Vivendas

Hoxe contamos con medios que os nosos antepasados a mediados do século XVIII nin remotamente podían imaxinar. Pulsamos un botón e acéndese a luz, abrimos a billa e sae a auga para bebermos ou para nos asear. Podemos cociñar sen empregar leña. Desprazámonos andando ou en vehículo por vías sen lama… Mais isto non era así no pasado. Os camiños eran lamacentos, poucas persoas podían dispor dunha cabalgadura para desprazarse, recollíase a auga da chuvia para aproveitala… Os viaxeiros que transitaban as poucas vías de comunicación existentes laiábanse do mal estado en que se atopaban e describían como os humanos compartían nas casas a súa morada cos animais entre paredes cubertas de feluxe orixinada polo fume das lareiras. 

John Adams

Un deses viaxeiros en decembro de 1779 foi John Adams, quen había de ser, dezaoito anos despois, o segundo presidente dos Estados Unidos. No seu percorrido desde o litoral coruñés, onde se lle avariara o barco que o había de conducir até as costas francesas, atravesa o Reino de Galiza en pleno inverno e anota nos seus diarios as impresións que lle producen as xentes e as paisaxes galegas. Escribe que o venres 31 de decembro de 1779 fomos de Baralla ao Cebreiro. Este día a viaxe foi máis agradábel que de costume; o aire era sumamente seco e claro, e a estrada non era tan mala como esperabamos. Presenciamos aquí o despregue máis grandioso de salvaxes e irregulares montañas que endexamais vira; e, sen embargo, estaban cultivadas e traballadas até o cumio. Os campos de cereais estaban todos verdes… Todas as casas ao longo da estrada eran de pedra e pequenas. Unhas tiñan tellado de palla e outras de pedra de lousa, na súa maior parte cubertos de palla coa que se entrelazan ramas de arbusto do que se fan as vasoiras. Estes tellados cubertos de palla abundan moito aquí: son sempre sucios e cheos de fume. A xente leva sombreiros de aba ancha, capas de pano de la, o mesmo que os seus gabáns, chaquetas e pequenos mantos, da mesma la de carneiro negro, sen tinxir e, polo tanto, todos teñen a mesma cor… Non vimos máis que pobreza e miseria na xente; unha terra fértil só cultivada a medias; a xente en farrapos e sucia; e nas casas nada máis que sucidade, fume, feluxe, pulgas e poios. O único que parece rico son as igrexas, ninguén máis que os curas están gordos. Moitas das casas que encontramos estaban construídas con barro, entre as vigas. Nove partes delas son inhabitábeis e están cubertas de po. E, sen embargo, en medio destas escenas de desolación, víase unha espléndida igrexa; e de cando en cando, un crego arroibado, vestido coa súa orgullosa indumentaria eclesiástica, deambulando entre os labregos. Os camiños son malísimos, sen excepción os peores que pode haber en calquera país; e nun país onde é fácil facelos moi bos. Non hai indicios de comercio, ou de tráfico interno, nin tampouco de fabricación ou de industria… (Im Emilio González López: El paso por Galicia de dos futuros presidentes de Estados Unidos: John Adams y su hijo John Quincy Adams. Editorial Trifolium. A Coruña. 2005). Impresións semellantes ás de John Adams deixáraas tamén por escrito anos antes o xastre francés Guillaume Manier cando en 1726 realizou o percorrido inverso cara a Compostela: as vacas dormen na mesma casa, coa reserva dun pau que os separa, coa manxadoria para comer. Os porcos e outros animais están en liberdade de andar patrullando durante a noite por todos os recunchos da casa. 

Guillaume Manier

Como nota xocosa o mesmo Manier narra unha anécdota que lle sucedeu a un dos seus acompañantes cando pasaron a noite nunha das vivendas labregas: Tiveron que durmir en compañía dos habitantes da devandita casa e dun grupo de porcos que se paseaban ás súas anchas na escuridade da estancia que todos debían compartir. Un destes animais achegouse ao macuto do seu camarada, que este empregaba de almofada, co propósito de apoderarse dun nabo que había no seu interior. O animal mordeu ao mesmo tempo o macuto e parte da cabeleira do viaxeiro, levándose a ambos consigo. E prosegue o narrador: On a allumé la lampe pour voir ce que c’était. L’on a d’abord vu monsieur le cochon en bataille avec ses camarades, qui voulaient être de moitié de sa capture. Ce qui fut le sujet de la comédie des Espagnols, le reste de la nuit, et le sujet des jurements exécrables de Hermant qui ne se possédait pas, si tellement que si on lui en parlait encore aujourd’hui, il jurerait de nouveau, comme si la chose venait de lui arriver.

O pai Feixoo, en 1739, no Teatro crítico debuxa un panorama semellante: nestas terras non hai máis que xente famenta nin máis desabrigada que os labregos. Catro trapos cobren as súas carnes; ou mellor, direi que polas moitas roturas que teñen descóbrenas. A habitación está tan rota como o vestido, de modo que o vento e a choiva entran por ela como pola súa casa

Teatro Crítico Universal+DE CASTRO

En 1764, o italiano Paolo Bacci, cóengo da catedral de Arezzo, dicía que como de costume pasamos primeiro pola corte e logo pola cociña, onde había uns porcos. A cociña e a corte eran unha soa habitación, divididas por unha pequena parede. Na cociña estaba a cama, feita cun pouco de palla e unhas mantas, pero sen sabas, dentro dunha especie de caixón feito de madeira. En 1765, o xurista lucense Juan Francisco de Castro, en Discursos críticos sobre las leyes y sus intérpretes, afirmaba que os seus paisanos vivían como brutos, con case os mesmos alimentos que estes e con pouca menos indecencia nas súas habitacións, atraendo en si o oprobio do resto de España. (Ofelia Rei Castelao: Casas y cosas en la Galicia occidental en el siglo XVIII).

Claro está, non todos os veciños vivían nas mesmas condicións como sucede no decurso da historia. Estamos habituados a ler publicacións de historiadores e escritores que presentan a suntuosidade dos pazos galegos como o cumio do sibaritismo. Isto pode ser certo en determinados casos, mais na maioría das vivendas onde residían os fidalgos rendeiros, as construcións carecían da suntuosidade versallesca do Pazo de Oca. Aínda máis, estas construcións nin sequera eran denominadas así senón unhas veces casa principal e noutras, casa grande ou casa do señor.

Casa Principal de A Pena.

Residencia da familia do morgado Pedro Santiso Ulloa. No expediente de Comprobación do ano 1760 figura descrita como “una casa de piedra cubierta de losa con su alto, y sus dos orreos sita en el barrio da Pena. Hace de frente diez y ocho baras y de fondo diez y ocho. Linda a la derecha e izquierda con su dueño. Regulado su alquiler en quince reales de vellón. Los peritos le regulan en diez reales”. 

Casa Principal de A Pena

Cremos que a actual casa Principal da A Pena, desde hai anos coñecida tamén como do Carteiro, conserva o mesmo edificio que existía no século XVIII. Mais, as medidas que nos ofrece a descrición do ano 1760 non coinciden coas reais. A actual casa da Pena no seu lateral occidental mide aproximadamente 37 metros e no seu lateral sur, o fondo, mide uns 21 metros, medidas ambas que non coinciden coas 18 varas (=15 metros) que ofrece o documento. Unha vez máis, comprobamos diverxencias importantes entre o que se recolle no Catastro e a realidade. E de novo preguntámonos a que son debidas estas diferenzas. ¿Falséase a información coa finalidade de evadir o fisco? ¿Están para isto de acordo os propietarios dos inmobles e os peritos encargados de reflectir os datos documentalmente? Pensamos que se trata disto tendo en conta ademais que Pedro Santiso Ulloa era nese momento o xuíz ordinario da Xurisdición de Neira de Rei e como tal estaba protexido fronte ao poder superior. 

Hoxe, todas as casas da freguesía teñen o teito cuberto de lousa. Mais, moitas das vivendas naqueles tempos tiñan o teitume de palla. O feito do emprego da lousa era sinal de identificación dos seus moradores coa situación social e económica superior. Nos documentos notariais que se realizan na segunda metade do século XIX, malia seren poucas as casas con teitume de palla, segue existindo a referencia á cuberta con lousa en oposición ás denominadas pajazas. Na primeira metade do século XX o único recordo que mantemos dun edificio con teitume de palla localízase na Pena en parte da casa de Méndez. A expresión con su alto indica que as dependencias dos humanos estaban situadas no sobrado, ao que se accedía a través de escaleiras exteriores de pedra cubertas por un soportal sustentado en dúas columnas. A tipoloxía desta construción segue o modelo común de edificación de gran tamaño, cuadrangular ou rectangular, con curral no interior ao que se abre un corredor que servía como patio ou centro distribuidor. A estrutura principal da vivenda prolóngase cara o norte con tramos murais nos que se erixiron novas dependencias como fornos, cortes, palleiras, adegas, capela, etc. Imaxinamos no seu interior os cuartos, gabinetes, salas e antesalas coa respectiva mobiliaria confeccionada en madeira de castiñeiro.

Ademais da casa, a familia Santiso Ulloa mantiña na freguesía 36 propiedades máis.

Un molino nombrado da Cortiña do Río do Pombal al sitio del mismo nombre. Muele con una muela y agua del arroio del Barrancal la tercia parte regulado su producto en treinta reales de vellón. Los peritos le regulan diez y ocho reales. Y las treinta y seis partidas restantes del asiento de este interesado se confrontan. Dos Bueyes de labor, dos bacas de bientre: dos terneras de seis meses, dos nobillas de un año, otras dos de dos años, otras dos de tres años, quatro obejas de vientre, tres corderos de nuebe meses, seis carneros, diez cerdosas de vientre, diez cerdositos de seis meses y un jaco de dos años.

O muíño que se cita estaría situado a carón da casa, na cortiña do Río do Pombal. Aínda hoxe se conserva o topónimo O Pombal para designar o extenso prado de máis de unha hectárea que rodea o edificio polo suroeste e que indica con claridade que nese lugar había unha construción destinada ao habitáculo das pombas, tan característica da fidalguía. Deste xeito, a poucos metros de distancia, existirían dous muíños: o de Montenegro, a uns metros ao oeste, e estoutro da Casa Principal da Pena.

De seguido, enumérase a totalidade da facenda dos Santiso Ulloa. A nómina dos bovinos (12) componse de dous bois, dúas vacas adultas, dúas xatas e seis xovencas. Os bóvidos suman 13: catro ovellas, tres años e seis carneiros. Entre cochas de cría (10) e ranchos (10), fan unha vintena. Esta casa, como non podía ser menos, tamén contaba cun cabalo. Trátase dunha facenda abondosa, suficiente para as necesidades alimenticias da familia Santiso Ulloa e para agasallar as frecuentes visitas que recibirían doutros fidalgos e clérigos da contorna. A estes bens que se enumeran hai que engadir as elevadas rendas en especie que percibían por parte dos numerosos foreiros que traballaban as terras dos seus dominios. Deducimos, pois, que esta familia fidalga, ademais de percibir as rendas dos labregos polo exercicio do dominio útil das terras, tamén explotaba directamente algunhas das súas propiedades para manter diariamente estes 46 animais que se citan. Claro está, estes traballos eran realizados polos oito criados que servían na Casa Principal, dous deles maiores de 18 anos, outros dous menores de 18 e catro criadas. Con todos estes ingresos, os dous hórreos da familia Santiso Ulloa estarían sempre colmados de cereal e as despensas ben fornecidas de carne durante todo o ano. Nada se di no Catastro das aves de curral con que contaban cada veciño, mais non faltaban as galiñas e posibelmente os parrulos que rebuldarían nas augas do rego daquela denominado do Barrancal e hoxe de A Pena.

Casa de Caldeiro

O segundo fidalgo da freguesía en importancia cremos que era Bernardo Caldeiro. Da súa casa, tamén de pedra e cuberta de lousa, non se indica que tivese sobrado. Dise que era de planta rectangular porque de fronte mide 12 varas e de fondo 9, isto é, 10 x 8 m aproximadamente. Regúlase o seu alugamento en oito reais de billón. Segundo informacións catastrais, a actual casa de Caldeiro foi construída no ano 1950 e reformada en 1980. Supoñemos que a construción de 1950 realizouse sobre o perímetro da antiga residencia dos Caldeiro porque as medidas de planta coinciden coas que nos ofrece o Expediente de comprobación de 1760. Entre os elementos aproveitados da antiga construción existe o escudo que se encaixou nunha das fachadas. 

Casa de Caldeiro

No ano 1760, Bernardo de Caldeiro estaba casado e contaba 56 anos. Tiña tres fillos e unha filla. O seu fillo maior, casado, tamén vivía na casa e deste matrimonio naceran cinco fillos. En total, habitaban esta casa nese momento doce persoas. O fillo casado chamábase Alonso e dispuña de dúas cabalerías para o seu traballo de arrieiro, no que se ocupa dous meses ao longo do ano. Constatamos con esta información que estes fidalgos non estaban liberados dos traballos manuais como se narra que sucedía na literatura. O título de fidalguía en moitos casos levaba aparellado máis distinción e honra social que beneficios materiais, agás a exención de contribuír con cargas tributarias aos respectivos señoríos e aos fiscos provinciais e da Coroa.

De facenda, dise que conta con dous bois de labor, catro vacas adultas, dous xatos de seis meses, nove ovellas, catro carneiros, seis cabras, dous castróns, catro ranchiños e dous facos de arreo. No Padrón de Calle-Hita correspondente ao ano 1762, figura mencionado en dous folios, folio 21, “Jurisdicción de Neyra de Rey” “Dn. Bernardo Caldeiro”, mesmo padrón, folio 202 volto di: “Dn. Brdo Caldeiro hixo dalgo de poco Caudal.” No libro de Persoal do mesmo Catastro de Ensenada, folio 99 volto, di: “Bernardo Calderón de quarenta año casado tiene Un hijo Maior casado, Tres Menores Una hija y un hermano Maior ”. Seguindo a mesma fonte, libro Real de Legos, folios 47 ao 54 rv, figura Bernardo Caldeiro, como dono e levador de vinte e cinco predios ademais da vivenda.

Casa de Montenegro

A casa, de pedra, estaba cuberta de lousa e contaba coa vivenda no sobrado. Dise que é de planta cadrada porque de fronte e de fondo mide once varas, isto é, uns 10 metros de lado. Neste caso, as medidas do Expediente aproxímanse bastante ás da actual casa de Montenegro: planta cuadrangular de 12 metros de lado. O seu aluguer regúlase en 12 reais. En cambio, os peritos rebaixan a valoración a sete reais. 

Conta cun Moín situado no lugar do mesmo nome, que moe cunha roda a terceira parte do ano con auga do Barrancal. Regulado o seu produto anteriormente en 30 reais, os peritos rebaixan a valoración a 18 reais.

Dispón de dous bois de labor, unha vaca adulta, un xato de seis meses, unha xovenca de un ano, dúas ovellas, dúas cabras, unha cocha de cría e tres ranchiños de un mes.

Como vemos, a cabana da casa de Montenegro era moi reducida en comparanza coa da Casa Principal da Pena.

Casa de Pedro González Rosón. A Barrosa

Casa de pedra cuberta de lousa, de 12 varas de fronte e 8 de fondo. Regulado anteriormente o seu aluguer en 10 reais, os peritos rebaixan agora a valoración a 6 reais.

Recoñecen os peritos a existencia de 53 partidas restantes no patrimonio desta casa das que non se realiza ningunha obxección sobre a anterior valoración.

Conta con dous bois de labor, unha vaca, unha xata de seis meses, un xato e unha xovenca de tres anos, doce ovellas, cinco años de nove meses, doce cabras, seis cabuxas de once meses, unha cocha de cría, dous ranchos de dous meses e dúas colmeas.

Casa de Lopo de Penarrubia

Ángel López dispón dunha casa pajaza con su orrio sita a el barrio de Penarrubia haze de frente seis baras y de fondo siete… Regulado su alquiler en seis reales de vellón

Recoñecen os peritos a existencia de 20 partidas restantes no patrimonio desta casa das que non se realiza ningunha obxección sobre a anterior valoración.

Conta con dous bois de labor, unha vaca, unha xata de seis meses, tres cabras e unha cocha de cría. Estamos seguros que esta persoa pertencía á casa de Lopo.

Casa de Bartolomé Fernández de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 9 varas de longo por 8 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 7 reais e os peritos rebáixano a 4. 

Conta con 41 partidas máis. Dispón de dous bois de labor, dúas vacas, un xato de tres anos, dúas ovellas, tres carneiros, doce cabras adultas, catro cabuxos de nove meses, unha cocha de cría, dous ranchos de oitos meses e dúas colmeas. Descoñecemos a que casa das actuais podía pertencer esta persoa.

Casa de Domingo Méndez de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 10 varas de longo por 8 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 7 reais e os peritos rebáixano agora a 4.

É dono dun muiño, denominado da Fonte, que moe a terza parte do ano cunha roda e con auga procedente do rego de Painzal. A súa produción regulada en trinta reais fica rebaixada en 18 reais. Atribúenselle 30 partidas mais, que concordan coa valoración anterior.

Dispón de dous bois de labor, unha vaca adulta, un xato de seis meses, un becerro de dous anos, tres ovellas, catro cabras e un año de un mes.

Casa de Domingo Domínguez de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 10 varas de longo por 11 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 8 reais e os peritos rebáixano a 5. 

Atribúenselle 39 partidas mais, que concordan coa valoración anterior.

Dispón de dous bois de labor, unha vaca adulta, un xato de nove meses, dous becerros de dous anos, cinco ovellas, catro cabras, dous cabuxos de nove meses, unha cocha de cría e tres ranchos.

Casa de Domingo González da Casela de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo situada no barrio da Casela. De planta rectangular, mide 10 varas de longo por 9 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 8 reais e os peritos rebáixano a 5. As actuais medidas da planta da casa vella da Casela (13×10) difire uns metros da que aquí se indica.

Atribúenselle 26 partidas mais, que concordan coa valoración anterior.

Dispón de dous bois de labor, dúas vacas adultas, unha xovenca de un ano, catro ovellas, oito cabras e un cocho.

Casa de Diego Prieto de Penarrubia

Confírmase no seu valor as 41 partidas do asento anterior.

Dispón de dous bois de labor, unha vaca, unha xata de seis meses, catro ovellas, dous cordeiros de nove meses, seis cabras, dous castróns, unha cocha de cría e dous ranchos de nove meses.

Casa de Diego López de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 10 varas de longo por 9 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 6 reais e os peritos rebáixano a 4. Conta con 29 partidas máis, que non sofren modificacións na súa valoración.

Dispón de dous bois de labor, dúas vacas, un xato de seis meses, dos xatos de dúas xovencas e dous becerros de dous anos, cinco ovellas, tres cordeiros de nove meses, oito cabras, dous años de oito meses, dous castróns, unha cocha de cría e tres ranchos de nove meses.

Casa de Joseph Dourado de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 10 varas de longo por 9 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 8 reais e os peritos rebáixano a 5. Conta con 13 partidas máis, que non sofren modificacións na súa valoración.

Dispón de dous bois de labor, unha vaca, catro ovellas, seis cabras, dous cabuxos de nove meses, unha cocha de cría e dous ranchos de dous meses.

Casa de Miguel Méndez de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 7 varas de longo por 6 de fondo. Linda á dereita e á esquerda co camiño. O seu aluguer fora regulado en 7 reais e os peritos rebáixano a 4. Conta con 15 partidas máis, que non sofren modificacións na súa valoración.

Dispón de dúas vacas de labor, unha xara e un xato de un ano, seis ovellas, dous cordeiros de nove meses, seis cabras, e unha cocha de cría de un ano. Cremos que Miguel Méndez pertencía á casa de Ruán.

Casa de Thimoteo Fernández de Penarrubia

Casa pajaza con hórreo. De planta rectangular, mide 8 varas de longo por 9 de fondo. O seu aluguer fora regulado en 8 reais e os peritos rebáixano a 4. Conta con 47 partidas máis, que non sofren modificacións na súa valoración.

Dispón de dous bois de labor, unha vaca, unha xata de seis meses, un becerro de dous anos, catro ovellas, dous años de nove meses, seis cabras, dous cabuxos de oito meses, unha cocha de cría e dous ranchos de dous meses.

Nesta relación figuran identificados dez veciños de Penarrubia. Dous apelidados Fernández e dous Méndez, do chamado Miguel podemos inferir que pertencese á casa de Ruán polas lindes ao camiño. Dous López, dos cales o chamado Ángel pertencería á casa de Lopo por coincidir os seus datos cos dun fidalgo que figura no censo de Penarrubia. De Domingo González afírmase expresamente que habitaba no barrio da Casela. Os tres que faltan levan respectivamente os apelidos Dourado, Prieto e Domínguez. Dos dez, dise que nove habitaban casa con teitume de palla e do que falta non se sinala esta referencia. E con isto deducimos que a única familia fidalga de Penarrubia, a de Ángel López, de Lopo, tamén vivía nunha casa con teitume de palla. Agora ben, estas casas non eran de planta circular como sucedía nalgún lugares dos Ancares senón cuadrangular, de forma parecida ás chaumières normandas e da Europa setentrional. Dispor dunha casa cuberta de lousa era signo de distinción social até non hai moitos anos, por isto nos chama a atención en Penarrubia a existencia dun fidalgo resignado a vivir nunha pallaza deste tipo. 

Contamos cunha lagoa á hora de saber cantas casas existían en Penarrubia a mediados do século XVIII pois a relación das dez anteriores que se citan nas Dilixencias de comprobación de 1760 cremos que non é completa dado que nese expediente aparecen varias casas da freguesía que non se adscriben a ningún lugar determinado. Se a mediados do século XIX sabemos que existían 17 casas en Penarrubia, incluída a reitoral, sospeitamos que cen anos antes tiña que haber máis das dez que citamos arriba.

Relacionados...

Administración

Estamos, xa que logo, na sala da Audiencia situada na freguesía de San Pedro de San Martiño da Xurisdición de Neira de

Administrados

En 1528 realizouse por orde do emperador Carlos I o Censo de pecheros no que figura a seguinte referencia a Neira de

Señorío de Neira de Rei

A freguesía de Santa María de Penarrubia a mediados do século XVIII pertencía á xurisdición de Neira de Rei, ao arciprestado de

Que podes atopar aquí

1 comentario en “Vivendas”

  1. A igrexa ten que ser do 1500 e pico, posto que foi doazón de Carlos V a un novo señor da Pena por méritos de axuda na guerra…

    Responder

Deixa un comentario