13 de setembro. 1959

No bloomsday 2022. Ano do centenario do Ulises

Domingo pola mañá

13 de setembro de 1959. Domingo

Son as 10 da mañá. Dentro dunha hora hai misa. Teño que lavarme e mudar de roupa para ir á igrexa, como todos os domingos. Aos sete anos xa temos uso de razón, a primeira comuñón está feita e hai que santificar as festas. Santificar as festas é ir á igrexa os domingos e os festivos. Ademais, o cura non se leva ben cos que non van a misa. Non fala con eles. Iso é certo, mais tamén é certo que os que non van a misa tampouco non falan co cura, pero falan cos demais veciños, ou con case todos porque cos que están enfadados tampouco non falan. Hai veciños de Penarrubia que cando se cruzan nun camiño non se falan porque se levan mal. Tamén os hai que son moi amigos e están sempre xuntos uns nas casas dos outros e van xuntos ás feiras e, no verán, tamén van xuntos á festa do San Vitorio.

Teño maniotas e estou canso de onte. Estivemos todo o día apañando patacas. A min tocoume quedar na aira escolléndoas: as de comer na pataqueira, as dos cochos tamén na pataqueira pero amoreadas noutro lugar, e as de vender metidas en sacos de zarapelleira. Eu teño un cesto pequeno, máis pequeno que os cestos das persoas grandes. E todo o día con ese cesto cheo de patacas vai e vén á pataqueira e non só iso, o peor era estar anicado enchendo o cesto de patacas grandes con grandes e pequenas con pequenas e vai e vén toda a tarde. Non estaba eu só. Estaban tamén axudando Jesús do Barbeiro e Celia, a filla meirande. Pero Jesús estaba no Valado apañando coa picaña. Na aira estabamos os tres irmáns, a avoa, Celia e Suso de Miguelín, que era quen levaba os cestos grandes e as cestas atacados de patacas á pataqueira. Suso ten moita forza e carreta dous cestos á vez. E non podiamos parar de escoller e de carretar patacas. E despois, cando xa estaban escollidas as do último carro, xa foi mellor. Os nenos só tiñamos que armar os sacos para que os grandes os enchesen de patacas de vender. Enchemos dezasete sacos. Meu pai di que este ano hai menos patacas que doutras veces. Despois, pesamos os sacos coa romana, os dezasete sacos. A romana colgouse nunha viga da palleira e entre Suso de Miguelín e meu pai foron pesando todos os sacos. Meu pai escribía o peso de cada saco nun caderno que garda nunha maletiña de madeira que ten no armario. Ten todo escrito nel. Tamén hai outras cousas escritas nesa caderno que escribiran meu avó e tamén meu bisavó José. En total, son 645 quilos de patacas para vender. Un día destes vén o comprador e hai que baixar os sacos á estrada para que os leve no camión. O comprador viste un blusón azul, parece un xateiro, pero eu creo que non é xateiro. Ten mal xenio. Antes de cargalas no camión, mira como son as patacas de cada saco e, ás veces, di que non son boas e di que paga menos por elas. O ano pasado o comprador estaba de moi mal xenio e dicía que as patacas dalgúns sacos eran pequenas e arrouñadas e que non valían. Meu pai tamén se cabreou e díxolle que se non llas pagaba como as outras que non llas vendía e que prefería darllas aos cochos que regalarllas. Esas patacas van para Lugo. Alí cómenas os señoritos fritidas con ovos. Unha vez fun a Lugo e tamén comín patacas, patacas con ósos. Eran ósos e na casa non comemos os ósos. Os ósos dámosllos á cadela. Eran ósos cun pouco de carne cada un. Meu pai dicíame que era carne de año. Eu nunca comera esa carne con tantos ósos. En Lugo había moitas cousas, pero todas estaban detrás dos cristais. Había roupa, zapatos, potas, tendas de comida e tamén tabernas. E moita xente andando. Os homes levaban sombreiro, pero non de palla como levan os homes en Penarrubia. E había mulleres que non levaban pano na cabeza, pero outras si levaban pano na cabeza e mantelo.

—Ai neno, ven que che peiteo eses pelos esmarañados. Este remuíño que se resiste e vanse rir de ti na igrexa con el así. 

Miña nai mollou o peite na auga e pasoumo polo pelo e deixoume a cabeza como lambida dunha vaca. Agora si que che estou bonito e si que van rir de min na igrexa. Quedareime atrás de todo para que non me vexan coa cabeza así lambida.

Na igrexa

Uff! A igrexa está chea de xente. Diante, a nai do cura e as outras mulleres: Rosalía de Ruán, Concha de Lopo, Elena de Preto, Virtudes de Vazque, Josefa de Martiz, Ánxela de Verdeal, Paca de Montenegro, Josefa de Moreno… e moitas máis. Cada unha ten un reclinatorio, algúns cos nomes escritos na madeira. Chámanse reclinatorios, que nos dixo o cura que se chaman así e non cadeiras. O cura corríxenos moitas veces e nós seguimos chamándolles cadeiras ou sillas tamén, e el insiste en que los reclinatorios sirven para arrodillarse aunque también pueden ser usados para sentarse y los reclinatorios están en la iglesia y las sillas pueden estar en otros lugares. Menos mal que hoxe non dá clase o cura como fai polas tardes. Non se me dan as divisións. O cura cos maiores fala de tres cuartos e dous medios e chámanlles quebrados. Non entendo nada porque quebrados son os homes aos que se lles botan as tripas fóra. O inverno pasado naceu un xato quebrado, tiña as tripas fóra e non houbo xeito de meterllas dentro e acabou morrendo. O que máis me gusta é a Historia sagrada. Ten cousas moi bonitas como os doce fillos de Xacob cando venderon o seu irmán Xosé e cando van a Exipto comprar pan porque en Israel había moita fame. Aquí en Penarrubia non hai fame, hai pan e patacas para comer e leite tamén. Os que pasan fame non son de Penarrubia, veñen de fóra pedindo polas portas. Tamén veñen as monxas pedindo para o Asilo de Lugo e levan un saco de patacas e van contentas porque din que en Lugo hai xente que pasa fame. Na escola dannos queixo amarelo que vén dentro dun bote tamén amarelo. O outro día, acabouse o queixo e o mestre deume a min o bote e téñoo ben gardado porque é moi bonito, por dentro parece de ouro de tanto que brilla. Por fóra é menos amarelo cunhas letras negras PEOPLE OF THE UNITED STATES OF AMERICA, que non entendo, non entendo esas palabras negras, só entendo AMERICA. Tampouco entendo o latín, non entendo o latín que se reza na misa, nada de nada. O cura e o sancristán falan toda a misa en latín e non sei se entenderán o que falan. Os demais estamos calados e só sabemos contestarlle ao cura con espirito túo cando dá a volta e abre e pecha os brazos dicindo dominus vobiscum. O sancristán sabe latín porque sempre lle contesta ao cura en alto e sabe responder ás présas sen pensar. Porque eu, cando me toman a lección, teño que pensar, vou pensando un pouco antes de responder e cando penso miro para arriba para non esquecer a lección. Detrás están os homes, José de Montenegro, Jesús de Abaixo da Fonte dos Poios, Bautista do Carrocheiro, Paco de Ribeiro, Caetano da Penela, José de Mofín, o señor José xa vai moi velliño e agora está el só na casa porque morreu a señora Petra, Paco de Val, Paco da Fontenova, Guillermo do Costureiro, O Bochinche, tamén está O Bochinche, Suso de Miguelín sempre queda de pé ao lado da pía do bautismo… O Sancristán está arriba no altar cerca do cura…

Pepe tamén toca a campaíña e levanta a roupa dourada que leva o cura cando se axeonlla e despois levanta a hostia

Tamén está arriba, onde o cura, Pepe de Ribeiro, que sae da sancristía diante do cura, Pepe tamén toca a campaíña e levanta a roupa esa dourada que leva o cura cando se axeonlla e despois levanta a hostia e a copa.

In nomine Patris et Filii et Spiritus Sancti.

Amen

Introibo ad altare Dei.

Ad Deum qui laetificat iuventutem meam.

Confiteor Deo omnipotenti, beatae Mariae semper Virgini, beato Michaeli Archangelo, beato Joannni Baptistae, sanctis apostolis Petro et Paulo, omnibus Sanctis et tibi Pater quia peccavi nimis cogitatione…

Volto de cara aos fregueses, con voz metálica e ton escolástico, o cura Barreiro, cara redonda e ollos pequenos detrás de grosos lentes, debulla longa homilía rebereteada de densas pingas teolóxicas.

Vosotros realizáis a diario vuestros trabajos en contacto con la tierra, pero no debéis olvidar la oración, ora et labora, porque orar es una operación vital tan importante como cultivar la tierra de la que recogéis los frutos con los que nos nutrimos. Santo Tomás de Aquino considera la inteligencia como la parte más noble del hombre y la oración como elevatio mentis in Deo; el padre Ripalda, al optar por la preponderancia de la voluntad, dice que orar es levantar el corazón a Dios y pedirle mercedes. Pero, en la oración, además de la inteligencia y la voluntad, intervienen otras facultades vitales del hombre. Según el pensamiento de Santa Teresa de Jesús, la oración es una conversación con Nuestro Padre Dios, con Nuestra Madre la Santísima Virgen y con nuestros hermanos los santos… Nuestro trabajo diario debe ser oración… es una triste realidad que nuestro trabajo carezca de la relación de sacrificio teológico, no sea oración, porque carezca de ofrecimiento… recemos a diario para dar valor a nuestro trabajo… 

…Mulleres axeonlladas nos reclinatorios, homes co xeonllo fincado no chan e boina na man… As mulleres érguense e dispóñense en fila, o cura está diante delas, borboriñando, sostendo a cousa nas mans da que colle o pequeno círculo branco, pan dos anxos, fai unha cruz diante de cada unha, saca cada círculo, sacúdelle algunha pinga, ¿estará na auga?, e colócalella limpamente na boca. Inclinan a cabeza dentro do pano que llela cobre. Despois, outra, unha velliña moi pequena. O cura volve facer a cruz e, con delicadeza, colócallo na boca, sempre borboriñando. Latín. A seguinte. Abre a boca e pecha os ollos. Latín. Corpus… non esmagar cos dentes, tragar sen máis. Despois, tamén van algúns homes, que logo baixan, máscaras cegas remando nave abaixo, na procura do seu destino coas mans diante do peito sostendo a boina negra. José de Montenegro, sombreiro de feltro. Pan dos anxos, o reino de Deus está dentro de cada un, mana felicidade, fe cega no reino futuro. Ávidos lotófagos na procura de Ítaca. 

O cura garda a copa da comuñón, péchaa con chave. Axeónllase mostrando os baixos dos pantalóns e a sola gris do zapato debaixo do asunto ese de encaixes que leva posto… Despois, bica o altar, vírase cara a xente e bendícea, todos fan o sinal da cruz e érguense… O cura baixa do altar, sostendo a cousa afastada del, e o sancristán respóndelle en latín. Mais, cando están marchando xa, o cura clama no medio do troupeleo das zocas ferradas: 

El próximo día 18, viernes, celebraremos el cabodeaño de la señora Brígida del Furoco a las diez de la mañana. Y también os tengo que decir que voy a estar fuera hasta ese día y que, si necesitan sacerdote, queda don Pedro, el párroco de Piedrafita a su disposición. Vayan con Dios.

O cura Barreiro anda moi ocupado nestes tempos. Vaise no coche negro ese que ten e que tanto se avaría. Din que vai estudar a Salamanca. Si. Pasa moito tempo lendo libros e escribindo e ten unha máquina de escribir e, despois de darnos clase polas tardes, din que segue lendo de noite e escribindo papeis e ten na sala da reitoral luz de carburo para ver mellor. Claro, de tanto ler ten que refregar os ollos e saca as gafas e freta os ollos co furabolos da man dereita. Escribe moitos papeis con esa letra tan ben feita que ten. Que ben! Non hai clase estes días que se vai de Penarrubia. Teño moitas divisións que facer no caderno e así fareinas con tempo.

En Tralaira

Despois de comer, nesta tarde fresca de setembro, rompeuse a tranquilidade. O Xenxo do Val de Arriba que vén os domingos en bicicleta mocear coa rapaza de Preto di que anda por Quintá o comprador de patacas co camión e que esta tarde pasa sen falta pola Pena para recoller as de Penarrubia. Di que o camión é grande e non pode subir pola costa das Cruces e que teñen que estar todos os sacos abaixo na estrada. A noticia percorreu do Curral de Arriba para o de Abaixo como un lóstrego. Como imos facer se é domingo e non podemos xunguir as vacas para levar as patacas no carro até a estrada? De todas as casas acode a xente a Tralaira e alí toma a palabra Manuel de Martiz:

—Será mellor pedirlle permiso para apoñer as vacas ao carro ao señor Domingo, o pai do cura. El traballa a terra e sabe o que pasamos os labregos.

Retrucou Enrique de Preto: —Non. Polos cravos de Cristo! O señor Domingo é moi relixioso e non vai dar permiso. O día da Virxe de agosto, por non apoñer a vaca pinta, veu el tirando do carretón cargado da herba que gadañara no Valado e viña suando como un cocho pola costa do Codesal. 

Todos asentiron. Manuel da Casela propón que alguén vaia a Pedrafita e lle pida permiso a don Pedro, o cura desa parroquia veciña. Constantino de Lopo oponse con firmeza:

—Non hai tempo. Entre ir e vir de Pedrafita pasou o camión e quedan as patacas sen vender.

—Teño eu a solución, dixo José de Mofín dirixindo a mirada a José de Moreno. Fun garda de asalto en Madrid, como ben sabedes. E cando se ausenta o xefe, quen asume o mando é o xefe que está máis abaixo. Pois, como falta o párroco, quen é competente para dar permiso é o Sancristán.

Todos asentiron. O Sancristán botou a man á boina retirándoa cara atrás e volvéndoa colocar onde estaba. Logo, con parsimonia, exclamou dirixíndose á concorrencia:

Hanc veniam damus petimusque vicissim. Mais, por Cristo moreno, engraxade ben as treitoiras para que non canten os carros!

Pouco despois, asomado á fiestra da casa, coa mirada infantil, contemplei absorto o espectáculo inesquecíbel de catro carros en ringleira baixando silenciosos polo Camín das Cruces.

Os catro carros cargados de patacas baixando polas Cruces

Relacionados...

Suso de Moreno

12 de outubro 2024 Hoxe quedamos sen ti, Suso de Moreno. Sabemos que loitaches con forza e con optimismo até os últimos

Parque eólico Serra do Puñago

En datas recentes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha resolución pola que suspende cautelarmente o inicio das obras do

Ouro en Penarrubia

Xρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴνὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγονQuen busca ouro cava moito e saca pouco.Heráclito Xacementos mineiros en Penarrubia Coñecemos as

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario