En 1528 realizouse por orde do emperador Carlos I o Censo de pecheros no que figura a seguinte referencia a Neira de Xusá:
Deducimos que na referencia Puebla de Neyra e Jusaos debemos incluír as xurisdicións de Neira de Rei e mais a de Neira de Xusá non só pola suma dos dous topónimos senón tamén polo elevado número de veciños contribuíntes dos que debemos excluír os que gozaban do privilexio de estaren exentos de tributar, entre os que se encontraban os clérigos e os membros da nobreza, mais si estaban obrigados a pagar as viúvas, os menores, que, en ambos casos, computaban como medio veciño. Con respecto aos clérigos, convén distinguir entre os seculares, que estaban exentos, e os regulares, dos que cada dez frades ou monxas contaban como un veciño no pagamento do imposto. Excluíanse os franciscanos descalzos por estaren exentos.
Se entre as dúas xurisdicións de Neira de Rei e Neira de Xusá contaban con 264 veciños, excluídos os clérigos de cada parroquia e mais os fidalgos, podemos considerar que a poboación da de Neira de Rei achegaríase aos 140 veciños a fins do primeiro terzo do século XVI.
En 1760, segundo o Expediente de Comprobación, na freguesía de Penarrubia existían 51 veciños, isto é, o equivalente aproximadamente a un terzo da totalidade da veciñanza da xurisdición de Neira de Rei en 1528. Isto permítenos constatar o notábel incremento de poboación no período deses 232 anos que median entre ambas datas se temos en conta que a parroquia de Penarrubia era tan só unha das doce que pertencían a esta xurisdición.