O catastro de Ensenada, ademais de no Reino de Galiza, tamén se realizou en León, as dúas Castelas, Estremadura, Andalucía e Murcia. Desta superficie total de 369.488 Km2, Galiza representa o 7,9 por cento. A mediados do século XVIII a poboación galega era de 1.299.312 habitantes e do total destes territorios, 6.569.889, supuña o 19,8 por cento. A densidade poboacional era, por tanto, de 44,1, e superaba nun 233,3 por cento o índice medio de 18,9 habitantes por km2. Das elevadas cifras demográficas de Galiza neste momento tamén dá fe o feito de que Andalucía, cun territorio con máis do duplo de extensión, só a superase en 335.373 habitantes.
En decembro de 1760, a parroquia de Penarrubia constaba de cincuenta e un veciños clasificados en tres estamentos: o dos eclesiásticos, ao que pertencían tres curas; o dos fidalgos, integrado por catorce cabezas de casa; e o dos labregos, por trinta e catro veciños.
Como podemos comprobar, a fidalguía representaba o 27,45 por cento da veciñanza. A maior densidade de fidalgos concentrábase na Pena con catro membros: un, na Casa Principal da Pena; outro na casa de Montenegro; o terceiro na casa de Caldeiro e do cuarto, Manuel Sánchez, descoñecemos a adscrición. Seguen en densidade de fidalguía os tres de Castrolanzán, posibelmente dous na Fontenova, e un en cadanseu lugar de A Barrosa, Papín, Fonte dos Poios e Penarrubia. Do fidalgo Jacinto Telo non se ofrecen datos para poder adscribilo a un lugar determinado. De Ángel López, de Penarrubia, estamos seguros da súa pertenza á casa de Lopo.
Mais, estes cincuenta e un veciños non levaban todas as terras da parroquia. No Expediente de comprobación realizado en 1760 existe unha relación alfabética na que constan 78 persoas vinculadas ao dominio destas terras, a maioría deles como veciños, pero 27 son forasteiros con propiedades nesta freguesía. Varios deles pertencen a Furís, outros a Pedrafita e algúns tamén a San Martiño. Nesta relación tamén figura como forasteiro o Marqués de Montaos.
O total de habitantes da freguesía ascendía neste momento a 328. Segundo estes datos, o número de membros por fogar era moi elevado pois representa 6,43 persoas por casa. H. Sobrado Correa, utilizando unha mostra de 73 parroquias do interior da provincia de Lugo que reúne un total de 2.601 fogares, constata que a mediados do XVIII as familias lucenses tiñan un tamaño amplo, cunha media de 5,3 individuos por unidade, aínda que varias parroquias superaban esta cifra chegando a 6, como sucede no caso de Penarrubia, e a 7 membros por agregado doméstico. Trátase dun índice moi alto se o contrastamos co que sucedía neste tempo na Galiza atlántica onde non se acadaban os 4 habitantes por cada unidade (comarca do Ulla 3,3, xurisdición do Trasdeza 3,2, A Lanzada 3,7…) segundo as investigacións do historiador Eiras Roel. Comprobamos tamén que se trata de familias extensas nas que conviven dúas e, á veces, tres xeracións con casos de presenza de membros colaterais.
Mais aquí debemos indicar que deses 328 habitantes, 35 (o 10,67 %) eran criados, dos cales a maior parte, 20, traballaban en casas fidalgas e os 15 restantes, en casas de labregos. Dos 51 fogares con que conta a freguesía, 20 dispoñen de servizo de criados, cantidade que representa a porcentaxe do 39,22 %, que supera con moito a media que obtén H. Sobrado Correa para este mesmo momento tanto na Galiza occidental (8,8 %) como no propio interior da provincia de Lugo (21,7 %). ¿A que se debe este elevado número de criados? Son varias causas que poden responder a esta pregunta. En primeiro lugar, pensamos que os escasos rendementos que se extraen da agricultura e as elevadas rendas, décimos e impostos que os labregos satisfán impiden o incremento do número de labregos. A isto contribúe o réxime sucesorio favorecedor da concentración das terras no herdeiro único. Como posíbeis saídas da escaseza de recursos, ábrense outras vías alternativas como podían ser a emigración e o emprego como criados doutros fogares na contorna. Este servizo doméstico constitúe tamén un trazo máis da categoría social de cada familia, destacando por enriba de todas elas a da Casa Principal da Pena, que contaba ao seu dispor con nada menos que oito criados: dous deles maiores de 18 anos, outros dous menores de 18 e catro criadas. A fidalguía da casa de Montenegro nese momento dispuña de dous criados e dúas criadas. E Manuel Ossorio, de Castrolanzán, contentábase con un criado e unha criada. Mais, entre os labregos tamén existía quen contaba con servizo de criados como vimos na táboa anterior.
Tamén se comproba no mesmo cadro, abunda o tipo de familia estendida nun 43% dos casos e que ofrecemos en contraste con lugares próximos da mesma provincia de Lugo.
O número de fillos por matrimonio na parroquia é de 3,02, cifra que se queda por baixo do que sucedía nese tempo noutros lugares de Galiza nos que se introducira o cultivo do maínzo (4,7 na comarca de O Morrazo); mais, supera algúns lugares do interior (A Estrada 2,64).
Chámanos tamén a atención a existencia dun elevado número de persoas solteiras, nomeadamente de homes, e tamén de mulleres, que conviven no fogar do vinculeiro. Isto débese, segundo a nosa interpretación, no caso das mulleres á conservación do patrimonio familiar evitando deste xeito a entrega do dote. No caso dos célibes, cando non emigraban, ficaban no domicilio desempeñando algún oficio para obteren o peculio que lles permitise satisfacer os seus gastos particulares ou ben colaborando activamente nos traballos agrícolas da colectividade familiar a cambio de pequenos ingresos procedentes de determinadas actividades gandeiras como podían ser o coidado de certo número de aves e de reses ovinas ou porcinas.
Labregos. Outras actividades
Os veciños da freguesía eran fundamentalmente agricultores. Cultivaban centeo, trigo, orxo, nabos, verduras e legumes para a súa subsistencia e para satisfacer as rendas que pagaban polo dominio útil das terras que traballaban e polos décimos, primicias e outras contribucións que entregaban á Igrexa, ao señorío xurisdicional e mais aos poderes provinciais e da Coroa. Mais, tamén coidaban, como vimos, unha pequena facenda da que se servían para o traballo, o seu alimento, o pagamento de rendas e para a confección da roupa que usaban a diario. Alén destas actividades agropecuarias, nalgunhas das familias realizábanse outras complementarias.
Xa vimos que na freguesía existían varios muíños, necesarios para as moendas periódicas polas que os muiñeiros cobraban a maquía, a porción de gran ou fariña que detraían aos clientes por cada servizo realizado.
Arrieiros
A mediados do século XVIII había na freguesía os seguintes catro arrieiros: Domingo López trafica con tres mulas en conducir vino del Bierzo para el abasto y por doce viajes que hara al año en que consideran ocupará la quarta parte de cada uno le regulan por esta yndustria en cada año quinientos Reales de vellón. Otro, nombrado Matías Fernández, trafica con quatro mulas tanta parte del año como el antecedente y le regulan de utilidad en cada año ….[ilexíbel] Reales de vellón. Otro, nombrado Juan Fernández, trafica también en conducir vino con dos cavallerias y dos potros tanta parte del año como los antecedentes y le regulan en utilidad en cada año doscientos y ochenta Reales de vellón. Otro, nombrado Manuel Sánchez, trafica también en conducir vino con quatro mulos y potros doce biajes que hara al año en que consideran ocupa la cuarta parte de cada uno le regulan por esta yndustria de utilidad al año quinientos y setenta Reales de vellón.
Como vemos, a maior parte do tráfico que realizaban os arrieiros consistía no transporte de barricas de viño desde o Bierzo. E a cantidade de litros que carretaban non eran menor debido aos rendementos que se calculan ao ano: 500, …, 280 e 570 reais de billón, cantidades elevadas se as comparamos, por exemplo, coa utilidade de quince reais que se lle calcula a unha vaca parida, os 25 dun xato de un a dous anos ou os sete reais que se lle calculan a unha ovella ou a unha cabra.
Domingo López era fidalgo e vivía en Papín. No ano 1760 tiña 60 anos, estaba viúvo e convivía no seu domicilio cun sobriño casado, dous sobriños netos e unha irmá. Vemos como a súa fidalguía non lle impedía traballar, mais pensamos que quen en realidade actuaba como arrieiro nese momento era o seu sobriño casado.
Matías Fernández, tamén veciño de Papín, contaba 60 anos de idade e convivía con cinco fillos, unha nora e dous netos. Quen en realidade realizaba a actividade de arrieiro era o seu fillo Manuel.
Juan Fernández había un na Veiga, que traballaba como ferreiro, polo que non cremos que tamén fose arrieiro.
Manuel Sánchez no ano 1760 tiña 40 anos, vivía na Pena, estaba casado, tiña tres fillos e con eles tamén convivía unha irmá.
Nesta relación de arrieiros falta Pedro Fernández,quen en 1760 contaba 58 anos e era viúvo. Vivía en Val. Era taberneiro. Unha filla súa casara con Manuel Álvarez Cedrón, quen o sucede como taberneiro de Val.
O Taberneiro de Val
No Interrogatorio xeral do Catastro de Ensenada, celebrado en 1753 en Neira de Rei, indícase o seguinte: Al Capitulo veinte y nueve dijeron que en la expresada feligresía no hai tiendas, mesones, panaderías, carnicerías, ferias, mercados ni otra cosa a excepción de una taberna de vender vino por menor sita en el barrio de Bal la que trae arrendada don Mathias López en ciento y cinquenta reales de vellón de los vecinos de dicha feligresía quienes perciven esta misma cantidad para cinquenta reales de treinta que pagan a Su Magestad por coomputo que les esta echo en virtud de el de la capital y la expresada taverna la Administra María López, hermana de Mathias lopez, a quien por esta yndustria regulan de utilidad al año treinta Reales de vellón asimismo hai un pesillo de vender tabaco por menor por esta yndustria regulan de utilidad al año veinte Reales de vellón… É dicir, neste momento é Matías López quen leva en arrendo a taberna, que administra súa irmá María. Mais, no ano 1760, con motivo do Expediente de comprobación, xa se indica que Pedro Fernández, de 58 anos, viúvo, era o taberneiro e que unha filla súa casara con Manuel Álvarez Cedrón, quen o sucede como taberneiro de Val. No ano 1753 indícase tamén que a Taberna de Val daquela era estanco, mais no Expediente de 1760 recoñécese que non existe tal “pesillo de vender tabaco”.
A realidade é que a actual Taberna de Val, rexentada por Inocencio Álvarez, segue existindo como tal e tamén como estanco, que nós consideramos debe de ser un dos máis antigos do Estado. Tamén cremos que o actual apelido Álvarez deriva por liña directa de aquel Manuel Álvarez Cedrón de 1760.
E aquí procede realizar unha breve digresión sobre os estancos. O vocábulo “estanco” significa embargo ou prohibición do curso e venda libre dalgunhas cousas, ou asento que se fai para reservar exclusivamente as vendas de mercancías ou xéneros, fixando os prezos a que se venden. Había dous estancos maiores: o do sal e do tabaco; e varios estancos menores: augardente, salitre, xofre, pólvora, chumbo, antimonio, mercurio, vermellón, goma laca, xogos de naipes e papel selado. O comercio do tabaco desde os seus inicios en Europa sempre foi unha fonte moi importante de recursos para os Estados. O estanco na Coroa de Castela creouse en 1636 para facer fronte aos gastos da guerra ocasionados polo conflito dos Trinta Anos. Con Felipe V o estanco estendeuse por todos os territorios como forma de monopolio xestionado a través do arrendamento. O tabaco non se podía cultivar en España e o procedente de América elabórase, contrólase e distribúese desde Sevilla.
Xastres
Existían dous xastres: un era Manuel Abelleira; outro, Joseph Fernández. A cada un deles regúlanlle de utilidade cada día que traballen dous reais de billón. De ningún dos dous temos datos na relación de veciños da freguesía posibelmente por non seren cabezas de familia. Os xastres eran os encargados da confección das roupas dos homes; as costureiras, das mulleres.
Ferreiros
Tamén había dous ferreiros: Manuel e Juan Fernández da Veiga. A cada un deles regúlanlle de utilidade cada día que traballen tres reais de billón. Vemos como os rendementos dos ferreiros eran superiores (tres reais) aos dos xastres (dous reais).
Tecelás
Claro está. A roupa naqueles tempos non se compraba confeccionada, había que elaborar peza a peza para cada usuario e esta actividade realizábana as tecelás, os xastres e as costureiras. Na parroquia eran tres mulleres tecelás: la una de ellas, nombrada Dominga Gómez, hija de Domingo Gómez; otra Angela López, hija de Mathías López, y la otra Isavel Pin, hija de Juan de Pin; y a cada una de ellas regulan de utilidad al año treinta Reales de vellon sin que haiga oficial ni persona alguna que ejerzan otros oficios y artes mecánicas…
Dominga Gómez era filla do fidalgo da Fontenova Domingo Gómez, quen no ano 1760 tiña 60 anos e dous fillos máis. Matías López vivía en Papín e tiña cinco fillos máis. A familia de Pin vivía na Fontenova.
Esta profesión non era exclusiva das mulleres no século XVIII nin moito menos. O feito de que na freguesía as tres persoas que a practican sexan mulleres constitúe máis unha excepción que un feito habitual. A actividade consistía na elaboración de lenzos para o cal usaban como materia prima a la e mais o liño. Polo que se indica, o exercicio desta profesión estaba relativamente ben remunerada pois regúlaselle a cada unha das tres mulleres trinta reais ao ano, superando á que producen dúas vacas paridas.
Conclúe esta información indicando que non existían persoas que desempeñen outros oficios nin artes mecánicas. ¿Non había, pois, carpinteiros, zapateiros, zoqueiros, toneleiros, comerciantes, tratantes de animais, de la, de lenzos…? Resúltanos difícil de crer. E esta ausencia pode explicarse por omisión interesada dos informantes para evitaren os correspondentes gravames tributarios ou ben tamén se pode entender porque estas actividades menores fosen realizadas sen retribución económica como práctica colaborativa entre veciños.
Fidalgos
Os fidalgos manifestábanse cunha serie de símbolos externos que probaban a súa pertenza á nobreza como eran a exclusión dos seus nomes da listaxe de pecheros ou contribuíntes, o acceso a cargos públicos reservados ao grupo privilexiado, a pertenza a confrarías nobiliarias… A comezos da Idade Moderna, había fidalgos que vían menoscabados os seus dereitos ao poñerse en dúbida a súa adscrición a este estamento, e tamén persoas que, por gozaren dun bo nivel de vida económico, intentaban ascender socialmente e iniciaban un proceso xudicial para seren oficialmente recoñecidos como tales para gozaren das honrras e franquezas, preminençias e ynmunidades que suelen ser guardadas a los otros honbres fyjosdalgo (Arquivo da Real Chancellería de Valladolid, Rexistro de executorias). Os pecheros cos seus impostos eran os encargados de contribuíren ao erario público. Por isto eran frecuentes os preitos de fidalguía. O proceso xudicial finalizaba coa expedición da sentenza definitiva. En caso de ser o demandante o beneficiario da mesma, logo de pagar unha serie de taxas, podía solicitar do Rei a expedición dunha carta executoria, un documento real que garantise e confirmase a súa fidalguía.
Alén dos procesos dos fidalgos polo recoñecemento da súas condicións de estado, a maioría dos preitos por eles promovidos relacionábanse cos dereitos de cobramento das rendas polas terras da súa xurisdición. Así, en 1790, Na Chancelaría de Valladolid, encontrase a executoria do preito litigado por Francisco Losada Llamas, vecino de Queizán, jurisdicción de Navia de Suaran [sic] (Lugo), con Pedro Santiso, vecino de Neira de Rey (Lugo), sobre la sucesión de varios bienes forales de vínculo;
e en 1802-1805, a Ejecutoria del pleito litigado por Nicolasa Losada Santiso, vecina de la feligresía de Santiago de Nantín, jurisdicción de Neira de Rey (Lugo), con Pedro Santiso, de la misma vecindad, sobre disfrute y posesión de varios montes.
Clérigos
No século XVII, coincidindo coa construción da igrexa parroquial, temos constancia da existencia do párroco chamado Juan Antonio? Santiso Ulloa segundo podemos deducir da lenda epigráfica que consta no lintel da fiestra norte da torre da igrexa, cuxa data interpretamos como 1669.
En 1753 o curado ostentábao nesta parroquia Manuel Alonso Santiso Ulloa porque este párroco figura como asistente á sesión celebrada en maio dese ano con motivo da constitución da comisión que recolle as respostas ao interrogatorio do Catastro de Ensenada. Posteriormente, temos constancia que o sucedeu Jacobo Ulloa Santiso pois nun dos paneis do retablo da nave sur da igrexa parroquial dátase esa obra no ano 1767 “siendo cura DN Jacobo Ulloa.
Trinta anos despois, en 1797, segue sendo párroco o mesmo Jacobo Ulloa pois na partida de bautismo de María Bolaño do Costureiro dise que foi bautizada na igrexa parroquial polo presbítero Cayetano López, coadxutor de Jacobo Ulloa, párroco de Penarrubia. O 7 de febreiro de 1800 actuou como padriño de bautismo do neno Jacobo Blas Ramón Ulloa de las Riberas, quen, pasado o tempo, será senador pola provincia de Lugo nos anos 1871, 1872[1ª], 1872[2ª] e 1876, segundo se certifica na partida bautismal que consta no Arquivo do Senado.
No Expediente de comprobación de 1760 figuran tamén dous curas, un deles, Pedro López, a título de vicario por falecemento do párroco Manuel Alonso Santiso Ulloa e o outro patrimonista, Manuel Fernández, que residen respectivamente nos domicilios de seu pai e de seu irmán. Posteriormente, na seguinte década figuran os seguintes clérigos a título patrimonial: Phelipe González Rosón, concordado en ¿300? reais anualmente nos anos 1773, 1775, 1777, 1779, 1781, 1785, 1787 e 1879. Dise que é veciño desta freguesía e nós consideramos que de A Barrosa porque coincide cos apelidos dun vinculeiro leigo nese lugar. Cítase tamén como clérigo a título patrimonial a Caetano López como vicario na vacante de Cascallá no ano 1779, concordado en 400 reais ao ano. Aparece tamén Juan Rosón, de quen só se di que reside ahora en Córneas.
Figura tamén unha capelanía denominada de San Juan Bautista, fundada por Luis de Ulloa Santiso e desempeñada por Francisco Millares nos anos 1773 a 1777.
De Juan Ulloa Valcárcel sabemos que tamén foi párroco de Penarrubia, mais non temos datos para poder localizalo en datas concretas da segunda metade do século XVIII. Sabemos que foi fillo de Luis Ulloa Santiso e de María Teresa Valcárcel Ponce de León.
Ao párroco Jacobo Ulloa Santiso, sucédeo en 1803 José María Ulloa. Desde este momento non temos constancia de que membros da familia dos Santiso Ulloa seguisen á fronte da freguesía de Penarrubia. Durante case 50 anos, desde 1834 a 1880, foi párroco de Penarrubia José Nadela Tellado. De 1884 a 1886 estivo nesta parroquia como cura coadxutor Antonio Calderón Díaz, da casa de Caldeiro de A Pena. Nas actas sacramentais a súa sinatura figura por primeira vez o 2 de marzo de 1879 e por última o 10 de setembro de 1900 segundo indica Luis López Pombo en https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.3407.php. De 1886 a 1891, en encontramos a Ramiro Armesto Díaz. En 1892 desempeña o cargo como ecónomo en vacante Antonio Calderón Franco Díaz, emparentado tamén coa familia Caldeiro. Desde 1893 a 1909 é Antonio Correa Valcárcel, da casa de Correa de A Pena, quen rexe a freguesía de Penarrubia.
O dereito de presentación de curado en Penarrubia ostentábao a familia Santiso Ulloa da casa de A Pena. Por isto, son varios os párrocos desta freguesía que no século XVIII levan apelidos desta liñaxe. Así, na sesión que se celebra en San Pedro de San Martiño en 1753 para responder ao Interrogatorio do Catastro está presente como párroco Manuel Alonso Santiso Ulloa, mais no ano 1760 este xa falecera pois déixase constancia no Expediente de comprobación de bens que se realiza que quen acode agora é Pedro López vicario actual de esta Feligresia… por muerte del cura Parroco de ella... E aquí debemos aclarar que na linguaxe eclesiástica o vocábulo vicario emprégase para referírmonos á persoa que exerce as funcións doutra en todo ou en parte por delegación e non con carácter propio.
No mesmo Expediente indícase que o párroco Manuel Alonso Santiso Ulloa á súa morte deixou vinte bens, sete deles pasaron como legado ao fidalgo de San Pedro de Riomol Carlos de la Barrera. Estes bens son os seguintes:
- Un hórreo de madeira en Penarrubia.
- Un hórreo de madeira en Cernadas.
- Medio ferrado de sementeira de terceira calidade en Carballo Blanco.
- Dous ferrados de prado de rega de segunda calidade na Lameira de Mundín.
- Dous ferrados de sementeira de segunda calidade na Lameira de Mundín
- Medio ferrado de sementeira de segunda calidade na Lameira de Mundín.
- Tres cuartos de ferrado de sementeira de terceira calidade en Valiñas.
- As trece partidas restantes das que gozaba este párroco fican como bienes beneficiales para el cura que fuese de esta feligresía.
As terras que o párroco lega a este fidalgo de Riomol suman 5,75 ferrados, que equivalen aproximadamente a 3.500 m2 de superficie. Non é moita extensión esta para nós que vivimos 260 anos despois, mais consideramos que eses predios pequenos non resultaban nada desprezábeis a mediados do século XVIII, pois debemos ter en conta que no decurso de dous séculos e medio a superficie de terra cultivada en Galiza experimentou un forte incremento sobre todo nos cen últimos anos. O feito de que unha mesma parcela, a denominada Lameira de Mundín, figure segregada en dúas menores, tamén coincide con esta interpretación. ¿Por que este cura se refire neste legado a dúas terras contiguas e de tan reducidas dimensións? A resposta vén explicada polo réxime de propiedade da terra. O cura ostenta sobre estas leiras o dominio directo, mais o dominio útil pertence a distintos labregos que as veñen traballando en réxime de aforamento ou de arrendamento. Este fenómeno explica moi ben as causas do minifundismo galego. Os rendistas posuían parcelas relativamente grandes, mais como os pequenos labregos non podían pagar as rendas xeradas por tanta extensión víanse na obriga de traballar menores superficies dos posuidores do dominio directo. Á súa vez, estes tamén obtiñan rendas máis elevadas sumando as que percibían de numerosos foratarios. E non só isto, tamén mantiñan as terras mellor traballadas.