A Parroquia

Ligazón territorial

A parroquia serviu de ligazón territorial da veciñanza xa desde o medievo, mais este vínculo intensificouse nomeadamente despois de Trento cando foi obrigatoria a inscrición nos libros parroquiais dos acontecementos civís dos veciños como son os nacementos-bautismos, os matrimonios e as defuncións ou cando o párroco tivo que fixar a residencia no lugar exercendo funcións de control do rabaño, do funcionamento regular da fábrica do templo, da fundación de confrarías, do cumprimento das obrigas de acudir a misa domingos e festivos e de confesarse, da asistencia a enterramentos e funerais… E, sobre todo, o cemiterio parroquial, situado no adro arredor da igrexa, actuou como vencello especial dos veciños porque na terra dese lugar descansan os restos dos devanceiros de xeito que a freguesía de vivos prorrógase na freguesía de mortos. Con todo isto conseguiuse que a vida comunitaria arredor do templo parroquial se intensificase desde a segunda metade do XVI en diante. Á súa vez, o poder civil tamén aproveitou a estrutura parroquial para a recadación de tributos como veremos que acontece nalgúns casos.

No século XVIII o número de clérigos por parroquia non tiña comparanza co que sucede na actualidade. Se hoxe un cura atende seis ou sete parroquias, naqueles tempos cada unha delas adoitaba ser asistida por varios curas. No ano 1787 había en Galiza 3.678 parroquias e o número de clérigos seculares era de 9.138. Destes, só 2.640 tiñan a condición de párrocos, aos que había que sumar 1.126 tenentes ou colaboradores encargados dos anexos e os 5.372 restantes eran patrimonistas e capeláns.

Beneficio de curado

Na freguesía de Penarrubia, como sucedía en máis do sesenta por cento das da diocese de Lugo, a aristocracia, a fidalguía, os mosteiros e os cabidos catedralicios mantiñan o dereito de presentación do beneficio de curado. Este privilexio ostentábano os curas así nomeados que rexían freguesías de alta densidade veciñal por mor das elevadas rendas que obtiñan da recadación dos décimos e doutras prebendas chegando a xerarse grandes diferenzas entre estes párrocos opulentos e outros clérigos seculares abocados a menores ingresos. O bispo ilustrado Francesc Armanyà i Font (1768-1785) pretendeu inutilmente reducir na diocese de Lugo a extensión dalgunhas destas parroquias provistas de clérigos beneficiados de curado para unha distribución máis equitativa dos fregueses e das rendas recadadas. O seu biógrafo Francesc Tort i Mitjans refire os vans esforzos deste celoso prelado para proceder á reforma beneficial con estas palabras: Armanyà non poderá tocar ningunha peza, intentar unión ou redución sen que xurdan multitude de inconvenientes. O egoísmo dos beneficiados a quen o plan vai prexudicar, o número abundante de padroados laicos con mil «voces» ou presenteiros a quen debe informarse e reducir, certas interpretacións prelaticias por unha banda e clericais por outra referentes a vicarios perpetuos e «naturais», distribución de décimos, primicias, etc., únense a complicar e retractar a formación do plan de beneficial de Lugo.

Na freguesía de Penarrubia, o dereito de presentación para a designación do beneficio de curado ostentábao a familia Santiso Ulloa, señores fidalgos residentes na Casa Principal de A Pena, e mantívose en vigor até mediados do século XX.

Os curas podían ser ordenados en virtude de tres títulos distintos: o de beneficio de curado, o de patrimonio e o de capelanía. O título de beneficio era o máis importante e constaba dun oficio que quedaba ligado a uns bens, de tal modo que quen o desempeñaba tiña dereito a administrar eses bens e a percibir os froitos dos mesmos. Podía comprender o episcopado, as dignidades, canonxías e beneficios de igrexas catedrais e colexiais, as parroquias e os beneficios fundados nelas, o mesmo que as coadxutorías e capelanías colativas (as que crea o propio prelado reservando para si mesmo a colación unha vez que cesa quen a desempeñou) ás que vai anexo o dereito a percibir certas rendas, coas que poida o “posuidor vivir modestamente, aínda que coa decencia e compostura propias do seu estado”. A ordenación sacerdotal, ao ser perpetua, vai tamén no caso dos beneficiados ligada á posesión ilimitada dos bens a ela asociados. Nas Constitucións Sinodais da diocese de Lugo, ano 1666, recóllese literalmente que o Santo Concilio de Trento dispón que ningún Clérigo ou leigo sexa promovido a maiores Ordes sen ter Beneficio pacífico de que honestamente poida vivir; e por quitar toda dúbida, declaramos que aquel se diga Beneficio congruo para o devandito efecto que valese corenta ducados, ou sexa Curado, ou simple; e o Patrimonio ten que valer de renda cada ano polo menos catrocentos reais: e ha de ter coidado, en que o Patrimonio non sexa finxido, senón herdado ou doado de quen o poida doar, de sorte que tal doazón caiba na lexítima e mellora do Ordenante, sen prexuízo dos demais fillos e netos; e xurando que os que fan tal doazón que non a fan en fraude nin cautela: e que non volverán cobrar os bens contidos nela nin o usufruto deles malia o tal Ordenante os quixer volver a renunciar e volver, e a tal doazón ten que ser xurada con testemuñas que digan o valor dos bens nela contidos e que non son de vínculo nin suxeitos a ningunha débeda, ou dote, declarando as cargas que teñen os devanditos bens; e que fóra deles, e dos gastos, e reparos necesarios, valerán polo menos os ditos catrocentos reais… Posteriormente, a importancia desta esixencia de dotación económica e do seu carácter vitalicio ponse de manifesto expresamente no artigo 6 do Concordato de 1737 dispoñendo que o costume de erixir beneficios eclesiásticos que duraren por limitado tempo queda abolida do todo, e a Súa Santidade expedirá letras circulares aos bispos, se for necesario, mandándolles que non permitan en diante semellantes ereccións de beneficios ad tempus.

O título de patrimonio era teoricamente supletorio do de beneficio pois só se contemplaba para os casos en que a diocese tiver necesidade de ordenar alguén que non gozase de beneficio e que achegase patrimonio suficiente consistente en bens persoais, rendas ou doazóns de terceiros. 

As ordenacións a título de capelanías que realizaban algúns prelados daban dereito a percibir certos froitos coa obriga de levantar ou cumprir determinadas cargas. Estas podían ser eclesiásticas, se eran creadas polo prelado; laicas ou mercenarias, cando non interviña na súa creación e mantemento unha institución relixiosa senón por obra de legados píos, mandas, memorias de misas…; familiares, cando o bispo a confería a unha familia determinada. Perante a gran variedade e as particularidades destas capelanías sucedía que, con este título, se ordenase un elevado número de eclesiásticos que, ao non teren unha adecuada sustentación, se dedicasen a todo tipo de negocios non relacionados co seu oficio, o que produciu unha relaxación dos mesmos. Para evitar isto, os monarcas mandaron que, para ordenar a título de capelanías, os candidatos tivesen que ter congrua suficiente co fin de que o clérigo vivise con dignidade e, para iso, propúxose a unión de capelanías incongruas. 

A presenza de patrimonistas e capeláns chegou a ser, en consecuencia, habitual nas parroquias rurais, onde, do mesmo xeito que párrocos e fregueses, contribuíron a consolidar as relacións sociais, económicas, culturais e de poder que se xeraron no marco de convivencia local en que se converteu a parroquia. Nomeadamente no caso das capelanías, a ordenación sacerdotal constituía un importante medio para que as familias acomodadas puidesen recolocar os seus fillos non vinculados á continuidade da herdanza territorial. O proceso de constitución das capelanías na diocese de Lugo foi analizado e descrito por Pegerto Saavedra, Hortensio Sobrado e Antonio Presedo en La red parroquial y el clero rural en la Galicia de los siglos XVI-XIX: resultados de una investigación en curso. As fundacións podían ser creadas por unha ou varias familias inicialmente de orixe fidalga e posteriormente, no século XVIII, tamén labrega. Recoñecen os autores citados que a carreira eclesiástica asociada neste caso ao usufruto dunha capelanía permitiría que a familia fundadora, da cal van proceder parte dos seus capeláns, poida gozar do prestixio social que adoita ir parello á tonsura, aínda tendo en conta 1.º que non todos conseguirán promocionarse até curas párrocos, debido en boa medida á dinámica implícita ao sistema de presentación parroquial, que dificulta a promoción daqueles que non dispoñen de apoios suficientes entre quen exercen o devandito dereito, predominando a modalidade laica na diocese de Lugo; 2.º que, por este motivo, algúns dos capeláns de orixe campesiña veranse obrigados a corresidir na súa casa de orixe baixo a xefatura do vinculeiro, que adoita ser o seu pai ou o seu irmán de maior idade… Trátase, en definitiva, de capeláns unidos por lazos de consanguinidade a familias principalmente campesiñas que dispoñen de medios suficientes como para dotar dunha congrua de certa relevancia a ditas capelanías, que tamén poden proceder de casas fidalgas con solar… ou que mesmo están emparentados cos eclesiásticos que acometen a fundación

No ano 1770 a parroquia de Penarrubia estaba rexentada por Jacobo Ulloa Santiso en calidade de párroco por privilexio de curado. Como clérigos patrimoniais figuraban Felipe González Rosón, veciño de A Barrosa; Caietano López, no ano 1779, actuaba como vicario en Cascallá por estar vacante a praza de párroco; e Juan Rosón, residente aora en Corneas. Na mesma relación de eclesiásticos figura a existencia dunha capelanía, baixo a advocación se San Xoán Bautista, fundada por Luis de Ulloa Santiso e desempeñada por Francisco Millares desde 1773 a 1777.

E as celebracións de actos litúrxicos solemnes con procesión constituían, e seguen constituíndo aínda hoxe como elemento de sociabilidade xunto aos enterramentos, un forte elemento de cohesión parroquial. Ás misas de Corpus e do Domingo de Ramos e ás respectivas procesións non faltaba ningún fregués, mais á celebración da festa do patrón da parroquia acudían no só todos os veciños senón tamén os seus familiares vindos doutras parroquias próximas ou de lonxe. Á celebración litúrxica sucedía o xantar extraordinario no que compartían mesa os anfitrións cos seus convidados. E pola tarde, o baile ao son da gaita e da percusión e, en ocasións, non eran alleas violentas disputas entre a xuventude da parroquia pola presenza de competidores casamenteiros foráneos que pretendían algunha moza.

Desde hai moitos anos, na maior parte das freguesías xa non existen as confrarías, mais no Antigo Réxime, despois de Trento, foron creadas en todas elas segundo se comproba nos documentos dos arquivos diocesanos. Con estas asociacións, os clérigos aseguraban a participación dos leigos nos actos litúrxicos e a socialización da veciñanza. A través delas os confrades recibían compensacións relixiosas como indulxencias, sufraxios, protección divina, exequias…

Nos arquivos diocesanos constatamos que a mediados do século XVIII na freguesía de Penarrubia non existía ningunha irmandade mais si varias confrarías: A da Virxe do Carme, cuxo libro de confrades comprende desde 1767 a 1933; a de Santo Antonio, con datos desde 1793 a 1920; a da Virxe do Rosario, desde 1805 a 1902, e a do Santísimo Sacramento, da que non se indica nin o número de membros nin a súa actividade nin o seu estado de contas. Mais, como sabemos, o Concilio de Trento propiciara un particular culto á Eucaristía, momento a partir do cal este tipo de confrarías se vai difundindo no catolicismo ao longo do século XVI e seguintes. Entre os fins principais dos confrades do Santísimo figuraban acompañar o Viático aos moribundos con candeas acesas; preparar para a comuñón os confrades doentes coa salmodia de oracións e participar e dar esplendor á festa do Corpus Christi. O significado central desta festa consistía na exaltación da Eucaristía. E para isto preparábase toda unha ostentosa escenografía arredor do paso da maxestosa custodia co seu viril de bordo dourado encerrando a hostia divina na que se concentran as miradas dos fregueses. 

Con paso solemne, o ancián párroco, don Manuel Alonso Santiso Ulloa, revestido de capa pluvial e baixo palio, co pano humeral sostén nas súas indignas mans o corpo de Cristo transformado misteriosamente en pan. E o clímax da cerimonia remata coa beizón de todos os asistentes anicados de xeonllos e coa cabeza inclinada humildemente cara a terra. Mais, a celebración desta festa tamén servía para reflectir e consolidar a orde social. Arredor da maxestosa custodia aliñábanse en perfecto ordenamento os ríxidos estamentos expresando a clara xerarquización existente entre as clases sociais. Imaxinámonos a procesión de Corpus celebrada arredor da igrexa de Penarrubia o xoves 21 de xuño dese mesmo 1753 a don Pedro Santiso Ulloa, señor da casa de A Pena, a don Manuel Santiso Montenegro, señor da Casa de Montenegro, a don Bernardo Caldeiro, señor da casa do mesmo nome aínda que xa no comezo do proceso de metamorfose castelanizadora, a don Manuel Correa, señor da casa deste apelido, a don Ángel López, señor da casa de Lopo de Penarrubia e a don Manuel Ossorio, señor de Castrolánzán, flanqueando o Sacramento mentres sosteñen cadansúa vara do palio. Detrás, os dous clérigos patrimoniais e o capelán revestidos con túnicas e bordadas dalmáticas en funcións de diáconos e subdiáconos acompañados dun dinámico acólito turiferario enfundado en alba con cíngulo. Deseguido os oito restantes fidalgos da parroquia (don Manuel Sánchez, de A Pena; don Domingo Gómez, da Fontenova; don Pedro Pin, tamén da Fontenova; don Manuel Fernández, don Antonio Gómez, os dous de Castrolanzán; don Manuel González Rosón, de A Barrosa; e don Domingo López, de Papín). Detrás deles, os fervorosos labregos da confraría do Santísimo Sacramento e finalmente, as mulleres, os nenos e os numerosos criados e criadas que servían nalgunhas das casas. Rematada a cerimonia relixiosa, xa no camiño fronte ás cancelas que se abren no adro ao pé do teixo, por grupos, coméntanse os feitos máis relevantes acontecidos. O señor de A Pena transmítelles a súa preocupación a algúns fidalgos pola próxima implantación da nova Contribución Única que o Secretario de Estado, don Zenón de Somodevilla y Bengoechea, Marqués de la Ensenada, quere impor en toda a Coroa de Castela. Explica que este novo sistema fiscal vai afectar non só os peiteiros, como sucede na actualidade, senón tamén os fidalgos, os foreiros e os arrendadores. Don Manuel Santiso Montenegro, que oe as palabras do seu veciño con interese, non intervén; ao contrario, sen levantar a mirada, dá media volta e vaise na procura doutras persoas coas que manter conversa. O señor da casa de Montenegro ten pendente na Real Chancelaría de Valladolid un longo e custoso preito co seu veciño e parente sobre as augas que regan o prado de Seisfontes e que tamén son aproveitadas para mover a roda do seu muíño fariñeiro. Entre os grupos dos labregos, os parrafeos son máis vivos, mais o asunto que concentra todas as preocupacións é a forte treboada con descarga eléctrica que, procedente do sur por enriba de Matela e a Pena das Aigas, asolara a tarde anterior as searas de centeo sementadas no Barreirón. Mais, o curiña patrimonial don Pedro López, que estudara Teoloxía e lía con afección cada unha das Cartas eruditas y curiosas que neses momentos escribía e publicaba o Padre Feixoo desde Oviedo, interveu con alborozo no parrafeo para anunciarlles a eses labregos a nova de que alá na América do norte un tal Benxamín Franklin atara unha chave metálica a un papaventos e que, ao facelo voar un día de treboada, confirmou que a peza de metal se cargaba dunha enerxía semellante á dos lóstregos demostrando así que as nubes conteñen electricidade e que os raios son descargas desa mesma enerxía. Engadiu o tonsurado que chegará un día en que a Ciencia será quen de aproveitar ou de crear esa enerxía para servizo dos humanos. Con acenos de incredulidade uns, e os máis de desinterese, os labregos saudaron o clérigo con cortesía e, atónitos, encamiñáronse a cadansúa morada na procura do pote de verzas.

Relacionados...

Administración

Estamos, xa que logo, na sala da Audiencia situada na freguesía de San Pedro de San Martiño da Xurisdición de Neira de

Administrados

En 1528 realizouse por orde do emperador Carlos I o Censo de pecheros no que figura a seguinte referencia a Neira de

Señorío de Neira de Rei

A freguesía de Santa María de Penarrubia a mediados do século XVIII pertencía á xurisdición de Neira de Rei, ao arciprestado de

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario