Gandería

Nas Dilixencias de comprobación de 1760 figura unha relación detallada do gando que había en cada casa. En primeiro lugar, constatamos que en todas elas, agás unha excepción, existía unha parella de bois de labor. En ausencia de maquinaria, os bois estaban destinados aos traballos agrícolas como a arada, o gradado e o carreto do esquilmo, da leña e do cereal. Os bois só se empregaban para o traballo. No mesmo Catastro de Ensenada non se lles dá outra valoración e, por isto, declárase que a súa produción a efectos fiscais é nula.

Xugada de bois

Ademais da xugada de bois, en cada casa de labregos da parroquia había outros animais necesarios para a subsistencia de cada familia. Poñamos como mostra os que existían no fogar de Diego Prieto de Penarrubia composto por sete persoas (Diego, a súa cónxuxe, catro fillos e un criado): unha vaca, unha xata de seis meses, catro ovellas, dous cordeiros de nove meses, seis cabras, dous castróns, unha cocha de cría e dous ranchos de nove meses. Catro bovinos (os dous bois, unha vaca e unha xata), seis ovinos, oito caprinos e catro porcinos. No fogar de Bartolomé Fernández, tamén de Penarrubia, ademais dos dous bois, contaban con dúas vacas, un becerro de tres anos, dúas ovellas, tres carneiros, doce cabras adultas, catro cabuxos de nove meses, unha cocha de cría, dous ranchos de oitos meses. Isto é: cinco bovinos, cinco ovinos, dezaseis caprinos e tres porcinos. Estes dous exemplos serven para ilustrar a cabana gandeira que existía en cada casa con algunhas variacións entre os veciños segundo a súa situación económica. Como mostra dos fogares fidalgos, ofrecemos o que sucedía na casa de Montenegro de A Pena, que non difería do que vimos nas casas labregas: dous bois, unha vaca, un xato, unha xovenca de un ano, dúas ovellas, dúas cabras, unha cocha de cría e tres ranchiños. Na casa de Caldeiro a cabana era maior: dous bois de labor, catro vacas, dous xatos, nove ovellas, catro carneiros, seis cabras, dous castróns, catro ranchiños e dous facos de arreo. En cambio, a Casa Principal de A Pena, na que vivían nove persoas (Pedro Santiso Ulloa, de 60 anos en 1760, e oito criados) contaba con dous bois, dúas vacas, dúas xatas, seis xovencas, catro ovellas, tres años, seis carneiros, dez cochas de cría, dez ranchos e un poldro. Isto é: 12 bovinos, 13 ovinos, 20 porcinos e un equino, en total nas cortes desta casa habitan nada menos que 46 animais.

Relacionados...

Administración

Estamos, xa que logo, na sala da Audiencia situada na freguesía de San Pedro de San Martiño da Xurisdición de Neira de

Administrados

En 1528 realizouse por orde do emperador Carlos I o Censo de pecheros no que figura a seguinte referencia a Neira de

Señorío de Neira de Rei

A freguesía de Santa María de Penarrubia a mediados do século XVIII pertencía á xurisdición de Neira de Rei, ao arciprestado de

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario