Lindes

Segundo o Catastro de Ensenada

Segundo o Catastro de Ensenada, a freguesía de Santa María de Penarrubia tendrá distancia de L.(evante) a P.(oniente) una legua; de N.(orte) a S.(ur) un quarto de legua y de circunferencia dos leguas y quarto; y para caminarla a un paso regular se ocupan cinco oras. Linda por L.(evante) con la feligresia de Santiago de Corneas; por P.(oniente) con la feligresia de Santo Thomé de Guimarei; por N. con las de San Juan de Piedrafita y por el S. con la de San Pedro de San Martín. Comienza su demarcación principiando por la parte del N. en el Marco da Junqueira; sigue al de la Fuente de Piago; de este a la Pena da varrela; de esta al Pozo da Lagua; de aquí al Marco das mestas da Valiña longa; de este al do Barreiro? De Carreirin? Sigue a las mestas de teiJeira de avaJo. De estas a la pena dos Portelos; de esta a la fuente de San Pedro; de aquí al Couso de Rivas de Neira; de aquí a la Fuente de Navallos; de esta a la Pena do PorcoteiJo; sigue al Casar de Monin; de aquí al marco de la Casa de Piedra; de este a la fuente de Val do Jumento. Sigue al Marco de muni das mestas; de aquí a la Pena da Huz y de esta sigue al marco de la Junqueira, su primera demarcación. Su forma la del margen.

Mapa da freguesía
Deseño Catastro Ensenada

Inexactitudes

Anda desacertada a medida da parroquia de leste a oeste porque, en liña recta, Teixeira de Arriba dista algo máis de sete quilómetros de Casar de Monín. Nas medidas de norte a sur tamén é desacertada a lonxitude que ofrece o Catastro de Ensenada, pois entre o cabo da parroquia polo norte, nas Veigas, no límite con Camporredondo, e o sur, en Valiñas, San Martiño, existe unha distancia real de 2.395 metros e non un cuarto de legua (1.393 m) como se indica. Está claro que os peritos que se encargaron de debuxar o plano da freguesía no século XVIII non acertaron no seu deseño. O plano superior foi realizado baixo os parámetros SIX (Sistema de Información Xeográfica) e reflicte con rigor a xeografía da freguesía naqueles tempos. En cambio, o esbozo realizado no Catastro de Ensenada introduce liñas rectas polo leste e o oeste e mais unha concavidade polo sur que en nada coinciden coa realidade.

En canto aos lindes, os datos que nos ofrece o Catastro pouco difiren dos actuais. Polo leste raia coa parroquia de Santiago de Córneas; polo oeste a de Penarrubia linda, de certo, coa de Santo Tomé de Guimarei, mais tamén o fai en moita maior extensión coa de San Estevo de Furís; polo norte, linda na maior parte, certamente, coa de San Xoán de Pedrafita, mais tamén coa de San Lourenzo de Pousada. Finalmente, polo sur linda coa de San Pedro de San Martiño de Neira de Rei.

Mapa topográfico da freguesía

Marcos dos lindes

No Catastro de Ensenada danse os seguintes datos sobre os lindes da freguesía, dise, comezando polo norte:

  • Marco da Xunqueira. Ao sur de Castrolanzán, perto da capela de Santo Antón Abade, nace o rego da Xunqueira, que desemboca no río de Busto. Malia afirmar o Catastro que a demarcación da parroquia principia por la parte del N(norte) en el Marco da Junqueira, cremos que este marco debe ser situado aquí. 
  • Fonte do Piago. Piago (do latín pĕlāgus = mar) significa pozo grande dun río. Situada no monte do Piago, que bordea o río Neira entre os límites da parroquia de San Xoán de Pedrafita e de Penarrubia. En moitos casos este topónimo vai acompañado do adxectivo negro para indicar a cor escura que adquiren nestes pozos as súas augas profundas. No caso que nos ocupa, Piago aparece sen cualificativo, mais a carón deste lugar existe o topónimo Pala Negra, que cremos que fai referencia á cor das augas do Neira que aquí discorren en meandros sinuosos formando remansos profundos.
  • Pena da Barrela. Esta pena sitúase no monte da Ferrería nas proximidades onde desemboca o Rego do Castro co río Neira. Polo norte, este lugar linda coa parroquia de Pedrafita de Camporredondo. 
  • Pozo da Lagua. Este lugar, en cambio, desoriéntanos na súa localización como límite da freguesía porque sinala unha liña que se desvía cara ao sur en dirección a Castrolanzán que non coincide cos límites que conducen desde a Pena da Barrela a Teixeira de Abaixo, o extremo nordés da parroquia.
  • Marco das Mestas da Valiña Longa. De momento descoñecemos onde se sitúa este lugar.
  • Barreiro do Carreirín. Con toda probabilidade, debe de tratarse do que hoxe se coñece como Carreiriños, no Monte das Pozas, entre Teixeira de Arriba e Teixeira de Abaixo. 
  • Mestas de Teixeira de Abaixo. Etimoloxicamente, a palabra mestas alude ao lugar onde conflúen augas (ăquas mĭxtas = augas mesturadas) procedentes de dous regos ou ríos. Neste caso en Teixeira de Abaixo conflúen as augas do Rego do Val da Pereira coas do Rego de Vilarín.
  • Pena dos Portelos. Situada entre Castrolanzán e Teixeira de Arriba.
  • Fonte de San Pedro. Descoñecemos a localización desta referencia.
  • Couso de Rivas de Neira. Tamén descoñecemos a localización desta referencia.
  • Fonte de Navallos. No límite suroeste do monte de Navallos de Penarrubia. Este lugar marca o inicio da Serra de San Martiño.
  • Pena do Porco Teixo. Situada no monte da Condomiña ao sur do río Xermil. Queda á esquerda segundo se sobe polo camiño que conduce a Matela desde Catro Camiños.
  • Casar de Monín. Lugar situado a 500 metros ao oeste da Fonte dos Poios.
  • Casa da Pedra. Descoñecemos a que fai referencia esta denominación.
  • Fonte do Val do Xuvento. Xuvento é o nome do monte situado entre Cernadas e Casar de Monín. Na súa aba nordés nace o rego de Xuvento, que descorre cara ao norte servindo á vez de demarcación da parroquia e do concello de Baralla até confluír no Muiño do Couso co Río Seco. 
  • Marco de Muni das Mestas. Cremos que se refire ao Marco de Murias situado entre os montes do Xuvento e o de Murias.
  • Pena da Uz. Situada no monte de A Barrosa, marca o límite polo noroeste da parroquia de Penarrubia coas de san Estevo de Furís polo leste e San Lourenzo de Pousada polo oeste.

Lugares que comprendía a freguesía

A parroquia de Penarrubia a mediados do século XVIII difería da actual. Comprendía os seguintes catorce lugares:

  • Teixeira de Abaixo
  • Teixeira de Arriba
  • Castrolanzán
  • A Revolta
  • A Veiga
  • Carballedo
  • Papín
  • A Pena
  • Val 
  • Penarrubia
  • A Barrosa
  • Cernadas
  • Fonte dos Poios
  • Casar de Monín

Extensión

A súa extensión era de 18,84 Km2, isto é, 1.884 ha. 

Na actualidade, a parroquia de Penarrubia comprende dez deses trece lugares pois Teixeira de Abaixo e Teixeira de Arriba adscribíronse a outras parroquias. Nas informacións que se publican tanto na internet como noutros medios vénse repetindo que a parroquia de Penarrubia ten actualmente unha extensión de 18 km2 e isto non se corresponde coa realidade. Iso era así até 1890, ano en que o bispado de Lugo toma a decisión de que Teixeira de Arriba se integre na parroquia de Pedrafita de Camporredondo e Teixeira de Abaixo pase a pertencer á de Córneas. Nesa mesma data tamén acordou o bispado que A Barrosa se adscribise á freguesía de San Lourenzo de Pousada. Mais esta última modificación non tivo continuidade pois este lugar segue hoxe pertencendo á parroquia de Penarrubia. Descoñecemos tamén cando Castrolanzán se integrou na freguesía de San Pedro de San Martiño. Así que, en verdade, a parroquia de Penarrubia ten unha extensión de aproximadamente 11,80 km2, seis quilómetros menos do que habitualmente se afirma. O certo é que polo leste a liña que marca o termo da parroquia é o río Neira que discorre entre o Monte do Peago e a aba da Serra da Pena separándoas das de Córneas e Fontarón cunha pequena excepción do encrave de A Veiga que, situado na beira leste do río, segue pertencendo á Penarrubia. Polo oeste dominan as serras de Rañadoiro e do Puñago. A parroquia fica, pois, encaixada entre estas dúas serras polo oeste e a de A Pena polo leste. No medio, o val que, desde o Cádavo, se estende cara ao sur até a parroquia de Furco pasando polas de San Martiño e San Miguel de Neira de Rei.

Como vemos, os condicionantes orográficos e hidrográficos impuxéronse na administración eclesiástica e os tres lugares situados ao leste do río Neira adscribíronse a tres diferentes parroquias que ofrecían menos dificultades para que os fregueses se puidesen comunicar coa metrópole, nomeadamente chegada a hora dos enterramentos. Imaxinemos como poderían trasladar os cadáveres desde Teixeira de Abaixo até o adro da igrexa de Penarrubia percorrendo camiños arriscados no medio do monte e vadeando as augas do Neira. Non hai moito estiven de visita neste lugar e o señor Sánchez, da primeira das dúas casas que existen, mostroume por onde descorría o camiño monte arriba polo que se comunicaban con Penarrubia. 

Hai quen di que os veciños de Castrolanzán decidiron unilateralmente adscribírense á parroquia de San Martiño desde o momento en que, con motivo da condución dun cadáver en pleno inverno e coas augas do río desbordadas, acordaron realizar o enterramento no cemiterio de San Martiño.

Malia estas mutacións, podemos afirmar que a configuración xeográfica desta freguesía mantívose estábel co paso dos séculos fronte á organización territorial administrativa, que experimentou múltiples cambios ao longo da historia.

Relacionados...

Administración

Estamos, xa que logo, na sala da Audiencia situada na freguesía de San Pedro de San Martiño da Xurisdición de Neira de

Administrados

En 1528 realizouse por orde do emperador Carlos I o Censo de pecheros no que figura a seguinte referencia a Neira de

Señorío de Neira de Rei

A freguesía de Santa María de Penarrubia a mediados do século XVIII pertencía á xurisdición de Neira de Rei, ao arciprestado de

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario