A freguesía de Santa María de Penarrubia a mediados do século XVIII pertencía á xurisdición de Neira de Rei, ao arciprestado de Val de Pedroso, diocese e provincia de Lugo.
Xurisdición de Neira de Rei
En primeiro lugar é necesario aclarar que se entende por xurisdición, termo polisémico e controvertido. Para isto debemos partir de que o vocábulo señorío, isto é, o dominio sobre persoas e terras mostra unha dobre vertente. Por un lado encóntrase o señorío territorial, que se traduce no dominio eminente ou no dominio directo das terras que xeran rendas; e por outro lado, encóntrase o señorío xurisdicional, que se manifesta no cobro de dereitos de orixe política e no exercicio de funcións xudiciais. No territorio de Neira de Rei, o señorío territorial e o señorío xurisdicional foi exercido polo Marqués de Montaos, título nobiliario concedido por Felipe IV en 1626. Este señorío tiña unha extensión de 104,5 Km2 e comprendía as doce seguintes freguesías:
- San Cosme de Barreiros. Actual concello de Castroverde.
- San Miguel da Braña. Actual concello de Baleira.
- Santiago da Fontaneira. Actual concello de Baleira.
- Santa María da Frairía. Actual concello de Castroverde.
- Santo Estevo de Furís. Actual concello de Castroverde.
- San Xoán de Lastra. Actual concello de Baleira.
- Santiago de Masoucos. Actual concello de Castroverde.
- Santiago de Nantín. Actual concello de Becerreá.
- San Miguel de Neira de Rei. Actual concello de Baralla.
- San Pedro de Neira de Rei. Actual concello de Becerreá.
- San Martiño de Neira de Rei. Actual concello de Baralla.
- Santa María de Penarrubia. Actual concello de Baralla.
Destas doce freguesías que existían a mediados do século XVIII, non se conserva a de San Pedro de Neira de Rei, que se integrou na de San Xoán de Furco. Tiña moi pouca extensión. No Catastro de Ensenada dise dela que de Leste a Oeste mide un cuarto de legua, de norte a sur, un octavo de legua y para caminarla a un paso regular se ocupara una ora. Xeograficamente, estaba situada entre a freguesía de Sancti Spiritus de Fontarón polo leste, Santiago de Nantín polo oeste, Santa María de Cascallá polo norte e San Xoán de Furco polo Sur. No dicionario de Madoz, 1849, aínda segue figurando esta freguesía.
A xurisdición de Neira de Rei abarcaba unha extensión descontinua conformada por catro territorios, dos cales o de maior entidade era o que comprendía a antiga freguesía de San Pedro de Neira de Rei e as actuais de Santiago de Nantín, San Miguel e San Martiño de Neira de Rei, Santa María de Penarrubia e San Estevo de Furís. No noroeste desta última situábanse os coutos de Riomol e de Mirandela e logo continuaba a de Neira de Rei incluíndo as freguesías de San Cosme de Barreiros, Santiago de Masoucos e Santa María da Frairía. O terceiro territorio da xurisdición de Neira de Rei, con parte da de Castroverde polo medio, da de Pedrafita de Camporredondo e da de Córneas, comprendía as freguesías de Santiago da Fontaneira e de San Xoán da Lastra. Finalmente, un cuarto territorio, situado ao norte e con parte das xurisdicións de Baleira e de Penamaior polo medio, incluía a freguesía de San Miguel da Braña.
Señorío xurisdicional e territorial
O señorío xurisdicional e territorial en Neira de Rei correspondíalle, como xa dixemos, ao marqués de Montaos. No Catastro de Ensenada recóllese como resposta á segunda pregunta do Interrogatorio que dicha feligresia es de señorío del marqués de Montaos quien por razón de Señorío y de Basallaje no percibe cosa alguna. Isto é, na Xurisdición de Neira de Rei, o señor por dereitos de carácter político e xudicial non percibe rendas.Mais polo señorío territorial ou solarengo, á pregunta 15, con respecto aos décimos, primicias e outros dereitos responden o seguinte: Al Capítulo quince dijeron que a excepción de las tierras Cortiñas y coles de todos los demás frutos que en dicha feligresía y su término recojen como también de cabritos corderos lechones y lana se paga de cada diez partes la una y de cada baca parida dos libras de Manteca y así mismo paga cada vecino que cria pollos uno todo por razón de Diezmo de cuio diezmo percive enteramente el Cura Párroco de la dicha Feligresia la metad y la otra metad el Marqués de Montaos. Isto é, todos os veciños desta xurisdición, dos froitos agrícolas, con excepción dos procedentes das cortiñas e dos hortos, pagaban ao marqués de Montaos o 5 por cento en concepto de señorío territorial. O mesmo teñen que pagar do correspondente aos animais caprinos, porcinos e ovinos coa súa porción de la e mais un polo. De cada vaca parida, deben entregar tamén unha baluga de manteiga de unha libra de peso. Se comparamos estas cargas coas doutras xurisdicións próximas comprobamos que son bastante laxas. Así, no couto de Mirandela, baixo o señorío do convento dos dominicos de Lugo, dos veciños da xente do común estes clérigos perciben catro reais de billón e catro capóns e, alén disto, por razón de lutuosa pagaban de cada vez cuando se muere la mexor caveza da ganado que tenga y no teniendo ganados la meJor alhaja de casa con adbertencia que esta paga solo la hacen los casados del estado llano que muriendo primero el marido percive una enteramente y cuando muere la mujer otra; pero si muere primero la mujer no percive nada hasta la muerte del marido, que regulado por un quinquenio lo correspondiente a luctuosa a Cinquenta reales de vellón que el vasallage ascenderá a ciento y sesenta reales de vellón. Temos constancia de que Diego Osorio exercía o señorío sobre Neira de Rei en 1.467, ano en que o marqués de Astorga, Álvar Pérez Osorio, seu irmán, lle doa as xurisdicións e fortalezas de Cervantes, Neira de Rei e os cotos de Forís, Bacorella, terras de Baleira e outras. Trátase, como vemos, dun foral de grande categoría e extensión. En 1.697, Manuel José Pérez Osorio Guzmán outorga en foro a favor de Pedro Ares e Antonio Fernández, veciños do lugar de Fontes, corenta e cinco predios por todos los días y vida del señor Conde por que le han de dar y pagar cada un año y a sus maiordomos y arrendatarios perpetuamente mientras durare veintte seis fanegas de pan zentteno limpio de polvo y paja y toda mala grana y medida por la medida derecha de esta jurisdicción puesto y pagado en este lugar de Fuentes, con más de diez y seis libras de jamón de a veinte onzas cada una puesttas y pagadas en Casa del Maiordomo que su Señoría tiene.