Como vimos, a carón das casas adoita existir un hórreo ou dous, como sucedía na Casa Principal de A Pena. Mais, nada ten que ver o tipo de hórreo destas terras do oriente galego cos característicos doutras comarcas. Aquí, a súa planta é cuadrangular e o teitume de palla colmada enlazada por viortos de uces. Empregáronse, segundo recolle Carlos Xesús Varela Aenlle en http://veigadelogares.blogspot.com/2013/08/o-horro-de-tipo-asturiano-na-montana.html?m=1, para gardar unha serie de produtos seleccionados previamente, protexéndoos da humidade, dos roedores, e dos pequenos paxaros granívoros… almacena moitos tipos de produtos: allos, cebolas, mel, queixo, a matanza do porco, mazás, castañas, fabas, noces, abelás, etc… Nos corredores poden aparecen tendais de roupa e os trobos do mel. O espazo inferior pode ser aproveitado para gardar os apeiros, especialmente o carro, e a leña…
Non hai moito, no lugar de Penarrubia existían hórreos con esta tipoloxía nas casas de Martiz e de Moreno e, nos anos cincuenta do pasado século, creo recordar tamén un destes hórreos na aira da casa de Cota.