparga, A Fonsagrada, Pilar de Santa María de Son en Navia de Suarna…). Participada con capital belga, e precursora da Real Compañía Asturiana de Minas de Carbón, mantivo a súa actividade desde 1853 a 1983, en que foi absorbida pola Asturiana de Zinc S. A. e, posteriormente, pola multinacional suíza Glencore.
O carlista vasco Pascual de Isasi Isasmendi Adaro, como afirman os autores da Memoria, tamén obtén numerosas concesións mineiras na provincia: Riotorto, Viloudriz, O Cebreiro, e outras máis en Trabada, Rego da Grandela en Mondoñedo, Abadín, Meira, Begonte, Cervantes…
O enxeñeiro xefe do Distrito mineiro da Coruña, Rafael Sáenz Díez, tamén citado polos autores da Memoria en compañía do ferrolán Manuel Ceberio Ortiz, teñen concesións de criadeiros de ferro en Vilameá.
O mesmo acontece con outros concesionarios como o bilbaíno Tomás Pedro de la Cuadra-Salcedo Zabálburu, cun couto mineiro no Courel; César Casar Blanco, que como xerente da SA Antimonios de Villarbacú, solicita concesións para minas de ferro no Courel; Enrique Gallet Artigue, en Begonte e Trasparga, quen, retornado ao seu domicilio de Bouen (Francia), por diversos edictos publicados posteriormente no BOP (29/12/1909) e na Gaceta de Madrid (11/05/1911), será requirido para o pagamento dos dereitos de superficie debidos por importe de 14.000 pesetas. O apelido Verdú que citan os autores indentifica a Javier Verdú Berger, tamén concesionario das minas “Equivocada” e “La Mejor” en Begonte.
Alén dos citados na Memoria, foron moitos outros os solicitantes de explotacións mineiras de fóra da provincia dos que temos datos no Boletín Oficial da Provincia. O madrileño Leandro Carbonell solicita 58 pertenzas de ferro na mina “Santiago” situada en Vilar de Ousón, Morcelle, Valiña Chaodevila e Horta, no concello de Becerreá e nas minas Niño “Jesús” e “Santa María” no concello de Pedrafita. O vasco Julián de Saracho Llamosas solicita pertenzas de ferro en Samos, O Incio e en Mercurín, no Courel. A sociedade mercantil, financeira e axencia de transportes marítimos Hijos de Marchesi Dalmau, con sede na Coruña, tamén obtén as concesións mineiras en Cervantes. Ramiro Martínez, en Láncara e Neira de Xusá…
[1] Parga Pondal, I. 1958. Las posibilidades mineras de Galicia. Revista de Economía de Galicia, 3-4, 8-10.
Cuncas mineiras solicitadas por lucenses
Na páxina 51 da Memoria, os autores recoñecen que a riqueza mineira da provincia, malia as moitas minas denunciadas e demarcadas por entidades de fóra, é tal que pode fornecer maiores empresas de explotación e executar verdadeiros negocios mineiros. Deseguido, enumeran aquelas persoas que teñen concesións do maior número de pertenzas.
O veciño da cidade de Lugo Juan Varela Gómez, membro da saga Varela de avogados lucenses (Benigno, tamén xornalista e director de El Regional, Mauro pai e fillo) obteñen concesións en Viveiro, O courel, Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil. O tamén lucense Julio Núñez González, en Viveiro, Portomarín, Paradela, Monforte, Viloudriz, O Freixo (Monforte), A Pobra de Brollón, O Courel. Tamén actúa como apoderado doutros solicitantes galegos e de fóra. E así, os autores da Memoria informan dun total de 34 persoas que, en 1901, son titulares de rexistros mineiros na provincia de Lugo, entre os que se inclúen eles mesmos.
Renuncias e embargos
A febre mineira pronto entra en crise. Por un lado, solicítanse concesións e, por outro, ao cabo de pouco tempo, os mesmos titulares renuncian aos dereitos outorgados. As leis de minas contemplan que os concesionarios de permisos poden renunciar en calquera momento a todo ou parte das pertenzas solicitadas ou concedidas.
No BOP de Lugo dos primeiros anos do século XX son moitas as publicacións de renuncias totais de dereitos mineiros. Unha causa pode ser que os concesionarios chegasen á conclusión da falta de rendibilidade das súas pertenzas. Pero, o máis probábel fose que as renuncias se debesen aos impostos que había que satisfacer pola superficie da concesión outorgada.
Estes impostos, no último terzo do século XIX e principios do XX, experimentaron moitas variacións. As leis mineiras e os seus regulamentos sucedíanse con cambios frecuentes. Como norma xeral, establecíanse dous tipos de impostos: un deles era o canon de superficie, trimestral ou anual, que impoñía unha cantidade fixa, nuns casos por hectárea e noutros por pertenza, que era preciso satisfacer houbese ou non extracción de minerais. Así, a Lei de 28 de marzo de 1900, reguladora do Imposto sobre a propiedade mineira, estabelece un canon anual de 15 pesetas para as minas de pedras preciosas e criadeiros de substancias metalíferas, exceptuando as de ferro, de 6 pesetas nas de ferro e demais substancias da segunda e terceira sección e de 4 pesetas nas de hulla, lignito e antracita. O segundo imposto fixa como cantidade a correspondente a unha porcentaxe que oscilaba entre o 2 e o 3 por cento sobre o valor do material extraído.
O feito de que os canons de investigación e de exploración houbese que pagalos malia non existir explotación nin beneficios supuxo que moitos solicitantes renunciasen a este tipo de concesións, como sucede, por exemplo, coa adquisición de 18 pertenzas de mineral de ferro, de título “Dositeo” no lugar do Rego dos Biduedos da parroquia de Guimarei (BOP 06/02/1902) e de 20 pertenzas de pirita de ferro co título de “Gonzalo” situadas no Reguendo, parroquia de Vilachambre (BOP 08/03/1902), ambas do concello de Neira de Xusá, por parte de Enrique López Dorado, veciño do lugar do Latadal. Dous meses despois da primeira das concesións, o solicitante presenta renuncia dos dereitos mineiros outorgados (BOP 10/04/1902).
Tamén son frecuentes os edictos que se publican no BOP, sobre todo a partir de 1908, nos que se notifica a celebración de poxas de embargo por mor de dereitos mineiros non satisfeitos á Facenda pública. Así, no BOP de Lugo do 29 de decembro de1909, publícase un embargo por falta de pagamento do dereito de minas correspondente a catro trimestres de canon de superficie por importe de 14.000 pesetas, unha cantidade moi elevada se temos en conta que, a principios de século, a dotación salarial anual dunha cátedra universitaria ascendía a 3.500 pesetas. Do titular desta concesión dise que é veciño de Boucan, Francia, situación que vai impedir a execución desta elevada débeda.
O médico Correa, nos primeiros anos do século XX, realiza numerosas solicitudes de concesións mineiras, unhas veces de ferro e outras de pirita de ferro.
A pirita (ou pirita de ferro) é o mineral de sulfuro máis abundante na terra. O seu aspecto brillante e dourado tradicionalmente confundiu os buscadores de fortuna e, por isto, foi coñecido co alcume do “ouro dos parvos”. A pirita (FeS2) concentrou a atención porque é o segundo mineral hóspede máis común para as especies de ouro. Esta asociación de minerais presenta unha complexidade diversa, xa que o ouro adoita estar diseminado nun tamaño moi fino (0,1 a 1,0 µm), o que require condicións extremas de trituración e/ou oxidación para liberar o metal e procesos de cianuración altamente contaminantes para o medio ambiente. É dicir, a obtención de ouro, nestes casos, non se consegue cavando e apañando pebidas como se fai cando se recollen as patacas senón con métodos moi agresivos que destrúen a natureza e acaban afectando a saúde das persoas que a habitan.
O médico Correa tivo continuador nos numerosos proxectos mineiros no seu fillo Juan Antonio Correa Calderón, quen, na segunda metade da década dos cincuenta e principios da dos sesenta, realizou exploracións mineiras nas terras de Becerreá (BOP 09/07/1958), Pol (BOP 13/06/1960), Baleira, Neira de Xusá, concretamente na zona do Barrancal e As Veigas, parroquia de Penarrubia, nas que, medio século antes, seu pai solicitara a concesión administrativa de 22 pertenzas de pirita de Ferro. (BOP 01/07/1958, BOP 19/01/1960, BOP 07/05/1960)…
Estudo completo dos ferrocarrís…
A falta de vías de comunicación na Galiza foi historicamente a maior rémora non só para a súa industrialización senón tamén para a comercialización dos produtos agrarios e gandeiros. A primeira liña de ferrocarril galega conectou a estación de Cornes, en Compostela, co porto de Carril, en Vilagarcía, ao longo de 42 km. Entre os seus accionistas encontrábase Luís de la Riva Barros, arrendatario da siderurxia de Sargadelos entre 1840-1860 e fundador, en 1848, dun alto forno por iniciativa da Compañía de Fundición de Hierro, constituída polos mesmos accionistas da Luis de la Riva y Compañía, que comezou a funcionar en 1873 en Carril.
En 1889, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago publica o Informe sobre la red de ferrocarriles secundarios más convenientes a la Región Gallega dirixido aos poderes do Estado, no que se demanda a aplicación do vapor á locomoción por medio de vías destinadas a facilitar transportes rápidos e económicos e, para isto, propón a construción de vinte e dúas liñas secundarias para comunicar o interior de Galiza coas liñas de ancho ibérico e cos portos de Vigo, A Coruña e cos das vilas do Cantábrico (Ribadeo, Foz e Viveiro).
Desde 1875 é posíbel a comunicación ferroviaria entre as cidades de Lugo e A Coruña e, desde 1883, encóntrase operativa a liña Palencia-A Coruña, que atravesa terras lucenses desde o sueste cara o oeste con ramificación en Monforte para Ourense e Vigo. Con esta liña establécese tamén comunicación desde o interior coas dúas cidades galegas con forte implicación de actividades mercantís e comerciais vencelladas ao transporte marítimo. Favorece, ademais, as actividades agrícolas e gandeiras e a emigración cara América.
Como expoñen os autores da Memoria, a explotación dos numerosos xacementos mineiros da provincia devén inviábel por ausencia de medios de transporte para comercializalos, pois só resultan explotábeis as minas próximas ás estacións de tren existentes. A opción que restaba era a construción de máis quilómetros de ferrocarril que permitisen o traslado do mineral aos portos.
Na provincia de Lugo, a única liña de ferrocarril secundario que se puxo en funcionamento desde 1903 até 1964 foi a que serviu para a condución do mineral de ferro extraído nas minas de Viloudriz até o peirao de Ribadeo. Posteriormente, en 1968, entrará en funcionamento o treito Viveiro-Vegadeo da liña Ferrol-Gijón.
Conscientes os autores da memoria Minas de la provincia de Lugo y ferrocarriles más económicos para su explotación de que «nada más esencial para el adelantamiento de un pueblo que las vías de comunicación…» e de que «el estado precario que se observa en la mayor parte de las diversas localidades del territorio lucense, y aún su misma capital, es una prueba inequívoca del triste resultado que ha producido la inercia de los hijos de este país y el desdén de los que estaban llamados a velar por sus intereses…» (páxinas 62-63), propoñen a instalación de oito novas liñas secundarias de ferrocarril que complementen a única en obras (Viloudriz-Ribadeo) e a en funcionamento de ancho ibérico A Coruña-Palencia con derivación desde Monforte a Ourense-Vigo.
Liña A Coruña-Palencia e Monforte-Ourense-Vigo
A coñecida oficialmente como Línea Ferroviaria del Noroeste, malia a vantaxe de atravesar as importantes cuncas mineiras de Ribas de Sil, Quiroga, A Pobra de Brollón, Monforte, Castro de Rei, Vilalba, Friol, Trasparga e Baamonde, presenta o grave inconveniente das elevadas tarifas que aplica ao transporte dos minerais extraídos. Os autores da Memoria insisten na necesidade de que reduza os prezos que cobra por tonelada e quilómetro. Consideran tamén os autores que, na cidade de A Coruña, é necesario derrubar os barracóns da Palloza e construír un bo embarcadoiro como o que neses momentos se está a proxectar en Garás.
Necesidade doutras vías
Alén da única liña de ferrocarril en funcionamento en 1901 cando se redacta esta Memoria, os autores propoñen estoutras oito:
1.- Ribadeo-Viloudriz
Xa en fase de construción no momento en que os autores redactan o informe, esta nova liña de ferrocarril «viene a ser como la mecha explosiva de un movimiento que irremisiblemente ha de arrastrar la provincia de Lugo al bonancible oleage [sic] del progreso» porque o peirao de Ribadeo, «el más cercano de Galicia a los del Reino Unido de Inglaterra, está llamado a ser como el emporio del comercio y movimiento de explotación que las diferentes comarcas de la provincia de Lugo han de sostener en breve con los demás pueblos de Europa y América» (Páx. 71).
2.- Viloudriz-Lugo
A liña anterior debe prolongarse até a cidade de Lugo pasando por Castro de Rei, Pol e Meira. A súa lonxitude non excede os 80 quilómetros. Desta maneira, andando o tempo, poderían unirse as cidades de Lugo e Oviedo.
3.- Viloudriz – Pedrafita- Villafranca del Bierzo
Desde Viloudriz partiría estoutra liña polas ribeiras do Eo até internarse en Meira, A Fonsagrada, Baleira, a seguir polo val de Neira de Rei, Becerreá, As Nogais, Pedrafita e Vilafranca. Á propia Sociedad Sucesores J. B. Rochet y Compañía, que explota as minas de Viloudriz, seríalle de moita utilidade o servizo desta liña para exportar os minerais das numerosas concesións que posúe no Bierzo e noutras terras leonesas. Alén disto, «hay que tener en cuenta la riqueza pecuaria y demás producciones de los fértiles países por que atraviesa este trazado…».
O becerrense Eduardo Rosón López, en 1924, insiste na necesidade desta vía. Como presidente da Comisión pro ferrocarril Vilafranca-Ribadeo-Cádavo-Lugo, presenta solicitude dirixida á Comisión da Deputación provincial “interesando que dicha corporación provincial solicite del Estado la construcción urgente de la referida línea, de interés sumo para la región gallega” (La voz de la Verdad. 16/12/1924).
Este fracasado proxecto de ferrocarril remóntase a 1885 cando o deputado pola Fonsagrada Juan Bautista Neira, natural do Cereixal, Becerreá, presenta a iniciativa parlamentaria da construción da liña férrea desde Toral de los Vados ao porto de Ribadeo para transportar mineral de ferro desde León, pasando por Viloudriz, até a industria vasca e a exportación desde o Cantábrico.
Posteriormente, xa no século XX, Portela Valladares, deputado polo distrito de Fonsagrada, retoma en varias ocasións esta iniciativa. Na ditadura de Primo de Rivera, diversas iniciativas pretenderon de novo prolongar este treito con proxectos como o que solicita Eduardo Rosón López: Vilafranca-Cádavo-Meira-Ribadeo.
4.- Viveiro-Baamonde
Partindo do peirao de Viveiro, uniríase coa liña do Noroeste (A Coruña-Palencia) en Baamonde pasando por Ourol, Muras e Vilalba.
5.- Foz-Castro de Rei
Desde Foz, Celeiro, Lourenzá, Mondoñedo, uniríase en Castro de Rei coa liña Lugo-Viloudriz-Ribadeo.
6.- Lugo-Liña Monforte-Ourense
Pola cunca dereita do Miño, cruzaría Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo até xuntarse coa liña Monforte-Ourense.
7 e 8.- Ramais O Incio e O Courel
Estas dúas importantes cuncas mineiras non poden ficar incomunicadas debido á súa riqueza mineira. Os autores da Memoria propoñen unir cadansúa destas zonas coa liña que, desde Castro de Rei, conduce a Villafranca del Bierzo. As conexións poderían realizarse nas Nogais ou en Pedrafita.
Rematan os autores deste proxecto de liñas de ferrocarril para a provincia de Lugo recoñecendo que «tal vez haya quien juzgue ilusorios estos trazados, que después de todo, hoy por hoy, pudieran asemejarse a un cuento de hadas, pero que, juzgando imparcialmente sobre el progreso y desarrollo de la riqueza lucense, hay que admitir que nada más útil para todo el país que poner sus respectivas localidades y cuencas mineras en relación directa y de una manera pronta y económica con los más próximos puertos de embarque como son los de La Coruña, Ribadeo, Foz, Vivero, a los que llevarían también los beneficios del progreso».
Tranvías aéreos e planos inclinados
Mais o problema do transporte do mineral non remata coa instalación de liñas de ferrocarril para conducilo desde os criadeiros até o destino, xeralmente, os portos das cidades atlánticas e das vilas do Cantábrico. Desde cadansúa bocamina é preciso carretalo até as estacións de tren máis próximas. Para isto, en moitos casos, nos tempos en que os autores redactan a Memoria aínda se empregan os carros de bois. Así o testemuña a Estadística Minera de 1903 para o caso das minas de Baamonde: «se ha arrancado algún mineral en la parte Norte de los criaderos de Baamonde transportándole en carros, cuatro kilómetros, a la estación de este pueblo, y de allí, por ferrocarril, a La Coruña, en una longitud de 88 kilómetros. Estos transportes, el elevado precio de las tarifas y el que no hay en esta capital el debido enlace de la vía férrea con el puerto, son graves obstáculos para la salida de los minerales de Baamonde».
Alén disto, as vetas de mineral estaban situadas en zonas elevadas e lonxe dos puntos de embarque e consumo.
Coa minería a grande escala, desde finais do século XIX, comezan a deseñarse e, nalgúns casos, tamén a construírse redes de infraestruturas complementarias do ferrocarril para achegar o mineral extraído aos puntos de destino: Tranvías aéreos e planos inclinados.
Por medio dos tranvías aéreos (teleféricos), o mineral transpórtase en baldes ou cabinas suspendidas dun ou máis cables de aceiro. O peso descansa integramente sobre os cables e as torres de soporte. Nos planos inclinados, a carga móvese en carros que circulan por raís ou ramplas fixadas ao chan. O cable só exerce a forza de tracción para subir ou baixar o vehículo e non soporta o peso vertical.
En 1900, estes sistemas, na explotación mineira, van substituíndo a tracción animal co que se incrementa a cantidade de mineral extraído. Isto é o que está a acontecer, recoñecen os autores da Memoria, nas minas da Silvarosa coa instalación dun cable aéreo de sistema Bleichert para transportar o mineral até a Ínsua, na ría de Vivero, desde onde se exporta a Inglaterra e Alemaña. E isto sucederá, pasados máis de vinte anos, nas minas do Freixo, cando entre en funcionamento o transporte funicular aéreo de 7.700 metros de lonxitude, con vagonetas suspendidas de cables desde a bocamina até a estación ferroviaria de Canaval, no veciño concello de Sober.
Os autores da Memoria propoñen dous modelos de tranvías aéreos (xa for co sistema Theodor Otto ou Charles Hodgson) e a opción dos planos inclinados cos seus respectivos orzamentos. O sistema Hodgson é máis simple e barato porque opera cun só cable portador, mentres que o Otto opera con dous. Este último comercialmente era coñecido como Bleichert porque, se ben a compañía se fundara como Bleichert & Otto en 1874, este último enxeñeiro abandonouna dous anos despois mentres Bleichert continuou dedicándose plenamente ao negocio dos teleféricos, fundando a empresa Adolf Bleichert & Co. A partir deste momento, o desenvolvemento dos teleféricos para mercadorías foi constante, especialmente o sistema de dobre cable, debido ás súas innegábeis vantaxes sobre o sistema de cable único.





















